A Lingua Galega: Comunicación, Orixe Latina e Esplendor Trobadoresco Medieval

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 33,44 KB

Lingua e Comunicación

Sociedade e Comunicación Humana

  • A comunicación é o fundamento da vida social. Consiste no contacto que uns individuos establecen con outros para transmitir algún tipo de información.
  • A linguaxe é un instrumento imprescindible para transmitir información, representa un elemento da identidade grupal e constitúe un factor de cohesión da sociedade. A linguaxe é o vehículo de transmisión do pensamento (dimensión psicolóxica).

Sistemas de Comunicación

Os sistemas substitutivos representan a través de distintos medios a linguaxe verbal. Están:

  • A escrita (representación visual do oral).
  • O sistema Braille (lectura táctil).
  • O código Morse.

Os humanos empregamos outros sistemas de comunicación non lingüísticos, como o sistema dos signos integrados no código de circulación ou os sistemas de acenos (arbitraxe deportiva, linguaxe de persoas xordas...). Outras formas de comunicación non constitúen sistemas, e distinguimos:

  • Visuais (acenos).
  • Táctiles (caricias).
  • Sonoras non lingüísticas (timbres, sirenas).
  • Olfactivas (olores).

Elementos que Interveñen no Acto de Comunicación

  • Emisor: Quen transmite a información, creando e dirixindo unha mensaxe a receptores.
  • Receptor: Persoa que recibe e interpreta a información da mensaxe.
  • Mensaxe: Información que se transmite. Presenta:
    • Significante: Son que se produce e chega ao cerebro do receptor (parte material).
    • Significado: Son as ideas, sentimentos... que se transmiten (parte conceptual).
  • Código: Conxunto de regras gramaticais para combinar eses signos que se empregan para construír e interpretar a mensaxe. Na lingua, eses signos son fonemas, palabras...
  • Canle: Vía a través da cal se transmite a mensaxe.
  • Referente: Realidade á que se refire a mensaxe.

O acto de comunicación prodúcese nunhas circunstancias concretas:

  • Situación: Circunstancias na que se produce a comunicación. O lugar, momento, ambiente social e cultural que rodea os participantes nese acto.
  • Contexto: Elementos lingüísticos que anteceden e proseguen á mensaxe e aclaran o seu sentido.

Funcións da Linguaxe

A función xeral da linguaxe é a comunicación, mais existen funcións particulares:

  • Función referencial: A comunicación céntrase no referente (información) da mensaxe. A través da linguaxe transmítense ideas. Ex. Ramón Cabanillas naceu en Cambados.
  • Función expresiva: Ten maior importancia o emisor. Os sentimentos, estados emocionais e matices afectivos do falante dominan a comunicación. Esta función aparece en exclamacións. Ex. Ai!, Que cansa estou!
  • Función apelativa: A comunicación ten como obxectivo chamar a atención no receptor a través da mensaxe. Ex. A maioría das mensaxes publicitarias.
  • Función poética: Destaca a mensaxe sobre os demais elementos da comunicación. Ex. A literatura (poesía) e a linguaxe publicitaria. Cheguei a ti / con media adolescencia de retraso, en galego vivo Vigo.
  • Función fática: Finalidade de verificar que a canle funciona e nada impide a comunicación. Ex. Información que nos transmiten por teléfono. Enunciados como: Oes?, Entendiches? ou Atende, bo.
  • Función metalingüística: A información da mensaxe é o propio código. Danse nos textos relacionados cos estudos lingüísticos. Ex. Harmonía escríbese con h.

Un mesmo acto pode conter intención expresiva, poética e representativa ao mesmo tempo. Ex. Non sabes canta frustración tiven que beber por non te ver durante todo este tempo.

Signo Lingüístico: Significante e Significado

  • Lingüística: Ciencia que estuda o código específico da linguaxe humana. Este código está formado por signos lingüísticos (unidade básica da lingua).
  • Signo lingüístico: É a asociación arbitraria dun significante cun significado.
  • Significante: Constituído por unha sucesión de fonemas. Ex. /l/i/b/r/o.
  • Significado: Concepto que comprendemos ao percibir o significante (significado do dicionario).
  • Monemas: Unidades lingüísticas máis pequenas dotadas de significante e significado.

Dobre Articulación da Linguaxe

O signo lingüístico está articulado (composto por unidades que se combinan entre si) en:

  • 1ª articulación: Os signos pódense descompoñer en monemas.
  • 2ª articulación: A expresión dun signo mínimo (significante) pódese dividir en fonemas.

A dobre articulación da linguaxe permite crear ilimitados significados combinando un número limitado de significantes.

A Comunicación Escrita

Características que singularizan a comunicación escrita fronte á oral:

  • Emisor e receptor non están presentes. Trátase dunha comunicación mediada.
  • É perdurable, permanece no tempo.
  • Planifícase. A persoa emisora elabora reflexivamente a mensaxe.
  • Teñen pouca relevancia o contexto extralingüístico e os códigos non verbais. Estes quedan reducidos á presentación do texto (soporte, tipo de letra...).

O Galego como Lingua Románica: Do Latín ao Galego

O galego procede do latín, lingua de Roma, traída ao noroeste peninsular no s. II a.C. polas lexións que viñeron conquistar o territorio co propósito de integralo no imperio. O galego é unha lingua románica (deriva do latín).

Cando os romanos comezaron a conquista da "Gallaecia" existían moitos pobos con idiomas propios. Son linguas de substrato/prerromanas que sufriron unha romanización (proceso de conquista, substitución lingüística e asimilación cultural). Durante séculos, o latín e os idiomas prerromanos coexistiron nunha situación de desequilibrio.

No s. VI, o latín era o único idioma falado na Gallaecia. A caída do Imperio romano foi anterior á desaparición das linguas prerromanas. O proceso de asimilación produciuse en toda a Península, coa excepción do éuscaro. Durante sete séculos, o latín experimentou mudanzas e deu lugar a un idioma novo.

Factores da Evolución do Latín ao Galego

  • Evolución interna do latín: Distanciamento entre o latín culto (usado por elites sociais e con escrita) e o latín vulgar (usado oralmente pola poboación, analfabeta). A maior parte do vocabulario patrimonial do galego procede do latín vulgar: cabalo, casa...
  • Influencia dos idiomas de substrato e de superestrato sobre o latín:
    • Idiomas do substrato: Influíron na pronuncia, vocabulario e características morfosintácticas.
    • Idiomas xermánicos (suevo e visigodo) e árabe (superestrato): Deron léxico ao latín popular falado na Gallaecia.

Cando a poboación autóctona se romanizaba, seguía empregando palabras da lingua prerromana ou a pronuncia do latín con referencia ao seu idioma previo. Por iso no latín da Gallaecia déronse moitas palabras prerromanas como barro, lama, carballo, sapo...

A ruptura política do imperio romano, no s. IV, favorecerá o nacemento das linguas romances. Ao non existir un modelo de lingua, o latín foise disgregando, influído polas linguas de superestrato e adquirindo diferentes características nos territorios. O suevo e o visigodo introduciron no latín da Gallaecia vocabulario común, topónimos e antropónimos. O árabe, no s. VIII, deu léxico común. Por estas influencias e mudanzas, non se podían considerar o mesmo idioma. O "galego-portugués" estaba xa desprendido do latín. O nacemento da nova lingua sitúase entre os s. VIII e IX.

O Substrato

As linguas que forman o substrato do galego son as linguas prerromanas. Estas non tiñan cultivo escrito, por iso atopar a súa pegada no galego é complexo. A pervivencia do éuscaro e dalgúns idiomas célticos permite facer comparacións e deducións. Podemos distinguir:

Substrato Preindoeuropeo

Linguas que remontan ao final do Paleolítico (s. a.n.e.). As palabras procedentes son "reliquias": amorodo, barro, cama, carballo, esquerda...

Substrato Indoeuropeo ou Celta

Linguas dos pobos saefes (adoradores da serpe), que se instalaron no noso territorio no s. VIII a.n.e. e que identificamos cos celtas.

Determinados celtismos foron incorporados a través da romanización, pois celtas e romanos tiveron contacto durante séculos en zonas de Europa: camiño, camisa, cántiga ou cervexa.

A maior parte da influencia celta produciuse no vocabulario común (burato, lama, lousa, morno, rodaballo...); na toponimia e antroponimia: nomes de río (Tambre, Ulla...); nomes de lugar (Coruña, Coroso... e todos os rematados en -briga > -obre/-obe/-ove/-abre/-ebre/-ubre: O Grove, Lestrove...).

Influencia Fonética Celta

A influencia celta máis decisiva produciuse na evolución fonética. Os hábitos articulatorios das linguas prerromanas influíron no latín da Gallaecia. As evolucións máis relevantes:

  • PI-, CL-, FL- en CH: CLAVE > chave; PLANU > chan; FLAMMA > chama.
  • CT en IT: NOCTE > noite, LACTE > leite.
  • Perda de -N- e -L- intervocálicos: LUNA > lúa; SOLU > .
  • -P- > -b-, -T- > -d-, -K- > -g-: APICULA > abella; VOTA > voda; FOCUM > fogo.

Os Romanos en Galiza

O latín é un idioma indoeuropeo con orixe no centro de Italia. Documentado por primeira vez no s. VI a.C., a partir do s. III a.n.e. comezou a implantarse en máis territorios.

A conquista militar da Gallaecia durou un século e medio. Os primeiros contactos dos romanos co noroeste ibérico datan do 139 a.C., comezando desde a Lusitania polo xeneral Décimo Xunio Bruto, que cruzou coas tropas o río Limia (situado entre o río Douro e o Miño).

Entre 61-60 a.C., Caio Xulio César realizou unha segunda campaña, por vía marítima, que afectou sobre todo á zona cantábrica. Entre 29-19 a.C., Octavio Augusto César acabou de someter o resto do territorio.

Aínda que a Gallaecia é unha realidade sociopolítica creada polos romanos, con estatuto de "provincia" desde o 289, estes percibiron unha certa unidade dentro da diversidade de pobos que habitaban o territorio. As fronteiras non son demasiado artificiais.

Principais Factores da Romanización

Desde o inicio da conquista militar, os romanos trouxeron consigo e implantaron o seu idioma. A expansión do latín será imparable e culminará polo s. VI, grazas a diversos factores:

  1. Estrutura administrativa: Establecemento dunha estrutura administrativa moi eficiente, división do territorio galaico en: asturicense, lucense e bracarense, con capitais en Astorga, Lugo e Braga. Todos os actos formais, orais e escritos, debían realizarse en latín.
  2. Asentamento de colonos: O asentamento de colonos romanos no territorio favorecía a existencia de matrimonios mixtos. A lingua dominante e transmitida á descendencia foi a do conquistador.
  3. O exército: A convivencia dentro do exército romano de moitos escravos de orixes xeográficas e étnicas diversas. O latín convertíase na lingua para se entender.
  4. Vías de comunicación: A construción e perfeccionamento do sistema de vías de comunicación e portos marítimos, facilitaban viaxes e intercambios comerciais, sempre co latín como idioma.
  5. Explotacións mineiras: Nas explotacións mineiras, onde foron obrigados a traballar escravos de orixes xeográficas e étnicas diversas, adoptaron o latín como idioma de comprensión.
  6. Monopolio cultural: O monopolio do cultivo escrito por parte do latín no ámbito cultural, académico e formativo. A Gallaecia coñecerá unha gran eclosión cultural nos s. IV e V, escribíndose as obras en latín.
  7. Cristianización: A paulatina cristianización, no s. IV. En todos os seus textos empregaban o latín. A nova relixión, orixinaria de Oriente Próximo, difundiuse grazas a importantes figuras como o bispo Prisciliano, executado en Tréveris no 385 e soterrado onde deu orixe a Santiago de Compostela.

O Superestrato

Coa fin do imperio romano (s. V), provocada polas invasións xermánicas (bárbaros que non falaban latín), daríanse as bases da sociedade medieval galega. A Gallaecia, cristianizada polo priscilianismo, constituíuse cunha forte identidade. Comezou a manifestarse no plano cultural nas obras en latín.

Influencia Xermánica (Suevos e Visigodos)

No s. V unha pequena xerarquía militar sueva instaurou na antiga Gallaecia e parte da Lusitania o primeiro reino da Europa medieval, con capital en Braga. O reino sobrevive 150 anos, e no 585 é conquistado e anexionado ao reino visigodo, con capital en Toledo.

As linguas deses dous pobos xermánicos (suevos e visigodos) forman parte do superestrato do galego. A influencia exercida sobre o latín foi máis superficial que a dos idiomas prerromanos e afectou ao léxico común e á onomástica (nomes, apelidos e topónimos).

Influencia Árabe

No 711 entran os árabes na Península e dominan case todo o territorio do reino visigodo, agás Galiza e a franxa montañosa do norte. Os propios árabes denominaban toda a área que non estaba baixo o seu poder, en oposición a Al-Ándalus.

A presenza árabe deu un mapa político e cultural na Península que conduciu á constitución dos diferentes romances hispánicos. As falas do norte dan lugar a 5 linguas romances: galego-portugués, astur-leonés, castelán, aragonés e catalán.

O galego-portugués, o castelán e o catalán protagonizan durante a Idade Media un proceso de expansión cara ao sur. Reducen o dominio territorial árabe e o dominio lingüístico do mozárabe.

O vocabulario de orixe árabe é moi amplo e afecta a moi diversos campos léxicos. Debido ao pouco tempo de presenza dese pobo en territorio galego, boa parte das palabras chegaron a nós a través do castelán. Foron introducidos algúns topónimos e léxico común. Ex: laranxa, maquía...

Nacemento das Linguas Romances

O latín foi implantado na Gallaecia no s. II a.C. e comezou a experimentar desde moi cedo as influencias fonéticas, morfolóxicas e léxicas dos idiomas prerromanos. A súa unidade permaneceu practicamente inalterada. A partir do s. IV, ao producirse a fragmentación política e territorial do espazo peninsular e convivir coas linguas de superestrato, deron lugar ás diversas linguas románicas (galego).

A pesar de non ter ningún documento escrito no noso idioma ata o s. XII, sabemos que existía como entidade diferenciada do latín a partir do s. VIII. Nesta época só se escribía en latín, pero nos textos hai interferencias directas do galego (rego, vila) e incorrectas latinizacións de palabras romances.

Palabras Populares, Cultismos e Semicultismos

Palabras Populares

Son as que, procedendo do substrato e do latín, pasaron a formar parte do léxico do galego e experimentaron transformacións fonéticas completas. Exemplos:

  • Perda do -N- intervocálico: LUNA > lúa, CENA > cea...
  • Palatalización de FI-, PL- e CL-: FLAMMA > chama, PLENU > cheo, CLAVE > chave...
  • Perda do -L- intervocálico: MOLA > moa...
  • Vocalización do grupo CT en IT: NOCTE > noite...

Semicultismos

As palabras semicultas forman parte do galego a partir do s. VIII. Os semicultismos experimentaron unha evolución menos intensa e distinta á das palabras populares. Ex. chaga (popular) - praia (semicultismo).

Cultismos

As palabras cultas introducíronse no idioma tarde (s. XVIII), por vía erudita, para crear novos vocábulos. Non experimentaron os cambios fonéticos das outras palabras e mantiveron intacta ou con lixeiras adaptacións ortográficas a forma latina orixinal. Ex. Formas cultas: lunático, plenario, nocturno...

É frecuente que en galego conservemos dunha mesma orixe latina dúas formas (popular e culta) e incluso tres: popular, semiculta e culta. Nestes casos:

  • A popular é aquela que ten menor corpo fónico e se diferencia máis do étimo latino.
  • A culta é máis longa e aseméllase máis á súa orixe.
LATÍNPOPULARSEMICULTACULTA
ARTICULUartelloartigoartículo
PLENAcheopreamarplena
CLAVICULAchavellacaravillaclavícula
PLANUchande pranplano
SECRETUsegredo...secreto
LIMPIDUlimpo...límpido
CAPITULUcabido...capítulo
ALIENAREallear...alienar
CATHEDRAcadeira...cátedra
FABULAREfalar...fabular
CLAMAREchamar...clamar
LITIGARElidar...litigar
CALIDUcaldo...cálido

A Lingua Galega na Idade Media

Transformación en Lingua Escrita

Da existencia do galego-portugués como idioma desde o s. VIII temos proba pola aparición de expresións e palabras romances ou falsamente latinizadas en textos escritos en latín.

Antes de ser unha lingua escrita, o galego ou galego-portugués levaba xa centos de anos sendo unha lingua oral, usada por individuos en todos os ámbitos da sociedade, coa única excepción do relixioso e cultural, que continuaba a usar o latín clásico.

A separación política do condado de Portucale no s. XII non trouxo consigo un afastamento entre as falas galegas do río Miño. A lingua continuou sendo a mesma, pero as falas transmiñotas en proceso de expansión cara ao sur (en 1250 conquistan o Algarve), comezaron a ser o "portugués".

As mostras máis antigas de textos escritos en galego-portugués datan dos s. XII-XIII, aínda que é case seguro que debeu de existir produción escrita anterior, como as Mostras do Torto. Desde entón ata o s. XVI, o uso do galego-portugués na escrita foise xeneralizando en:

  • Documentos de carácter privado: testamentos...
  • Documentos públicos institucionais: actas...
  • Documentos xudiciais: denuncias...
  • Documentos eclesiásticos: das igrexas. O uso do galego alternaba co do latín.
  • Documentos científico-didácticos.
  • Documentos historiográficos.
  • Documentos literarios: cantigas profanas (amigo, amor, escarnio e maldicir) e as Cantigas de Santa María.

Monolingüismo Social Oral e a Consideración da Lingua

Desde o seu nacemento e ata a segunda metade do s. XIV, o galego foi a lingua de todos os estratos na sociedade galega. Todos os habitantes utilizaban o galego para comunicárense oralmente (monolingüismo social oral). No s. XII, quen sabía escribir tamén comezou a facelo no noso idioma, ademais de en latín. A presenza do castelán na Galiza nesta época é inexistente.

O poder económico e o prestixio cultural e relixioso do Reino de Galiza durante a Era Compostelá provocan que o seu idioma reciba o máis considerado dos tratos alén fronteiras. Boa parte da Península troba nestes séculos en galego-portugués, agás nas zonas dominadas polos musulmáns (árabe clásico ou mozárabe) e nos condados de Cataluña, que o fan en provenzal.

Trazos da Lingua Galego-Portuguesa Medieval

Os textos escritos en galego-portugués na época medieval, especialmente de carácter lírico, mostran unha unidade lingüística e ortográfica característica. Nos textos apenas se aprecian diferenzas dialectais. Non é posible deseñar un mapa das variedades xeográficas do dominio lingüístico galego na Idade Media.

Proceso de Minorización do Galego

A mediados do s. XIII, Fernando III foi o primeiro rei que utilizou o castelán na documentación dirixida desde a corte a Galiza: cartas, sentenzas... O rei Afonso X consolidou a lingua de Castela como lingua oficial. O emprego da lingua propia, oral e escrita, seguía sendo a norma.

A situación cambia a mediados do s. XIV, como consecuencia da guerra de sucesión entre Pedro I e Henrique de Trastámara. Prodúcese unha primeira entrada na Galiza dunha aristocracia castelá que trae o seu idioma e o impón, oral e escrito. A Igrexa tamén experimenta a substitución, co abandono do idioma galego na documentación eclesiástica, substituído polo castelán. A nobreza galega comezou a relegar o galego a usos familiares, utilizando o castelán para os demais.

Este proceso experimenta un reforzamento moi intenso na segunda metade do s. XV, co resultado da guerra dinástica castelá entre Isabel e Xoana, que traerá unha substitución nobiliaria. Boa parte dos nobres galegos, que apoiaban a Xoana, perden terras, títulos e mesmo a vida. Os seus feudos son entregados a nobres casteláns, que se instalan na terra e reforzan o proceso impositivo do castelán entre as clases altas e nos usos máis relevantes e prestixiosos socialmente.

Aínda que continúa sendo falado pola maioría da poboación, o galego enmudece como idioma escrito (s. XVI) e é expulsado dos ámbitos e usos máis elevados. Danse numerosos prexuízos e menosprezos que dan lugar aos "Séculos Escuros".

A Consolidación de Dúas Variedades Lingüísticas

A constitución e consolidación dun reino portugués no s. XII e a perda de peso político do Reino de Galiza no espazo da Coroa de Castela, a partir de mediados do s. XIV, contribuíron á separación da lingua medieval galaico-portuguesa en galego e portugués.

Da situación inicial de unidade lingüística pasamos a que esas diferenzas se van agrandando e consolidando. Mentres unha ficou politicamente sometida á hexemonía política e idiomática castelá, a outra constitúese en estado moderno independente e creou un extenso imperio.

Logo da separación política de Galiza e Portugal (primeira metade do s. XII), a expansión do novo reino cara ao sur e o contacto do seu romance coa lingua árabe e mozárabe fixo que o portugués perdese parte do seu carácter galaico. Coimbra e Lisboa (capital do reino luso desde 1255), onde se acaba fixando a norma estándar do idioma (língua padrão).

Os diferentes monarcas e institucións deron ao portugués o status de lingua oficial. Galiza careceu dun centro cultural e político que afrontase ese rol normativizador da lingua. Coa implantación do castelán no s. XIV, o galego foi marxinado e excluído de numerosos ámbitos.

Algúns Trazos Diferenciais na Evolución de Galego e Portugués

Galego

  • Perda de vogais nasais.
  • Desaparición das consoantes fricativas sonoras.
  • Unificación de fonemas /b/ e /v/.
  • Distinción do pronome do te/che.
  • Ditongo oi.
  • Léxico: folerpa, xamón, caravel...

Portugués

  • Conservación de vogais nasais.
  • Sistema de consoantes fricativas xordas e sonoras.
  • Distinción de fonemas /b/ e /v/.
  • Pronome te con valor de CDIR e CIND.
  • Ditongo ui.
  • Léxico: floco, presunto, cravo...

Literatura Galego-Portuguesa Medieval

Orixes da Poesía Romance

Ata o s. XII o latín foi o idioma literario en todo o Occidente, xa que era a lingua da Igrexa e constituía, xunto co grego, o medio de expresión da cultura clásica.

As linguas romances non tiñan cultivo escrito. Desde o s. VIII, as cantas e narracións orais son os cantares de xesta. Neles narrábanse as fazañas de heroes lendarios. A maior parte deses cantares circularon de boca en boca, e foron postos por escrito entre os s. XII-XIII. Destacan a Chanson de Roland e o Cantar de Mio Cid (en castelán, 1140, único poema peninsular que se conservou).

A mediados do s. XII, os gustos literarios cambiaron. Coincidindo cun período de forte crecemento económico e demográfico, nas cortes nobiliarias provenzais xorde a poesía trobadoresca (lírica, en lingua romance) de temática amorosa, que segue as regras do "amor cortés".

Cultura Trobadoresca en Europa

Ten orixe na Provenza (sur de Francia), nun grupo de señoríos que compartían a lingua provenzal. Inicialmente sitúase na corte de Poitiers e remonta aos tempos do duque Guillerme IX (1071-1126), primeiro trobador e poeta nunha lingua romance que conservamos escrita. El e máis tarde a súa neta protexen as artes e amparan unha extensa corte literaria. Entre 1100-1300, época dourada da cultura trobadoresca, escriben en provenzal 350 trobadores.

A fins do s. XII e s. XIII na maior parte dos reinos de Occidente atopamos escolas que compoñen á moda provenzal, adaptando os seus temas, formas e códigos típicos. Nuns casos a lingua poética é o provenzal (caso dos trobadores cataláns e piemonteses), noutros os idiomas propios (os trouvères franceses, sicilianos, alemáns).

Vías de Penetración da Cultura Trobadoresca

  • Camiño de Santiago: Ruta comercial e espiritual que unía Compostela con Europa. Tivo un papel importante na difusión da arte románica no norte da Península e foi espazo de convivencia e intercambio de saberes entre xograres, segreis e trobadores.
  • Os monxes de Cluny: No s. XII establecen grandes conventos na Península e desempeñan unha función educativa á que acudían os fillos da nobreza.
  • Os contactos nobiliarios: Os nobres provenzais participaron a miúdo nas campañas militares na Península contra os árabes e estableceron alianzas políticas e matrimoniais coa alta nobreza peninsular.

Ámbito Xeográfico da Poesía Medieval Galego-Portuguesa

A lírica medieval tiña como lingua o galego ou galego-portugués, e é un movemento do que participan as cortes reais e señoriais da Península. As excepcións son o catalán, que troba en provenzal, e Al-Ándalus, en árabe e mozárabe. Este fenómeno obedece a múltiples causas:

  • Gran proximidade lingüística entre os romances occidentais da Península (castelán, galego-portugués, asturleonés) que facilitaba o uso literario en calquera dos reinos.
  • O papel preponderante da nobreza galega nos reinos occidentais da Península. Ese poderío económico-político trae o prestixio cultural e lingüístico e fai que trobadores, segreis e xograres de diversas procedencias poeticen en galego-portugués.

Foron tres cidades os focos principais do movemento literario que usa o galego-portugués: A Compostela das peregrinacións xacobeas, a Toledo de Afonso X (capital de Castela) e a Lisboa do rei Don Dinís de Portugal e do seu fillo D. Pedro.

Etapas na Evolución da Poesía Medieval Galego-Portuguesa

O ciclo trobadoresco galego-portugués desenvólvese desde finais do s. XIII á segunda metade do s. XIV.

O texto trobadoresco máis antigo é de 1200, o sirventés político "Ora faz ost'o senhor de Navarra", do nobre portugués Johán Soares. A cançó trobadoresca provenzal chegou á Península a mediados do s. XII. Podemos supoñer un período pre-trobadoresco no s. XII coas cantigas de amigo e os cantares de xesta. O ciclo trobadoresco pode dividirse en:

  • Etapa pre-afonsina (1196-1245): O lirismo galego-portugués dá unha rápida difusión no occidente peninsular, co apoio da corte real e de nobres. Poetas máis antigos: Meendinho, Martín Códax...
  • Etapa afonsina (1245-84): Abrangue os reinados de Afonso III e Afonso X. O principal centro difusor do lirismo galego sitúase na corte literaria do rei Sabio, Toledo. Este favorece o castelán na administración e promove a creación da prosa. O galego segue mantendo a súa puxanza como lingua poética e o rei contribúe a ela, ao dirixir a compilación e confección das Cantigas de Santa María.
  • Etapa dionisíaca (1284-1325): Tras a morte de Afonso X, o centro difusor do lirismo galego-portugués desprázase desde Castela a Portugal. Don Dinís (1279-1325) herda deste o gusto polas letras e rodéase en Lisboa dunha corte literaria.
  • Etapa pos-dionisíaca (1325-1354): Mediado o s. XIV, os gustos literarios mudan a favor dos libros de liñaxes e da prosa histórica e de ficción. D. Pedro, fillo bastardo de D. Dinís, promove a recompilación do Livro das Cantigas.
  • Etapa de decadencia (1354-1445): Portugal e Castela consolidan no s. XV as súas respectivas literaturas estatais, mentres Galiza entra nunha fonda decadencia. A obra dos últimos trobadores recóllese no Cancioneiro de Baena (1445).

O Espectáculo Trobadoresco

O trobar era unha das poucas diversións. Pouco a pouco, converteuse nun sinal de refinamento. A cantiga foi concibida para o canto, individual ou coral, con acompañamento instrumental. A temática e os ritmos parecen suxerir que eran empregadas para o baile. Os protagonistas foron:

  • Trobador: Ocupaba o lugar máis alto na xerarquía social e artística (s. XII), eran nobres que troban por pracer sen recompensa. Era poeta e compositor ao mesmo tempo, o que implicaba uns coñecementos artísticos e literarios e unha mínima formación musical. Os cancioneiros sinalan algúns membros da máis alta nobreza.
  • Xograr: Representante medieval dunha longa tradición de artistas ambulantes (bufóns, saltimbanquis...). Eran os intérpretes das cantigas trobadorescas, cantándoas e tocándoas, mais logo atrevéronse a ser compositores. Isto provocou censuras e burlas dos trobadores. Os cancioneiros preservaron a obra de ata 36 xograres.
  • Segrel: Cantautor que leva o seu espectáculo de corte en corte cobrando pola interpretación; comparte co trobador unha ascendencia social na baixa nobreza.

Tamén participaban as xograresas, cantadeiras, danzadeiras e soldadeiras, estas últimas non compuñan as cantigas, mais interpretábanas.

A Tradición Manuscrita

Manuscritos Coetáneos

Copias da mesma época (fins do s. XIII-XIV), no desenvolvemento da escola galego-portuguesa:

  • O Cancioneiro da Ajuda (A ou CA): Consérvase no Palacio da Ajuda, en Lisboa. É un pergamiño manuscrito descuberto no s. XIX. Contén 310 composicións de 38 poetas. Son todas elas cantigas de amor.
  • O Pergamiño Vindel (N ou PV): Descuberto en 1914 polo libreiro madrileño Pedro Vindel como forro doutro libro. Trátase dunha folla voandeira que os xograres utilizaban para transcribir o repertorio. Contén 88 folios con 7 cantigas de amigo do xograr Martín Códax, e foi durante moitos anos a única mostra da música profana dos trobadores.
  • O Pergamiño Sharrer (T ou PS): Descuberto en Lisboa. Contén 7 cantigas de amor do rei Don Dinís, acompañadas da notación musical. Redactado no s. XIII.

Apógrafos Renacentistas

Copiados por italianos nos s. XVI e XVII a partir dun códice medieval perdido, o Livro das Cantigas:

  • Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa (B ou CBN): Consérvase desde 1924. Coñecido tamén como Colocci-Brancuti en honor ao seu copista e ao nobre italiano: conde Paolo Brancuti de Cagli. Confeccionado en Italia no primeiro terzo do s. XVI. É a recompilación máis ampla, con 355 follas e 1647 cantigas de todos os xéneros de 150 autores. O CBN é copia indirecta do Livro das Cantigas de D. Pedro.
  • O Cancioneiro da Biblioteca Vaticana (V ou CV): Copiado por Colocci no s. XVI, descubriuse no s. XIX, e consérvase en Roma. Contén 210 folios con 1200 cantigas, copiadas tamén en B. B e V son dous cancioneiros irmáns, copiados a partir dun mesmo orixinal.

Os restos recuperados da tradición manuscrita da nosa lírica trobadoresca complétanse con:

  • Dúas copias feitas no s. XVII: tenzón entre Afonso Sánchez e Martínz de Resende.
  • As tres follas de papel, copiadas no s. XVI e conservadas na Biblioteca Vaticana, que conteñen os cinco lais de Bretanha (L) tamén recollidos en CBN e CV.

Entradas relacionadas: