Liberalismo político, económico e despotismo ilustrado

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 5,32 KB

Liberalismo Político

O liberalismo político é unha corrente de pensamento filosófico e unha ideoloxía que ten a liberdade e a igualdade fronte á lei como os principais valores políticos e baséase nunha fe optimista na natureza e na razón. Ten a súa orixe na Ilustración europea e enfatiza os dereitos individuais, preconiza unha sociedade baseada na liberdade de pensamento, na limitación do poder, no goberno da lei, no libre mercado que soporte a empresa privada e nun sistema transparente de goberno no cal se protexan os dereitos de todos os cidadáns.

O filósofo John Locke (1632-1704) exerceu unha influencia fundamental nos ilustrados, criticando o marco agrario e a sociedade estamental na que vivían a maioría dos europeos. Os ilustrados defensores do liberalismo propuxeron unha nova organización da sociedade e do Estado baseada en:

  • Individualismo: considera ao individuo primordial, como persoa única e en exercicio da súa plena liberdade, por encima de todo aspecto colectivo.
  • Liberdade: como un dereito inviolable que se refire a diversos aspectos: liberdade de pensamento, de expresión, de asociación, de prensa, etc., cuxo único límite consiste en non afectar a liberdade e o dereito dos demais, e que debe constituír unha garantía fronte á intromisión do goberno na vida dos individuos.
  • Principio de igualdade: entre as persoas, entendida no que se refire a diversos campos xurídicos e políticos. É dicir, para o liberalismo todos os cidadáns son iguais ante a lei e ante o Estado.
  • Dereito á propiedade privada: como fonte de desenvolvemento e iniciativa individual, e como dereito inalterable que debe ser salvagardado e protexido pola lei.
  • Establecemento de códigos civís, constitucións e institucións: baseadas na división de poderes (Executivo, Lexislativo e Xudicial), e na discusión e solución dos problemas por medio de asembleas e parlamentos.
  • Tolerancia relixiosa: nun Estado laico.

Despotismo Ilustrado

O despotismo ilustrado é un concepto político que se enmarca dentro das monarquías absolutas e que pertence ós sistemas de goberno do Antigo Réxime europeo. Porén, inclúe as ideas filosóficas da Ilustración, segundo as cales as decisións do home son guiadas pola razón e a filosofía política do seu goberno descansa no dereito natural. Os monarcas desta doutrina contribuíron ó enriquecemento da cultura dos seus países e adoptaron un discurso paternalista ("Todo para o pobo pero sen o pobo").

Pese a todo, ningún principio do liberalismo político foi incorporado á práctica do goberno, xa que se quería manter o absolutismo e a sociedade estamental. Ideas como a separación de poderes ou a soberanía popular destruirían as monarquías absolutas.

O despotismo ilustrado practicouse dende a segunda metade do século XVIII en varios países europeos. Os obxectivos do goberno construíanse "dende arriba" e pretendían satisfacer algunhas das formulacións elaboradas na Ilustración. Desta maneira, importantes ilustrados puxéronse ao servizo das monarquías absolutas francesa, prusiana, española, rusa, etc. Traballaron como conselleiros ou ministros encargados de racionalizar o funcionamento do Estado para melloralo. A idea de progreso podía ser moi útil para gobernar con maior eficacia e acrecentar o poder rexio. As academias encargáronse de realizar estudos e proxectos que conviñesen ós gobernos despóticos, así nas cortes europeas fomentáronse as ciencias e as artes.

Reformas políticas para mellorar o funcionamento do Estado

  • Deixaron de convocarse parlamentos ou Cortes.
  • Reorganizouse a Administración provincial para centralizar e aumentar o poder dos reis.
  • Medidas contra a Igrexa (expropiacións, expulsión Xesuítas, etc.).
  • Forte intromisión do poder real no eclesiástico (regalismo).

Reformas económicas para aumentar os recursos do Estado

  • Introducíronse melloras na agricultura, artesanía e comercio.
  • Instruíuse aos produtores e ampliáronse as vías de comunicación.

Liberalismo Económico

Adam Smith (1723-1790) elaborou unha teoría económica que defende a liberdade para producir, comprar e vender e, polo tanto, ningunha institución (o Estado) debe intervir na economía. O mercado (prezos das materias primas, bens e servizos; as contratacións ou despidos dos traballadores, etc.) regúlase a través da lei da oferta e a demanda. O enriquecemento individual (ambición/cobiza) transfórmanse pola man invisible en progreso e beneficio colectivo.

Mercantilismo

Teoría económica que defende que o comercio é o medio para obter un gran volume de metais preciosos. As actividades comerciais eran consideradas a forza vital para a prosperidade das nacións. Os Estados deben fomentar as exportacións e reducir as importacións.

Fisiocracia

Teoría económica elaborada por Quesnay (1694-1774) oposta ao mercantilismo e que defendía como fonte de riqueza fundamental para os estados a agricultura e non o comercio. Tamén defendía o libre funcionamento do sistema económico (laissez faire - deixade facer) establecendo a liberdade para comprar, vender e producir.

Entradas relacionadas: