Legado do Teatro Galego: Grupo Nós, Castelao e a Vangarda Escénica

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 4,31 KB

O Teatro do Grupo Nós: Innovación e Legado Escénico Galego

O Grupo Nós marcou a madurez definitiva do teatro galego. As súas obras sepultaron o vello teatro baseado no texto literario e no costumismo ruralista, elevando a escena galega á altura dos tempos. Fusionaron as raíces da nosa tradición coa modernidade das novas tendencias europeas, incorporando elementos simbólicos e vangardistas. Elaboraron un verdadeiro “teatro de arte”, un espectáculo total que estilizaba todos os elementos escénicos: lingua, música, mímica, danza, pintura, luminotecnia… Foi Castelao o inspirador destas teses, pero os tres membros principais fixeron as súas valiosas achegas.

Achegas Individuais ao Teatro do Grupo Nós

Vicente Risco: Profundidade Simbólica en "O bufón de El-Rei"

Vicente Risco achegounos a peza O bufón de El-Rei, un drama en catro pasos ambientado no medievo e con alusións á materia de Bretaña. A través do personaxe do bufón, Risco reflexiona, como en parte da súa narrativa, sobre a complexa relación entre a deformidade física e moral.

Ramón Otero Pedrayo: Prolífica Produción Teatral

Ramón Otero Pedrayo foi o máis prolífico dos dramaturgos do grupo. Salienta a traxedia rural de fondo dionisíaco A lagarada, unha crítica incisiva da miseria económica e moral da sociedade rural da época, na que inclúe cantos corais e escenas líricas fantásticas. Con elementos semellantes aos de Castelao, escribiu Teatro de máscaras: dezaseis guións teatrais cheos de fidalgos, cregos, ánimas, borrachos… Na posguerra, a súa produción continuou coa fábula humorística O desengano do prioiro, e os monólogos líricos O fidalgo e a noite ou Noite compostelana.

Alfonso R. Castelao: A Obra Cume "Os vellos non deben de namorarse"

Alfonso R. Castelao, pola súa banda, só escribiu unha peza teatral: Os vellos non deben de namorarse. Esta obra converteuse na máis representada e referenciada da historia do teatro galego. Estreouna xa exiliado en Bos Aires, en 1941, encargándose el mesmo da dirección e de todo o deseño plástico: escenografía, figuríns, luces, máscaras… Trátase dunha traxicomedia na que funde a tradición co simbolismo e o expresionismo nun espectáculo global ou, como el mesmo dixo, unha farsa de “síntese artística”.

Elementos Tradicionais na Obra de Castelao

Entre os elementos tradicionais presentes na obra de Castelao atopamos:

  • O tema: o amor a destempo de tres vellos que pretenden a tres mozas, o que causará o seu escarnecemento e morte.
  • A estrutura paralelística: en tres lances, que repiten personaxes e situacións, pechados por un epílogo.
  • Parte dos elementos escenográficos: como espantallos e caretas do entroido.
Elementos Novidosos e Vangardistas

Os elementos novidosos e vangardistas que Castelao introduce son:

  • A mestura de elementos artísticos de distinta índole: texto, canto, música, danza, pintura dos decorados, etc.
  • O simbolismo dos elementos escenográficos: cores de vestidos e decorados, xogos coas luces e co escenario, etc.
  • O carácter guiñolesco das escenas expresionistas: caretas e caras pintadas, vestidos, espantallos, que contrastan con outras máis realistas.

Castelao axuntou todas as súas facetas de artista multifacético (escritor, debuxante, pintor), adobiounas co seu humorismo e regalounos o gran clásico do noso teatro.

A Xeración do 25: A Vangarda de Rafael Dieste

Da Xeración do 25 salienta Rafael Dieste, considerado o autor máis importante e novidoso da promoción coa súa obra A fiestra baldeira. Esta é unha comedia sobre o tema da identidade nunha vila mariñeira. Dieste adiántase ao Grupo Nós introducindo a estética vangardista: unha estilización simbolista con grande importancia dos elementos escenográficos como decorados, luz e movemento.

Entradas relacionadas: