Karl Marx: Fundamentos da Crítica ao Capitalismo e a Transformación Social
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 8,57 KB
Karl Marx e o Contexto da Revolución Industrial
Karl Marx (século XIX) naceu en Tréveris e viviu tamén en París, Bruxelas e Londres. Nestas cidades estivo en contacto con asociacións de obreiros e con grupos socialistas e comunistas. Marx realizou un profundo estudo da economía capitalista na súa obra O Capital e, con Engels, escribiu o Manifesto do Partido Comunista.
No século XIX prodúcense transformacións sociais: a **Revolución Industrial** consolida o modo de produción capitalista, dando lugar a novas clases sociais: a **burguesía** e o **proletariado**. Pero esta nova forma de produción só beneficiaba á clase dominante, cuxo obxectivo era acumular capital, servíndose da explotación dunha gran masa de traballadores que eran absorbidos polas fábricas e vivían en condicións infrahumanas: apiñados en casas de traballadores pegadas ás fábricas, os salarios eran miserables, as xornadas eran de quince horas diarias, as condicións de traballo eran insalubres e perigosas, e había traballo infantil desde os seis anos.
Isto provocou o xurdimento do **movemento obreiro**, que buscaba transformar esta situación. Para Marx, a función da filosofía tamén consistirá en transformar a sociedade:
“Os filósofos non fixeron máis que interpretar de diversos modos o mundo, pero do que se trata é de transformalo.”
A Crítica ao Capitalismo: Alienación e Plusvalía
Marx observa como no século XIX o proxecto político da Ilustración reducíase a unha mera fachada: os ideais de “liberdade, igualdade e fraternidade”, defendidos pola burguesía na Revolución Francesa, estaban xa moi lonxe de ser aplicados nesta época por esta nova clase dominante. Para entender por que estes ideais fracasaron, hai que comprender como se produce a **alienación** do ser humano no sistema capitalista.
Marx cría que o traballo debería facernos sentir realizados como seres humanos, posto que os seres humanos somos seres activos e prácticos que necesitamos traballar para vivir. Pero o capitalismo é un sistema baseado na **propiedade privada** e no **traballo asalariado**, e neste sistema non nos sentimos realizados senón alienados.
O traballo xera un produto que lle dá ao burgués capitalista unhas ganancias ás que Marx chama **plusvalía**: nesa plusvalía está a orixe da acumulación do capital por parte duns poucos e das desigualdades sociais.
Dimensións da Alienación
A alienación dos traballadores neste sistema ten varias dimensións:
- Sentímonos alienados respecto ao **produto** do noso traballo.
- Sentímonos alienados respecto á nosa propia **actividade**.
- Sentímonos alienados respecto á **natureza**.
- Sentímonos alienados respecto aos **outros seres humanos**.
Nestas condicións de alienación, non hai liberdade, nin igualdade, nin fraternidade.
O Materialismo Histórico: Estrutura e Superestrutura
Para afondar no estudo da economía capitalista, Marx emprega unha teoría científica e sociolóxica chamada **materialismo histórico**, segundo a cal, para comprender unha sociedade, hai que comprender como é a súa base material ou económica, que é o que determina a historia: as transformacións sociais e ideolóxicas dunha sociedade veñen determinadas pola súa economía.
Esta teoría ten dous conceptos clave:
- A **estrutura**: que é a base económica da sociedade.
- A **superestrutura**: que é a ideoloxía ou as formas de pensamento que ten esa sociedade.
A estrutura económica é a base real da sociedade e componse das **forzas produtivas** e das **relacións de produción**. A superestrutura é a ideoloxía, que vén sendo o conxunto de ideas, imaxes, símbolos, mitos e valores da sociedade nun momento dado.
As formas de pensamento como a moral, a relixión, a política, o dereito, a filosofía e a arte, son parte da superestrutura e están condicionadas pola estrutura. A función da superestrutura ou ideoloxía é ocultar a verdadeira realidade social e económica e, ao mesmo tempo, facer unha xustificación interesada desa realidade. A ideoloxía dominante en cada momento da historia corresponde á forma de pensar da clase dominante.
En canto á relación entre estrutura e superestrutura, a estrutura condiciona fortemente como é a superestrutura, aínda que esta tamén inflúe en como é a estrutura; polo tanto, Marx di que é unha relación recíproca ou **dialéctica**.
A Loita de Clases e o Proxecto Revolucionario
A teoría do materialismo histórico sérvelle a Marx para entender a historia: cando na sociedade non todos participan de xeito equitativo na produción, a sociedade será **clasista**, estará dividida en clases sociais: unha será a explotadora e outra a explotada. Na Antigüidade había amos e escravos, na Idade Media señores feudais e servos, na Idade Moderna, capitalistas e proletarios.
Marx di que a historia é a historia dunha **loita de clases**: en cada etapa da historia, a división da sociedade en clases sociais xera un conflito que conduce a unha fase de revolución social que transforma tamén a superestrutura.
As Fases cara ao Comunismo
Na etapa do capitalismo do século XIX, Marx cre que para resolver o conflito que xera o modo de produción capitalista, é necesario que os obreiros teñan **conciencia de clase**: os obreiros deben decatarse de que son un grupo oprimido, deben unirse e loitar para chegar a unha sociedade sen clases, na que todos os que a compoñan participen na produción e no desfrute dos bens. Este proceso revolucionario constaría de tres fases:
- Ditadura do Proletariado: Consiste en instaurar unha democracia na que o pobo tome o poder político e obrigue á burguesía a abandonar os seus privilexios.
- Socialismo: Desenvolver un Estado democrático que represente os intereses de toda a sociedade e que impulse os medios de produción e a riqueza social.
- Comunismo (Utopía): A culminación do proceso revolucionario, que se daría cando se chegase a unha época de abundancia e de absoluta liberdade, na que xa non hai clases sociais e o Estado desaparece porque xa non é necesario.
O comunismo implicaría a supresión da propiedade privada e a eliminación de toda alienación. Se ben no sistema capitalista todo se cambia por diñeiro e só aspiramos a "ter" cousas, Marx cre que debemos cambiar esa forma de pensar para intentar relacionarnos coas cousas “por amor ás cousas” e non só “para telas”.
Marx criticará o "comunismo groseiro", que consistiría en repartir por igual as propiedades ou en estender a todo o mundo “o destino do obreiro”. Para Marx o verdadeiro comunismo é a eliminación da propiedade privada e neste estadio utópico habería que ter en conta as capacidades e as necesidades de cada persoa, que non teñen por que ser as mesmas:
"De cada un segundo a súa capacidade, a cada un segundo as súas necesidades."
Marx pensaba que o desenvolvemento do sistema capitalista conduciría inevitablemente a unha crise que conduciría á superación da sociedade burguesa e da propiedade privada. Pero dous séculos máis tarde, o que observamos é que o capitalismo non desapareceu senón que se consolidou como modelo económico imperante na sociedade global.
Legado e Influencia do Marxismo
A influencia do marxismo na historia foi enorme. Despois da morte de Marx, unha serie de pensadores, como Berstein, propuxeron un "revisionismo" do marxismo, apostando por un modelo de **"Estado social"** no que se mantén a economía capitalista pero o Estado protexe os dereitos sociais dos cidadáns; outros pensadores, como Rosa Luxemburgo e Gramsci, foron máis radicais e intentaron seguir desenvolvendo as ideas de Marx para acabar co capitalismo.
O marxismo tamén foi asociado a unha serie de movementos políticos e sociais do século XX, entre os que destacan a **Revolución Rusa**, a **Revolución Chinesa** e a **Revolución Cubana**. Podemos denominar estes movementos baixo os conceptos de comunismo ou socialismo, pero sería incorrecto consideralos como sinónimo de marxismo, porque non se basearon exclusivamente nas ideas de Marx.
A idea de comunismo de Marx aínda non foi levada á práctica en ningún sitio e segue sendo unha **utopía**. Supón un dos intentos de espertar a nosa conciencia de clase e así poder loitar contra as inxustizas, a precariedade e a crecente desigualdade social que afectan ás nosas vidas.