Kant: Ilustración e Formalismo Moral
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Filosofía y ética
Escrito el en
gallego con un tamaño de 6,77 KB
A Idea Kantiana de Ilustración
Kant é un filósofo ilustrado en canto a:
- O filósofo considera que a razón ten elementos a priori, pero levará a cabo unha crítica sobre a mesma para ver os seus límites en canto á experiencia. Así, a razón é crítica e finita.
- Kant é ilustrado, polo que terá unha concepción determinista do mundo físico, pero aclarará que estará rexido por leis causais e necesarias, xa que na nosa razón existe a categoría de causalidade. Con esta aclaración está a discrepar con respecto a Hume.
- Pretenderá fundamentar a moral independentemente da metafísica e da relixión. A conduta moral do home debe basearse na autonomía da razón para darse normas. Aposta pola razón e a liberdade.
Que é a Ilustración?
Para poder responder á pregunta "Que é a Ilustración?", Kant defenderá diversos aspectos da Ilustración:
Autonomía da Razón
O estado de minoría de razón significará para Kant que o home non pode valerse por si mesmo en canto á razón, sen que ninguén o guíe. Neste estado as normas son heterónomas, o home é incapaz de usar a propia razón para darse normas. Kant afirma que a Ilustración axuda ao home a saír deste estado.
Liberdade
É unha condición salientable para acceder á maioría de idade, para poder pensar por si mesmo. Kant distingue entre o uso público e o uso privado. O uso público é o que fai o escritor ante os lectores, terá absoluta liberdade para expresar as súas opinións e ideas en público. En cambio, cando o escritor desempeña unha función de carácter público non poderá expresar as súas ideas libremente, xa que este individuo tan só obedece ordes.
Cosmopolitismo
Kant cre que a Ilustración pode estenderse a toda a humanidade e concibe aos homes como cidadáns do mundo.
A Reforma e non Revolución
A Ilustración de toda a humanidade é paulatina e non mediante unha revolución inmediata. O servadorismo político-social é unha característica propia da Ilustración alemá fronte á Ilustración francesa.
Progreso
Os ilustrados conciben que hai un progreso, que a nosa historia avanza cara a épocas máis ilustradas. Para Kant, o destino dos humanos é o progreso na razón, e non deberá ser obstaculizado por nada.
Despotismo Ilustrado
Kant admiraba a Federico II O Grande, o rei de Prusia naquela época. Chamará a época de ilustración ao período de tempo en que reina dito rei, xa que garante a liberdade de pensamento ao ser depositario da vontade popular.
Defensa da Tolerancia e a Liberdade Relixiosa
Dá moita importancia á relixión, xa que en Prusia os gobernantes intentaban impoñerse en materia de relixión. Propoñerá unha reforma na que se respecte a relixión que cada persoa decida ter e interpretar.
O Formalismo Moral
Dentro da moral kantiana podemos citar dúas obras: Crítica da Razón Pura e Crítica da Razón Práctica. Na primeira exponse o determinismo en relación ao mundo físico; os fenómenos serán coñecidos baixo a categoría de causalidade. Na Crítica da Razón Práctica, Kant explica o que debe ser: a liberdade do home en canto ser moral. Ademais, formula esta pregunta: Que debo facer? É posible ter unha moral racional e universal coa que o home poida ser libre? Para poder responder a esta cuestión, expón se pode haber xuízos ou leis morais que sexan universais e necesarias.
Xuízos e Leis Morais. Éticas Materiais e Ética Formal
A nosa vontade seguirá unha serie de regras que poden ser expresadas por máximas. Unha máxima non é unha lei, xa que non obriga a facer nada. É algo que só serve para min, polo que non é universal nin tampouco necesaria. En cambio, as leis ou imperativos si determinan a vontade expresando un deber. Poden ser:
- Imperativos hipotéticos: ordenan algo á nosa vontade para poder acadar un fin. Non son universais e necesarios, senón que a súa validez é condicionada (para quen queira acadar ese fin).
- Imperativos categóricos concretos: ordenan á nosa vontade algo como fin absoluto. A súa validez é universal e necesaria, pero unha persoa podería cumprir dito deber tan só en función das consecuencias.
Para Kant todas as éticas anteriores á súa son éticas materiais. Os imperativos destas éticas expresan: o que debemos facer, o coñecemento presenta algo como fin, a vontade déixase determinar por algo exterior, polo tanto non terá liberdade. A auténtica lei moral ten que ser un imperativo categórico que exprese un deber a priori e, polo tanto, será independente.
A primeira fórmula do imperativo categórico kantiano é: "Obra de tal xeito que poidas querer que a máxima que rexe a túa acción sexa lei universal" (forma de universalidade). A vontade deberá querer actuar por deber.
A segunda fórmula é a da autonomía da vontade: "Obra de tal maneira que a vontade poida considerarse a si mesma, mediante a súa máxima, como lexisladora universal".
A terceira fórmula é a do reino dos fins: explica que cada home é libre e racional e así débese tratar aos outros homes como fins en si mesmos, non usalos como medios.
A ética kantiana é unha ética formal, xa que nela o imperativo categórico expresa só a forma na que a miña vontade terá que determinarse. Di o que debemos facer, o coñecemento non determina a nosa vontade e é a propia vontade quen establece as máximas. Isto implica unha verdadeira autonomía e liberdade da vontade.
Os Postulados da Razón Práctica
Se o home puidese sempre guiarse polo imperativo categórico, a súa vontade sería libre e totalmente virtuosa. Con todo, para Kant é preciso postular a existencia dunha vontade libre, da inmortalidade da alma e da existencia de Deus. A existencia da vontade libre é postulada para poder dar sentido á vida moral rexida polo imperativo categórico. A inmortalidade da alma é postulada para dar sentido ao progreso do home. A existencia de Deus postúlase porque a unión de virtude e felicidade á que aspira o home só será posible se hai un Deus que o pode todo. Non serán afirmacións, senón que para Kant sempre serán postulados que dan sentido á moral. A única determinación para o home non serán as realidades, senón só o imperativo categórico. Así, os postulados son esixencias da razón práctica, que xorden ante a necesidade de dar vida ao home e que conducen a unha fe racional. Vemos que a razón práctica, para darlle un sentido á vida do home, terá que recorrer aos postulados.