As Irmandades da Fala: Historia e Protagonistas
Enviado por lucia y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 10,08 KB
As Irmandades da Fala e o seu legado histórico
O 18 de maio de 1916, Antón Villar Ponte convocou unha xuntanza nos locais da Real Academia Galega na Coruña, á que asistiron arredor de 20 persoas, entre as cales se atopaban Manuel Lugrís Freire, Florencio Vaamonde Lores, Uxío Carré Aldao ou Ramón Villar Ponte. Nesta xuntanza acordouse a creación dunha Irmandade dos Amigos da Fala que tería como obxectivo a defensa, exaltación e fomento da lingua de Galicia, e nomeouse a Villar Ponte como primeiro conselleiro. De seguido, constituíronse diversas agrupacións locais.
Evolución política e cultural
O 26 de abril celebrouse o primeiro acto público, en conmemoración dos fusilamentos de Carral. As primeiras accións das Irmandades estaban dirixidas á promoción da cultura e das linguas galegas, coa convocatoria de cursos de galego, recitais, xogos florais… pero pronto comezaron a manifestarse tamén iniciativas de carácter político, como amosa o feito de presentaren en 1918 dous candidatos ás eleccións: Porteiro Garea por Celanova e Losada Diéguez pola Estrada, con negativos resultados en ámbolos dous casos.
O 14 de novembro nace o órgano oficial das Irmandades, “A Nosa Terra”, dirixida por Villar Ponte e escrita integramente en galego. No ano 1918, o xornal madrileño “El Debate” organizou na Coruña unha Semana Rexionalista, na que participaron as Irmandades e na que quedaron patentes as súas diferenzas respecto doutros movementos rexionalistas galegos, ao declararse nacionalistas, federalistas e progresistas.
A I Asemblea Nacionalista
A I Asemblea Nacionalista celebrouse en Lugo entre o 17 e 18 de novembro de 1918 e contou coa asistencia de 16 agrupacións locais representadas por unhas 60 persoas. Desta Asemblea saíu o “Manifesto Nacionalista” que constituíría a base común de todos os programas do nacionalismo galego ata a Guerra Civil. Entre 1929 e 1930 produciuse a reorganización das Irmandades. Villar Ponte abandona as posicións de Risco e reintégrase na Irmandade Coruñesa e, xunto a Casares Quiroga, constitúe a Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) desde a que asistirá á proclamación da República e ás eleccións das Cortes Constituíntes.
A composición ideolóxica dos homes que compuxeron nun principio as Irmandades da Fala era ben variada; nela cabían desde republicanos como Antón Villar Ponte e demócratas radicais como Lois Porteiro, e o primeiro Xaime Quintanilla, ata rexionalistas liberais como Uxío Carré Aldao. Van ser os sectores máis liberais e progresistas os que doten as Irmandades dun claro contido nacionalista fronte ao rexionalismo dos sectores máis conservadores que acabarán marchando ou sen alcanzar relevancia dentro das Irmandades, coa excepción de Antón Losada Diéguez. No congreso celebrado en novembro de 1918 en Lugo, as Irmandades marcarían o seu programa político cos seus obxectivos.
Ramón Cabanillas: O Poeta da Raza
Ramón Cabanillas, despois de abandonar a carreira eclesiástica en Compostela, regresou a Cambados, onde traballou como funcionario do Concello. Con 34 anos emigrou a Cuba, onde coñecería a Basilio Álvarez, a quen gañou para a causa agrarista, e a Xosé Fontenla Leal, que foi a clave para que comezase a escribir en galego. Na Habana publicou “No desterro” (1913) e “Vento mareiro” (1915).
De volta á Galiza, traballou en varios concellos do país. O compromiso co proxecto das Irmandades da Fala levouno a colaborar asiduamente no periódico “A Nosa Terra”. En “Da terra asoballada” (1917) e nas novas edicións de poemarios publicados na Habana, Cabanillas mantivo unha actitude educadora. Pretendeu concienciar o pobo e achegalo ao nacionalismo. Con estes mesmos obxectivos redixiu, a instancias de Antón Villar Ponte, a peza dramática “A man da santiña” (1921). En colaboración con el comporía en 1926 a traxedia histórica “O Mariscal”.
En 1926 tamén viu a luz o seu poemario “Na noite estrelecida”, pero anos antes sería elixido membro da Real Academia Galega (1920), onde leu un discurso titulado “A saudade nos poetas galegos”. En 1929 faría o propio na RAE cun ensaio sobre Eduardo Pondal. Polo que se refire ao Cabanillas poeta, este atravesa un período de silencio que apenas rompería a finais da década dos 40 con “Antífona da cantiga” (1951) e “Samos” (1958), o seu último libro publicado en vida. A Xunta de Galicia acordou dedicar o ano 2009 para conmemorar o 50º cabodano da súa morte.
Gonzalo Francisco López Abente
Gonzalo Francisco López Abente, nado en Muxía o 24 de marzo de 1878 e finado na mesma vila o 23 de xullo de 1963, foi un escritor en lingua galega que cultivou o xornalismo, a narrativa, o teatro e a poesía, baseando na Costa da Morte boa parte da súa obra. Está emparentado por liña materna con Eduardo Pondal. Estudou o bacharelato en Compostela, rematando en 1893, e despois a carreira de Dereito. Viaxou por Francia, Bélxica e Holanda.
Como autor poético, sitúase nos seus libros anteriores á Guerra Civil na escola do “Poeta da Raza”. O 20 de febreiro de 1921 estreou a súa única peza teatral, “María Rosa”, correndo a representación a cargo do Cadro de Declamación das Irmandades da Fala da Coruña. En 1963 viron a luz tres libros máis de poesía da súa autoría: “Nemancos”, “Cintileos nas ondas” e “Decrúa”. López Abente foi integrante das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos e presidente da Asociación de Escritores de Galicia, e colaborou en revistas e periódicos como “El Noroeste”, “A Nosa Terra” e “Ronsel”.
Victoriano Taibo García
Victoriano Taibo García, nado en Oza, provincia da Coruña, en 1887 e finado en 1966, foi un escritor e xornalista galego. Logo de traballar na infancia en labores agrícolas na súa aldea natal, emigra a Cuba. Na Habana faise cunha formación autodidacta mentres traballa na plantación de azucre. Despois dedícase ao xornalismo, mantendo en Eco de Galicia a sección “De mi tierra” entre 1925 e 1930 e colaborando en “A Nosa Terra”.
A súa prosa realista retrata os costumes da xente que lle foi máis próxima, o mundo rural e a emigración, aproveitando para verter a súa experiencia autobiográfica. Ten obras como “Manecho o da rúa” (1926, novela curta) e “Abellas de ouro” (1930, colección de relatos).
Leandro Carré Alvarellos
Leandro Carré Alvarellos, nado na Coruña en 1888 e finado en 1976, foi un escritor galego e fillo de Uxío Carré Aldao. No ámbito teatral dirixiu os grupos de teatro dos coros Cántigas da Terra e Saudades e a Escola Dramática Galega, e fundou a Editorial Lar en 1924; foi membro do Seminario de Estudos Galegos. En 1945 ingresou na Real Academia Galega. No ano 2006 editarase “Obra inédita e esquecida”, con obras escritas entre 1915 e 1972. Entre todas as súas obras destacan: “Tolerías” (1917, teatro), “Contos e diálogos” (1918, narrativa) e “Naiciña” (1925, novela).
Uxío Carré Alvarellos
Uxío Carré Alvarellos, nado na Coruña en 1885 e finado en 1967, foi un escritor galego. Foi o segundo de once fillos. Foi profesor mercantil da Escola Superior de Comercio da Coruña en 1904; renunciou e formou despois parte da Universidade Popular da Coruña. En 1906 foi nomeado académico non numerario da Real Academia Galega.
En 1919 publicou “¡Terra a Nosa!” e en 1954 e 1964 publicou en Bos Aires “Escolma de poesías” e “Arelas”. Escribiu co seu irmán Leandro unha biografía de Galo Salinas premiada polo Centro Galego de Madrid en 1954, e deixou inéditas varias novelas como “O milagre” e “Volverá”, ademais dunha serie de diálogos reunidos baixo o título común “Críticas e pasatempos”. Casou no 1914 con Margarita Naya Silva e o seu fillo máis vello sería asesinado durante a represión que seguiu á sublevación do 18 de xullo de 1936. Destacan outras obras como: “Da raza” (1919) e “A miña viaxe a Grañas de Sor”, publicado despois da súa morte.
Ramón Villar Ponte
Ramón Villar Ponte, nado en Viveiro en 1890 e falecido na Coruña en 1953, foi un dos máis importantes ensaístas das Irmandades da Fala, xunto co seu irmán Antón. Fixo o bacharelato por libre e examinouse no Instituto de Lugo. Estudou Filosofía e Letras na Universidade de Madrid, regresando a Galicia ao licenciarse. Dedicouse profesionalmente ao ensino privado e ao xornalismo.
En 1921 accedeu á dirección do xornal ferrolán “El Correo Gallego”; foi correspondente de “El Sol” e “La Voz” de Madrid e colaborou tamén en “Galicia” e “El Pueblo Gallego” de Vigo. Organizou, xunto con Xaime Quintanilla, a Irmandade da Fala de Ferrol e foi redactor dos seus boletíns. En 1921 o grupo de Ferrol fundou a editorial Céltiga, na que sería xerente. En 1922 trasladouse a Viveiro onde creou o grupo nacionalista como Subdelegación da ING en Ferrol. En 1927 ingresou no Seminario de Estudos Galegos. En 1936 culminou a iniciativa do seu irmán Antón coa fundación da Asociación de Escritores de Galicia. Ingresou na RAG en 1951 cun discurso titulado “A Xeración do 16”. Ten obras como: “Historia sintética de Galicia” (1927) e “Breviario da autonomía” (1933).