Irmandades da Fala: Galeguismo, Literatura e Modernización Galega
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en gallego con un tamaño de 6,37 KB
Galicia no Século XX: Modernización e Desafíos
A imaxe de Galicia no século XX correspondía coa dun país atrasado no que o mellor era a emigración. A pesar dos numerosos atrancos, o período comprendido entre 1900 e 1936 caracterízase por unha tendencia cara á modernización das estruturas económicas, sociais, etc. Infelizmente, a desfeita da Guerra Civil e a inmediata posguerra provocaron un freo a este avance.
Cambios Sociais Significativos en Galicia
- O elemento fundamental na economía, a agricultura, entra nun relativo proceso de modernización, xa que a propietarización campesiña, a innovación de técnicas e a mercantilización do agro galego inician un camiño de integración no mercado español.
- Algúns dos cambios máis significativos tiveron lugar no subsector gandeiro, onde se produciu unha orientación cara ao mercado estatal.
- Polo que se refire ao tecido industrial, coa eclosión da industria conserveira e o notable aumento da construción naval e o sector eléctrico, é onde se rexistra un proceso de evolución.
- A pesar da persistencia do fenómeno emigratorio, Galicia rexistra un moderado crecemento demográfico.
- Os primeiros intentos de organización do movemento agrario datan de principios do século XX; porén, a gran viraxe, cun decidido aumento nas mobilizacións e na combatividade labregas, ten lugar cara a 1912, cando Basilio Álvarez regresa a Ourense e se pon á fronte da Acción Galega, fundada dous anos antes.
As Irmandades da Fala: O Galeguismo e a Cultura
O galeguismo, movemento que pretende redescubrir os sinais de identidade nacional de Galicia, así como a consecución do poder sobre o seu propio país para o conxunto do pobo galego, inicia unha xeira coa creación na Coruña, o 18 de maio de 1916, da primeira das Irmandades da Fala. Esta data resulta fundamental na historia das manifestacións galeguistas. A cultura e a literatura galegas reciben un impulso fundamental na procura de alicerzar a súa presenza como opción solidamente instalada.
Entre o 17 e o 18 de novembro de 1918 tivo lugar en Lugo a I Asemblea Nacionalista Galega. Entre os apartados esenciais destacan:
- A procura dunha autonomía integral para Galicia dentro dunha federación ibérica.
- A consecución dun posto na Sociedade de Nacións.
- Cooficialidade entre linguas.
- Reforma administrativa e unha modernización socioeconómica.
O Galeguismo e a Segunda República
O 14 de abril de 1931 proclámase a Segunda República, e o galeguismo creu chegada a hora de atinxir un horizonte certo para os seus proxectos e, máis en concreto, de conseguir un Estatuto de Autonomía para Galicia. Con excepción da ORGA e do Partido Galeguista, as demais forzas actuantes non se mostraron interesadas. Pero en febreiro foron convocadas novas eleccións, e as forzas progresistas decidiron concentrarse na Fronte Popular. O resultado foi favorable a este, e o 28 de xuño de 1936 tivo lugar o referendo, cuxo resultado foi declaradamente favorable ao estatuto, pero co estalido da Guerra Civil produciuse un freo a este.
A Literatura Galega (1916-1936): Xeracións e Renovación
Desde unha óptica do período da literatura, a etapa entre 1916 e 1936 vive o desenvolvemento de diferentes xeracións, pero todas elas coinciden no ambiente cultural que se xerou coa fundación das Irmandades da Fala. Distínguense tres etapas:
- A dos maiores: Vilar Ponte, Cabanillas, etc., procuraban unha estética nacional.
- A Xeración Nós: Risco, Pedrayo, Castelao, etc., fan unha síntese entre tradición e renovación cun proxecto plenamente galego.
- A última xeración (os novos): Cunqueiro, Manuel Antonio, etc., pretenden unha renovación das letras galegas.
Tradición e Renovación na Literatura Galega
A liña que consideraba que a cultura galega debía permanecer fiel á tradición decimonónica rexionalista vai contar cun abano de seguidores como Antonio Varela Noriega, que só escribiu un libro na súa vida e este foino modificando ao longo desta. Procurou refirmarse arreo na dirección dun lirismo de carácter costumista, no cal o canto á paisaxe e aos costumes populares constitúen un eixe fundamental. E outra liña de renovación, a que estaba a propiciar unha procura da verdadeira estética nacional, con Cabanillas como autor destacado.
Ramón Cabanillas: Síntese e Variedade Temática
En 1913, desde o prólogo de O Desterro, Basilio Álvarez saúda a Cabanillas como sucesor de Curros. O volume amosa variedade temática e estilística. Isto que rexistramos en O Desterro volve suceder noutros poemarios, xa que Cabanillas é un autor que se caracteriza pola variedade de rexistros temáticos e pola capacidade de traballar en diferentes direccións estilísticas. A súa obra vén a resultar unha síntese entre todas as correntes do século XIX ao XX. Destacamos catro eixes temáticos:
- Os textos de denuncia social e significación cívica: Vento mareiro da terra asoballada.
- O que predomina o lirismo sentimental e intimista: A rosa de cen follas.
- Textos de carácter costumista.
- E composicións de carácter patriótico onde abrollan os ideais atlántico-cristiáns.