Irmandades da Fala e Agrarismo no Século XX

Otras materias4,92 KB

O Primeiro Terzo do Século XX: As Irmandades da Fala e as Loitas Agrarias

Durante as tres primeiras décadas do século XX, en Galicia prodúcense importantes cambios sociais e culturais. Entre os primeiros, salienta o movemento agrarista, que reivindica unha mellora das condicións de vida do campesiñado. Dos segundos, destaca a creación das Irmandades da Fala, que serían a semente do intenso pulo cultural e político que houbo deica o ano 1936.

Galicia a Comezos do Século XX

Galicia inicia o século XX cunha sociedade marcada por un forte atraso económico. As forzas hexemónicas eran a fidalguía e a igrexa, que tiñan a propiedade da terra. O campesiñado continuaba emigrando de xeito masivo, sobre todo a América. Durante o primeiro terzo do século producíronse unha serie de cambios que modificaron esta situación:

  • A caída da fidalguía, producida pola desaparición do sistema foral. O campesiñado puido acceder así á propiedade das terras que traballaba e mellorar as súas condicións de vida.
  • A burguesía industrial e comercial comeza a ter un certo peso na sociedade galega. Hai un medre da industria conserveira, a construción naval, o comercio e a banca.
  • Dáse un transvasamento de poboación que vivía da agricultura e da pesca, cara á industria, o comercio e os servizos.

O Movemento Agrario

O agrarismo xurdiu a principios do século como un amplo movemento reivindicativo do campesiñado, que se agrupou en sociedades e sindicatos agrarios. Naceu como reacción á inxusta institución dos foros que, unida ao caciquismo e aos impostos, condenaba aos labregos á miseria ou á emigración. Unha das asociacións agrarias máis salientables foi Acción Gallega, fundada en 1910 por Basilio Álvarez. A redención dos foros vai ser a reivindicación máis relevante do movemento; un obxectivo que se conseguirá oficialmente no ano 1926.

As Irmandades da Fala

O movemento das Irmandades da Fala xurdiu no ano 1916 por Antón Vilar Ponte. O seu obxectivo principal era reivindicar a lingua e cultura de Galicia. As Irmandades estendéronse axiña por todo o país, sumándose a elas intelectuais e escritores como Cabanillas, Otero Pedrayo, Castelao e moitos outros. Os principais obxectivos das Irmandades eran:

  • Cooficialidade lingüística entre galego e castelán.
  • Unha ampla autonomía que permitise resolver os problemas económicos e sociais do país.
  • Fomentar a cultura propia de Galicia.
  • Ingreso das nacionalidades na Liga das Nacións e federalismo con Portugal.

As Realizacións das Irmandades

O traballo cultural das Irmandades orientouse en varias direccións; as principais foron estas:

  • Traballo a prol da lingua galega nos diferentes ámbitos da vida pública: ensino, administración, actos culturais e políticos.
  • Potenciación da actividade editorial mediante o xornal A Nosa Terra ou a fundación de editoriais como Céltiga, Lar e Nós.
  • Promover o desenvolvemento do teatro.
  • Creación en 1923 do Seminario de Estudos Galegos, institución científica constituída por universitarios que realizou un valioso traballo de investigación e interpretación da realidade de Galicia nos eidos da etnografía, a xeografía e a historia.

O Seminario de Estudos Galegos

Un dos froitos das Irmandades foi a creación do Seminario de Estudos Galegos. Fundado en 1923 por un grupo de estudantes e algúns profesores da Universidade de Santiago, foi unha institución de carácter científico que promoveu a investigación sobre diferentes aspectos da realidade galega. As seccións que tiveron maior actividade foron as dedicadas á xeografía, etnografía e á historia do noso país.

Ramón Cabanillas

Nel conflúen tanto a tradición dos poetas do século XIX - Rosalía, Curros e Pondal - como as novas tendencias literarias que comezaban a agromar naquel tempo.

Biografía

Ramón Cabanillas naceu en Cambados o 3 de xuño de 1876. Entre 1889 e 1893 estuda no Seminario de Compostela. Aos 34 anos marchou para A Habana, onde entra en contacto coa intelectualidade galeguista da illa e comeza a colaborar na prensa galega. En 1913 publica a súa primeira obra, No desterro, e pouco despois, Vento mareiro. En 1915 retorna a Galicia. Colabora coas Irmandades da Fala e escribe no periódico A Nosa Terra e en 1917 publica Da terra asoballada. Cinco anos despois ingresa na Real Academia Galega. O seu labor literario continúa coa publicación de textos como O Mariscal, sobre a figura de Pardo de Cela. No mesmo ano sae á luz Na noite estrelecida, poemario de carácter narrativo, e en 1927, o libro de carácter amoroso, A rosa de cen follas. Xa con 80 anos publica a súa derradeira obra, o longo poema Samos. En 1959 morre no seu Cambados natal.

Descargar

PDF Word HTML