A Irmandades da Fala e a Xeración Nós: Cultura e Nacionalismo Galego

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 9,26 KB

A Irmandades da Fala e a Xeración Nós: Unha análise da cultura e o nacionalismo galego

As Irmandades da Fala, creadas desde 1916, enarboraron a defensa non só política de Galiza senón da súa cultura. Así, o boletín quincenario A Nosa Terra presentaba numerosas intervencións en prosa (ensaio de tema político) denunciando o caciquismo e propagando as ideas agraristas de partidos como Acción Gallega ou Solidaridad Gallega a través de autores que forxaron o xornalismo desta época: R. Blanco Torres, Carré Alvarellos, Ánxel Casal, López Abente... Para potenciar a prosa organizaban concursos literarios e chegaron a fundar editoriais como Lar ou Céltiga con edicións de quiosco (de peto) para facilitar o acceso do público lector.

En outubro de 1920 sae á rúa o primeiro exemplar da revista Nós en Ourense dos 114 números mensuais que chegaron a publicarse ata 1936 pola Guerra Civil, non sen sufrir unha parada debida á censura de Primo de Rivera entre os anos 1923 e 1925. Arredor desta revista de carácter cultural agrupábanse os autores do Cenáculo Ourensán (Otero, Risco e Florentino López Cuevillas), Castelao ou Losada Diéguez, os cales incluíron nela artigos literarios, etnográficos, lingüísticos, arqueolóxicos, históricos... sobre a realidade galega. Era a primeira vez que Galiza constituía obxecto de estudo científico e se entroncaba coa cultura europea, como unha manifestación máis dos diversos países atlánticos como Irlanda, Portugal, Gales etc. O grupo tamén fundou unha editorial co mesmo nome cá revista en 1927 por medio da que se publicaron moitas das súas obras e as doutros autores (Cabanillas, Manuel Antonio, Amado Carballo...).

Estes escritores sufriron unha evolución intelectual desde unha primeira etapa pregaleguista, totalmente afastada da cultura galega coma se estivesen "inadaptados", ata a adscrición ao nacionalismo desde unha posición europeísta cosmopolita, elitista e culturalista. De feito Risco, Castelao e Losada Diéguez son algúns dos asinantes da creación da primeira Irmandade da Fala na Coruña. Risco declara que Galiza é unha entidade cultural definida pola raza, lingua, territorio, economía, tradición e costumes propios, e baseará a súa concepción nacionalista no celtismo e no catolicismo. Con respecto á literatura, o grupo Nós superou a escaseza narrativa existente até ese momento coa achega da novela, o relato curto e o ensaio, polo que a poesía resultou un xénero moi pouco cultivado por estes autores. Tamén o Seminario de Estudos Galegos, creado en 1923, potenciou o ensaio científico nas páxinas da revista, onde existía unha sección fixa do SEG, a través de intelectuais como Xosé Filgueira Valverde, Bouza Brey, Cotarelo Valledor, Carballo Calero... Os temas tratados eran esencialmente de carácter etnográfico (arquitectura e literatura popular, castros, costumes populares de certas comarcas...) mais tamén lingüístico (chegaron a ofrecer unhas bases para a unificación da ortografía do idioma).

Vicente Risco

Os escritores de Nós, como Vicente Risco (nado en 1884), ingresa nas Irmandades en 1916, o que o levará a publicar en 1920 Teoría do nazonalismo galego, onde expón os postulados nacionalistas arriba indicados, e Nós, os inadaptados (1933), ensaio que define a evolución dos escritores do Cenáculo Ourensán ata o nacionalismo. Outra obra ensaística é Mitteleuropa (1934), que trata da viaxe que fixo á Alemaña para ampliar os seus coñecementos etnográficos. Logo da Guerra Civil cesou a súa actividade ata a súa morte en 1963. Cultivou fundamentalmente o relato curto en Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros (1919), A velliña vella (1924), O lobo da xente (1925) ou A trabe de ouro e a trabe de alquitrán (1925), xénero onde a sátira social, o humor, a tradición galega, o mundo de ultratumba e o didactismo cultural destacan como principais características. A obra de máis sona titúlase O porco de pé, obra na que se critica o caciquismo e a caricatura dos personaxes urbanos se converte en eixe desta novela, unha parodia, que remata coa queima da biblioteca municipal tras as argalladas dun cacique de orixe castelá asentado nunha vila galega.

Ramón Otero Pedrayo

Ramón Otero Pedrayo (1888-1976) entrou nas filas nacionalistas canda Risco e foi un activo político ao presentarse como deputado a Cortes baixo o Partido Galeguista, como Castelao. De orixe figalga, doutorouse en Xeografía e Historia (os seus ensaios presentan esta dobre temática centrada na Galiza, da que el era especialista) e continuou o seu labor literario incluso despois do golpe de Estado franquista, converténdose no patriarca das letras galegas. Algunhas das súas obras de carácter ensaístico foron Síntese xeográfica de Galicia (1926) ou Pelerinaxes (1929). Tamén o tema principal das novelas de Otero radicaba na Historia de Galiza: o campesiñado e a fidalguía, da que pensaba que debera ser a clase dirixente que harmonizase tradición e progreso, son os protagonistas destas. Podemos citar novelas como Pantelas, home libre (1925), A romeiría de Xelmírez, Devalar, Fra Vernero, O mesón dos ermos ou Os camiños da vida, a súa obra máis destacada, publicada en 1928. Trátase realmente dunha triloxía composta por tres novelas nas que se narra a historia da caída do Antigo Réxime coa desaparición da fidalguía (Os señores da terra), a chegada de comerciantes casteláns á terra e o ascenso da burguesía (A maorazga), até a chegada ao nacionalismo dos descendentes daquela clase en decadencia (O estudante). É pois, unha historia novelada da Galiza do s. XIX e primeiro terzo do XX. Á parte da Historia, a paisaxe descrita na súa novelística cobra unha grande importancia pola relación que o ser humano mantén coa Natureza, tanto física como simbolicamente. Outra novela de carácter cultural e non tanto histórico titúlase Arredor de sí (1930), que constitúe unha biografía espiritual dos compoñentes da xeración Nós antes da súa entrada no nacionalismo.

Afonso Daniel R. Castelao

Afonso Daniel R. Castelao (1886-1950) resultou un escritor máis permeable ao público, é dicir, menos elitista, polo seu estilo sinxelo e sintético, o cal era facilmente entendible polos lectores. A faceta de debuxante marcou fondamente a súa narrativa e dramática pois estes xéneros sempre estiveron decorados ou realizados tendo en conta a imaxe gráfica. O xénero da prosa cultivado por este rianxeiro posuía dúas vertentes: narrativa e ensaio. En 1922 edita Un ollo de vidro, relato curto no que critica o caciquismo, o materialismo, a alienación... a través da mirada dun ollo de vidro dun defunto nun cemiterio urbano; o ollo é inútil en vida pero sérvelle para ver o mundo de ultratumba cando o personaxe morre. Castelao inventa unha nova forma narrativa no seu libro Cousas (1926, logo ampliado). A "cousa" consta dun relato moi sintético decorado cun debuxo onde se fai unha exposición da condición humana do ser galego: a emigración, o materialismo, o orgullo, a murmuración ou a soidade son algúns dos temas que conteñen estas 44 creacións exclusivas do autor. Retrincos (1934) son cinco relatos de carácter autobiográfico ordenados cronoloxicamente desde a infancia na Arxentina ("O segredo", "O inglés") ata unha visita a Rianxo sendo el deputado ("Sabela"). A única novela longa do autor titúlase Os dous de sempre e trata da vida de dous rapaces de distinta personalidade, Rañolas e Pedriño, que acaba diverxendo por esta razón: Rañolas suicídase ante a falta de liberade a pesar de superar a súa coxeira e obter un posto de traballo digno; e Pedriño é un perdedor que acepta un traballo cómodo acadado a base de influencias. Os capítulos en que se divide esta novela, que Castelao escribiu para aleccionar a mocidade galega, constitúen "cousas" carentes de ilustración pois manteñen unha unidade e síntese propias desta forma literaria.

Verbo dos seus ensaios, estes presentan temas coma a arte (As cruces de pedra na Bretaña, 1930) ou a biografía (Diario, 1921). Mais a obra ensaística de máis sona resultou ser Sempre en Galiza (1944), onde expón a doutrina nacionalista e comenta en catro partes os problemas para a consecución do Estatuto de Autonomía durante a II República.

Rafael Dieste

Rafael Dieste (1899-1981) constitúe un autor da época Nós aínda que non colaborou tan activamente na revista. Este rianxeiro publicou en 1926 Dos arquivos do trasno, unha colección de vinte relatos curtos nos que o tema do retorno, a soidade, a morte ou a emigración impregnan unhas historias en que tamén abundan os elementos misteriosos e a fantasía. Coa edición desta obra o conto galego modernizouse ostensiblemente, aparecendo os primeiros relatiños de ficción científica na nosa literatura. Canto ao ensaio publicou nos anos vinte unha colección de artigos nacionalistas que logo se editaron co nome de Antre a terra e o ceo.

Entradas relacionadas: