IPC e Inflación: Guía Completa de Conceptos e Impacto Económico
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Economía
Escrito el en gallego con un tamaño de 3,9 KB
O IPC: Índice de Prezos ao Consumo
O Índice de Prezos ao Consumo (IPC), elaborado polo INE, é o índice de prezos que se utiliza con máis frecuencia. Trata de reflectir como varían co tempo os prezos dos bens e servizos que consome a poboación residente en vivendas familiares en España. O conxunto de bens e servizos que entran na cesta da compra obtense basicamente do consumo das familias, e a importancia de cada un destes bens dentro da cesta vén dada por dito consumo. Estes son os bens que se inclúen:
- Alimentos e bebidas non alcohólicas
- Bebidas alcohólicas e tabaco
- Vestido e calzado
- Vivenda
- Enxoval
- Saúde
- Transporte
- Comunicacións
- Lecer e cultura
- Ensino
- Hoteis, cafés e restaurantes
- Outros bens e servizos
A taxa de inflación mide a variación porcentual dun índice de prezos nun ano dado.
O Nivel Medio de Prezos e a Inflación
Inflación: crecemento xeneralizado e continuo dos prezos dunha economía.
Deflación: descenso xeneralizado e continuo dos prezos dunha economía.
Causas da Inflación na Economía
Inflación de Demanda: Exceso de Consumo
Cando se produce un exceso de demanda, os prezos tenden a subir. Polo tanto, se os axentes económicos dun país demandan máis do que as empresas poden producir, entón prodúcese unha situación de escaseza e os prezos soben mentres esta dura.
Inflación de Oferta: Aumento de Custos
Cando hai un desprazamento da oferta á esquerda, o prezo tende a subir. Un dos motivos de desprazamento da oferta á esquerda é o aumento dos custos de produción. As causas disto son o encarecemento dos produtos naturais e enerxías, o aumento dos salarios, a existencia de empresas con poder de mercado, e o tipo de interese (valor do diñeiro).
O encarecemento de calquera factor produtivo xerará unha reacción en cadea na que todos os factores estarán implicados.
Consecuencias da Inflación
A inflación provoca distorsións no sistema económico debido á súa imprevisibilidade, xa que nin todos os produtores nin todos os factores subirán os prezos ao mesmo tempo. Ademais, a suba dos prezos xera incerteza, pois o prezo non sempre corresponde coa calidade verdadeira.
Poder Adquisitivo: cantidade de bens e servizos que se poden comprar cunha cantidade determinada de diñeiro.
Grupos Prexudicados pola Inflación
- Pensionistas: as actualizacións das pensións que paga o sector público normalmente están por debaixo da inflación e prodúcense un tempo despois desta.
- Traballadores: normalmente os salarios non soben ao mesmo ritmo que a inflación, co que se perde poder adquisitivo.
- Aforradores: cando unha persoa aforra e deixa este diñeiro para que outros o usen, cobrará un tipo de interese despois dun tempo. Co que reciba no futuro, se os prezos están subindo, poderá comprar menos bens que no momento en que decidiu aforrar.
- Exportadores: se os prezos nacionais están altos, as empresas do noso país perden competitividade e verán reducidas as súas vendas.
Grupos Beneficiados pola Inflación
- Os Debedores: o valor dunha débeda cuantifícase nunhas cantidades fixas. Se diminúe o valor do diñeiro, tamén diminuirá o valor da débeda e será máis fácil reunir a cantidade acordada.
- O Estado: normalmente, o sector público non paga no momento o valor da débeda, senón a crédito nun prazo de tempo. Mentres non salde a débeda, o diñeiro que debe perde valor debido á inflación.
- Os Importadores: os produtos que traen os importadores son máis baratos que os producidos no país con inflación.