Industria Española: Problemas e Tendencias

Enviado por Chuletator online y clasificado en Geografía

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,6 KB

Problemas Estruturais da Industria Española

Dimensión, I+D+i e Tecnoloxía

A industria española presenta diversos problemas estruturais que afectan negativamente á súa competitividade fronte á economía europea e á economía global:

  • Existe un escaso número de grandes empresas, xa que dominan as pequenas e medianas empresas (pemes). Estas teñen a vantaxe de adaptarse mellor ás demandas do mercado e presentar menos conflitos laborais. Porén, non permiten facer economías de escala, nin grandes investimentos en novas tecnoloxías. O Instituto da Mediana e Pequena Empresa Industrial fomenta a innovación das pemes e a colaboración tecnolóxica entre elas.
  • A produtividade industrial é inferior á da Unión Europea, o que incrementa o custo laboral. Un dos recursos para mellorar a produtividade é a aplicación das innovacións derivadas das TIC, pero o gasto español neste sentido está moi por debaixo do gasto da UE.
  • O nivel de intensidade tecnolóxica é baixo e a porcentaxe de investimento en I+D é insuficiente (só o 1,4% das industrias manufactureiras españolas presentan un nivel alto de intensidade tecnolóxica e unicamente 22 empresas españolas figuran na listaxe das mil empresas comunitarias que máis invisten en innovación).

Todo isto provoca unha balanza tecnolóxica deficitaria. As patentes son unha boa fonte de ingresos para os países que as crean, pero en España son escasas. As principais empresas españolas de automóbiles, maquinaria eléctrica, aparellos electrodomésticos e produtos farmacéuticos fabrican con patentes estranxeiras, o que ocasiona un enorme gasto ao teren que pagar para a súa aplicación.

É fundamental, polo tanto, dedicarlle unha porcentaxe máis elevada do PIB a I+D e fomentar a mellora do sistema educativo, a formación técnica laboral e a investigación para evitar a excesiva dependencia exterior. Esta supeditación, que se viña sinalando desde hai tempo como un problema, quedou claramente de manifesto coa pandemia da COVID-19 e a dependencia de España de produtos tan necesarios como as máscaras ou as vacinas.

Tendencias Recentes: Globalización e Deslocalización

A industria ten un ritmo positivo de crecemento de vendas, produción e demanda, aínda que vai perdendo importancia dentro do conxunto de actividades económicas por mor da terciarización xeral da economía e do emprego.

A crise financeira de 2007, xurdida inicialmente nos Estados Unidos, afectou posteriormente a toda a economía mundial. Na Unión Europea iniciouse unha tendencia xeral á baixa, que en España se reflectiu nunha recesión da carteira de pedidos, un aumento dos stocks e unha desaceleración do emprego.

O actual tecido industrial español está incorporado á globalización económica, de maneira que as nosas zonas industriais se configuran como puntos dunha rede de produción a nivel mundial. Nunha economía globalizada capitalista as empresas buscan a competitividade para aumentar a súa cota de mercado a través de menores custos laborais, maior permisividade medioambiental e mellores condicións fiscais e técnicas. Por esta razón trasládanse ao leste de Europa, sueste asiático, China, entre outros.

As consecuencias da deslocalización en España son a deterioración das condicións de traballo e o aumento do desemprego no sector secundario e unha maior orientación da economía cara ao sector terciario.

A incorporación de novos países á UE en 2007 e 2013 afectou á industria española por diversos motivos: estes países gozan dunha maior proximidade ao grande eixe industrial europeo que constitúen os países nórdicos, Alemaña e o norte de Italia; ademais, a súa estrutura produtiva é similar á española, mais a man de obra é máis barata, e a súa produtividade e cualificación en alta tecnoloxía, maior. Así mesmo, o investimento do capital estranxeiro permitiulles a implantación de empresas de alta tecnoloxía co que aumentou o seu potencial industrial dentro da UE.

Un dos sectores da industria española máis afectados é o dos automóbiles, no que España mantiña un bo ritmo de exportacións, pero está dominado por empresas de capital estranxeiro que poden deslocalizar as industrias a estes novos países da UE na procura de menores custos.

A saída do Reino Unido da UE tamén ten consecuencias para a industria española, aínda que todavía son difíciles de valorar con perspectiva, por exemplo no sector automobilístico e nas empresas fabricantes de compoñentes para vehículos, pois sitúanse á cabeza dos que máis exportan ao Reino Unido.

Entradas relacionadas: