Industria Española: Globalización, Deslocalización e Crise Económica

Enviado por Chuletator online y clasificado en Geografía

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,19 KB

Tendencias Recentes na Industria Española: Globalización e Deslocalización

A industria española experimentou un ritmo positivo de crecemento en vendas, produción e demanda. Porén, vai perdendo importancia dentro do conxunto de actividades económicas debido á terciarización xeral da economía e do emprego.

Impacto da Crise Financeira e a Terciarización

A crise financeira de 2007, orixinada inicialmente nos Estados Unidos, afectou posteriormente a toda a economía mundial. Na Unión Europea, iniciouse unha tendencia xeral á baixa, que en España se reflectiu nunha recesión da carteira de pedidos, un aumento dos stocks e unha desaceleración do emprego.

A man de obra descendeu e a que queda precisa ser cada vez máis cualificada. Ademais de aumentar a cualificación da man de obra, aumenta a terciarización do emprego industrial coa aparición de servizos á produción, como:

  • Loxística para o transporte
  • Xestión financeira
  • Controis de calidade

Influencia da UE e Novos Mercados

A incorporación de novos países á UE afectou á industria española por diversos motivos:

  • Estes países gozan dunha maior proximidade ao grande eixo industrial europeo que constitúen os países nórdicos, Alemaña e o Norte de Italia (a coñecida como área da "banana azul").
  • A súa estrutura produtiva é semellante á española.
  • A man de obra é máis barata.
  • A súa produtividade e cualificación en alta tecnoloxía son maiores.

Así mesmo, o investimento de capital estranxeiro permitiulles a implantación de empresas de alta tecnoloxía, o que aumentou o seu potencial industrial dentro da UE.

O Sector do Automóbil e a Deslocalización

Un dos sectores da industria española máis afectados é o dos automóbiles. Malia que España mantivo un bo ritmo de exportacións neste sector, este está dominado por empresas de capital estranxeiro que poden deslocalizar as industrias na procura de menores custos (como o caso de Citröen en Vigo). Isto tería consecuencias negativas para as industrias auxiliares de compoñentes.

Globalización e a Rede de Produción Mundial

O actual tecido industrial español estase a incorporar á globalización económica, de maneira que as nosas zonas industriais se configuran como puntos dunha rede de produción a nivel mundial.

Esta rede caracterízase pola concentración de capital e de decisión en poucas empresas multinacionais moi poderosas, co que o papel da economía estatal vese reducido. Numerosas decisións tómanse fóra de España, xa que aquí hai poucas sedes centrais de grandes empresas. Isto explica que, malia ser unha potencia industrial, non teña un papel relevante na economía mundial.

Causas e Consecuencias da Deslocalización

Nunha economía globalizada, as empresas buscan a competitividade para aumentar a súa cota de mercado. Disto derívanse as causas da deslocalización:

  • A busca de menores custos laborais.
  • A procura de mellores condicións fiscais e técnicas.

Por esta razón, as empresas trasládanse a lugares como o Leste de Europa, o Sueste asiático, China, etc.

Por outro lado, a localización dos establecementos industriais descentralizouse, de maneira que a empresa pode deslocalizar parte do proceso produtivo. Este é o caso dalgunhas fábricas téxtiles españolas que desprazan ao Norte de África os procesos que esixen unha considerable man de obra, mentres que o deseño dos tecidos, proceso de maior valor engadido, faise en España.

Ademais, grazas á automatización do proceso produtivo, flexibilizouse a produción, permitindo producir a cantidade de produtos necesarios en función da demanda.

Impacto e Resposta Política

As consecuencias das deslocalizacións son o incremento da taxa de paro e a perda de emprego no sector secundario, que tende cada vez máis a terciarizarse. As políticas industriais, por parte dos gobernos, proporcionanlles axudas ás empresas para frear o proceso de deslocalización.

Entradas relacionadas: