A Ilustración no Século XVIII: Ideas e Reformas
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 7,18 KB
O pensamento ilustrado
No século XVIII xorden nos distintos reinos europeos novas ideas filosóficas, sociais, políticas e económicas que conforman un movemento cultural e ideolóxico (A Ilustración) que pretende iluminar á sociedade coas luces da razón. O racionalismo é a súa característica fundamental, polo que defende o uso da razón para pescudar nos fenómenos naturais para elaborar leis científicas sometidas a comprobación crítica, acompañado todo isto por un afán didáctico e pedagóxico como vector de difusión dos seus ideais. A adopción do método empírico separa á ciencia da relixión. Este avance nos saberes debería conducir a un continuo progreso material, a un dominio do ser humano sobre a natureza, a cal debe proporcionar os recursos necesarios para as sociedades e dotalas dun estado de felicidade nunca antes visto.
A crítica do Antigo Réxime
As análises e os métodos de estudo da Ilustración levados ás cuestións sociais, económicas e políticas debían conducir a unha crítica do Antigo Réxime e a un desexo de reforma da sociedade, da economía e da política. Hai toda unha filosofía política que pon de relevo que todo ser humano cando nace ten dereitos inherentes ao feito de ser persoa polo que cuestiona a sociedade estamental baseada no privilexio e na diferenza de dereitos. Agora ten lugar unha defensa da liberdade e da igualdade xurídica que colisiona cos fundamentos políticos do Antigo Réxime.
Se os individuos nacen cunha serie de dereitos inalienables, a obriga do Estado é defendelos e acrecentalos polo que tamén se pon en cuestión o absolutismo monárquico, ao que contribuirán dun xeito decisivo a irrupción de conceptos como soberanía nacional e división de poderes. Esta ansia de liberdade política terá o seu trasunto na defensa da liberdade de mercado e de produción criticando o intervencionismo do Estado.
A Ilustración en Galicia
As novas ideas reformistas e ilustradas serían aceptadas e desenvolvidas por unha minoría de persoas que, confiadas no triunfo da razón, buscarían arrancar ós homes da súa indixencia material e intelectual así como a procura da prosperidade económica do seu país. Os seus propósitos atoparíanse cunha chea de obstáculos procedentes da ignorancia e da miseria das masas populares como da oposición de certos grupos dirixentes satisfeitos coa tradición e as ideas establecidas e sumamente desconfiados co sentido crítico, coa razón e coa ciencia fronte á fe relixiosa. Entre os ilustrados ou reformistas había quen estaba convencido da viabilidade da sociedade existente e tan só propoñía cambiar algunhas cousas, mentres outros pensaban que en realidade eran as raíces da sociedade as que había que modificar; cambios que debían realizarse de forma gradual e moderada. Os tradicionalistas, pola contra, opoñíanse a calquera tipo de cambio ou transformación da sociedade que fora contra a tradición. Como en moitas outras zonas de Europa e de España, en Galicia xurdirían ó longo do século XVIII distintas iniciativas e manifestacións vinculadas ás preocupacións culturais, económicas e ideolóxicas da ilustración, destacando polos seguintes trazos distintivos:
- A moderación das súas propostas;
- A mellora das actividades agropecuarias, a defensa dos intereses pesqueiros galegos, a potenciación da produción artesanal e industrial e a ampliación das actividades comerciais;
- O fomento da educación e da renovación científica;
- A crítica social con frecuentes repulsas ós nobres e clérigos ociosos acompañadas da defensa da capacidade persoal como mérito para a ocupación dos cargos públicos;
- A defensa de Galicia, ata o punto que nos escritos de persoeiros como Sarmiento, Sobreira, Cornide, Somoza de Monsoriú, entre outros, prodúcese a primeira toma de conciencia da realidade diferencial galega;
- O recurso ao poder do Rei para alcanzar as reformas pretendidas e afastar tanto os atrancos existentes como a oposición dos sectores tradicionalistas, polo que defenderían unha nova concepción do poder coñecida como Despotismo Ilustrado no que os Monarcas deberían exercer un poder absoluto para encabezar e impulsar as reformas para deste xeito aumentar a riqueza e o benestar dos seus súbditos (Todo para o pobo pero sen o pobo). Este apoio ao poder real faría que moitos ilustrados formasen parte dos gobernos especialmente durante o reinado do Monarca Ilustrado por excelencia, o Borbón Carlos III (alcumado o mellor alcalde de Madrid).
Co obxectivo de divulgar as súas ideas e proxectos os ilustrados galegos crearían varias institucións entre as que destacarían: A Academia de Agricultura do Reino de Galicia, A Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago e de Lugo e o Real Consulado Marítimo e Terrestre da Coruña. Os principais ilustrados galegos serían: Benito Jerónimo Feijoo e Montenegro, Frei Martín Sarmiento, entre outros.
O Despotismo Ilustrado e Carlos III
Ó longo do século XVIII e no marco de reforzamento do poder absolutista, os Borbóns tentarían limitar o poder da igrexa controlando tanto os nomeamentos dos eclesiásticos como o número dos efectivos e a súa riqueza. Esta política de control e supervisión coñeceríase co nome de Regalismo, e sería iniciada na época de Filipe V aínda que quedaría apuntalada con Fernando VI. O seu sucesor, Carlos III amosaríase partidario de seguir algunhas das ideas de progreso e racionalización imperantes naquel tempo, sempre e cando non atentasen contra o poder da monarquía absoluta. Esta experiencia política coñeceríase co nome de Despotismo Ilustrado e tería lugar naqueles países nos que os ilustrados eran conscientes da debilidade da burguesía e a ignorancia das clases populares, polo que calquera programa de cambio tería que ser obrigatoriamente asumido por un poder forte como o da monarquía. Carlos III sería un dos prototipos de monarcas ilustrados que existirían na Europa daquela época. Enormemente preocupado polo progreso da súa Coroa, ó longo do seu reinado impulsaría numerosas reformas económicas, administrativas e culturais, ademáis de apoiarse para gobernar nos partidarios das ideas da ilustración. Neste senso, os seus diferentes gobernos ilustrados desenvolverían numerosos proxectos e reformas co gaio de tentar incrementar a riqueza e o poder da monarquía así coma o progreso e o benestar dos seus habitantes. Para levalas a fin, apelarían ós grupos dirixentes da sociedade, especialmente á nobreza, que debían converterse no motor das transformacións baixo o amparo da Coroa.
A meirande parte das reformas serían fundamentalmente económicas e político-administrativas, tendo un carácter moderado e práctico que non alteraba as bases esenciais do sistema vixente. Aínda que os resultados de moitas destas medidas foron escasos, permitirían sentar as bases para unha maior transformación da sociedade durante os procesos de cambio que afectarían á Coroa española a comezos do século XIX.