A Ilustración: Razón, Progreso e Crítica Filosófica

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 3,23 KB

O Movemento da Ilustración: Ideas Fundamentais e Impacto

As expresións “Ilustración”, “Século das Luces” e “Iluminismo” designan un movemento cultural, non estritamente filosófico, que se estende e desenvolve aproximadamente durante o século XVIII, principalmente en Inglaterra, Francia e Alemaña.

A Ilustración por Países

  • Inglaterra: A Ilustración tivo un carácter marcadamente gnoseolóxico (empirista), aínda que non se desdeñaron os ámbitos da moral e da política.
  • Francia: É no terreo do pensamento político e histórico onde as achegas da Ilustración francesa resultan ser máis novidosas. No campo da teoría política, as achegas de Montesquieu e Rousseau serán decisivas para elaborar o concepto moderno de democracia.
  • Alemaña: A Ilustración vaise caracterizar pola análise da “razón” coa intención de atopar nela e de facer dela o sistema de principios que rexa dende si mesma o saber da natureza e da acción moral e política da vida humana (Wolf, Lessing, Kant).

A Idea de Progreso na Ilustración

Un dos trazos de identidade dos ilustrados é a fe no progreso. Con eles, a historia deixará de ser concibida como o escenario da salvación para ser concibida como escenario do progreso humano. O movemento ilustrado confía en que o triunfo da razón sobre os prexuízos, as supersticións e o dogmatismo, conducirá a un extraordinario desenvolvemento das ciencias e das artes, o que permitirá un maior coñecemento e dominio da natureza para poñela ao servizo do home.

Ao mesmo tempo, o uso da razón axudaranos a crear proxectos de vida individuais e colectivos que fagan as sociedades máis xustas e os individuos máis felices. Esta é a concepción da historia na que aínda vivimos inmersos.

Crítica á Civilización: A Visión de Rousseau

Rousseau vai ser o primeiro crítico destacado desta concepción do progreso. Fronte aos ilustrados, argumenta que as ciencias e as artes non melloraron o home, senón que axudaron a corrompelo, contribuíndo a crear sociedades artificiais nas que domina a desigualdade e todos os males que esta trae consigo.

A Ilustración en Kant: Razón Pública e Privada

Toda a obra kantiana, como en xeral toda a Ilustración, é un alegato en favor da liberalización de toda tutela e en favor dese heroísmo que se precisa para atreverse a pensar por un mesmo. Para Kant, esta defensa do uso da razón de cada un ten un certo límite.

Kant distingue o uso público da razón do seu uso privado:

  • Uso Público da Razón: Refírese á discusión pública de todos os problemas que poidan afectar os individuos con vistas a atopar fórmulas mellores para resolvelos. Neste ámbito, debe haber unha total liberdade do uso da razón.
  • Uso Privado da Razón: Enténdese como o uso que, como profesional, vese obrigado a facer da razón. Neste caso, pode ceñirse a certos límites. Por exemplo, un cidadán pode criticar publicamente os impostos que rexen no seu Estado e intentar ofrecer sistemas mellores na súa distribución, recadación, etc. Pero non pode negarse a pagar os impostos sen máis.

Entradas relacionadas: