A II República Española: Democracia e Reformas

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Historia

Escrito el en español con un tamaño de 3,15 KB

A II República: Un Réxime Democrático

En 1931 convocáronse eleccións municipais. Estas celebráronse o 12 de abril e déronlles o triunfo ás candidaturas republicanas en case todas as capitais de provincia. Aínda que o triunfo global lles correspondera aos monárquicos, os republicanos consideraron que o seu éxito nas grandes capitais, menos dominadas polos caciques, era un triunfo definitivo. Os propios monárquicos aceptaron este punto de vista. Coñecido o resultado, Afonso XIII exiliouse e formouse un goberno provisional que proclamou a II República o 14 de abril de 1931, de forma pacífica.

O Goberno Provisional e a Constitución de 1931

O novo goberno estaba integrado polos partidos que asinaran o Pacto de San Sebastián, e presidíao Alcalá Zamora. Inmediatamente o goberno iniciou unha serie de reformas e convocou eleccións a Cortes Constituíntes, que gañaron os partidos republicanos.

As Cortes elaboraron a Constitución de 1931. Esta implantaba un réxime plenamente democrático, en que todos os partidos podían estar representados. As súas principais innovacións eran as seguintes:

Principais Innovacións da Constitución de 1931

  • O sufraxio universal sen distincións de sexo.
  • O Estado aconfesional, sen relixión oficial, no que se recoñecía a liberdade de conciencia e o dereito a practicar calquera relixión e a recibir unha educación laica.
  • A organización territorial descentralizada, na que se recoñecía a posibilidade de crear rexións autónomas. Tamén se recoñecían as linguas particulares desas rexións xunto ao castelán, considerado como o idioma oficial da República.
  • A importancia do benestar social. A Constitución permitía que o goberno expropiase bens considerados de utilidade pública e animaba a potenciar o ensino público.

O Bienio Reformista (1931-1933)

Entre 1931 e 1933, Azaña foi presidente do goberno e continuou o labor reformista.

As Reformas

  • A reforma agraria pretendía transformar a estrutura agraria española para mellorar a produción agraria e a vida dos campesiños. Para iso prevía a expropiación dos latifundios sen cultivar e a repartición das terras entre os xornaleiros. O organismo encargado de levar a cabo a reforma foi o Instituto de Reforma Agraria.
  • Concedéuselle a autonomía a Cataluña, coa aprobación do Estatuto de Núria en 1932 e a creación da Generalitat.
  • A reforma militar era fundamental, dada a grande influencia política que tiña o exército.
  • Tamén se abordaron importantes reformas laborais, que estableceron salarios mínimos e seguros de accidentes, entre outras medidas, para mellorar a vida dos obreiros.
  • Un aspecto ao que a II República lle concedeu prioridade foi a reforma educativa. Construíronse 10.000 escolas primarias en 2 anos e aumentouse o orzamento de educación nun 50%.
  • Tamén se regularon o matrimonio civil e o divorcio.

Entradas relacionadas: