A Igrexa Galega nos Séculos XII e XIII: O Poder de Santiago de Compostela e as Novas Ordes
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 12,26 KB
1. O Panorama Episcopal: Santiago, Sé Arcebispal e Metropolitana
A finais do século XI, temos un breve episcopado de Dalmacio (1094-1095), onde comezan cambios institucionais. Por unha banda, cámbiase a titularidade da sé, de Iria a Compostela, e por outra banda, Urbano II concede tamén o privilexio de exención. Desta forma, Santiago queda exenta da dependencia que tiña con Braga para pasar a depender directamente de Roma.
Sen embargo, non hai bispo máis coñecido que *Diego Xelmírez*, quen vai ser investido no ano 1100 e consagrado no ano 1101. O seu «Pío Latrocinio» do ano 1102 é visto como o seu debut como bispo, e foi interpretado como un xesto de ruptura con Braga. No ano 1104 viaxa por primeira vez a Roma, e Pascual II concédelle o palio, o que equivale, oficiosamente, a considerar a sé compostelá como de rango arcebispal. A promoción arcebispal era a auténtica aspiración de Xelmírez pola condición «apostólica» da súa diocese.
Ante isto, opoñeranse Braga e Toledo, xa que nese momento eran as únicas dioceses arcebispais do reino. Para conseguilo, houbo unha auténtica exhibición de diplomacia «xelmiriana»:
- Viaxes, pagos e regalos de Xelmírez á Curia.
- Boas relacións con Cluny.
- Unha estreita relación co Papa Calixto II (tío de Alfonso VII), grazas á cal conseguirá ese recoñecemento.
A Conversión de Compostela en Arquidiocese
Entre 1120 e 1124, Compostela vaise converter en arquidiocese, nun proceso gradual. No ano 1120, Calixto II concédelle a dignidade arcebispal de Mérida, que aínda estaba en mans islámicas. De entrada, esta concesión é temporal, ata que Mérida pase a integrarse na Cristiandade. No privilexio papal especifícase que aqueles episcopados que dependían de Mérida en épocas anteriores pasen a facelo de Santiago: Ávila, Salamanca e Coimbra.
Xelmírez non estaba satisfeito coa concesión temporal emeritense. No ano 1124, pasa a ter definitivamente a condición de arquidiocese de Mérida, independentemente de que fose reconquistada ou non. Aínda máis, no ano 1127, Xelmírez obtén de Alfonso VII a promesa de que cando Mérida fose incorporada ao reino, a cidade sería doada a Santiago. Así foi no 1230, cando Alfonso IX entregou Mérida ao arcebispo compostelán Bernardo. No ano 1236, foi doada á Orde de Santiago. Desta forma, o territorio sur de Estremadura queda vencellado a Santiago.
Deste xeito, Santiago convértese en provincia eclesiástica que incluía as seguintes dioceses:
- Salamanca
- Ciudad Rodrigo
- Ávila
- Coria
- Plasencia
- Évora
- Lisboa
- Lamego
- Idanha
- Badajoz
- Zamora (disputada con Braga e Toledo)
A Riqueza e a Proxección de Santiago
Dentro dos proxectos de Xelmírez, é habitual considerar que pretendía converter a Santiago nunha segunda Roma. A riqueza material da Igrexa de Santiago en tempos de Xelmírez procede de:
- Privilexios reais.
- Terra de Santiago.
- Donativos e esmolas de peregrinos.
- Xestión dos seus cuantiosos bens inmobles.
- Inicio do cobro do Voto de Santiago.
Parte desa riqueza foi empregada en construcións, principalmente na Catedral. Outra parte da riqueza foi empregada en crear un cadro clerical que pretendía equipararse con Roma. O cabido catedralicio, reformado por Xelmírez, estaba integrado por 72 cóengos, algúns deles con título de cardeais. Este extraordinario número de cóengos faise con permiso de Roma. Nese momento, en Toledo, por exemplo, había só 30 cóengos. O número de cóengos reflicte a cantidade de rendas e ingresos dispoñibles de cada catedral, polo que a que máis ten, máis rica é.
Os proxectos librarios e propagandísticos de Compostela en tempos de Xelmírez foron a *Historia Compostelá*, o *Liber Sancti Iacobi* (Códice Calixtino) e o *Tombo A*.
Os contactos con Roma foron fluídos e constantes, con cartas, viaxes de legados e pagos en metálico e en especie. Pedro Fulco, colaborador de Xelmírez, visitou Roma polo menos 9 veces en 16 anos. Na *Historia Compostelá* menciónanse pagos de 700 áureos, 327 onzas de ouro e 30 marcos de prata (case 10 kg de ouro en total). Isto explica a boa relación que tivo con todos os pontífices da súa época. O resto das dioceses galegas pertencían á provincia eclesiástica de Braga. A situación mantívose ata finais do século XIV. Co Cisma e coas posicións enfrontadas de Castela e Portugal, as sés portuguesas pasan a depender de Lisboa, mentres que as galegas pasan a depender de Santiago.
2. Novos Aires Monásticos: Benedictinización, Cistercienses e Agostiños
A Benedictinización dos Mosteiros
O proceso de «benedictinización» de parte de vellos mosteiros foi lento e gradual. Tivo uns tímidos inicios entre 1055 e 1077, pero vivirá un grande impulso desde finais do século XI e comezos do XII, como nos casos de:
- Samos (1080)
- Celanova (1109)
- San Martiño Pinario (1115)
A **Regra Benedictina**, teoricamente, supón o fin da duplicidade, é dicir, o cese da convivencia de monxes e monxas, e supón a independencia fronte a descendentes de vellos patronos, con plena autonomía fronte aos laicos. A Regra Benedictina como única forma de vida atopou algunhas dificultades nalgúns mosteiros como Cis e os Traba.
A Influencia de Cluny
Dentro do mundo benedictino, Cluny é unha marca excepcional durante os séculos XI e XII. A influencia de Cluny no episcopado é importante, con figuras como Dalmacio e Xelmírez. Entre os anos 1109 e 1113, entregáronse sendos mosteiros a Cluny, converténdose desde entón en priorados da abadía de Borgoña:
- No 1109, Pombeiro, pola raíña Urraca.
- No 1113, Xubia, por Pedro Froilaz.
Outros priorados de importancia mediana son Valverde e Budiño, entregados entre 1125 e 1126 por xentes próximas a Urraca. Sen embargo, o protagonismo dos priorados galegos foi discreto, xa que non lograron desvincularse da familia fundadora, estaban vinculados a Cluny cando comeza o seu declive e foron comunidades pequenas e pouco activas.
A Irrupción Cisterciense
Por outra parte, destaca a irrupción cisterciense. No 1142, a vella abadía de Sobrado, daquela en mans dos Traba, é doada a Claraval. Vai ser a primeira casa bernarda de Galicia e de Castela. Despois veu Meira, fundada *ex novo*, e logo Oseira, a partir dunha recente casa benedictina. Entre 1142 e 1145, en Galicia fundáronse 13 mosteiros cistercienses masculinos e 2 femininos.
Razóns do Éxito do Císter
As razóns do éxito do Císter son as seguintes:
- Chegan a Galicia no momento culminante na historia da Orde, en contraste con Cluny, que estaba en decadencia.
- Unha posible sinerxía cunha corrente eremítica previa, clara en casos como Toxosoutos ou Oseira.
- O apoio da monarquía galaico-leonesa, principalmente Fernando II.
- A excelente organización interna.
- Un primeiro século de plena implicación na agricultura e no comercio, cunha intensa relación coas cidades, o que xerou unha gran riqueza económica.
Os Cóengos Regulares Agostiños
Os grandes esquecidos foron os Cóengos Regulares. Implantados en Galicia un pouco antes que o Císter, contan cunha difusión paralela, aínda que non foi tan intensa cualitativamente e estivo máis localizada xeograficamente. Caaveiro, fundado na Antiga Idade Media, faise agostiño cara ao 1120 pola influencia de cóengos mindonienses residentes alí. O fito principal foi a fundación de Sar, en 1136, obra do bispo de Mondoñedo Munio Afonso. Mantivo unha estreita relación co cabido compostelán como lugar de retiro de cóengos. En total haberá 12 centros en Galicia, entre os que tamén destacan San Miguel de Breamo, San Salvador de Pedroso ou Xunqueira de Alba.
3. As Ordes Militares en Galicia
Hai unha presenza desigual en Galicia, coa maioría ausente no territorio da arquidiocese compostelá. Están mal documentadas e son máis coñecidas como instancias de poder que na súa dimensión estritamente relixiosa.
A Orde do Temple
Sobre a Orde do Temple hai un certo debate sobre a súa importancia en Galicia. A maioría de enclaves templarios están situados en portos de mar ou xunto a camiños de peregrinación. As dúas bailías principais son litorais: Burgo de Faro e Coia, en Vigo.
Os Hospitalarios
Con respecto aos Hospitalarios, hai dúas encomendas principais que agrupaban a maior parte das súas igrexas, hospitais e outro tipo de centros. Destacan Portomarín e Beade, en Ourense.
A Orde de Santiago
A Orde de Santiago, malia o seu nome, nace fóra de Galicia e sen vínculos orixinais co Xacobeo, xa que naceu en Cáceres no 1170. Un ano despois, os freires de Cáceres acordan co arcebispo compostelán poñerse baixo a protección do Apóstolo. Un dos seus obxectivos principais foi a defensa de propiedades da Mitra en Estremadura, e foron recompensados coa entrega de Mérida. O esencial da Orde radica fóra de Galicia, pero aquí tamén tivo presenza. O principal enclave foi **Vilar de Donas**, xa preexistente, pero doado aos santiaguistas a finais do XII. Situado xunto ao Camiño Francés, levaron a cabo labores de atención e defensa do peregrino. A época de maior importancia foi a primeira metade do XIII, cun prior acompañado por ata dez freires.
4. A Rápida Implantación dos Mendicantes en Galicia
Os mendicantes foron creados para dar resposta ás novidades dos séculos XII e XIII, é dicir, para o mundo urbano e a súa sociedade. Estes non se afastan do mundo, senón que se implican nel de forma directa, escollendo preferentemente ubicacións urbanas. Debido ao seu protagonismo urbano, económico e relixioso, non é raro que Santiago acollera as primeiras fundacións mendicantes de Galicia. Sendas tradicións falan de peregrinacións de San Francisco (1215) e de Santo Domingo (1219), que suporían fundacións de conventos, pero ningunha está comprobada documentalmente. Porén, ambas existen xa, certamente, no ano 1228.
Fundacións Destacadas
Fundacións destacadas serían:
- Ourense (1249)
- Tui (1272)
- Lugo (1274)
- A Coruña (1280)
- Pontevedra (1282)
Antes de finais do século XIII, hai, simultaneamente, conventos de dominicos e franciscanos en Santiago, Lugo, A Coruña, Pontevedra e Viveiro. Só contamos con presenza dominica en Tui, Ribadavia e Ortigueira. Só con presenza franciscana en Ourense e Ribadeo.
As Ramas Femininas
Con respecto ás ramas femininas, as clarisas aparecen algo máis tarde. O convento compostelán fundouse cara ao 1270, as mesmas datas que se estiman para o inicio do de Pontevedra. Ambas fundacións son promovidas polos propios franciscanos. Caso distinto observamos en Santa Clara de Allariz, onde a iniciativa é da raíña Violante, viúva de Alfonso X o Sabio. Foi o lugar elixido para retirarse como clarisa, pero non chega a cumprirse.
Por outra banda, as dominicas instálanse máis tardiamente, sendo o primeiro convento o de Santiago, fundado no 1305. Con posterioridade, aparecen os terciarios de ambos os sexos.
Éxito e Conflito Urbano
Unha das particularidades dos conventos mendicantes é que, excepto en Lugo, sempre se fundan fóra das murallas, aínda que na súa proximidade. Desde a súa instalación, teñen un gran éxito, con predicións moi populares. A identificación coa burguesía fai que estes lles fagan múltiples doazóns e mandas testamentarias. Outra das razóns deste éxito é que conseguen ser vistos como especiais avogados ante a morte. Terán protagonismo en cerimonias fúnebres, e os seus conventos e cemiterios son elixidos como lugar de enterramento da burguesía e, posteriormente, da nobreza.
Este éxito foi mal recibido por parte do resto do clero, especialmente provocou desagrado entre o clero catedralicio en cidades episcopais, pois viron ameazado o seu *status* económico. En Lugo e Tui, o clero catedralicio intentou dificultar o asentamento dos dominicos. Cando os franciscanos chegan a Ourense, reciben malos tratos, parece que alentados polo Cabido. O convento auriense acaba convertido en referente da loita de burgueses contra a autoridade do Bispo.