A idade de ouro da literatura galega: Influencia de Irmandades da Fala e Grupo Nós

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 7,29 KB

As Irmandades da Fala (IF) e o Grupo Nós desenvolveron unha intensa actividade política, literaria, científica e cultural: foron os artífices do nacionalismo. No eido cultural, crearon as editoriais Céltiga, Lar e Nós como medio de divulgar o seu traballo. Desenvolveron o xornalismo co semanario A Nosa Terra (1916-36) e a revista mensual Nós, aberta á colaboración de escritores foráneos e na que se publicaron traballos de todos os campos da cultura, co obxectivo de modernizar e europeizar a cultura galega. Os máis novos achéganse ás vangardas coas revistas vangardistas Alfar, Ronsel, Resol, Cristal, Yunque, Papel de Color. Consolidaron o ensaio en galego, coa creación do Seminario de Estudos Galegos (SEG), que realiza investigación científica sobre Galicia, publicando artigos, tratados, estudos, etc. na nosa lingua. En definitiva, iniciaron a extensión do galego para todos os usos.

No eido literario, nesta etapa hai varias promocións de narradores: os máis vellos son continuadores da prosa do século XIX, de temática ruralista e costumista: Néveda de Francisca Herrera Garrido ou As aventuras de Alberte Quiñoi, de Manuel García Barros.

Os autores das IF adicáronse sobre todo á poesía e ao teatro, pero destacan algúns narradores coma Xaime Quintanilla, coa novela curta Saudade, e Armando Cotarelo Valledor, autor de Contos de Nadal.

O Grupo Nós é a xeración máis importante da literatura galega contemporánea, xa que desenvolveron unha importantísima actividade política e cultural. Canto á literatura, consolidaron a prosa, o teatro e o ensaio galegos.

Castelao non comparte a evolución ideolóxica do Cenáculo Ourensán (Risco, Pedrayo, Cuevillas), que antes de chegaren ao compromiso nacionalista estaban fascinados polas correntes europeas e desprezaban a cultura galega.

Vicente Risco

Vicente Risco escribe toda a súa obra na súa etapa galeguista anterior á guerra. Elabora unha narrativa de carácter intelectual moi vencellada ao seu pensamento filosófico e ao seu labor de etnógrafo. Estréase escribindo relatos breves: dentro do seu modernismo inicial, publica Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros, un relato humorístico e esotérico no que o protagonista libera a momia do faraón Tutankhamon.

Nos anos 20, publica relatos de base folclórica e mensaxe galeguista: A velliña vella, O lobo da xente, A trabe de ouro e a trabe de alquitrán e o dialogado A Coutada.

Contra o final da década, na etapa satírica, publica a primeira novela moderna das nosas letras, O porco de pé, sátira humorística e descarnada sobre a ignorancia e o materialismo dos señoritos, “filisteos”, da sociedade urbana ourensá; sobresae a brillantez estilística e a enorme riqueza de recursos lingüísticos.

Escribe tamén ensaio: amais dunha amplísima obra etnográfica e antropolóxica, é autor de Teoría do nacionalismo galego (1920), o principal referente da ideoloxía galeguista da época. En Mitteleuropa dános a súa visión da Alemaña dos 30 baixo o seu prisma tradicionalista e antimarxista. No artigo Nós os inadaptados explica a conversión ao galeguismo dos homes do Cenáculo.

Otero Pedrayo

Otero Pedrayo foi o narrador máis prolífico do grupo. O tema central da súa obra é Galicia, a medieval n’A romaría de Xelmírez, e sobre todo a Galicia contemporánea e as transformacións no paso do século XIX ao XX. Os temas recorrentes das súas novelas son: a visión nostálxica do mundo rural tradicional que desaparece; a decadencia da fidalguía e dos mosteiros fronte á aparición da burguesía urbana, foránea e inculta; o nacemento do galeguismo; a defensa da tradición, da cultura e da lingua e o canto á paisaxe. Os personaxes son prototípicos e simbólicos, representantes de sectores ou estamentos da sociedade galega, por veces el mesmo ou membros da súa familia. O seu estilo é riquísimo e variado, destacando por un inusual dominio e coñecemento do idioma.

A maioría dos seus relatos breves tratan a temática da fidalguía e da paisaxe, e están recollidos en dúas coleccións: Contos do camiño e da rúa e Entre a vendima e a castañeira.

Entre as súas novelas, realistas ou culturais, salientan as tres nas que recrea cronoloxicamente a Galicia contemporánea:

  • Os camiños da vida narra a morte da Galicia tradicional do século XIX, recreando a súa Trasalba, para rematar coa esperanza dunha Galicia culta e galeguista.
  • Arredor de si retrata a dolorosa conversión ao galeguismo de Adrián Solovio, un trasunto propio e xeracional.
  • Devalar pecha esa progresión coa asunción plena da conciencia galeguista nos tempos do SEG.

Na súa extensísima obra ensaística abrangue case todos os ámbitos humanísticos: historia, xeografía, paisaxe... Destaca o Ensaio histórico sobre a cultura galega.

Castelao

Castelao é un artista polifacético (escritor, pintor, debuxante). A súa concepción da arte réxese por dous principios: a arte debe ter unha función social, ao servizo das clases populares; e a necesidade de crear unha arte galega encamiñada á dignificación de Galiza.

Por iso, os temas da súa narrativa son os problemas do pobo, desvelando as inxustizas que padece a través do lirismo afectivo e do humorismo (utiliza sobre todo a técnica do contraste).

O máis xenuíno na súa obra é a mestura da plástica e da literatura. O estilo é sinxelo e preciso, pero de grande calidade estética, destacando a capacidade de síntese, o uso do humor como arma de denuncia das inxustizas sociais e a perspectiva afectiva.

Estréase tamén escribindo relatos:

  • Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete denuncia humorística de actitudes e situacións sociais inxustas.
  • Cousas representa o máis xenuíno da súa narrativa pola conxunción da expresión plástica e verbal; as breves prosas chegan, nalgún caso a converterense en verdadeiros poemas; esta mestura de debuxo e prosa, en menor medida, atopámola no resto da súa obra.
  • Retrincos evoca en cinco relatos vivencias da súa infancia e mocidade, reflexionando sobre distintos aspectos da vida humana, baixo unha óptica de solidariedade cos máis desfavorecidos.

Por último, deixounos a novela Os dous de sempre, un clásico que enfronta en paralelo as biografías antitéticas de dous personaxes, Pedriño e Rañolas.

No campo do ensaio remata no exilio bonaerense a obra magna do ideario galeguista, Sempre en Galiza. No “adro” (introdución) e nos catro libros que a integran amosa o seu pensamento político democrático e nacionalista, defende Galicia como nación e aborda, con sorprendente rigor, a orixe e a situación sociolingüística do idioma.

De canda as primeiras obras de Nós, é a primeira edición de Dos arquivos do trasno, do rianxeiro Rafael Dieste (autor máis novo, da xeración do 25): un fito na modernización do relato galego.

Entradas relacionadas: