A I República Española: Federalismo e Cantonalismo
Enviado por Chuletator online y clasificado en Historia
Escrito el en gallego con un tamaño de 5 KB
A I República (Proxecto de Constitución Federal e Cantonalismo)
Tras a renuncia ao trono de Amadeo I en febreiro de 1873, polas distintas dificultades presentes no seu reinado (entre elas a crecente oposición republicana que tenta conseguir o apoio popular necesario para instaurar a República), o Congreso e o Senado reúnense conxuntamente, formando a Asemblea Nacional, que decide proclamar o 11 de febreiro de 1873 a República, a pesar de ser maioritariamente monárquicos. A Asemblea Nacional asume todos os poderes e nomea presidente do poder executivo a Estanislao Figueras (xefe do Estado e do Goberno).
Existían fortes diferenzas entre os republicanos sobre a organización política da República:
- Os unitarios defendían a creación dunha república unitaria.
- Os cantonalistas defendían a configuración dunha federación construída dende abaixo, a partir da unión voluntaria dos cantóns (unidades políticas inferiores que proclamarían a súa soberanía).
- Os federais gradualistas (dirixidos por Pi i Margall) defendían a idea da configuración da federación dende arriba, que unhas Cortes constituíntes da nación española decidisen o reparto de poderes entre o Estado federal e os Estados da federación.
Ante as tensións formadas por estas diferenzas, convocáronse novas eleccións (celebradas por sufraxio universal masculino, para os maiores de 21 anos) para formar unha Asemblea Nacional constituínte. Foron gañadas polos federais, polo que se proclamou a república federal con Pi i Margall como presidente. Consecuentemente, elaborouse un proxecto de Constitución federal que:
- Organizada España como unha federación integrada por dezasete Estados, incluídos Cuba e Porto Rico.
- A xefatura do Estado quedaba en mans do presidente da República (elixido por sufraxio universal), que posúe o poder de relación entre os distintos poderes e nomea o presidente do goberno.
- O poder lexislativo reside na Asemblea Nacional composta por dúas cámaras, sendo o Senado a cámara de representación dos Estados federados, e o Congreso é elixido por sufraxio universal directo para os españois maiores de 21 anos.
- As liberdades son amplas, similares ás de 1869, e recoñece os dereitos dos traballadores. Establece a separación entre Igrexa e Estado e prohibe a subvención de calquera culto.
- Acaba coa centralización, recoñecendo a autonomía municipal.
A República herdou os dous conflitos da etapa anterior: a guerra carlista, que se intensificou, e a guerra de Cuba, que non se solucionou co novo modelo federal do Estado. Por outra banda, incrementouse a axitación social e política (do que foi partícipe a AIT) e xurdiu con forza o movemento cantonalista. Estendeuse sobre todo por Levante e Andalucía, destacando a proclamación do Cantón de Cartaxena. Sendo un movemento fundamentalmente político, o cantonalismo incorporou nalgunhas zonas reformas sociais, contando así co apoio da AIT, que vía no federalismo un camiño cara a realización da revolución social. As revoltas cantonalistas provocaron o fracaso de implantar a federación desde arriba e a dimisión de Pi i Margall.
A necesidade de poñer fin ó cantonalismo provocou un xiro á dereita da República. O novo presidente, Salmerón, constituíu a República unitaria e aproximouse aos militares afonsinos para sufocar a rebelión cantonalista (Pavía, Martínez Campos), accedendo ás súas peticións de restaurar a orde. A negativa de Salmerón a restablecer a pena de morte levouno a dimitir, sendo substituído por Castelar quen, nun xiro aínda máis conservador, estableceu unha República autoritaria e obtivo da Asemblea poderes para gobernar por decretos: suprimiu o federalismo, suspendeu as Cortes e iniciou operacións militares contra cantonalistas, carlistas e cubanos. En xaneiro de 1874 reabriuse a Asemblea, pero cando parecía inminente a restauración do federalismo, o xeneral Pavía deu un golpe de Estado: entrou nas Cortes acompañado da Garda Civil e disolveunas sen apenas resistencia. Ante esta situación de baleiro do poder, o xeneral Serrano asumiu o poder executivo da República, suspendendo as garantías constitucionais ata rematar con esa situación de forte inestabilidade e convocar Cortes constituíntes. Isto favoreceu os intentos de Cánovas del Castillo de restaurar a monarquía na persoa de Afonso de Borbón, quen se presenta como un monarca constitucional e liberal no manifesto de Sandhurst. Finalmente o pronunciamento de Martínez Campos no mes de decembro do 1874 proclamará rei a Afonso XII, dando lugar á segunda restauración borbónica.