Historia, Verdade e Ficción: Unha Análise da Historiografía
Enviado por Patricia y clasificado en Filosofía y ética
Escrito el en gallego con un tamaño de 27,69 KB
HISTORIA, VERDADE E FICCIÓN
1.1 A historia como percepción inmediata na Antigüidade
A historia, como modo de discurso específico, nace no transcurso dun lento proceso, e a través de cortes sucesivos o xénero literario, en torno á procura da verdade.
Ao longo da historia, os historiadores realizaron múltiples esforzos para se desembarazar da ficción e garantir a verdade do seu relato. Os primeiros esforzos datan xa da Antigüidade clásica.
Desde Heródoto e Tucídides toda a historia antiga caracterízase pola proximidade temporal ao obxecto da investigación histórica, identificando percepción con coñecemento, é dicir, para estes autores o coñecemento histórico está estreitamente relacionado coa observación. De feito, a palabra "histor" significa o que sabe por ter visto algo, e a percepción directa dos acontecementos pasa a ser a característica fundamental do coñecemento histórico.
a) Heródoto: entre a historia e a ficción
- Heródoto, nacido en Grecia no século V a.C. (480-420), substitúe o reino do poeta narrador de lendas e dispensador de gloria inmortal para os heroes polo traballo de indagación (historie) levada a cabo polo "histor".
- Autor dunha extensa obra posteriormente denominada Historias, primeira obra grega en prosa, Heródoto afirma que escribe para rescatar do esquecemento as grandes proezas e darlles fama inmortal aos homes e os heroes como sucedía no caso da poesía épica antiga.
- Heródoto, que non foi testemuña dos principais acontecementos que relata (principalmente as Guerras Médicas que enfrontaron aos gregos contra o imperio persa), consigna as causas profundas do drama polo que atravesou o seu país, e o seu testemuño da verdade sitúase no ver, na mirada, na observación, no ver por si mesmo, que constitúe o instrumento privilexiado de coñecemento.
- Este tipo de investigación, a dos testemuñas de vista, a dos presenciais, levou a este a realizar múltiples viaxes, pero cando non podía asistir buscaba outras fontes de dubidosa fiabilidade, polo que posteriormente foi cualificado de simple fabulador, demasiado disposto incluso á invención para encher as faltas de información directa sobre o pasado.
- En resumo, Heródoto privilexia a observación, o coñecemento como percepción inmediata, pero acepta informacións orais, tradicións e fontes escritas, ás veces, pouco fiables que lle restan veracidade ao seu relato.
b) Tucídides e a procura da verdade.
- Tucídides (460-400 a.C. aproximadamente), discípulo de Heródoto, criticou a este por estar aínda demasiado cerca da lenda e demasiado lonxe das estritas regras para o establecemento da verdade.
- Para Tucídides a verdade convértese na razón de ser fundamental dos historiadores e establece unha serie de regras constitutivas do método a seguir para alcanzala.
- A regra máis importante é falar só dos acontecementos como testemuña presencial ou facer unha crítica o máis coidadosa das informacións propias. A forma de escribir historia, por tanto, está baseada na autopsia: só o visto se pode escribir.
- Agora ben, ao delimitar o campo de investigación ao percibido por el mesmo, reduce a operación historiográfica a unha restitución do tempo presente e prescinde do narrador nun intento de deixar falar aos feitos por si mesmos coa maior claridade posible. Deste xeito, Tucídides intenta dar ao lector unha mellor impresión de que os feitos falan por si sós, sen a interferencia do narrador.
- Na súa extensa obra sobre a guerra do Peloponeso entre Grecia e Esparta, trata de coñecer os acontecementos da historia e extraer leccións para as xeracións vindeiras. Deste xeito, Tucídides proporciona á súa obra de historiador unha virtude pedagóxica e outorga ao pasado un papel instrutivo do que se poden extraer ensinanzas morais.
- Como Heródoto, privilexia o ollo e a mirada como fontes da verdade, pero a diferenza do seu predecesor desconfía de toda fonte indirecta. O saber histórico consiste entón exclusivamente no ver (auptosia), en ser testemuña presencial dos acontecementos que se relatan.
- Polo tanto, para Tucídides o historiador imita acontecementos nos que o autor estivo presente, o que garante a fiabilidade e a credibilidade dos relatos. Pero, ao mesmo tempo, isto condena ao historiador a limitar o seu campo de indagación ao período que lle é contemporáneo. A única historia que se pode facer é unha historia contemporánea dos autores, pois é a única que asegura a adecuación entre o relato e o real. Deste xeito, a dependencia do presente constitúe unha das características de Tucídides e posteriormente da historiografía antiga.
- A preeminencia pola observación persoal e, nalgún caso, polas fontes orais próximas, durou moito tempo, pois a Idade Media herdou da Antigüidade a asimilación da historia coa descrición das cousas vistas, e, polo tanto, unha concepción que facía do presente a súa característica fundamental.
- Durante o período medieval o pasado, obxecto de fe na tradición ou nunha autoridade recoñecida (Igrexa, Monarquía, Universidade...) oponse ao presente, obxecto de coñecemento dos historiadores, que continúan confiando na percepción directa como lle sucedera á historiografía antiga.
1.2. A Erudición e o nacemento da Diplomática na Idade Moderna
a) A Historia e o Renacemento
- Durante os séculos XV e XVI o Renacemento reexamina e acentúa o corte orixinado na Antigüidade entre a Historia e a Literatura.
- Durante esta época histórica, a utilización de novas fontes que xa non son exclusivamente literarias combínase co uso de métodos novidosos que se constituirán posteriormente en ciencias auxiliares da historia.
- Ademais aparece un público apaixonado pola historia que pretende nutrir as súas propias conviccións políticas así como satisfacer a súa curiosidade con respecto á Antigüidade e as orixes históricas do seu propio país.
- Entre este público de curiosos destaca a notable presenza de xuristas que permiten un notable progreso da análise filolóxica así como o estudo de aspectos concretos da sociedade como o dereito ou a moeda, e produce unha espectacular renovación do coñecemento do pasado.
- O interese pola verdade histórica aumenta de forma considerable cos avances da arqueoloxía, a numismática, e a reforma dos medios xurídicos.
- Os novos produtores e consumidores de historia sentan as bases do método crítico das fontes, e o humanismo renacentista invita a un retorno aos clásicos, á afección polo antigo e ao interese polos escritos dos historiadores gregos e romanos.
- Agora ben, os eruditos ou anticuarios estudosos da Antigüidade non adoptaron a investigación de arquivos como unha ferramenta para analizar a historia senón que os seus motivos foron máis políticos que especificamente "históricos".
b) Lorenzo Valla e a erudición.
- Moitos historiadores coinciden en afirmar que un cambio decisivo na noción de verdade histórica tivo lugar no século XV cando o humanista e xurista Lorenzo Valla (1406-1457) logra demostrar en 1440 a falsidade do documento coñecido como Doazón de Constantino polo que este emperador concedía ao papa Silvestre I a plena autoridade sobre Occidente.
- Este documento fundamental establecía que Constantino tiña herdado do papado a posesión de Roma e Italia e, ao mesmo tempo, aceptado a autoridade temporal do Papado sobre todo o occidente cristián.
- A autenticidade do documento xa fora posta en dúbida durante a Idade Media pero é Lorenzo Valla, considerado por moitos especialistas o fundador do método filolóxico moderno, quen utilizando as fontes da paleografía e da crítica textual demostrou que a doazón non era auténtica e que non podía pertencer ao século IV senón que se trataba dunha falsificación da época medieval.
- A demostración da falsidade do documento realizada por Valla converteuse pronto no piar fundamental do denominado método científico-filolóxico das fontes.
- A recusación de Valla apoiábase na crítica erudita da fonte histórica pois enumera os numerosos erros lingüísticos, os barbarismos e os múltiples anacronismos do documento de doazón, grazas ao seu excelente coñecemento da civilización e lingua latina.
- En consecuencia, mediante o método de análise filolóxica Valla puido establecer con certeza que esa doazón imperial non fora redactada no século IV nos tempos de Constantino senón moito despois da morte deste emperador.
- A ruptura historiográfica que suscita e que modifica de maneira radical o réxime de verdade en historia obedece aos medios postos en acción por Valla, para demostrar a falsidade da escritura así como a audacia de impugnar un texto sagrado autentificado polo Papa.
- Ademais ao lanzarse contra a autoridade máis eminente, o papado, Valla realiza unha verdadeira revolución historiográfica, pois substitúe a autenticidade fundada na autoridade eclesiástica aceptada desde a Idade media, pola autoridade fundada no verificado, no autentificado, abrindo deste xeito un inmenso campo de indagación dos arquivos.
- Agora ben, cómpre non esquecer que Valla non traballa por simple amor á verdade, senón ao servizo dun patrón, Alfonso V de Aragón enfrontado ao Papado polas pretensións da curia papal sobre o reino de Nápoles.
- A obra de Valla permitirá o auxe da erudición nos séculos XVI e XVII, fará posible a discusión dos textos de dereito canónico, e inaugurará as controversias de interpretación dos textos sagrados ata entón subtraídos ao debate e que no século XVI van alimentar as divisións relixiosas.
c) O progreso da diplomática
- A diplomacia verdadeira xurdiu cando o interese práctico, como no caso de Valla, é substituído por unha dúbida metódica desinteresada sobre a autenticidade do documento e polo estudo científico do documento textual confrontado ao contexto histórico.
- Para poder falar dunha crítica ao documento, realizada por obxectivos que podemos denominar históricos hai que agardar ao século XVII. Nesa época establécense os fundamentos da crítica histórica levada a cabo polos denominados "anticuarios", que máis que historiadores son humanistas interesados pola Antigüidade greco-romana.
- A crítica sistemática ao documento e a codificación das regras desta crítica foi obra sobre todo da congregación bieita de Saint Maur, creada en 1618 durante o reinado de Luis XIII de Francia.
- En Saint Maur numerosos monxes se dedicaron á misión de verificar o estado das bibliotecas da orde bieita e a examinar os manuscritos, con fins de tipo relixioso pero tamén para determinar a situación das posesións terrenais da congregación.
- Periodicamente estes anticuarios se dedicaban a recuperar actas, fundacións e posesións dos mosteiros da orde bieita.
- Este proxecto de conservación e de elaboración de catálogos estaba animada polo seu afán de procura da verdade.
- A figura máis destacada de Saint-Maur foi o bieito Jean Mabillon que en 1681 publica a obra De re diplomática, e que é considerado o fundador da moderna diplomática.
- A primeira regra asignada á historia por Mabillon é a procura da verdade. Esta procura da verdade pasa polo traballo da proba, o recoñecemento e a utilización dos documentos orixinais, desbotando os que foran alterados ou intercalados.
- Mabillon asigna á nova disciplina que constitúe a diplomática a tarefa de formular con claridade as regras que permitan distinguir e clasificar as antigas cartas e xulgar os vellos títulos.
- O estudo erudito dedícase ao documento no seu contido pero tamén presta atención aos soportes materiais utilizados como o tipo de tinta, as follas dos pergameos, a figura das letras, os selos, as fórmulas empregadas...
- Con Mabillon a historia fúndase en documentos verificados, proporcionando así medios para distinguir os diplomas auténticos dos que foran alterados ou interpelados, e establecendo deste xeito os fundamentos da crítica documental moderna.
1.3. A revolución documentaria do século XIX
A revolución erudita do S. XVII carece de resultados inmediatos e o século XVIII foi o século da derrota da erudición e do triunfo da razón. Polo contrario o século XIX supón a consagración definitiva do método histórico-filolóxico, xurdido no século XVII.
a) O discurso histórico moderno
- O nacemento do que hoxe entendemos como historia tivo lugar no século XIX cando ese saber se formula como ciencia e pasa a formar parte do tecido social grazas á súa difusión mediante o sistema de ensino obrigatorio ou de educación nacional, e adquirir o papel fundamentador da nación e do estado moderno.
- As bases que posibilitaron a instauración do discurso histórico moderno foron o desenvolvemento da concepción hegeliana da historia, a obra de Ranke e dos fundadores do historicismo alemán e o positivismo historiográfico francés.
- Por outra banda, a consolidación da historia foi resultado fundamentalmente de catro factores: o desenvolvemento das diferentes historiografías nacionais, o proceso de profesionalización dos historiadores, a creación institucional de arquivos e museos, e a xeneralización do sistema de ensino da historia en tódolos niveis.
- Durante o século XIX, unha vez adquirida a idea da non coincidencia entre coñecemento e percepción, comeza a ser concebible a idea dun coñecemento mediato que obriga á historia a proverse dun método e de técnicas específicas así como acadar unha verdadeira profesionalización.
- Fronte á tradición historiográfica antiga, que privilexiaba a vista, é dicir, o valor dos testemuños presenciais, a historia constituída como ciencia a partir do século XIX establece o documento escrito como fonte básica da verdade histórica, a historia como percepción mediata.
b) Historia e ciencia no s. XIX: Ranke
- Durante as primeiras décadas do século XIX produciuse no mundo occidental europeo unha ruptura xeneralizada co modo no que ata entón se investigara, escribira e ensinara a historia.
- As dúas formas de historiografía existentes, a erudita e a literaria, acabáronse fusionando a medida que a historia deixou de ser un xénero literario para se converter nunha disciplina científica especializada.
- Agora ben, o cambio non foi brusco, pois os historiadores do novo estilo, representados sobre todo por Leopold van Ranke, consideraban a historia como unha ciencia, pero continuaban convencidos de que a exposición histórica debía seguir criterios literarios.
- Leopold von Ranke (1795-1886) é considerado o máis importante dos historiadores alemáns do século XIX e exercera unha grande influencia en toda a historiografía europea. Perfeccionando os métodos críticos Ranke contribúe de forma decisiva á posta a punto do método histórico crítico de análise das fontes escritas.
- Na súa concepción político-filosófica, Ranke critica os ideais da Ilustración, incluída a idea de progreso, rexeita a visión idealista da historia de Hegel, defende a orde social natural e xerárquica conservadora, e considera ao Estado como unha institución central da historia. De aí o seu interese pola historia política fronte á historia económica e social.
- A concepción científica de Ranke caracterízase pola esixencia explícita dunha investigación obxectiva que rexeita rigorosamente todo xuízo de valor e especulación metafísica e que aparece estreitamente vinculada ao método crítico-filolóxico das fontes. Ademais, evita a idea dunha orientación divina na Historia aínda que recoñece que en certos casos era posible percibir a intervención de Deus no acontecer histórico.
- Para Ranke a historiografía científica debía apoiarse sobre o coñecemento exacto dos feitos. Para o historiador como científico a súa principal tarefa era a rigorosa exposición dos feitos tal e como en esencia sucederon recorrendo ás fontes e documentos orixinais gardados nos arquivos.
- Ranke consideraba que unha condición previa para calquera historiador para poder ocuparse cientificamente da historia era unha sólida formación nos métodos filolóxicos e no exame crítico das fontes históricas.
- Para Ranke, o historiador non debe limitarse á acumulación dos feitos senón tamén intentar a súa comprensión. Dado que a obxectividade e a neutralidade non son posibles dun xeito absoluto, a misión do historiador consiste non tanto en establecer e reunir os feitos como en tratar de comprendelos e explicar as súas causas.
- Afirmaba tamén que cada período histórico é único e debe ser estudado nos seus propios termos (historicismo) pero rexeitaba a historia teleolóxica, isto é, encamiñada a un fin concreto, como pretendía Hegel.
- Moi influenciada polo idealismo filosófico, a concepción histórica de Ranke descansa sobre a idea de que a historia é obra de individualidades únicas e irredutibles, sobre todo os Estados, que son os auténticos vertebradores da súa obra. Consideraba ademais que o historiador debería ir desde os feitos particulares a unha visión o máis universal.
- A influencia do pensamento de Ranke é considerable na denominada Escola Crítica Alemá que se desenvolve no século XIX e principios do XX e representa unha historia plenamente renovada en canto ás técnicas e verificación dos datos e o uso crítico das fontes históricas de base, principalmente, filolóxica. O seu empirismo constitúe unha aportación fundamental ao establecemento científico da historia.
- Fronte ao positivismo que identificaba obxectividade e verdade científica o historicismo alemán intenta demostrar que todo coñecemento obxectivo do pasado non se realiza máis que a través da experiencia subxectiva do que estuda ese pasado, isto é, do historiador.
e) O positivismo historiográfico
- O primeiro esforzo por erradicar os principios metafísicos que impregnaban a Historia foi levado a cabo polo positivismo, considerada unha verdadeira filosofía laica da ciencia e que pronto se impuxo entre as primeiras xeracións de profesionais de finais do S. XIX e comezos do XX.
- O positivismo parte da crenza de que todos os procesos históricos están suxeitos a leis ou xeneralizacións similares ás das ciencias naturais.
- Agora ben, o positivismo historiográfico non se limitaba a “describir” os feitos históricos senón que trataba de analizar, comparar, clasificar e, sobre todo, explicar eses feitos, pois a observación directa destes resultaba imposible e impedía a reconstrución do que realmente sucedeu.
- O positivismo resultou ser un fenómeno relativamente complexo pola súa extraordinaria amplitude pois as súas manifestacións foron moi diversas a causa dos condicionamentos da tradición científica e filosófica de cada país e a forma en que se desenvolveu o proceso de profesionalización da Historia. Estas diferenzas nacionais e locais dificultan a posibilidade de establecer criterios homoxéneos de definición do positivismo historiográfico.
- De todos os xeitos, o positivismo historiográfico, pese ás súas variantes locais, comparte o entusiasmo polo mundo da ciencia. No campo da historia este entusiasmo pola ciencia maniféstase nun incremento da dedicación por parte dos historiadores á tarefa de recompilación de datos, do desenvolvemento das regras do método, e da procura da verdade científica do pasado, beneficiándose dun clima moi favorable por parte dos poderes públicos que apoiaron como nunca a investigación.
- Asemade, a finais do século XIX, a ciencia histórica autonomízase no plano universitario e pasa a desenvolverse á marxe da literatura e a constituírse como unha carreira específica, o que permite unha maior institucionalización e profesionalización da historia.
- O positivismo presenta a historia como ciencia do singular e continxente en oposición a outras ciencias da natureza que aspiran á elaboración de leis universais. A obxectividade científica é posible pois o historiador posúe unhas técnicas e métodos que permiten encontrar as pegadas dos feitos históricos e comprobar a veracidade dos mesmos.
- Langlois e Seignobos, considerados os máximos representantes do positivismo historiográfico francés, escribiron as regras de autentificación da verdade segundo os procedementos dun coñecemento histórico que sempre é indirecto, ao contrario das ciencias experimentais.
- Langlois e Seignobos eran moi conscientes de que os feitos sobre os que traballaban eran resultado dunha construción social da historia a través do método crítico dos documentos, e aspiraban a establecer un código, unha especie de manual de instrucións para a disciplina histórica. De feito, o seu libro Introdución aos estudios históricos publicado en 1898 converteuse pronto nun breviario ou manual básico para os estudantes de historia.
1.4. Verdade e crise da Historia no século XX
a) Crítica do positivismo historiográfico
- Desde finais do século XIX acentúase o descontento e insatisfacción co concepto de ciencia e coa práctica científica que dominaba internacionalmente na investigación histórica e na historiografía.
- A historiografía francesa foi dentro da historiografía europea a que máis pronto proclamou a existencia dunha crise no historicismo clásico e no positivismo do século XIX.
- Os comezos da crise sitúanse na crítica contra o método positivista, representada polo manual de Langlois e Seignobos formulada por parte de Henri Berr así como a proposta deste autor de elaborar unha síntese histórica que será continuada desde 1929 polos fundadores da escola dos Annales, Marc Bloch e Lucren Febvre.
- Estes autores insistiron con forza en que para o estudo do pasado era necesario establecer unha perspectiva desde o presente; isto é, o historiador non debía ser un frío analista do pasado, limitado a descubrir os feitos, senón un estudoso do presente que busca no pasado as claves do presente.
- A obra dos fundadores e a escola dos Annales supuxo unha grande ampliación do campo dos estudos históricos (Xeografía, Socioloxía, Antropoloxía) pero, no fundamental, non implicou a creación dun novo discurso histórico diferente do desenvolvido ao longo do século XIX.
- En realidade, o que ocorreu é que os membros da escola dos Annales consideraron que a historia positivista era parcial porque, entre outras cousas, só tiña en conta os fenómenos políticos e prescindía dos económicos e os ideolóxicos necesarios para acadar unha historia total.
b) Posmodernismo e historia
- Os anos setenta e oitenta do século XX significaron para a Historia unha etapa de revisións e renovacións, e mesmo, segundo algúns autores, de fin do discurso histórico instaurado no século XIX sobre a base da reflexión hegeliana e a obra de Ranke e os fundadores do historicismo alemán e o positivismo francés.
- O chamado "xiro lingüístico" da década de 1970 que elevou a linguaxe á categoría de máximo constituínte do pensamento supuxo unha relación enteiramente nova entre a linguaxe, a literatura e a historia.
- As críticas dos teóricos posmodernos á Ilustración, ao mundo moderno, á idea de progreso, e ao carácter emancipador da historia, levaron a moitos pensadores a proclamar o final da historia considerada unha invención tardía e superada do home occidental.
- A teoría posmoderna rexeita que sexa posible unha explicación científica e coherente do pasado. Aínda que a crítica filolóxica das fontes permite establecer os feitos, toda concatenación dos feitos para obter unha visión global e coherente está determinada por apreciacións estéticas e morais, pero non científicas.
- A énfase do posmodernismo na historia como unha forma de literatura, e no historiador como creador de ficcións volveu a poñer en cuestión o vello problema da obxectividade histórica. Para os teóricos posmodernistas non existe ningún criterio histórico-científico de verdade, polo demais imposible de acadar. Nun mundo construído lingüisticamente a verdade carece de fundamentos estables e polo tanto non está revestida dunha autoridade privilexiada.
- Moitos pensadores posmodernistas radicais, partindo de enfoques da teoría lingüística e textual, proclamaron que o único que ten consistencia é o texto, que non garda relación cunha realidade extralingüística senón con outros textos. O importante é o texto que non ten un sentido único pois non remite a unha realidade unívoca nin reflexa as intencións dos autores. A linguaxe deixa de ser unha mediación neutral entre a conciencia e a realidade externa para ser ela mesma a única realidade accesible.
- Trátase de extremos formalistas que levaron incluso a decretar tanto a morte do autor de textos literarios como a do historiador, pois estes teóricos posmodernos proclamaban a imposibilidade de que os feitos do pasado podan ser rescatados da súa natureza textual ao ser cautivos do feito lingüístico e poético en que necesariamente se teñen que expresar. As narracións históricas son simples ficcións lingüísticas e os relatos históricos non se diferencian en absoluto dos da ficción.
- O rexeitamento da distinción entre verdade e ficción, entre pasado e presente colocou a Historia nunha situación de crise permanente que afecta aos presupostos básicos do discurso tal como se estableceron no século XIX e obriga a un replantexamento crítico da historiografía.
- Agora ben, pese ás críticas dos teóricos posmodernos, boa parte da historiografía actual non renuncia a seguir ocupándose do pasado e da procura da verdade, aínda que cada vez é máis consciente da enorme complexidade dese pasado e da súa indagación.