Historia Social e Lingüística do Galego (1916-1936)
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 8,49 KB
A Composición
A composición é o procedemento de formación de palabras novas a partir da unión de dúas ou máis palabras, que poden ser da mesma categoría gramatical ou non.
Palabras que se unen | Palabras compostas |
---|---|
Substantivo + substantivo | Beiramar |
Substantivo + adxectivo | Vacaloura |
Adxectivo + adxectivo | Claroscuro |
Verbo + verbo | Vaivén |
Verbo + substantivo | Salvavidas |
Adverbio + verbo | Benestar |
Historia Social do Galego (1916-1936)
As Irmandades da Fala
O acontecemento cultural que marcou o primeiro terzo do século XX foi a creación das Irmandades da Fala en 1916. Os seus obxectivos eran, entre outros, acadar a oficialidade da lingua, visibilizala en todos os ámbitos da vida social e política e proporcionarlle o pulo que precisaba para saltar da produción lírica á narrativa e á gramática, por medio da creación de editoriais que publicasen exclusivamente en galego.
Isto trouxo consigo o nacemento do nacionalismo galego: a primeira asemblea destas Irmandades redactou un manifesto no que definía Galicia como unha nación e demandaba autonomía integral.
Tratábase dun paso adiante desde o rexionalismo do século XIX, pois non se conformaron con acadar obxectivos esencialmente culturais e aspiraron a resolver os problemas económicos e políticos do país, constituíndose como unha organización política, que reclamaba a constitución dun Goberno propio ou a recuperación da toponimia deturpada. Para difundir o seu ideario e conseguir eses obxectivos, fundaron a revista A Nosa Terra, que saíu á prensa entre 1916 e 1936.
A Xeración Nós
Dous anos despois daquela xuntanza da Irmandade, nace outro grupo de intelectuais co obxectivo de estender a lingua galega a todos os ámbitos da vida, sen esquecer a súa orixe, mais tamén de facela permeable ás influencias das correntes culturais europeas. Foi chamado Grupo Nós, que fundou en 1920 a revista Nós. Risco, Otero Pedrayo e Cuevillas contaron coa colaboración de Castelao, Losada Diéguez, Carballo Calero, Filgueira Valverde ou Blanco Amor, entre outros, no seu empeño de demostraren que o galego tamén podía erguerse como lingua vehicular da literatura moderna, da ciencia, da lexislación...
O Seminario de Estudos Galegos
Foi fundado en 1923 por un grupo de universitarios aos que se lles uniron profesores universitarios e membros do Grupo Nós, co propósito de elevar ao estudo científico a cultura galega: historia, xeografía, etnografía, cultura, bioloxía, dereito, economía, filoloxía... para, desde o coñecemento do propio, recuperar a estima do país e a súa identidade. Desenvolveron o seu labor publicando nas revistas A Nosa Terra e Nós, ademais de nos Arquivos do Seminario, dotando a lingua dun rexistro formal e científico do que carecía ata o momento e levando a cabo un enorme esforzo normalizador ao empregala en ensaios, estudos científicos, actos académicos ou mitins.
O Partido Galeguista
A facción eminentemente política desta época constituíuna o Partido Galeguista, no que atopamos persoeiros como Castelao e Bóveda, redactor do Estatuto de Galicia, no que se incluía a antiga reivindicación do ensino en galego. O documento foi aprobado o 26 de xuño de 1936, pero o levantamento golpista de Franco evitou a súa entrada en vigor.
A Lingua
Esta situación política e cultural non repercutiu na extensión do uso do idioma entre as diferentes clases sociais. Malia ser o galego a lingua única de case o 90% da poboación, acelérase o proceso de substitución polo castelán, motivado polo aumento da urbanización, a aparición de diferentes medios de comunicación e a alfabetización realizada exclusivamente en castelán.
En 1933 publícanse as Algunhas normas pra unificación do idioma galego e, en 1936, Engádega pra unificación do idioma galego, promovidas polas Irmandades da Fala e o Seminario de Estudos Galegos.
O Texto: Propiedades Textuais
Un texto é unha unidade lingüística que ten sentido completo en si mesmo e que cumpre unha función comunicativa. O emisor emite ese texto de forma intencionada e cun obxectivo concreto.
Adecuación
Un texto debe axeitarse á súa situación comunicativa. Ten que adecuarse aos destinatarios, ao tema e tamén ao contexto que rodea o acto comunicativo.
Coherencia
Un texto debe manter a unidade temática e seguir unha orde entre as ideas principais e as secundarias de xeito que se consiga unha unidade lóxica e con sentido.
Cohesión
Un texto debe contar con recursos que contribúan a expresar ben e a enlazar as ideas e as oracións: sinónimos, signos de puntuación, conectores, etc., de maneira que o receptor comprenda cal é a relación que existe entre as súas partes.
O Teatro no Primeiro Terzo do Século XX
Teatro das Irmandades da Fala
Os homes das Irmandades da Fala vían no teatro un instrumento privilexiado para a divulgación das ideas nacionalistas e, ao mesmo tempo, sentían a necesidade de crear unha dramática galega como forma de recuperación cultural e social. En 1919 crean o Conservatorio Nacional de Arte Galego (CNAG) na Coruña, que, co precedente da Escola Rexional da Declamación, fundada polos rexionalistas en 1903, institución dedicada a fomentar o teatro galego a todos os niveis, funcionará como escola de actores e como compañía teatral. Entre 1922 e 1926, o CNAG pasa a chamarse Escola Dramática Galega. A entidade será dirixida por Leandro Carré Alvarellos, e a escena volve ao tópico ruralista.
Ramón Cabanillas creou a obra coa que se inaugurou o Conservatorio Nacional de Arte Galega, A man de Santiña, primeiro intento de comedia burguesa galega que se centra no enredo amoroso entre unha fidalga e un emigrante rico.
Teatro da Xeración Nós
Os membros da xeración Nós contribuíron decisivamente ao desenvolvemento da dramaturxia galega, mais non a orientaron directamente cara á propaganda política, senón que concibiron o teatro como unha arte en si mesma.
Vicente Risco só escribiu unha peza teatral, O bufón d'El-Rei (1928). Ambientada na Idade Media e con elementos da materia de Bretaña, esta obra, a través das intrigas amorosas nas que se ve implicado o protagonista, o bufón, constitúe, igual que O porco de pé, unha reflexión sobre a maldade dos seres humanos.
Ramón Otero Pedrayo estreouse como dramaturgo con A lagarada (1928). Esta obra, unha farsa localizada nunha zona rural no tempo da vendima, presenta o tema dos amores interesados e, paralelamente, o da perda dos valores tradicionais ameazados no mundo urbano.
Castelao é o autor de Os vellos non deben de namorarse (1941), a obra máis representada do teatro galego. Consta de tres lances que presentan tres versións dun mesmo tema: os amores serodios dos vellos van emparellados á morte. En todos os lances, un vello namorado rivaliza cun mozo polo amor dunha moza e en todos aparece a morte como un personaxe que lle advirte ao vello das tráxicas consecuencias do seu namoramento.
Teatro das Vangardas
Rafael Dieste
Foi dramaturgo e tamén un recoñecido narrador. Os relatos do seu libro Dos arquivos do trasno (1926) son unha pequena obra mestra do realismo máxico galego.
As súas pezas dramáticas máis destacadas son O drama do cabalo de xadrez (1925), que é unha peza teatral breve incluída en Dos arquivos do trasno, e A fiestra valdeira (1927), unha comedia ambientada nunha vila mariñeira.
A gran contribución de Dieste ao teatro galego é A fiestra valdeira. A acción desta obra xira arredor de don Miguel, un vello emigrante retornado que encarga un retrato. O pintor ponlle ao cadro, como fondo, unha fiestra que reproduce o ambiente mariñeiro da vila. A partir de aquí, xorde o conflito entre a muller e a filla de don Miguel, que queren que o fondo sexa un xardín fidalgo, e o pintor e os amigos do ancián, que prefiren o fondo orixinal, fiel á orixe e á vida de don Miguel.
Así, a través dun obxecto como o cadro, cargado de simbolismo, represéntase o tema da asunción da propia identidade, individual e colectiva, fronte á falsa aparencia de modernidade.