Historia Social de Galicia: Obreirismo, Crise Agraria e Emigración (Séculos XVIII-XX)

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 37,24 KB

Orixes do Movemento Obreiro en Galicia: Motíns e Ludismo

Entre os anos 1750 e 1874 tivo lugar o nacemento do movemento obreiro en toda Europa. A historia do mesmo é un dos campos de investigación máis frutíferos na historiografía europea, pero nos casos de España e Galicia a situación non é tan positiva. Unha síntese moi breve do movemento obreiro galego podería ser que, ao longo do século XVIII e a comezos do XIX, a produción capitalista non tiña dominio na realidade galega.

Os primeiros indicios aparecen a mediados de século con episodios moi concretos: a oposición dos traballadores fronte ao abuso da sociedade capitalista sobre o proletariado foi maior en Galicia pola presenza e peso na rexión da fidalguía e o clero. Dentro da mobilización espontánea están os movementos ludistas dos mariñeiros e os fabricantes cataláns que introducen as novas artes de pesca e as novas manufacturas que significaban un deterioro das condicións de vida dos pescadores, ligados a sistemas moi tradicionais, e que agora pasaban a ser asimilados polo proletariado precario, sometido aos cataláns burgueses. Estes grupos estiveron vencellados a motíns espontáneos precedentes como o de Sargadelos, que rematan coa destrución da fábrica e a morte de Ibáñez, marqués de Sargadelos.

Neste marco de malestar contra o capitalismo incipiente estarían as mobilizacións protagonizadas polos traballadores do Arsenal de Ferrol, moi importantes dentro do movemento obreiro propiamente dito pola temperá conciencia da clase traballadora e o número dos obreiros mobilizados. O ano 1726 marca un punto de inflexión na cidade, pois é o momento no que a cidade é designada como capital do Departamento Marítimo do Noroeste con Filipe V. No ano 1749 comezan as obras de construción do Arsenal Militar polo Marqués de Ensenada, o que supuxo unha verdadeira obra de enxeñaría para a Galicia daquel momento, cun total de 240.000 metros cadrados de superficie das instalacións, punto de residencia cultural de Ferrol.

O proxecto requiría un potencial humano considerable e as condicións de traballo eran realmente lamentables, cunha xornada laboral de 12 horas (saída e posta do sol). Dun total de 6.384 traballadores recollidos no ano 1752, o colectivo máis numeroso era o dos non agremiados, é dicir, sen especificidade laboral: peóns, mariñeiros, carpinteiros, etc. Os compoñentes da mestranza estaban suxeitos a distintas crises industriais, tendo lugar unha destas crises no ano 1775, con 3.167 empregados, xuntándose a crise industrial cunha redución de traballadores. A heteroxeneidade da mestranza que traballaba no Arsenal foi en certo punto anulada polo feito de que comezaron a actuar dende cedo dunha maneira bastante organizada. No ano 1752 atopamos a primeira folga industrial en Ferrol, sendo este o primeiro gran fito folguístico, chegando os folguistas a ser escoitados polas autoridades (a construción desenvolvida en Santander considerábase que tiña un trato de privilexio respecto a Ferrol, o que ocasionou grandes fontes de protesta entre as mestranzas que traballaban no Arsenal, que denuncian o atraso en percibir os seus soldos, o agravio comparativo, etc.).

No ano 1785 atopamos outra gran folga industrial no Arsenal polos mesmos motivos, sendo estas reivindicacións que se manteñen ao longo do século XIX. Realmente, o declive da mariña de guerra durante a segunda metade do século XIX será moi acusado, o que vai determinar episodios de forte crise na mestranza que traballaba no Arsenal: no ano 1825 pasan de 1153 a 609 traballadores, e no ano 1849 a precariedade levou ao despedimento da mestranza eventual (despedimento de 1.005 operarios tras dous meses sen cobrar os seus soldos). Esta crise tense que entender no período en que a construción naval comeza a substituír a navegación a vela (especialidade de Ferrol) pola máquina de vapor, e no ano 1854, os operarios permanentes (mestres e operarios de primeira) estaban constituídos por 100 empregados.

Dende o ano 1848, cando ten lugar a última gran revolución liberal, a mestranza radicaliza as súas protestas e comezan os paros sistemáticos e as folgas, o que leva a que, no período entre o 4 e o 7 de febreiro dese ano, os obreiros se declarasen en folga e ameazasen con queimar as instalacións (ludismo) e agredir as autoridades (represión), o que levou a que aumentase moitísimo a represión contra os traballadores do Arsenal de Ferrol. A partir da década dos 70 comezan a aparecer as primeiras organizacións obreiras, entendidas dentro do período do Sexenio Democrático, moi vinculadas co instinto republicano e o liberalismo destes anos. Nesa década nace a Asociación de Traballadores de Ferrol, no ano 1870; o seu primeiro artigo falaba da agrupación de traballadores de Ferrol, unidos en fraternidade coas de España e do mundo (internacionalismo).

Crise Agraria e Motíns na Costa Galega

A mediados do século XIX, as costas galegas presenciaron unha serie de revoltas ocasionadas pola forte crise agraria, entre 1851 e 1856. Esta crise agraria galega e as revoltas na costa aconteceron porque o gran de Galicia era obxecto de exportación, mentres que a xente vía como se quedaba sen cereal, o que levou a motíns e folgas espontáneas contra os burgueses cataláns, que levaban a cabo a exportación deste comercio. En marzo e abril de 1847, momento no que a exportación de gran era maior, subiron os prezos do mesmo: subida xeneralizada. Hai que ver isto en relación ao que acontecía en toda Europa, sendo un tempo de carestía con respostas de loita mariñeira e dende o mundo rural. As crises e as protestas aparecen sobre todo pola actitude contra os especuladores foráneos que comerciaban co gran, pola precariedade e fame dos traballadores, pola ausencia de vías de comunicación e dun mercado interior ben artellado que permitise a conexión fluída entre os mercados galegos e os portos, nin entre o produto galego e o resto do estado vía terrestre. A situación xeográfica nestes primeiros motíns coincide cos puntos nos que se facía a exportación do gran: Mercado de Cambados e seguido por mercados como Cee, Ortigueira, Vigo, Redondela, Rianxo, A Coruña, etc.

Con todas estas sublevacións poderíamos facer unha clasificación: motíns urbanos e rurais. Os urbanos acontecían nos mercados dirixidos contra os panadeiros, os fidalgos e os funcionarios do goberno, que eran os que permitían a saída dos almacéns de gran; os rurais coñecíanse como de subsistencia, en zonas produtoras de gran para impedir a saída de carros que levaban o gran á costa. Todos estes motíns tiveron un final bastante brusco, onde apareceron as primeiras ordenanzas públicas para regular isto e controlar o traballo dos especuladores (reducir exportacións en tempos de crise, control dos prezos, posibilidades de importación e medidas contra os especuladores).

O Papel das Mulleres nas Mobilizacións

Un aspecto importante é o papel das mulleres: nais de familias que tiñan os homes embarcados ou na emigración, contando cun gran colectivo feminino que se organizou e loitou contra a exportación do gran. Destacaron tamén nestas mobilizacións as persoas que vivían dun xornal determinado, que non tiñan acceso directo ao pan (tiñan que mercalo a un prezo non asequible) evidenciando un desequilibrio entre recursos e poboación nos momentos de carestía, vivindo nuns parámetros do Antigo Réxime cunha economía que negaba a capacidade de aforro, por ser precaria e subsidiaria baixo o réxime foral, o que evidenciou o atraso agrario europeo en momentos de crise.

Fame e Peste: Impacto Social e Respostas

A fame e a peste fixéronse presentes na xeografía galega en varias ocasións na contemporaneidade, aparecendo no ano 1833 entrando polo porto de Muros, Noia e Lourizán, volvendo a facer acto de presenza nos anos 50, durísimos polo período de carestía das malas colleitas, ligado cun período de mala meteoroloxía, sendo o ano 1853 coñecido como “O ano da fame”. No ano 1857, só A Coruña, Santiago e Ferrol superaban os 10.000 habitantes, números acadados pola inmigración rural debido á crise agraria entre os anos 52 e 54, cunha agudización da miseria e da fame nas vilas, o que levou consigo a aparición de novos episodios de motíns e saqueos. Para paliar a situación, as autoridades locais van seguir desenvolvendo medidas en beneficio da hixiene pública e nacerán neste momento en toda a xeografía española unha serie de institucións benéficas (hospicios), o que vai axudar á eclosión dun asociacionismo obreiro de matices diversos pero vinculados á idea de axuda mutua e reivindicativos. Durante boa parte do século XIX asístese a un desmantelamento do "tecido industrial” que se herda do Antigo Réxime e ao desprazamento da industria máis tradicional, como é a salazón, cara unha verdadeira industrialización, que non acontece ata os anos 80 do século XIX: industria conserveira dende a tradición salazoneira.

O Obreirismo de Fin de Século

Ao longo da segunda metade do século XIX, os traballadores galegos, constituídos por artesáns, estiveron baixo as directrices dun socialismo obreiro-burgués liderado por republicanos. O Partido Republicano burgués acadou un certo protagonismo dentro do proletariado durante a etapa do Sexenio e a I República, aparecendo o dereito de asociacionismo. Algúns obreiros da Coruña e Ferrol vanse asociar á Federación Rexional Española da AIT, cunha conciencia revolucionaria con tintes radicais, que viñan algúns do Partido Revolucionario Federal, con ideas anarquistas como a propiedade colectiva. Esta situación vai favorecer o feito de que apareza a primeira folga xeral de Galicia no ano 1872, que foi organizada e protagonizada polos carpinteiros coruñeses aos que se lle suman outros traballadores doutros gremios como ferreiros ou obreiros de construción, etc.

A partir deste momento vai comezar a aparecer as asociacións de carácter mutualista e a primeira delas é a Sociedade de Seguros Mutuos da cidade de Vigo, asociacións que mediante unha cota que se pagaba tiñan un fondo de reserva destinado a socorrer aos traballadores que sufriran unha desgraza fortuíta: asociacións aínda moi vinculadas ao Antigo Réxime, pero referente da sindicalización posterior e da conciencia de clase. No ano 1871 créase a Sociedade Cooperativa de Traballadores "El Ahorro", cunha conciencia obreira máis evidente, aínda que con certa idea de auxilio e non tanto de sindicato.

Hai unha información moi interesante que nos dan os censos de poboación sobre o desenvolvemento do movemento obreiro. Dende o ano 1860 vemos como hai un feble nivel de industrialización, cun sector secundario do 13% e un 93,7% da poboación adicados como artesáns e “industriais” (pre-industrial), unha protoindustrialización. No ano 1877 vemos que 56.425 persoas traballan no sector secundario, pero o grupo artesanal segue ocupando o 93,7% e só aparecen como “industriais” o 6,3% do censo. Curiosamente, isto non se corresponde co feito de que dous dos personaxes máis importantes do movemento obreiro do momento sexan galegos: Pablo Iglesias coa UGT e Ricardo Mella, un dos líderes do anarquismo galego e un dos pensadores do movemento libertario peninsular.

Todo isto lévanos a situar ao redor do ano 1870 como momento de orixe real da mobilización obreira sindical propiamente dita en Galicia, grazas ao clima de liberdade no marco do Sexenio, onde a cidade de Ferrol foi unha punta de lanza a partir da experiencia dos obreiros do Arsenal dende a segunda metade do século XIX. A partir dos anos 70, nas principais cidades galegas, algúns republicanos federais vanse converter en verdadeiros valedores da I Internacional Obreira, sendo anos nos que vai medrar a conflitividade laboral de xeito destacado, sobre todo dende o ano 72. A maior parte destes conflitos non pasaron de ser motíns espontáneos, pero non se lle pode negar a este brote de protesta e movemento obreiro como un aspecto positivo de cara á futura instauración da sindicalización. A partir dos anos 80 vai retomarse ese dinamismo do movemento obreiro coa aparición da verdadeira prensa obreira en Galicia e a aparición doutras federacións locais.

No inverno do ano 1880, a cidade da Coruña marca o rexurdir deste movemento, pois neste ano un grupo de pintores crea o Taller Colectivo, iniciativa secundada por outros gremios que é unha especie de sindicato emerxente. No ano 1881 restablécese a liberdade de asociación, o que permitiu que volvesen rexurdir con forza as asociacións e federacións da Coruña e Ferrol, así como as folgas como medida de protesta. No ano 1882 aparece en Vigo a fábrica de conservas Barreras e reconstrúese a Federación de Traballadores da Coruña. Galicia contaba cun 1,57% dos afiliados esenciais na Federación dos Traballadores da Rexión Española, con 914 afiliados, 636 na Coruña e 270 en Vigo. Nestes anos celébranse os primeiros Congresos Comarcais Galaicos de Traballadores, con obreiros da Coruña, Vigo e mesmo Lugo. No ano 1885, nun destes congresos, apareceron inscritos 1 milleiro de afiliados, o que significa que aumenta a conciencia obreira e a sindicalización. No ano 1883 aparece a Fábrica de Conservas La Perfección en Bueu, empresa mixta da familia Massó e os franceses Bargenton Domingo.

No ano 1884 aumenta o control sobre as asociacións, pois o Estado conservador da Restauración dase conta do aumento e precisa controlalo e reprimilo. Pero este sector seguía a defender reivindicacións como a xornada laboral de 10 horas e un incremento salarial. No ano 1886 temos motíns de consumo na Coruña por ser un ano de crise, e neste momento comeza a funcionar La Vulcano en Vigo. A Lei de Asociación que se decreta no ano 1887 vai liberalizar bastante este ámbito dentro da dinámica de dereitos obreiros que están acadando todos os sindicatos en Europa, cunha aparición das sociedades de resistencia obreira en Galicia e as primeiras asociacións mutualistas campesiñas, cun salto ao mundo agrario e un intento de defensa dos dereitos por parte dos labregos.

No ano 1889 desenvólvese a II Internacional de Karl Marx entre as cidades de París e Bruxelas, onde estarán instauradas as oficinas centrais do movemento. Neste momento é onde se consolida o 1 de maio como xornada de loita e se xeraliza a conquista da xornada de 8 horas de traballo. Unha das concentracións obreiras máis importantes de Galicia estaría no Estaleiro de Ferrol, coa UGT como sindicato dos canteiros e traballadores do metal. Na Coruña vemos a Agrupación Socialista conformada por membros procedentes do Sexenio, sucedendo unha folga no ano 1890 no Arsenal. Esta folga será vítima dunha moi dura represión, demandándose neste momento de maneira moi directa o incremento dos soldos e a estabilidade laboral (a temporalidade era unha condición moi estendida no Arsenal de Ferrol). Destacará aquí o periódico "El Obrero", que o día 1 de maio do ano 1890 falou desta mobilización, funcionando este periódico como voceiro das súas demandas. Xa no ano 1891 aparecería a chamada Agrupación Socialista de Galicia.

É certo que dende o 1 de maio de 1890, os activistas da Coruña xa levaban a cabo unha actividade sindical decisiva para o socialismo, o que fixo que aumentase o número de agrupacións sindicalistas e un aumento das reivindicacións, con recintos propios como os Ateneos libertarios, Centros republicanos e Agrupacións socialistas; e órganos de expresión como "El Socialista", "La Revista Blanca", "Tierra y Libertad", "El Obrero", "El Corsario", etc. Neste marco vemos a importancia de figuras como Pablo Iglesias, catalán que se moveu por toda a xeografía nacional expandindo o seu pensamento de loita sindical. Ante isto vemos unha fronte contra o asociacionismo: patróns, autoridades civís e a Igrexa.

A tendencia ideolóxica sindical sería unha pegada do anarquismo na Coruña. O socialismo en Ferrol, Vigo, Pontevedra e Ourense, cun socialismo consolidado na rexión. No caso de Santiago vemos unha forte pegada do sindicalismo católico. Pouco a pouco aparece un sindicalismo católico, a Igrexa puxo en marcha os Círculos de Obreiros Católicos, e o éxito desta modalidade foi maior entre os labregos, é dicir, no mundo rural, cun menor éxito nas cidades. Mentres os socialistas de Ferrol, Vigo, Pontevedra e Ourense non paraban de crear unha morea de sindicatos de oficio, na Coruña retrocedeu o anarquismo e houbo logo o sindicalismo católico compostelán. Aínda que a finais do século XIX se desenvolveu un auxe do asociacionismo galego, hai que ter en conta que a conciencia obreira foi moi difícil de acadar, debido en parte á falta de unión entre os diferentes gremios obreiros.

A Situación Real dos Obreiros

A finais do século XIX, a retribución medraba na Coruña, a 2,5 pesetas (4 reais). Neste mesmo tempo, 1 kg de pan custaba dous reais e 1 kg de carne custaba 1,5 pesetas, polo que non se consumía. A xornada laboral era de 12 e ata 14 horas, onde existía o traballo nocturno. No caso das mulleres, esta situación era moito peor, cunha retribución reducida á metade; e no caso dos nenos, existía a man de obra infantil (case gratuíta). Na transición do século aparecen centros de asociacións por oficios; por este tempo, o movemento obreiro ía cara unha madurez política, con figuras como H. Botana, líder socialista de Vigo. No ano 1903 había en Galicia 123 sociedades obreiras e preto de 15.000 afiliados, destacando os núcleos da Coruña e de Vigo.

O Sector Pesqueiro

Este eclosionará a partir da Revolución Industrial no caso galego. No século XIX temos os pelamios e a salga. Foi superior o impacto económico que tivo a salga fronte ao dos curtidoiros porque a salga revalorizaba produtos perecedoiros. Na segunda metade do século XIX vemos unhas 250 fábricas de salga cunha media de 100 homes e 50 mulleres, o que se multiplica por un total aproximado de 2500 efectivos masculinos e 10.000 femininos. En canto aos pelamios, teríamos uns 150, con entre 1050 e 2000 varóns empregados nos pelamios. Tal situación fixo que as loitas de clase tamén chegasen aos mariñeiros, pero determinou tamén que a expansión da actividade industrial da cidade de Vigo, sobre todo, levou ao gran desenvolvemento do movemento obreiro.

O número de mariñeiros pescadores en Galicia no ano 1873 era de 16.000 e no ano 1930 este número ascende a 57.750, multiplicando as cifras do século XIX por tres. Durante o ano 1883, as 7.600 embarcacións galegas rexistradas eran un 48% das matrículas nacionais rexistradas, e o 63% da sardiña capturada no Estado era galega. A tradición salazoneira viña dende a Idade Media e vaise manter ata mediados do século XX. Por que eclosiona a revolución industrial vinculada á extracción do peixe en Galicia? Porque desaparece a sardiña das costas bretonas entre o ano 1880 e o ano 1887, o que leva a un despegue das industrias de conservas. A potenciación do sector e das artes da pesca comeza neste momento, o que vemos reflectido en cifras como a medra anualmente da exportación nun 23% entre o ano 1880 e o ano 1905. Unha das grandes industrias impulsadas neste momento en Galicia e relacionada co sector da conserva é a industria da folla de lata.

O ano 1882 significa o nacemento da verdadeira industria conserveira galega, cun total de 6 fábricas. No ano 1905 teríamos 82 fábricas, cunha produción de 10.560 toneladas por ano. Aparece neste momento a Unión de Fabricantes de Conservas da Ría de Vigo, que collía fábricas como Barreras, Curbera, Massó e Alonso, que partían dunha tradición salazoneira importante, polo que non é algo que se implantou só. Nas rías de Vigo e da Coruña, unha vez vemos a conexión por ferrocarril cara todo o estado español, esta industria vese amplamente potenciada, cunha conexión directa Madrid-Coruña nos anos 1883-1884. Neste ambiente van xurdindo as sociedades de resistencia, cunha conciencia de clase que superaba o propio oficio, cunha defensa das reivindicacións por parte da industria conserveira, o que dará un impulso definitivo ao proceso asociativo local, coa creación da Federación de Traballadores en Vigo no ano 1894, a aparición no ano 1896 da primeira sociedade de agricultores en Lérez e no ano 1897 no Berbés un asociacionismo mariñeiro. Sucederanse folgas no sector conserveiro co cambio de século.

O Traballo Feminino

O traballo da muller foi poucas veces remunerado ata finais do século XIX, considerándose este un traballo subsidiario. Estas estaban incrustadas nos traballos protoindustrializados como o fiado e o tecido do liño. Pouco a pouco esta terá acceso ao mundo industrial e ás fábricas, onde as condicións laborais eran pésimas, que se acrecentaban no caso da muller. A Fábrica de Tabacos da Coruña e as fábricas conserveiras de peixe son os ámbitos onde vemos unha maior presenza feminina en Galicia.

A Fábrica de Tabacos da Coruña foi creada no ano 1804, e esta como tal desaparece no ano 2002, aínda que o seu impulso industrial da actividade acabou a mediados do século XX. Esta foi unha das máis importantes de España e unha das máis importantes en agrupación feminina. No ano 1890 contaba con 4000 obreiras e asociacións sindicais como a Unión Tabacalera. As cigarreiras traballaban nun ambiente onde a ventilación era inexistente e a fermentación do tabaco levaba consigo a aparición de patoloxías e doenzas, ademais de non contar con baños nin lavadoiros, incumprindo a normativa de xeito sistemático e cunha remuneración moito menor que a do traballo masculino. A partir da politización do Sexenio Democrático acontecen as primeiras organizacións de cigarreiras, con vínculos co federalismo (Internacional, sendo a da Coruña unha das máis importantes de Galicia) e a consecución de mobilizacións entre 1844 e 1882, vencelladas ao obreirismo coruñés que acabarán vinculadas á celebración do 1 de maio e á reivindicación da xornada laboral de 8 horas. A primeira folga feminina da Fábrica de Tabacos da Coruña data do ano 1857.

Todos estes conflitos fixéronse célebres grazas á obra de Emilia Pardo Bazán, La Tribuna, de 1882. Esta novela é considerada a primeira española de corte naturalista e toma por primeira vez o mundo obreiro feminino como protagonista.

A Lei de xullo de 1873 sobre o traballo en obradoiros non facía referencia ao traballo feminino, sendo preciso esperar ata o ano 1900 para atopar a primeira regulación do traballo feminino e infantil nas fábricas, onde as grandes demandas eran de carácter mutualista: xornada de traballo de 8 horas e aumento salarial. Aparecen as Caixas de Auxilio en beneficio do persoal obreiro da Fábrica de Tabacos no ano 1901.

A Emigración: Causas e Efectos

A emigración que acontece entre finais do século XIX e principios do XX, onde a emigración masiva acontece en toda Europa entre o ano 1880 e o ano 1930, pasando polo medio co proceso da Primeira Guerra Mundial (PXGM). Esta migración ía destinada aos países de ultramar, sendo a emigración europea considerada o maior transvasamento de poboación de toda a humanidade, considerando nesta aos migrantes que marchan pero non retornan. Este proceso temos que entendelo dende o punto de vista do período da Paz Armada, da implantación do mundo capitalista cunha gran interdependencia e gran competencia polo dominio colonial de África e Asia, a exaltación nacional e o darwinismo social (raza branca superior). Dende comezos do século XIX e ata a etapa de entreguerras, a perda de efectivos demográficos debido á emigración foi un comportamento sistemático no mundo occidental, pero dentro desta tendencia atopamos vagas de descontinuidade espacial. Podemos afirmar que foi un comportamento sistemático que ten un forte compoñente rexional, que hai que diferenciar dentro dos Estados e entre eles.

Hai que ter en conta dous puntos de vista do proceso migratorio: unha perspectiva individual onde o podemos ver como algo negativo ou determinado pola pobreza de cada un, pero se o miramos como un fenómeno en conxunto masivo, advertimos que se trata dun elemento central medianamente positivo que sostén toda a arquitectura da economía mundial e que pilota boa parte da transformación da economía mundial, dende a agricultura e os transportes ata a urbanización en ambas partes do Atlántico, que está vinculada á Segunda Revolución Industrial, ao capitalismo e ás migracións. No caso galego vemos que existen saídas dende o século XVI, pero esta era unha migración estacional nos momentos de sega en Castela e Madrid. A migración a América foi baixa ata o século XIX, sendo esta un 1% da poboación. Pero durante o século XVIII vemos que ascende a un 6% e no século XIX xa supón unha migración masiva.

Algúns dos aspectos concretos do fenómeno migratorio galego serían: aínda que se trata dunha evidencia (…). Dos decenios que van dende 1901 ata 1920, a taxa migratoria sitúase nunha media de 20‰, pero en diferentes rexións italianas, no período dende 1901 ata 1913, a metade sur de Italia a media de migración foi de 26‰ e de 37‰ no caso de Calabria, moitísimo maior que no caso de Galicia. A xerarquía migratoria europea, no caso de analizar España, as taxas nacionais tampouco son tan escandalosas en comparación: Italia, Portugal e Irlanda sofren no ano 1913 o annus mirabilis, cunha saída inxente de poboación pola crise existente no momento.

A migración galega a América ten producido unha morea de referencias literarias, libros, obras, artigos, etc. E isto é clave para entender a consideración negativa desta migración, apuntalada pola literatura naturalista e realista do século XIX: abandono do fogar, desarraigo, ter que aferrarse a unha realidade descoñecida nun contexto de analfabetización, perda humana moi grande para o lugar de orixe, etc. Visto como comportamento colectivo, atopamos certa consideración positiva: Estado de atraso/miseria vs. Estado económico mellorable, retorno de cartos e retorno cultural, moita carga de humanidade. Moi presentes en Galicia as cadeas migratorias, importantes para superar a sensación de desarraigo, sendo estas vínculos de veciñanza no lugar de orixe con vínculos que atopaban no lugar de destino, acabando por crear unha cultura de orixe e formativa que logo levaban de volta aos seus lugares de orixe.

A “Nova Europa”, América: Fases da Emigración Galega

Entre o ano 1836 e o ano 1960 hai unha cifra aproximada de 2 millóns de galegos que emigraron a América. O de América pasou a ser un tránsito doado, familiar e próximo para moitos españois por ser a segunda ou terceira xeración de emigrantes. Dentro da emigración galega hai 5 grandes fases:

  • Emigración clandestina (1810-1853): Pese á ausencia de datos cuantitativos, podemos achegarnos aproximadamente ao número de galegos que emigraron antes do ano 1960 e coñécese a existencia de migracións que se retroalimentan pola presenza de cadeas migratorias, existindo estas dende o século XVIII. Entre o ano 1820 e o ano 1830 existe unha interrupción desta emigración por varios motivos, sobre todo os procesos de independencia das colonias americanas, o que implicou unha ruptura de relacións entre as vellas colonias e a metrópole, así como a inestabilidade política en Latinoamérica polo control das novas situacións. A partir da década dos anos 30, pola contra, asistimos a un incremento da emigración sobre todo cara ás Antillas (Cuba e Porto Rico), do mesmo xeito que se pode dicir que entre o ano 1836 e o ano 1860 se calculan uns 232.603 españois migrantes dos que 93.040 eran galegos (supoñendo estes arredor dun 40%). Entre os motivos que explican esta reactivación da marcha cara a América hai que ter en conta o desartellamento do sistema produtivo galego, as políticas poboacionistas dos gobernos latinoamericanos que acaban de nacer (demandan traballadores da terra) e o intento de fuxir das levas militares. As modalidades de fraude eran moi variadas: falsificación de documentos, lugar de destino falso, embarcar en portos estranxeiros. O xentilicio "gallego" vai facer referencia a todos os peninsulares, españois e portugueses por ambas partes, popularizado este polo Ditador Rosas en Arxentina nos anos 30. No século XIX, a illa de Cuba foi a gran favorecida desta emigración peninsular, en clave de dúas razóns básicas: intentos da Administración de orientar a emigración cara ás últimas colonias que lle quedaban, buscando deste xeito limitar o fluxo cara ás novas nacións latinoamericanas que se independizaran, ademais de que tamén ten que ver coa produción de azucre en Cuba (explotado polos grandes comerciantes españois, que demandaban man de obra en grandes cantidades).
  • Emigración legal (1853-1880): A maioría dos autores sinalan o ano 1853 como a data de inicio da emigración galega cara a América. Este ano é importante pola Real Orde do Ministerio de Gobernación do 16 de setembro, cunha legalización da emigración cara a América. Foron moitos os galegos que nestes anos emigraron a Bos Aires e Uruguai debido á estabilidade social, política e económica destas dúas repúblicas americanas. Estímase que entre 1860 e 1910 medio millón de galegos emigraron, e a década de 1860-1870 sería a de maior ritmo migratorio dentro desta segunda fase da emigración legal, destacando aquí a provincia de Pontevedra. A partir de Pontevedra, destacou a emigración na Coruña de xente vinculada ao mundo do mar.
  • Emigración masiva (1880-1930): Este será o ciclo central da emigración galega a América. Esta estará impulsada por diversas razóns fundamentais ou causas: factores de atracción de países latinoamericanos tanto como os factores de expulsión dende Galicia. Sumado a isto, temos unha maior liberalización das saídas migratorias, e durante este período atendemos a cambios importantes no proceso de migración, con controis exhaustivos de saídas e chegadas de migrantes, co impulso de diversas leis para este control: Lei de Emigración do ano 1907-1908 e a Lei de Emigración do ano 1924, durante a Ditadura de Primo de Rivera, sendo importante o control de saída dos mozos pola importancia do servizo militar masculino. Esta terceira fase ten que ver co avance nos transportes, o que axuda a esta xeralización da emigración mediante os barcos de vapor, que reducen as horas e os custos das viaxes migratorias. Comezan as primeiras estatísticas de Emigración e Inmigración dende o ano 1882, resultado directo do importante incremento da migración nestes anos. Hai un Real Decreto do Ministerio de Fomento do ano 1881 onde se crea unha comisión especial para estudar esta migración e fomentar medios de conter esta emigración. Créase no ano seguinte o Departamento de Estatística dentro do Ministerio. Por que segue a ser difícil cuantificar o número de persoas que emigran? É difícil contabilizar cal é a participación real galega dentro da realidade española e segue a haber emigracións clandestinas. Entre 1885 e 1895 rexístranse os lugares de orixe, pero hai períodos onde non hai datos nin da orixe da provincia nin da procedencia concreta dos emigrantes. Calcúlase que a porcentaxe entre 1886 e 1911 supón un terzo do total da saída de emigrantes españois, dentro do que podemos distinguir dous subperíodos: un primeiro que abarcaría do ano 1880 ao ano 1914 (que será un período de maior saída, alcanzándose o máximo histórico no ano 1912 cun total de 230.542 migrantes, e sendo o máximo europeo o ano 1913) e un segundo do ano 1914 ao ano 1930 (momento no que a emigración baixa de forma importante pola situación bélica existente, a economía de España ao servizo do conflito, a limitación da saída de efectivos masculinos por parte da lexislación...).
  • Anos de crise e exilio (1930-1945): Crise xeral provocada polo Crac do 29 que inflúe na emigración galega, baixando os custos migratorios e acontecendo unha serie de retornos aos países de orixe. As políticas migratorias dos estados latinoamericanos adoptan unha serie de medidas lexislativas para restrinxir a chegada de novos migrantes europeos. Arxentina foi un dos primeiros países en poñer límites na chegada dos migrantes e, a continuación, Uruguai, Cuba, etc. Cando se comeza a superar a situación a mediados da década dos anos 30, volve reactivarse a emigración galega a América. Pero pouco despois acontecen novos factores políticos que fan retroceder as migracións como a Guerra Civil Española e a Segunda Guerra Mundial (SGM), cunha grande saída de exiliados e xa non de migrantes. Entre os galegos habería múltiples exiliados, marchando estes nun primeiro momento a Francia e, ante a situación da guerra, despois a Portugal e finalmente a América.
  • Nova “vaga” migratoria (1946-1960/70): Alcanzamos así a última fase, sucedendo unha nova vaga migratoria na que veremos unha nova eclosión dos fluxos migratorios a América tras a finalización da Segunda Guerra Mundial, iso si, sen chegar a alcanzar os valores precedentes, sendo esta nova eclosión determinada pola boa situación económica dos países latinoamericanos dentro do modelo de agroexportación, pois convertéranse moitos destes en países produtores que necesitaban dunha maior man de obra. Afectará tamén a esta nova vaga a caótica situación económica resultante en España durante o franquismo, adoptándose medidas para facilitar a emigración ante as dificultades. Crearíase, deste xeito, no ano 1956 o Instituto Español de Emigración, que outorgaba visados para ir a América e Europa, aparecendo así neste momento un novo destino alternativo: o resto do continente europeo que se atopaba en reconstrución tras a guerra e que se atopaba no momento nunha situación moi destacada de progreso (destacando aquí lugares como Francia, Suíza, Gran Bretaña, Italia...).

Causas da Emigración Galega

En canto ás causas desa emigración, as obras de Rosalía de Castro e outros relevantes autores galegos como Curros, Cabanillas, Celso Emilio... reflectían a pobreza como causa da emigración, algo que non debemos tomar como real por ser a realidade moito máis complexa. Esta interpretación non é rexeitada, pero non debemos esquecer que para emigrar era preciso mercar un billete, o que implicaría ter un certo nivel de aforro ou capacidade hipotecaria, é dicir, que si que habería unha situación de miseria pero cunha certa capacidade. Fronte a isto, a historiografía fala entre as posibles motivacións de:

  • Interpretación malthusiana: escaseza de recursos, desequilibrados coa poboación, aínda que hoxe en día isto está desestimado por haber unha capacidade dos labregos galegos de adaptarse á situación.
  • Emigración como consecuencia directa da pobreza: algo certo pero do que non debemos esquecer que non só Galicia emigrou e que se tería unha certa capacidade de aforro anteriormente comentada.
  • Estrutura demográfica: existindo familias non tan amplas, con pouca terra para traballar e moi vinculadas ao mundo do mar.

En todo caso, o que verdadeiramente hai é unha estrutura que combina causas (do lugar de orixe) e efectos (do destino), polo que debemos falar en todo momento de factores de atracción e expulsión. Outro factor moi importante é o feito de vivir preto do mar, é dicir, ter familiarización co mundo do mar, cos barcos, o que facilita moitísimo a dinámica da emigración, onde vemos unha descompensación entre os efectivos nacionais do interior e os galegos. Outra relación sería a relación entre emigración e desenvolvemento económico, cun transporte e proximidade aos portos, as cadeas migratorias en lugares como Bos Aires ou A Habana, a reprodución de formas de sociabilidade dos lugares de orixe, etc.

Características Definitorias da Emigración Galega

  • Fenómeno contemporáneo (masivo dende finais do século XIX).
  • Concentración en poucos países: Arxentina, Uruguai, Cuba e Brasil.
  • Emigrantes de procedencia rural sobre todo: sector servizos.
  • Outros aspectos como a modernización dos medios de transporte ou o anuncio de “paquebotes” en xornais que aparecen neste momento como El Emigrante ou Vida Gallega.

A emigración galega forma parte da tendencia europea e foi sobre todo de condición masculina, ao igual que no resto de Europa. País e muller con identificación con Galicia e os homes e fillos identificados con América debido a esta condición masculina da emigración.

Relación entre a Sociedade Rural e a Emigración

Motivacións secundarias como fuxir do servizo militar e, máis importante, a relación entre a estrutura agraria e a emigración, apuntando cara á consecución da propiedade da terra. Vemos dúas ideas para Galicia: Galicia semellante a outras rexións europeas como o Véneto e a expectativa de afirmarse na propiedade da terra, cunha modernización e tecnificación da estrutura agraria.

Os Efectos da Migración

  • Versatilidade das remesas de cartos da emigración.
  • Desenvolvemento do ámbito asociativo e cultural – 300 escolas (un terzo do século XX).
  • Iniciativas empresariais.
  • Casas de banca (Pastor, Simeón García...).
  • “Modas” americanas (casas indianas).
  • Incorporación de Galicia á economía mundial.

Entradas relacionadas: