Historia da Lingua Galega: Da Idade Media ao Século XX

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 18,1 KB

A Lingua na Península Ibérica

As linguas da Península Ibérica proceden do latín, agás o éuscaro, que é unha lingua illada. Isto débese á conquista dos romanos, que trouxeron consigo a súa lingua, coñecida como latín vulgar. O latín é unha lingua indoeuropea.

Os romanos chegaron á Península entre os séculos III a.C. e o IX d.C. A lingua que falaban era o latín vulgar, que foi evolucionando debido a tres factores:

  • Substrato: Linguas que existían antes da chegada do latín.
  • Superestrato: Linguas en contacto co latín posteriormente.
  • Estrato: Lingua falada polos romanos.

Deses substrato e superestrato consérvase multitude de léxico.

A chegada do latín foi unha fonte de incorporación de numeroso léxico novo, o cal foi sometido a evolucións parciais (semicultismos) ou á mantenza da forma latina case inalterada (cultismos). Ademais, incorporáronse palabras doutras linguas, denominadas neoloxismos.

O Galego-Portugués Medieval

O galego-portugués pasou a ser unha lingua escrita a partir do século XII. Antes dese momento, levaba décadas sendo unha linguaxe de uso exclusivamente oral, empregada en todos os estamentos sociais, sendo a lingua de uso oral para a maior parte da sociedade. A excepción eran os ámbitos relixioso e cultural, nos que aínda primaba o uso do latín.

A lingua de uso escrito nese período era o latín, empregado na literatura, na administración e nos actos xurídicos. Coa chegada do século XII e ata o XIV prodúcese unha etapa de esplendor, pasando o galego-portugués a ser unha lingua de uso oral e escrito, considerada unha lingua de prestixio, utilizada por autores estranxeiros para a composición das súas obras.

A mediados do século XIV e ata finais do XV, o galego-portugués entra nunha etapa de decadencia. A pesar de que a separación de Portugal no século XII non supuxo unha separación lingüística e cultural, o portugués pasou a ser lingua oficial dun reino independente, mentres que o galego foi perdendo uso na escrita, quedando practicamente como lingua oral unicamente.

A Cultura Trovadoresca

O Camiño de Santiago tivo un papel moi importante na economía, na sociedade e na cultura.

A nobreza dedicábase á caza, aos torneos, á música e danza. As cantigas escribíanse en galego polos trobadores, para logo representalas na corte polos xograres. Tamén existían:

  • Os segreis: trobadores que interpretaban as súas propias composicións e cobraban.
  • Os menstreles: instrumentistas que executaban un acompañamento musical.
  • As soldadeiras: mulleres que danzaban durante a execución das composicións.

Cancioneiros e Xéneros Líricos

Algúns dos cancioneiros que se conservan da lírica medieval son:

  • Ajuda: 310 cantigas de amor.
  • Vaticana: 1205 cantigas de 3 xéneros diferentes.
  • Biblioteca Nacional de Lisboa: 1567 cantigas dos 3 xéneros e un tratado poético (“Arte de trobar”).

Tamén se conservan pergamiños soltos como:

  • Vindel: 7 cantigas de Martín Codax, con anotacións musicais de 6 delas.
  • Sharrer: 7 composicións de D. Denis coas súas anotacións musicais.
Lírica Profana

Dentro da lírica profana podemos distinguir:

  • Cantigas de amor: Traídas por poetas-trobadores de Italia e do sur de Francia. Son composicións de amor cortés, baseadas nas relacións feudo-vasálicas. A muller era a “Senhor” e era idealizada física e moralmente. Utilizábanse o dobre, o mordobre e a ata-finda.
  • Cantigas de amigo: De carácter amoroso, compostas desde unha voz feminina que se dirixe á nai, amiga, elementos da natureza ou amigo para expresar sentimentos. O motivo é case sempre a ausencia do amado. Identifícanse polos paralelismos, arcaísmos léxicos ou simbolismo.
  • Cantigas de escarnio e maldicir: De carácter burlesco ou de reflexións políticas, froito da confluencia entre o servinte provenzal e a tradición satírica autóctona. Distínguense as de escarnio (usan dobres sentidos) e as de maldicir (fan crítica directa). Existen sátiras políticas, sociais, sexuais, literarias e morais.
  • Os xéneros menores: Son a pastorela (xénero provenzal) e o oprán (fala das virtudes dun nobre finado e saúda ao sucesor).
Lírica Sacra e Prosa

Dentro da lírica sacra distínguense as Cantigas de Santa María, nome dadas por Afonso X. Son 427 composicións líricas e narrativas (100 redactadas por Afonso X e o resto pola súa corte), conservadas en diferentes códices. Poden ser de dous tipos:

  • Cantigas de Nuestra Señora: O tema principal é a alabanza á Virxe, narrando historias e milagres relacionados con ela.
  • Cantigas de Loor: Dedícanse a reflexionar sobre a Virxe.

Todas elas levan ao final de cada estrofa un refrán que resume a ensinanza.

En canto á prosa narrativa, atopáronse escasas composicións debido aos acontecementos históricos, aínda que se conservan mostras significativas. A prosa xira arredor de tres ciclos:

  • Ciclo clásico: Recrea as lendas derivadas do asedio e destrución de Troia.
  • Ciclo carolinxio: Representado polo manuscrito da obra de Miragres de Santiago.
  • Ciclo Bretón: Constitúe o filón narrativo de maior transcendencia.

O Rexurdimento Galego (Século XIX)

O século XIX significa para Galicia o inicio da recuperación histórica, cultural e literaria tras os séculos escuros. Isto débese a unha toma de conciencia nacional dunha minoría sensibilizada da pequena burguesía e da clase media de procedencia rural, que ve a lingua como un elemento definidor das peculiaridades nacionais.

Precedentes e Provincialismo

Entre 1800 e 1830 temos os precedentes do Rexurdimento, co uso do galego nas publicacións sobre a guerra de independencia e en escritos sobre a situación política.

A mediados de século nace o movemento provincialista (1840-1868), impulsado por intelectuais que reaccionan contra a uniformación cultural e lingüística e demandan o recoñecemento das singularidades de Galicia. Destacan:

  • 1853: Publicación de A gaita Gallega de Xoán M. Pintos, obra na que fai unha defensa da lingua galega reclamando o seu emprego e cultivo.
  • 1863: Publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, obra que iniciaría o Rexurdimento pleno.

Rexionalismo e Consolidación

Cara os anos 80, os galeguistas reagrúpanse no movemento rexionalista, reiniciando a estratexia cultural, que busca a consolidación da poesía lírica e a demostración da validez da lingua galega noutros xéneros literarios.

O ano 1880 supón outra data histórica, xa que se publican Aires da miña terra de M. Curros Enríquez, Follas Novas de Rosalía de Castro e Queixumes dos pinos de Eduardo Pondal.

Autores Clave do Rexurdimento

Rosalía de Castro (1837-1885) publicou Cantares Gallegos, a obra que supuxo o comezo do Rexurdimento por ser a primeira obra composta na súa totalidade en galego, exaltando as xentes e terras galegas e expresando a identidade do país. Nesta obra fai unha denuncia da emigración, critica a marxinación de Galicia e denuncia a precaria situación das clases populares, unidos polo lamento e a protesta en defensa da xustiza. Fai uso da repetición e a antítese; na forma predominan os versos de arte menor, especialmente o romance octosílabo.

En Follas novas o tema fundamental é a emigración e os seus efectos, centrando o punto de vista nas mulleres, vítimas principais do éxodo forzoso. Contén poemas líricos, narrativos e dramáticos. Utiliza a repetición, a antítese, a comparación e a analoxía, así como imaxes e símbolos referidos ao cosmos e á natureza. Distínguense a liña intimista, social e costumista.

Curros Enríquez (1851-1908) inaugura as letras galegas contemporáneas e a concepción de literatura como compromiso social. Esta crítica foi a causante de que a súa obra Aires da miña terra fose condenada, o que aumentou a crítica. Esta obra está composta por 36 poemas onde se distinguen 4 direccións temáticas: a poesía social, costumista, narrativa e intimista. A súa segunda obra, considerada a mellor, foi O divino Soinete.

Eduardo Pondal (1835-1917) centrouse na creación dun mundo mítico sobre o que asentar o ideario galeguista. Queixumes dos pinos é a obra clave deste autor. A súa produción aséntase en catro temas: destino individual do poeta, mitoloxía dignificadora da colectividade, visión da natureza e pulsión erótica.

Preguerra (Primeiro Terzo do S. XX)

Este período abrangue dende o ano 1900 ata 1923. O galego era a lingua maioritaria da poboación, pero a nivel de prestixio o castelán ocupaba un nivel máis alto. Esta situación contribuíu a reforzar e manter os prexuízos lingüísticos.

Nas clases letradas xorden grupos de importancia cultural que reivindican o valor do galego nos ámbitos formais e públicos:

  • Irmandades da Fala (fundadas en 1916).
  • Grupo Nós (fundado en 1920).
  • Seminario de Estudos Galegos (fundado en 1923 por universitarios).

Outros fitos importantes foron o Partido Galeguista (fundado en 1931 como primeira forza nacionalista) e a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia (1936), o que supuxo un cambio cualitativo para a lingua galega.

Aproximacións Lingüísticas e Literarias

A toma de contacto co galego medieval, pola publicación das cantigas e outros documentos, provocou unha grande conmoción no galego literario, que recuperou moito léxico. Tamén apareceu unha liña de achegamento ao portugués para restaurar formas que a fala popular perdera pola presión do castelán. Non obstante, o afán de purificación da lingua levou á inclusión na literatura de numerosos arcaísmos, hipergaleguismos e lusismos.

A Novela Moderna e o Teatro

Os autores do Grupo Nós (Castelao, Vicente Risco e Otero Pedrayo) inauguran a novela moderna e cultivan o teatro.

  • Castelao: Escribiu novela (Os dous de sempre), ensaio (Sempre Galicia), teatro (Os vellos non deben namorarse) e relatos (Retrincos e Cousas). Utiliza unha escritura sinxela onde os protagonistas son o pobo galego.
  • Vicente Risco: Escribiu conto (O lobo da xente) e novela (O porco de pé). Os protagonistas da súa produción eran a burguesía.
  • Otero Pedrayo: Escribiu novela (Camiño da vida e Arredor de si), utilizando unha escritura barroca e tendo como protagonistas a fidalguía.

En canto aos textos non literarios, entre as publicacións do Seminario de Estudos Galegos, pódense atopar ensaios en lingua galega sobre temas diversos como historia ou economía. Estes persoeiros utilizaban o galego tamén nos seus discursos públicos.

A Poesía: Continuadores e Innovadores

En canto á poesía podemos atopar dous tipos:

  • Os continuadores: Noriega Varela e Ramón Cabanillas, predecesores de Rosalía e Curros.
  • Os innovadores: Coas vangardas.

Con respecto a Ramón Cabanillas podemos atopar 3 etapas na súa produción:

  1. Primeira etapa: Escribe No desterro, Vento mareiro e Da terra asoballada, cultivando as tres liñas temáticas.
  2. Segunda etapa: Escribe unha obra de teatro de xénero dramático, O mariscal, e un poema narrativo de xénero lírico, Na noite mareira.
  3. Terceira etapa: Poesía intimista, A rosa de cen follas.
As Vangardas Galegas

Os innovadores foron autores influenciados polas vangardas. O “lema” das vangardas é a búsqueda da arte pura, a arte pola arte, deixando atrás o uso da literatura como medio reivindicativo. As vangardas en Galicia conflúen coa conciencia nacionalista das Irmandades e do Grupo Nós, dando lugar a vangardas orixinais e propias. Nelas atopamos:

  • Hilozoísmo ou Imaxinismo: Segue a tradición paisaxística coa combinación de audaces imaxes. Como características xerais, a métrica é sinxela baseada en formas populares, e a paisaxe é humanizada con continuas imaxes prosopopeicas e zoomórficas. O principal representante é Amado Carballo (Proel e O Galo).
  • Neotrobadorismo: Recupera os procedementos formais da cantiga de amigo. Como características xerais utilizan os recursos paralelísticos propios das cantigas medievais, como o refrán, e son de temática amorosa. Os principais representantes son: Álvaro Cunqueiro (Cantiga Nova que se chama Riveira) e Fermín Bouza-Brey (Nao Senlleira), aínda que este último é demasiado clásico para ser considerado vangardista.
  • Creacionismo: En Galicia en ningún caso se chegou á deshumanización que alcanzou as Vangardas europeas. As características xerais son o versolibrismo e a ausencia de signos de puntuación, ademais da xustaposición de imaxes inconexas para crear unha nova realidade. O principal representante é Manuel Antonio con De catro a catro.

Posguerra e Ditadura (1936-1975)

Este período viu a continuación do proceso de substitución lingüística do galego polo castelán. Houbo unha perda cuantitativa de falantes, xa que o castelán penetrou en todas as capas sociais. Aínda así, o galego continuou sendo a lingua maioritaria: no 1938 apenas un 10% da poboación falaba castelán, pero 50 anos despois case a metade dos galegos se instalaran parcial ou totalmente no castelán.

Factores de Castelanización

No nivel socioeconómico, houbo unha certa prosperidade debido á industrialización que chegou a Galicia coa creación dos polos industriais de Vigo e Ferrol nos anos 60. Isto provocou unha urbanización e o éxodo do campo á cidade. Ambos procesos foron acompañados dun cambio cara ao castelán. Ademais, a educación era en castelán, existía unha represión do franquismo contra todas as linguas distintas do castelán, e a chegada dos medios de comunicación audiovisuais en castelán.

A Resistencia Cultural

Durante o franquismo o galego estaba prohibido en case todos os ámbitos. Nos anos 60 comezan a xurdir movementos políticos e asociativos para o uso do galego, achegándoo á sociedade. Fundáronse a nivel político o Partido Socialista Galego e a Unión do Pobo Galego, os cales recuperaron o galego para usos públicos orais, estendendo o seu emprego a todos os partidos contrarios á ditadura.

Os anos da Guerra Civil e os primeiros anos da ditadura foron estériles para a produción cultural na lingua propia. Os escritores tiñan tres opcións: deixar de escribir en galego, exiliarse ou escribir en galego pero en segredo.

En 1950 créase a Editorial Galaxia, unha nova vía de reivindicación da lingua, impulsada por Ramón Piñeiro e Fernández del Riego. Neste período todas as obras escritas tiñan que pasar pola censura. A característica máis común entre estas obras foi o uso de arcaísmos, lusismos, galego enxebrizante e hipergaleguismos.

Autores e Xéneros Destacados

Os autores a destacar son:

  • Ánxel Fole: Escribiu A lus do candil e Terra brava. O seu estilo narrativo reproduce as características dos contos orais. A temática é o medo, con elementos sobrenaturais que entran na verosimilitude, contos pensados para contarse no rural. Utiliza a linguaxe dialectal propia da zona de recollida.
  • Álvaro Cunqueiro: Escribiu Os outros feirantes, Merlín e familia e Se o vello Simbad volvese a illas. A temática é a fantasía de aparente realidade. Os seus personaxes son fantásticos e a ambientación é rural.
  • Eduardo Blanco Amor: Máximo expoñente do realismo social. Escribiu A esmorga, Os biosbardos e Xente ao lonxe. As tres son de ambientación urbana (Ourense). Os personaxes son marxinais, rozando a delincuencia, e utiliza unha linguaxe coloquial que chega a rozar a xerga.
  • Xosé Neira Vilas: Escribiu Memorias dun neno labrego e Xente no rodicio. Ten un estilo narrativo tradicional, ambientadas no rural e con personaxes campesiños.

A Poesía da Ditadura

A poesía ten tres xeracións durante a ditadura:

  • Xeración do 36: Celso Emilio Ferreiro (Longa noite mareira), Díaz Castro, Xosé María Álvarez Blázquez, Luís Seoane, Fermín Bouza-Brey, Luís Pimentel, etc.
  • Promoción de enlace: Antón Tobar, Luz Pozo Garza, etc.
  • Xeración dos 50: X.L. Méndez Ferrín, Manuel María, Uxío Novoneyra, Xohana Torres, etc. Estes autores xa non viviron a guerra en primeira persoa.

Entradas relacionadas: