Historia de Galicia: Idade Media, Reis Católicos e Ilustración

Enviado por pablo y clasificado en Historia

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,04 KB

Galicia na Alta Idade Media (711-1037)

A chegada dos musulmáns á península Ibérica pon fin ao reino visigodo. A conquista islámica de Hispania non tivo outra consecuencia en Galicia que facer desaparecer a estrutura política da monarquía visigoda.

Gallaecia ficou durante o século VIII á marxe do control dos reinos veciños. A economía altomedieval galega caracterízase por unha agricultura moi primitiva e de baixos rendementos.

A descuberta do sepulcro do Apóstolo vai converter Santiago no referente espiritual e ideolóxico dos reinos cristiáns peninsulares.

A Plena Idade Media (1037-1284)

É nestes séculos centrais da Idade Media cando Galicia fixou a grandes trazos o territorio que conserva até a actualidade.

Coa unión das coroas de Castela, León e Galicia na persoa de Fernando III, vai supoñer o afastamento de Galicia do primeiro plano político peninsular.

Nestes séculos vanse producir unha serie de transformacións que van marcar a paisaxe galega até tempos moi recentes. O crecemento demográfico virá da man dunha intensificación da produción agrícola, así como dunha expansión da actividade comercial e artesanal.

A Baixa Idade Media (1284-1474)

  • Galicia entra no século XIV cunha situación similar á do resto dos reinos da monarquía, sumida en conflitos xeneralizados.
  • O Levantamento Irmandiño é a revolta antifeudal máis importante da Idade Media.

Na Baixa Idade Media Galicia asistirá a unha profunda crise demográfica e a unha lenta recuperación, acompañada dunha contracción da produción agrícola.

Galicia e os Reis Católicos

O reinado de Sabela de Castela e Fernando de Aragón vai supor a integración de Galicia no estado autoritario que estaban a construír.

Para reforzar o poder real, leváronse a cabo medidas clave:

  • A creación da Santa Hermandad.
  • O nomeamento de Fernando de Acuña como Xustiza Maior de Galicia.
  • A creación das institucións de Gobernador e da Audiencia de Galicia.

Durante o reinado de Sabela e Fernando asistimos ao proceso de transformación da aristocracia galega, que de guerreira convértese en cortesá.

O Sector Pesqueiro na Idade Moderna (Século XVI)

Dentro das actividades primarias, a agricultura é, sen dúbida, a de maior peso na economía da Idade Moderna, pero aínda así é salientable a importancia da pesca nunha rexión que conta cun extenso e poboado litoral.

O importante desenvolvemento que a actividade pesqueira alcanzou na Idade Media mantense no século XVI, considerado como o momento de maior florecemento dos núcleos litorais.

En especial, Pontevedra ocupa agora a posición hexemónica mantida pola Coruña no século anterior. Pontevedra, cuxo influente gremio de mareantes controla a salga do peixe, convértese no primeiro porto pesqueiro de Galicia e isto contribúe de forma moi destacada ao seu crecemento.

A Ilustración en Galicia (Século XVIII)

Os ilustrados galegos, desexosos de promover unha ciencia útil, realizan a maior parte da súa obra na segunda metade do século XVIII. Todos eles céntranse na resolución dos problemas de Galicia.

Os seus obxectivos principais eran:

  • A reforma do sistema económico, coa transformación das estruturas agrarias.
  • O impulso ao proceso industrializador.
  • A mellora do nivel educativo da poboación.

Normalmente pertencen a familias acomodadas e moitos son eclesiásticos. Entre as características comúns aos ilustrados galegos están a súa moderación política e relixiosa, a confianza na razón e na educación e o programa de reformas centrado nos problemas do país.

Entre os representantes máis destacados da Ilustración galega están frei Bieito Xerónimo Feijoo e Montenegro e frei Martiño Sarmiento.

Entradas relacionadas: