Historia do Galego: Prerrexurdimento e Rexurdimento

Enviado por Chuletator online y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,92 KB

O Galego no Prerrexurdimento

O Prerrexurdimento abrangue desde comezos do século XIX ata o ano 1863 e distínguense dúas etapas:

  • Desde comezos do século ata 1840: houbo loitas contra os franceses. A escaseza de textos literarios en galego é unha realidade na primeira metade do século XIX; os primeiros textos son propagandísticos en contra da invasión francesa.
  • A segunda etapa, o Provincialismo, desde a década de 1840 ata 1863: defensa dos intereses de Galicia, reivindicando a antiga provincia galega como realidade política e cultural.

Neste período aséntanse as bases da recuperación social e cultural que culminará co Rexurdimento, xa que o Provincialismo defende os intereses, a cultura, a lingua e a literatura de Galicia, aínda que o faga en castelán desde xornais como: Revista de Galicia, El Idólatra de Galicia ou El Recreo Compostelano.

O Provincialismo e os seus fitos

Dentro do Provincialismo, cómpre citar o levantamento do comandante Solís en Lugo en 1846, no que se pronunciou contra o goberno de España e a súa política. Os sublevados foron derrotados en Carral e os dirixentes fusilados (como Solís) ou tiveron que partir ao desterro (como Antolín Faraldo).

En 1856, décimo aniversario dos fusilamentos, estudantes de Santiago (entre eles Eduardo Pondal) organizaron o Banquete de Conxo, un xantar alternando un estudante e un obreiro ou artesán para simbolizar a unión entre o traballo intelectual e o manual na sociedade ideal dos progresistas.

Outro dos fitos é a celebración dos Xogos Florais da Coruña en 1861 para estimular a creación poética, cun premio á mellor composición que tivese como tema principal Galicia. Os poemas foron publicados no Álbum de la caridad. Juegos Florales de La Coruña (1862), editado por Antonio María de la Iglesia, e incluía un apéndice de poemas en galego e castelán, considerado o inicio da poesía galega moderna.

O Galego no Rexurdimento

O século XIX, o Rexurdimento, foi unha época de recuperación literaria, cultural, política e histórica.

Xornalismo en galego

A aparición do galego nos xornais deu prestixio ao idioma. En 1876 apareceu O Tío Marcos da Portela, considerado o primeiro xornal integramente en galego, promovido por Valentín Lamas Carvajal.

Entre 1886 e 1888 consolidouse o xornalismo exclusivamente en galego e apareceron novas iniciativas.

O Rexionalismo

Na segunda metade do século XIX, intelectuais galeguistas (como Manuel Murguía, Alfredo Brañas e Aurelio Aguirre) impulsaron o movemento denominado Rexionalismo, no que se compaxinaban cultura e política. Este movemento organizouse nunha forza política denominada Asociación Regionalista Gallega (1891), que tivo as súas bases teóricas na obra El Regionalismo (1889) de Alfredo Brañas.

A lingua no Rexurdimento

É importante salientar que os autores do Rexurdimento descoñecían a existencia da lírica medieval galega e escribían convencidos de que eran os iniciadores do cultivo literario do idioma. Empregaban a lingua oral, un galego dialectal, e os problemas ortográficos solucionábanos seguindo a norma ortográfica do castelán; eran comúns os guións e os apóstrofos.

Os escritores do Rexurdimento eran conscientes da necesidade dunha lingua única e estándar que superase os dialectalismos, e dun criterio unificador regulado por unha institución creada para defender e depurar o galego.

Nacemento da Real Academia Galega

O resultado foi o nacemento da Real Academia Galega en 1906, sendo o seu primeiro presidente Manuel Murguía.

Situación sociolingüística

Nesa época, aproximadamente o 85% da poboación de Galicia falaba galego e, segundo avanzaba o século, a lenta recuperación do galego convivía co aumento da diglosia (a lingua galega seguía perdendo prestixio social).

Entradas relacionadas: