Historia de España: termos, períodos e eventos clave desde a Prehistoria ao Antigo Réxime

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 22,77 KB

Glosario de termos históricos

CONVERSO

Persoa que acepta unha crenza relixiosa ou unha ideoloxía diferente á que profesaba anteriormente. Na España dos séculos XVI e XVII aplicábase especialmente aos musulmáns e xudeus que se convertían ao cristianismo, ben por convicción, ben para evitar persecucións. O aumento do número de conversos agravou o odio popular contra estes novos cristiáns, acusados de manter en segredo a súa fe (xudaizantes, mouriscos). Moitos deles foron vítimas do tribunal da Inquisición.

GRANDE ARMADA

Gran flota armada por Felipe II en 1588 para invadir e conquistar Inglaterra e destronar á raíña protestante Isabel I. Partiu do porto de Lisboa, recalou na Coruña e arribou ao Canal da Mancha, onde debía unirse cos exércitos dos Países Baixos. A falta de coordinación, as adversas condicións meteorolóxicas e os ataques ingleses fixeron fracasar a empresa. Tras a derrota, os ingleses a cualificaron como a «Armada Invencible».

MOURISCO

Musulmán obrigado a converterse ao cristianismo por orde dos monarcas en diferentes momentos: 1502 en Castela e 1525 en Aragón e Valencia. A conversión forzosa supuxo o fin oficial da poboación musulmá en España, pero moitos continuaron mantendo a súa lingua, vestimentas e costumes, especialmente os que vivían no territorio do reconquistado reino de Granada. Esta situación levou á súa expulsión de Granada (1570), Valencia (1609), Aragón e Castela (1610).

TERZOS

Unidades militares de infantaría formadas por soldados voluntarios e recrutados. Poden considerarse o primeiro exército profesional e foron decisivos na monarquía hispánica dos Austrias nos séculos XVI e XVII. Loitaban combinando armas brancas (picas, espadas) e armas de fogo (arcabuces, mosquetes). Oficialmente foron creados por Carlos I e organizados en tres terzos destinados en Sicilia, Milán e Nápoles (terzos vellos), pero despois tamén combateron en Francia e Flandres.

UNIÓN DE ARMAS

Proxecto elaborado en 1625 polo valido de Felipe IV, o conde‑duque de Olivares, co propósito de crear un poderoso exército formado por soldados de todos os reinos da monarquía hispánica (e non só de Castela) que garantise a hegemonía dos Austrias españois en Europa. Tivo escaso éxito en Aragón e Valencia e xerou forte oposición en Cataluña e Portugal, o que contribuíu a alimentar as rebelións dese tempo en 1640.

VALIDO

Secretario ou favorito real ao que o soberano outorgaba a súa confianza, ata o punto de entregarlle a dirección e xestión do reino. En España a privanza xeneralizouse no século XVII, cando os monarcas abandonaron o exercicio directo do goberno. Entre os validos destacaron os duques de Lerma e de Uceda no reinado de Felipe III, o conde‑duque de Olivares e Luis de Haro no de Felipe IV, e Fernando de Valenzuela e o conde de Oropesa no de Carlos II.

XUNTAS DO REINO DE GALICIA

Institución que desde 1528 actuaba como representación do Reino de Galicia ante a Coroa de España. Estában formadas polos deputados das cidades capitais das sete provincias (Santiago, Lugo, Ourense, A Coruña, Betanzos, Mondoñedo, Tui), presididas polo Capitán Xeral de Galicia. Non tiñan funcións de goberno e eran convocadas polo monarca, especialmente cando este precisava aumentar impostos ou facer levas de soldados. Tamén enviaban informes e peticións ao rei, entre as que destaca a reclamación da concesión a Galicia do voto nas Cortes de Castela, conseguida en 1623.

Antigo Réxime e reformas borbónicas

Antigo Réxime. Sistema político e socioeconómico característico dos séculos XVI, XVII e XVIII, baseado nunha economía de base agraria, na pervivencia das estruturas feudais, na sociedade estamental e na monarquía absoluta. A Revolución Francesa provocou a súa crise definitiva; foron os revolucionarios quen acuñaron esa denominación para referirse á monarquía de Luis XVI, na que se mantiñan estruturas políticas, sociais e administrativas consideradas decadentes e inxustas.

Catastro de Ensenada. Minucioso interrogatorio ou enquisa para coñecer as características demográficas, económicas e xeográficas das poboacións da Coroa de Castela co obxectivo de racionalizar o sistema fiscal e substituír a multiplicidade de rendas provinciais por unha única contribución. Iniciado en 1749 a proposta do marqués de la Ensenada, ministro de Fernando VI, realizouse ao longo de varios anos co apoio dos intendentes, pero as protestas dos grupos privilexiados frustraron a súa aplicación.

Decretos de Nova Planta. Conxunto de decretos promulgados por Felipe V entre 1707 e 1716 que impuxeron, nos territorios da Coroa de Aragón (Aragón, Valencia, Mallorca e Cataluña), a organización político‑administrativa de Castela, eliminando os seus privilexios forais por apoiar ao pretendente Carlos de Austria na Guerra de Sucesión (1702‑1714). Reforzaron a centralización política na monarquía española; só Navarra e as provincias vascas conservaron os seus foros pola súa fidelidade a Felipe V.

Despotismo Ilustrado. Sistema político da segunda metade do século XVIII que defendía o incremento do poder absoluto do rei para que, apoiado polas luces da razón, impulsase as reformas necesarias para aumentar a riqueza do reino e o benestar dos súbditos. O seu lema foi «todo para o pobo, pero sen o pobo». O mellor representante en España foi Carlos III (1759‑1788).

Motín de Esquilache. Revolta popular ocorrida en 1766 en Madrid, provocada polo decreto de Esquilache, ministro de Carlos III, que prohibía o uso de capas longas e sombreiros de aba ancha; mais a súa orixe está no descontento social pola carestía do pan, provocada polas malas colleitas e pola especulación. A situación foi aproveitada por sectores nobiliarios e eclesiásticos contrarios ás reformas, e a revolta provocou a caída de Esquilache e un xiro no programa reformista.

Paz de Utrecht. Tratado asinado en 1713 na cidade de Utrecht (Países Baixos) entre España e Gran Bretaña, que puxo fin á Guerra de Sucesión española; foi complementado polo tratado de Rastatt (1714) entre Francia e Austria. Por estes tratados, e co obxectivo de manter o equilibrio europeo, Felipe V foi recoñecido como rei de España a cambio de importantes concesións a Gran Bretaña (Xibraltar, Menorca e privilexios comerciais con América) e a Austria (Flandres, Nápoles, Milán).

Regalismo borbónico. Política de control e limitación do poder da Igrexa católica levada a cabo polos Borbóns en España no século XVIII no marco do reforzo do absolutismo real. Entre outras medidas impuxeron o «padroado rexio» (dereito do rei a presentar ou nomear candidatos para ocupar sedes eclesiásticas vacantes, recoñecido polo Concordato de 1753) e o «placet» (dereito do rei a reter bulas e provisións da Santa Sede).

Perguntas e respostas

1. Que é a historia? Explica en que se basea, no que consiste e en que se apoia para acadar o seu propósito.

A historia é o estudo do pasado da humanidade a partir do exame crítico de documentos ou calquera outro soporte que informe sobre os feitos pasados de diversas rexións e culturas. Historia pode referirse a tres acepcións: a disciplina que estuda o pasado e o ordena cronoloxicamente; o pasado propiamente dito, entendido como a materia de estudo dos historiadores; e o período temporal que comezou coa invención da escritura na Antigüidade e chega ata o presente.

Baséase na análise de fontes, que poden ser documentos escritos, imaxes, relatos orais ou restos materiais. Existen ciencias auxiliares que colaboran na interpretación das fontes: arqueoloxía (restos materiais das sociedades antigas), paleografía (estudo dos antigos escritos), epigrafía (inscricións en pedra ou outros soportes), numismática (moedas e medallas) e xealoxía (relacións familiares), entre outras.

2. Que é a historiografía? Cal é o seu obxecto de estudo? Fai un esquema das súas principais correntes e explica en que se diferenza da historia.

A historiografía estuda como se produce a narración histórica ao longo do tempo. É a arte de escribir e investigar a historia mediante a análise crítica das fontes históricas; en sentido amplo, é o estudo científico da historia e das técnicas e métodos usados polos historiadores. Constituíuse como disciplina especializada a finais do século XVIII e comezos do XIX.

Obxecto de estudo: a historia en si mesma, as fontes, as técnicas de interpretación e os textos que transmiten a visión do pasado.

Principais correntes historiográficas

  • Historicismo (s. XIX): representado por Leopold von Ranke; procurou a obxectividade histórica e centrouse en comprender o feito histórico, especialmente o cambio nas institucións e no Estado.
  • Positivismo (s. XIX): influído por Auguste Comte; considerou ao historiador como observador neutro e sostivo que a historia constaba de etapas progresivas e universais; apostou por métodos analíticos.
  • Materialismo histórico: inspirado en Karl Marx e Friedrich Engels; interpreta a historia a partir das relacións sociais e económicas e da loita de clases como motor do cambio histórico.
  • École des Annales (s. XX): fundada coa revista Annales por Lucien Febvre e Marc Bloch; promoveu a historia social, as análises de longa duración e a incorporación doutros campos (socioloxía, economía) ao estudo histórico.

3. Cando aparecen os primeiros poboadores na Península Ibérica? Cita os principais homínidos e explica o modo de vida do Paleolítico comparado co do Neolítico.

Os primeiros poboadores da península aparecen hai aproximadamente 1,2 millóns de anos, con restos como os da Sima del Elefante. Os principais homínidos foron, de forma cronolóxica: Homo antecessor, Homo neanderthalensis, e Homo sapiens (incluíndo o Homo sapiens sapiens).

No Paleolítico a economía era depredadora: caza, pesca e recolección. Eran grupos nómades que se desprazaban segundo os recursos e o clima. A organización social era colectiva, en pequenos grupos unidos por lazos de parentesco, sen clara xerarquía.

No Neolítico prodúcese a transición cara a unha economía produtora: domestícanse animais e cultívanse plantas, aparece a sedentarización con prácticas iniciais de roza e a xestión do territorio. Súrxe a especialización do traballo, a xerarquización social, a aparición de cultos e dunha posible casta sacerdotal, e medra a poboación polos excedentes agrarios.

4. Esquema comparativo da pintura do Paleolítico e da arte levantina. Cita as principais construcións megalíticas.

Pintura paleolítica:

  • Data: moitas pinturas atribuídas a 14.000 a.C., estudos máis recentes rexistran exemplos de máis de 40.000 anos (e.g., Nerja).
  • Localización predominante: zona cantábrica.
  • Tema e estilo: arte figurativa centrada en animais con técnica naturalista; escasa presenza da figura humana; uso do volume e do movemento mediante cores e relieves; cores predominantes: negros e ocres.
  • Interpretación: relación con ritos de caza (maxia simpática), santuarios interiores nas covas; presenza de mans en positivo e negativo.

Arte levantina:

  • Data: aproximadamente entre 10.000 e 5.000 a.C.
  • Localización: abrigos e espazos ao aire libre (e.g., Albarracín).
  • Características: escenas narrativas (cacerías, danzas, recolección), proliferación da figura humana, cores planas e estilización/esquematización, usos narrativos e rituais.

Escultura e arte mobiliar: gravados e figuras en pedra, osos e astas; realismo no Paleolítico que evoluciona cara ao esquematismo nas etapas posteriores. En obxectos de uso cotián aparecen gravados con animais, figuras humanas e símbolos abstractos.

Principais construcións megalíticas: menhir, dolmen e círculo (cromlech).

5. Que tres grandes conxuntos de pobos prerromanos distinguimos? Onde estaban localizados? Que pobos protagonizaron as colonizacións e cales foron os seus aportes?

Distínguense tres grandes conxuntos: tartessos, celtas e íberos.

  • Tartessos: estendéronse pola conca do Guadalquivir (Huelva, Sevilla, Cádiz, parte de Granada, Badaxoz) e tamén no sur de Portugal.
  • Celtas: orixe centroeuropea, penetraron en diversas zonas do interior e nalgúns puntos do noroeste peninsular.
  • Íberos: ocupaban a costa mediterránea desde o sur de Francia ata Alicante e zonas interiores entre os vales do Ebro e do Guadalquivir.

Pobos colonizadores e principais aportes:

  • Fenicios (de Siria e Líbano): desde o s. IX a.C. fundaron colonias comerciais (Gadir/Cádiz), introducindo a metalurxia do ferro, a escritura e prácticas relixiosas, e fomentando o comercio marítimo.
  • Gregos (s. VIII‑VI a.C.): crearon colonias vinculadas ás polis, como Emporion; achegaron escritura, produtos agrícolas, tratamentos artísticos e culturais e técnicas metalúrxicas.
  • Cartaxineses (fundados polos fenicios en 820 a.C. en Norte de África): dominaron partes do Mediterráneo occidental desde o s. V a.C.; a presencia cartaxinesa intensificouse ata as Guerras Púnicas e afectou profundamente as relacións e conflitos na península.

6. Fai un esquema coas fases da conquista romana da Península Ibérica e explica como organizaron o territorio. Que relixión chegou cos romanos e que variante prosperou en Gallaecia?

Fases da conquista romana:

  • Primeira fase (218‑206 a.C.): ocupación da franxa mediterránea ata Gadir e o val do Guadalquivir no marco da Segunda Guerra Púnica; remata coa toma de Gades (206 a.C.).
  • Segunda fase (197‑177 a.C.): expansión cara ao interior e avance no litoral atlántico; campañas destacadas de Catón e Sempronio Graco.
  • Terceira fase (154‑133 a.C.): conquista do interior, guerras contra celtíberos e lusitanos; resistencia de Viriato e Numancia.
  • Fase final (29‑19 a.C.): sometemento do norte peninsular tras as campañas cántabras e astures, dirixidas por Octavio Augusto.

Organización territorial romana: crearon provincias, conventos e civitas. As provincias estaban gobernadas por un gobernador; comezaron en 197 a.C. con Hispania Ulterior e Citerior, e evolucionaron ata incluír Baética, Lusitania, Tarraconensis, Cartaginensis e Gallaecia (cambios administrativos até o período tardoimperial).

Os conventos agrupaban varias civitas e tiñan funcións xudiciais, fiscais e de recrutamento. As civitas eran a unidade básica, con núcleos urbanos e territorio xurisdicional; incluían colonias (fundacións para soldados licenciados) e municipia (núcleos indíxenas con dereitos romanos ou latinos).

Relixión e variantes locais: cos romanos chegou o cristianismo. En Gallaecia desenvolveuse unha variante chamada priscilianismo (s. IV d.C.), asociada a Prisciliano, cunha interpretación do cristianismo próxima ás masas populares e crítica coa xerarquía eclesiástica; tivo gran éxito en Gallaecia e perdurou até o s. VI d.C.

7. Que pobos xermánicos chegaron a Hispania? Cando? En que ano conquistou Leovixildo o reino suevo? Como se elixían os reis visigodos e que importancia tivo o reinado de Recaredo?

As principais entradas de pobos xermánicos foron: os godos (s. IV‑V, con máis presenza a partir de 376 d.C.) e, en 406 d.C., suevos, vándalos e alanos penetraron na península. A incapacidade do Imperio Romano para controlar a situación favoreceu a instalación destes grupos. En 409 suevos, vándalos e alanos repartíronse territorios tras saquear diversas provincias.

Leovixildo conquistou o reino suevo en 585 d.C., anexionando definitivamente o seu territorio ao reino visigodo, aínda que respectando en parte a súa organización territorial previa.

Mecanismo de elección dos reis visigodos: segundo a tradición, a asemblea de homes libres (ou aula rexía), formada polos guerreiros, aclamaba ao novo rei. Co tempo os reis intentaron facer a sucesión máis hereditaria, pero sufrían conspiracións, levantamentos e magnicidios. O rei tiña amplos poderes (xefe do exército, xuíz supremo, promulgador de leis) e rodeábase do Officium Palatinum, entre cuxos membros destacaba a aula rexía, de carácter consultivo. Co proceso de conversión ao catolicismo, os bispos tamén participaban na aula rexía e nos concilios, defendendo que o poder emanaba de Deus e estaba sometido á disciplina e ás leis relixiosas; Isidoro de Hispalis (Sevilla) foi un referente desa corrente.

Importancia de Recaredo: o reinado de Recaredo foi clave pola conversión dos visigodos ao catolicismo en 589 d.C., o que supuxo un importante cambio relixioso e político na Península.

8. Fai un esquema das etapas de al‑Andalus ata a fin do Reino nazarí. Explica as principais características do emirato e do califato.

En 711 d.C., tropas bérberes enviadas por Musa, gobernador musulmán do norte de África e dependente do califa de Damasco, e dirixidas por Tariq, cruzaron o estreito e desembarcaron na zona de Xibraltar. Entraron na península a convite dalgúns nobres godos partidarios dos fillos do finado Witiza para combater ao rei Rodrigo.

Tras a conquista, as terras de al‑Andalus pasaron a formar parte dos dominios do califato de Damasco, gobernados polos omeias. As loitas internas levaron á revolución abasí en 750, que trasladou o poder a Bagdad. En 756 Abd‑al‑Rahman I, un supervivente omeia, refuxiouse en al‑Andalus, apoiado pola nobreza árabe local, proclamouse emir e declarou a independencia política de al‑Andalus, iniciándose o Emirato de Córdoba.

En 929 Abd‑al‑Rahman III proclamouse califa, creando o Califato de Córdoba, que durou ata 1031. Tras a súa disgregación xurdiron as taifas, que se enfrontaron entre si e buscaron apoio en reinos cristiáns, pagando parias. A decadencia das taifas levou á intervención dos almorávides (s. XI‑XII) e, máis tarde, dos almohades (s. XII), que restableceron o control desde o norte de África ata a derrota en Las Navas de Tolosa (1212). Posteriormente consolidáronse terceiras taifas; o Reino nazarí de Granada converteuse en vasalo de Castela, pagaba parias e resistiu até 1492 grazas á súa defensa natural, cohesión interna, administración eficiente e prosperidade económica, aínda que as loitas internas do s. XV debilitaron o reino ata a súa caída en 1492.

Características do emirato e do califato:

  • Monarquía centralizada: emir ou califa con poder executivo e lexislativo; no caso do califa, tamén autoridade relixiosa suprema.
  • Administración xerárquica: hachib (primeiro ministro), valís (gobernadores de coras) e marques (gobernadores con mando militar en marcas como Zaragoza, Toledo, Coimbra).
  • Exército: composto por mercenarios e escravos, realizaba razzias; presenza de recursos fiscais abondosos.
  • Sociedade plural: árabes, bérberes, muladíes (cristiáns conversos), eslavóns, xudeus e mozárabes; existencia de marcadas diferenzas sociais e económicas.
  • Economía: renacemento urbano, comercio activo, melloras agrarias (sistemas de regadío), uso da moeda (dinar e dirham), e desenvolvemento artesanal.
  • Cultura: notable floración cultural, científica e artística (mesquita de Córdoba, Alhambra), relativa tolerancia relixiosa e liberdade de pensamento en amplos sectores.

10. Explica as características da sociedade feudal.

A sociedade feudal era cristiá, estamental e baseada na dependencia persoal máis que en vínculos de carácter público. A poboación dividíase en estamentos pechados por nacemento, con funcións, dereitos e obrigas distintos.

Grupos privilexiados: nobreza e clero — gozaban de honores, títulos, exencións fiscais e tribunais propios. A nobreza dedicábase ás armas; o clero á oración e á vida relixiosa. Dentro de cada estamento había diferenzas: alta e baixa nobreza; alto e baixo clero.

Grupo non privilexiado: maioritariamente campesiños (libres ou servos ligados á terra), obrigados ao traballo para o señor e sometidos a cargas e impostos señoriais.

Co desenvolvemento urbano xurdiron novos grupos: artesáns, comerciantes e burguesía, organizados en gremios e talleres. Tamén existían grupos marginais, como xudeus e mudéxares, que realizaban actividades comerciais, financeiras e artesanais e que a partir do s. XIV sufriron persecucións e exclusión.

11. De que xeito se manifestou a crise da Baixa Idade Media? Explica as revoltas irmandiñas.

A crise da Baixa Idade Media manifestouse en diversos ámbitos:

  • Demográfico: empeoramento climático (pequena idade do xeo) e malas colleitas agravaron a subalimentación. En 1348 a Peste Negra estendeuse por Europa e chegou a matar ata un terzo da poboación; a peste converteuse en endémica.
  • Económico: descenso da poboación e da produción agrícola provocaron redución das rendas señoriais, estancamento do comercio e das manufacturas; a recuperación foi lenta e desigual.
  • Político e social: perda de ingresos da nobreza levou ao aumento das cargas fiscais sobre as clases populares, xerando revoltas e guerras civís; intensificáronse as tensións entre estamentos e producíronse persecucións a xudeus.

Revoltas irmandiñas en Galicia: manifestáronse como resposta aos abusos señoriais e ao poder feudal. A primeira foi a Irmandade Fusqueira (1431), na zona de Betanzos e Pontedeume. A máis importante foi a Gran Guerra Irmandiña (1467‑1469): preto de 80.000 campesiños, veciños das cidades e algún clérigo uníronse para derrubar o poder nobiliario, asaltando e destruíndo máis de 130 fortalezas. Os nobres reorganizáronse en torno a Pedro Álvarez de Soutomaior (Pedro Madruga) e, coa axuda de tropas portuguesas, derrotaron aos irmandiños; a derrota foi seguida dunha represión. Con todo, o movemento deixou pegada como loita pola xustiza e polos dereitos das clases populares fronte aos abusos nobiliarios.

Entradas relacionadas: