Historia de España: Agrarismo, II República e Franquismo
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Historia
Escrito el en gallego con un tamaño de 3,87 KB
Agrarismo en Galicia
Movemento campesiño contra o sistema foral
O agrarismo foi un movemento reivindicativo que organizou ao campesiñado galego en asociacións e sindicatos agrarios para lograr a supresión do sistema foral, loitar contra o caciquismo, solucionar os problemas derivados do minifundismo e promover a renovación técnica do sector agrario galego. Destacaron Solidariedade Galega (1907-1912) e Acción Galega (1910-1915), xunto co máximo líder desta última, Basilio Álvarez. Como consecuencia, a ditadura de Primo de Rivera promulgou en 1926 o decreto de redención de foros, que permitía aos campesiños converterse en donos da terra que cultivaban.
Bienio Negro
Etapa radical-cedista da II República
O Bienio Negro foi a segunda etapa da II República (1931-1936), coñecida como radical-cedista, comprendida entre novembro de 1933 e febreiro de 1936. Estivo protagonizada por un goberno de dereitas que desmantelou as reformas do anterior bienio de esquerdas. Este goberno de dereitas estivo presidido polo Partido Radical de Lerroux, quen contaba co apoio da CEDA de Gil Robles. O goberno exerceu unha dura represión na revolta que se organizou en Asturias e Cataluña en 1934.
Brigadas Internacionais
Voluntarios estranxeiros na Guerra Civil
As Brigadas Internacionais foron batallóns de voluntarios estranxeiros, procedentes de máis de 50 países de Europa e América, que viñeron loitar a España apoiando á Segunda República durante a Guerra Civil (1936-1939). Estaban integradas por militantes de esquerdas antifascistas dos distintos países. Interpretaron esta guerra como unha nova fronte de loita contra o fascismo e tiveron un papel destacado na defensa de Madrid en novembro de 1936. Abandonaron o país tras a derrota da Batalla do Ebro polas presións internacionais (Comité de Non Intervención).
CEDA
Confederación Española de Dereitas Autónomas
CEDA son as siglas da Confederación Española de Dereitas Autónomas, unha coalición de partidos conservadores e católicos fundada en 1933 por José María Gil Robles. Definíase como contrarrevolucionaria e antimarxista, defensora da relixión, a familia e a propiedade, e esixía a revisión da Constitución de 1931 para adecuala aos principios cristiáns. Formou parte do goberno da Segunda República, en coalición co Partido Radical dirixido por Alejandro Lerroux, entre outubro de 1934 e febreiro de 1936.
Contubernio de Múnic
Oposición ao franquismo no exilio
Contubernio de Múnic é o nome pexorativo co que o réxime franquista tratou de ridiculizar o IV Congreso do Movemento Europeo celebrado en Múnic en 1962. O máximo impulsor da reunión foi Salvador de Madariaga e a ela asistiron un centenar de disidentes e opositores ao franquismo de todas as tendencias, agás os comunistas, unidos por un obxectivo común: instaurar en España un réxime democrático e recuperar as liberdades individuais e políticas. Ao seu regreso, moitos sufriron unha severa represión por parte da ditadura franquista.
Desastre de Annual
Derrota española na Guerra de Marrocos
O Desastre de Annual foi a derrota sufrida polo exército español, dirixido polo xeneral Silvestre, fronte ás cabilas rifeñas, dirixidas por Abd-el-Krim, durante a guerra de Marrocos (1921). Na batalla morreron miles de soldados españois e os rifeños fixéronse co control da zona. O desastre agudizou a crise do sistema da Restauración, o desprestixio do exército e do rei Afonso XIII, a quen se lle atribuíu, logo da comisión de investigación dirixida polo xeneral Picasso, a decisión do arriscado avance que ocasionou a derrota. Esta foi a causa directa do golpe de Estado e da ditadura de Primo de Rivera en 1923.