A Historia Cultural de Galicia entre 1936 e 1976

Enviado por Chuletator online y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 10,33 KB

O levantamento militar contra o Goberno lexítimo da II República supuxo unha creba histórica e cultural en Galicia, iniciándose a "longa noite de pedra". A feroz represión instaurou a psicoloxía do medo. O exilio exterior foi a opción máis desexada; outros vivirían un desacougante exilio interior. O réxime franquista liquidou o sistema democrático e as liberdades, implantando unha política centralista e homoxeneizadora. En Galicia, a guerra civil e a posterior ditadura supuxeron un retroceso na modernización da economía galega, que experimentou unha volta á ruralización e á autosubsistencia. Isto fixo que a poboación galega tivese no sector primario a súa principal fonte de subsistencia.


Diante desta situación, a saída estaba na emigración, principalmente a Europa e, en menor medida, a outras zonas do Estado español e a América. Disto deriváronse consecuencias nefastas, tanto individuais como colectivas e socioeconómicas. Será na década dos 60 cando se produza a transformación da agricultura tradicional. O subsector pesqueiro tamén se transforma grazas ás melloras tecnolóxicas e ao incremento da flota. Mentres, a demanda de buques conxeladores, de mercantes e petroleiros supón o auxe dos estaleiros de Ferrol. Estas mudanzas traen consigo unha serie de cambios sociais; así, dáse un salto dunha sociedade fortemente ruralizada a un rápido proceso de urbanización, e o desprazamento da poboación cara á franxa atlántica, xurdindo unha burguesía agraria e industrial, vinculada coa industrialización do campo e da cidade, e un sector obreiro que iniciaría as mobilizacións de clase.


A situación da lingua durante o franquismo. A paralización sufrida pola literatura galega tras a Guerra Civil foise superando aos poucos. Desde xullo do 36, a lingua galega foi vítima dunha constante persecución. Esta política represiva contou coa colaboración das institucións vencelladas ao poder: Igrexa, escola, medios de comunicación e administración, que empregaron o castelán. O franquismo procuraba, así, a perda da identidade galega. Durante anos, a cultura galega mantivose viva no exilio. A primeira obra poética relevante publicada foi Cómaros verdes (1947), de Aquilino Iglesia Alvariño; a partir de aquí comeza unha lenta recuperación, impulsada por editoriais como Galaxia (1950).


Así, a partir da década dos cincuenta, reiníciase tímidamente a publicación de poesía en galego. Aos autores que se formaran (e mesmo publicaran) antes da guerra súmanse novas voces: as da xeración poética do 36, a Promoción de Enlace e a xeración dos 50 ou das Festas Minervais.

Entre a continuidade e a ruptura

  • Continuísmo coas liñas estéticas anteriores ao 36, tematicamente descomprometidas como: hilozoísmo, neotrobadorismo, ruralismo.
  • Sobresaen dúas tendencias: o existencialismo da Escola da Tebra e a poesía socialrealista, amplamente cultivada por autores das diferentes xeracións.

Como Escola da Tebra

A angustia existencial, o espanto e a dor de vivir marcan a súa temática. Os libros Muineiro de brétemas de Manuel María (1950) e Fabulario novo de Manuel Cuña Novás (1952) marcan a aparición desta tendencia. Tamén aparece a poesía social (socialrealista), na que o poeta comprometido coa colectividade se fai eco da voz colectiva. A denuncia da opresión e a solidariedade son as principais características da poesía social:

  • Compromiso ideolóxico de esquerdas e antiimperialismo.
  • A poesía como instrumento de axitación.
  • Compromiso coa lingua e con Galicia.

A carón destas correntes poéticas desenvólvese o culturalismo.


TEMA 6: A PROSA ENTRE 1936 E 1976. Debido a factores como a situación política xerada na ditadura, a literatura galega instalarase nos anos máis duros da posguerra no exilio e só a partir dos 50 se iniciará unha lenta recuperación coa creación da editorial Galaxia. Así, a nosa narrativa de posguerra evoluirá a través das seguintes tendencias narrativas que pervivirán en parte ata a actualidade:

  • Continuación da prosa da Xeración Nós: Risco, Otero Pedrayo ou Carballo Calero; este último autor da primeira novela de posguerra, publicada en 1951, A xente da Barreira.
  • O realismo fantástico, de Cunqueiro, caracterizado pola mestura de elementos culturais e populares, polo entrecruzamento do extraordinario e marabilloso co cotián.
  • O realismo popular, representado por Ánxel Fole, que nunca se afasta do relato oral, da xeografía luguesa e da lingua dialectal.
  • O realismo social, que ten por máximo expoñente a Eduardo Blanco Amor e como novela inaugural A esmorga. Nas súas obras atópanse certos temas recorrentes: o mundo da infancia e adolescencia, o mundo da violencia e a marxinación, a educación nas escolas, a soidade, o enfrontamento político entre reaccionarios e progresistas, etc.
  • O realismo rural, representado por Xosé Neira Vilas, coñecedor de primeira man das penurias da vida labrega, non exento de denuncia.
  • Ao mesmo tempo, nacerá a Nova Narrativa Galega.

A NOVA NARRATIVA GALEGA

O núcleo central da NNG estaría constituído polos seguintes autores e obras:

  • Gonzalo Rodríguez Mourullo: Nasce un árbore.
  • X.L. Méndez Ferrín: Percival e outras historias, O crepúsculo e as formigas.
  • Camilo González Suárez-Llanos (Camilo Gonsar): Lonxe de nós e dentro.

-María Xosé Queizán: A orella no buraco.

-Carlos Casares: Vento ferido (1967) e Cambio en tres (1969).

-Xohán Casal: O camiño de abaixo.

-Xohana Torres: Adiós María.

Características xerais comúns aos autores da NNG

  • Espazo: Galicia e o mundo rural deixan de ser o espazo preferente. Dominan os universos urbanos (sen localización concreta, indeterminado) e os espazos interiores.
  • Tempo: A ruptura da linealidade temporal, os continuos saltos temporais (analepse preferentemente) combinados con técnicas innovadoras como o ralentí.
  • Personaxes: Abundan as personaxes con traumas e eivas, quer físicas, quer psíquicas, ao tempo que o protagonista é substituído por un ser inseguro, desequilibrado, intimista e introspectivo.
  • Narrador: Cobra especial relevancia técnica o monólogo interior, ou a técnica do ollo cinematográfico e a pluralidade de voces narrativas.
  • Lingua: A lingua oral deixa de ser o referente básico. As novas realidades exploradas conducen a unha renovación do material lingüístico.
  • Temas: O tratamento intensivo do absurdo existencial; a presenza reiterada da violencia; a liberalidade con respecto ao tema sexual; a fusión dos mundos real e fantástico a través dunha temática variada configuran novos eixes temáticos.
  • O/A lector/a: Trátase dun lector capaz de ler códigos rotundamente innovadores e que, posibelmente, se identifique como lector-escritor.

O TEATRO GALEGO ENTRE 1936 E 1976

Autores e obras

  • Álvaro Cunqueiro escribe O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca, recreación do personaxe shakesperiano, na que Cunqueiro interpreta o mito de Hamlet ligado ao de Edipo.
  • Ricardo Carballo Calero escribe Auto do prisioneiro.
  • Jenaro Marinhas del Valle, precursor do teatro social con obras como A revolta.
  • Manuel María escribe obras de temática social, histórica e popular (Barriga Verde).

Outros autores a salientar deste período son: Bernardino Graña, Arcadio López Casanova, Xohana Torres e Méndez Ferrín.

A nova dramaturxia. O teatro independente. O grupo de Ribadavia

É na década dos anos 60 e 70 cando o teatro independente se propón achegar o xénero dramático á xente. En 1965, Manuel Lourenzo funda o primeiro grupo teatral independente, O Facho. É o punto de partida do “Teatro Independente”, un conxunto de compañías non profesionais, implicadas na resistencia cultural á ditadura e que teñen o seu lugar de encontro na Mostra de Teatro de Ribadavia.


No ano 1973 ten lugar a I Mostra e do I Certame Abrente de Teatro Galego. Este feito propiciou o diálogo entre actores, autores, directores e público, e favoreceu que o teatro feito en Galicia se decidise polo galego. Estas xuntanzas durarían 8 anos. Nace así, o Grupo de Ribadavia ou Grupo Abrente. Grupos como: Antroido, Troula, A Farándula...

Características do grupo de Ribadavia

  • Vinculados ás actividades dramáticas non só como escritores, senón como directores, actores…
  • Impulsaron a profesionalización do sector.
  • Crearon un teatro comprometido coa realidade social e política do país.
  • Gusto polo experimentalismo e conexión coas tendencias do teatro europeo do momento (simbolismo, absurdo, farsas…).
  • Conseguiron a normalización lingüística en escena.
  • Serviron de guía a xeracións posteriores.
  • Amosaron interese polo teatro infantil.

Autores

  • Manuel Lourenzo foi o autor que escribiu máis obras en galego. Podemos agrupar a súa obra en tres grandes ciclos: o ciclo mítico, formada por aquelas pezas que recrean personaxes míticos do teatro grego como Electra; o ciclo histórico, no que se inclúen obras que recrean certas personaxes históricas, como Xoana; e o ciclo da dramática urxente, composto por algunhas pezas de teatro experimental.
  • Roberto Vidal Bolaño, na súa dilatada obra dramática, presenta dúas tendencias fundamentais: unha liña de teatro simbólico con raíces populares; e outra na que se inclúen textos máis complexos dominados por unha visión pesimista da vida (Laudamuco, señor de ningures).
  • Euloxio Rodríguez Ruibal, autor experimental cunha obra na que se observan tres etapas: unha primeira que constitúe unha manifestación contra a violencia e a opresión, con obras como O cabodano; unha segunda con obras de gran comicidade; e unha terceira de carácter alegórico.

Entradas relacionadas: