Historia Antiga de Galicia: Do Neolítico aos Reinos Xermánicos

Enviado por pablo y clasificado en Ciencias sociales

Escrito el en gallego con un tamaño de 5,27 KB

O Neolítico: A Revolución Agrícola en Galicia

O Neolítico, o período final da Idade de Pedra, comeza arredor do ano 8000 a.C. no Próximo Oriente. Os cambios climatolóxicos asociados ao final da glaciación de Würm determinan o inicio dunha nova relación do ser humano co seu medio. O proceso de neolitización é un complexo conxunto de cambios económicos e sociais dunha importancia tal que xustifica o emprego do termo revolución neolítica, como se coñece habitualmente. En suma, estes cambios consisten esencialmente no paso dunha sociedade depredadora de nómades cazadores e recolledores a unha produtora de agricultores e gandeiros sedentarios.

O Megalitismo: Monumentos Funerarios e Rituais

Como xa se mencionou, o Megalitismo é un fenómeno cultural caracterizado pola construción de monumentos a partir de pedras de gran tamaño, os megálitos (do grego mega=grande, lithos=pedra). Estes constitúen as construcións prehistóricas máis impresionantes de Europa e, xeralmente, teñen fins funerarios ou rituais.

Tipos de Construcións Megalíticas

  • A pedrafita, tamén denominada co termo procedente do bretón menhir (men=pedra, hir=larga).
  • A anta ou dolmen (dol=mesa, men=pedra).

Con estas estruturas básicas pódense construír outras máis complexas como os aliñamentos circulares ou os cromlech.

A Idade do Bronce en Galicia: Metalurxia e Comercio

A transición do Calcolítico á Idade do Bronce prodúcese de modo gradual, ao mesmo tempo que vai desaparecendo a tradición campaniforme e impóndose novas tradicións na cerámica e na metalurxia. Este proceso de cambio ten lugar no Bronce Inicial; a este segue a etapa de consolidación, denominada Bronce Medio, acoutada entre o 1500 e o 1100 a.C. Por último, o Bronce Final, no que a chegada dos pobos procedentes de Centroeuropa provoca a decadencia da metalurxia do bronce e a introdución da técnica do ferro.

Na Idade do Bronce, a agricultura, a gandería, a caza e a explotación dos recursos mariños seguen tendo un gran peso na economía destes pobos, aínda que a novidade que define esta cultura é o desenvolvemento progresivo da metalurxia e dos intercambios comerciais.

A Cultura Castrexa: Asentamentos Fortificados de Galicia

Ao longo do século VI a.C., coincidindo co final da Idade do Bronce, vaise implantando en Galicia unha nova cultura ao tempo que se introduce a metalurxia do ferro. Trátase da chamada cultura castrexa porque a súa principal característica é o castro, un tipo peculiar de asentamento utilizado polos pobos que neste momento residen na maior parte de Galicia, o norte de Portugal e o occidente de Asturias. Aínda que con algunhas variantes locais, a unidade cultural é clara e destaca por enriba de calquera matiz, permitíndonos falar dunha única cultura, a castrexa.

Período de Implantación da Cultura Castrexa

O período de maior implantación abrangue dende mediados do século VI a.C. ata a conquista romana (séculos II-I a.C.), aínda que a actividade nos castros mantense de forma intermitente durante todo o Imperio Romano.

A Romanización de Gallaecia: Confluencia de Culturas

O proceso de romanización que se inicia agora é un proceso longo no que os elementos do mundo castrexo se van mesturando progresivamente cos elementos da cultura romana ata integrarse nela. Non se trata dunha simple imposición cultural, senón dunha confluencia entre a tradición indíxena e a romana e, nalgúns casos, a riqueza cultural castrexa é redescuberta polos romanos.

Impacto da Romanización

Deste xeito, a conquista non supuxo ningún cambio drástico nos modos de vida e o abandono dos castros non foi obrigatorio; de feito, conviviron cos novos modelos de habitación. Aínda así, unha parte da poboación foi recrutada forzosamente para as tropas romanas e mesmo como escravos, e outros pasaron a traballar nas minas ou noutras actividades. Este proceso de romanización provoca cambios nas bases económicas, impón o latín como lingua universal e introduce novas fórmulas relixiosas que rematarán co cristianismo.

Os Reinos Xermánicos: Suevos e Visigodos en Gallaecia

Nun marco de crise do Imperio Romano, chegan os suevos a Hispania procedentes do Norte de Europa no ano 406. Tras a firma dun pacto co emperador que lles permite asentarse na parte occidental de Gallaecia, establecen a capital do seu reino en Braga. Os primeiros anos manteñen unha actitude pacífica e intégranse progresivamente na sociedade galaico-romana.

Decadencia e Fin do Reino Suevo

No ano 429 inician unha política expansionista que remata coa súa derrota polos visigodos na batalla do Órbigo. A partir de entón, o reino suevo entra na órbita visigoda, perdendo definitivamente a súa independencia no ano 585 baixo o reinado de Leovixildo. A influencia do reino suevo é determinante na organización da Igrexa e na definitiva cristianización do territorio galaico grazas á figura de San Martiño de Dumio.

Entradas relacionadas: