Hispania Romana: Conquista, Administración e Legado Cultural
Enviado por Chuletator online y clasificado en Latín
Escrito el en español con un tamaño de 4,85 KB
Conquista e Romanización de Hispania
A conquista de Roma iniciouse no século III a.C. e, tras un longo e complexo proceso, rematou no século I a.C. As razóns da presenza romana estaban vencelladas á súa política imperialista e militarista e ao control das riquezas dos novos territorios que Roma incorporaba ao seu dominio. Podemos diferenciar tres grandes etapas:
Fases da Conquista Romana
1ª. Conquista do Leste e Sur Peninsular (218 – 197 a.C.)
O contexto é o inicio da Segunda Guerra Púnica (conflito que enfrontou as potencias de Roma e Cartago). Tras o ataque dos cartaxineses a Sagunto, os romanos, liderados polos Escipións, desembarcaron en Emporion e cortaron as subministracións ao exército de Haníbal, que pasara a Italia a través do sur de Francia e os Pireneos. A derrota dos cartaxineses en Ilipa (209 a.C.) significou o fin do seu dominio no sur e leste da península.
2ª. Conquista do Centro e do Oeste Peninsular (155 – 133 a.C.)
Os romanos tiveron que facer fronte á resistencia dos pobos celtiberos no contexto do que eles denominaban guerras defensivas. Destacan as campañas contra os lusitanos, nas que sobresaíu o líder Viriato, e o sitio de Numancia, cun asedio épico que culminou coa conquista romana. En Gallaecia destacan as campañas de Décimo Xunio Bruto o Galaico (137-136 a.C.), quen atravesou o río Limia (identificado como Lethes, o río do esquecemento). A República Romana viviu unha serie de guerras civís, e estas loitas internas tiveron como escenario a Península Ibérica, o que acelerou o proceso de conquista. Destaca a presenza de Xulio César, quen chegou a Brigantium (actual A Coruña).
3ª. Conquista do Norte Peninsular (29 – 19 a.C.)
O emperador Octavio Augusto protagonizou as coñecidas Guerras Astur-Cántabras, que culminaron co dominio de galaicos, astures, vascóns e cántabros.
Organización Político-Administrativa Romana
Roma foi establecendo, ao longo da súa presenza na península, unha serie de unidades político-administrativas para asegurar o control do territorio, manter a paz, explotar as fontes de riqueza, recadar impostos e administrar xustiza. Estas foron as provincias, administradas por un gobernador. O seu número variou co paso do tempo: inicialmente eran dúas (Citerior e Ulterior), e nos últimos tempos do Imperio, seis: Baetica, Lusitania, Tarraconensis, Cartaginensis, Gallaecia e Balearica. Todas elas formaban parte da diocese das Hispanias.
Cada provincia englobaba varios conventus, que á súa vez agrupaban varias civitas (pequenas Romas, con núcleo urbano e territorios circundantes que podían ter diverso estatuto xurídico, como colonias ou municipia).
O Proceso de Romanización
Paralelamente a este proceso de conquista, deuse un proceso de romanización, que significou unha especie de aculturación que posibilitou a asimilación dos modos de vida e a cultura romana por parte dos pobos prerromanos que habitaban a península. Este longo e exitoso proceso trouxo consigo, incluso, que chegase a haber emperadores nados en Hispania, como Traxano ou Teodosio, ou grandes pensadores como Marcial e Séneca.
Elementos Clave da Romanización
- O emprego do latín como lingua común, que derivaría, co paso do tempo, nas linguas romances.
- O uso do dereito romano: leis, concepción do Estado, etc. Primeiro con Vespasiano (s. I d.C.) e logo con Caracalla (s. III d.C.).
- A relixión politeísta romana (Xúpiter, Saturno, etc.) e, posteriormente, o cristianismo (s. IV d.C.).
- Os modos de vida romanos: vestimenta, ocio, actividades económicas, organización social, etc.
Obras Públicas Romanas en Hispania
A cultura romana tivo un carácter eminentemente práctico e destacaron como enxeñeiros e construtores de obras públicas:
- Acuedutos para abastecer de auga ás cidades (ex. Segovia).
- Pontes para salvar o curso dos ríos (ex. Alcántara).
- Teatros e anfiteatros para o divertimento (ex. Mérida).
- Murallas defensivas (ex. Lugo).
- Arcos de triunfo (ex. Bará).
- Templos (ex. o de Diana en Mérida).
- Unha tupida rede de calzadas que comunicaban as cidades de Hispania con todo o Imperio.