O hidroxeno e novas enerxías limpas: Futuro e retos
O hidróxeno como fonte de enerxía
O hidróxeno é un combustible limpo porque só xera auga como residuo. O seu emprego nos vehículos reduciría o consumo de petróleo e as emisións de CO2. Actualmente estanse a desenvolver vehículos con motores de pilas de combustible nos que o hidróxeno reacciona co osíxeno dando lugar a unha corrente eléctrica. Os problemas tecnolóxicos para a expansión desta fonte de enerxía céntranse no almacenamento e na distribución. O desenvolvemento das infraestruturas precisas require aínda décadas.
A enerxía mariña
A enerxía das ondas e das mareas está aínda moi pouco explotada. Investíganse:
- A construción de dispositivos que aproveitan a enerxía das ondas ao pasar debaixo deles.
- Os primeiros prototipos de xeradores mareomotrices, que xa están en funcionamento.
Os parques de ondas poderían producir tanta enerxía coma a fonte hidráulica. Tamén hai instaladas centrais mareomotrices que aproveitan a suba da auga do mar coa marea chea. Os países con moita costa e con zonas de mareas pronunciadas poderían xerar ata un quinto da súa enerxía eléctrica a partir da enerxía mariña. Emporiso, os grupos defensores do ambiente advirten do forte impacto ambiental que poden ter estas instalacións sobre a fauna mariña das zonas en que se atopen.
A fusión nuclear
A fusión nuclear é a unión de dous núcleos atómicos lixeiros nun núcleo máis pesado. A enerxía xerada na fusión nuclear é maior ca a xerada na fisión nuclear. A enerxía liberada na obtención dun gramo de helio equivale a 7,4 toneladas de petróleo. A fusión nuclear é o procedemento polo que se xera enerxía nas estrelas.
É unha enerxía limpa que tería moi pouco impacto ambiental e escasos residuos. A proporción de deuterio contida na auga do mar asegura que non habería problemas de esgotamento das reservas. Para lograr a fusión nuclear é preciso vencer, mediante temperaturas de millóns de graos, a repulsión eléctrica entre os núcleos que se van fusionar. Aínda que se investiga en reactores experimentais, aínda non se logrou producir en cantidades rendibles este tipo de enerxía.