Guía do Neolítico: Cambios e Evolución na Prehistoria Ibérica

Enviado por Chuletator online y clasificado en Geografía

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,04 KB

O Neolítico: Características e Cambios co Paleolítico

Cara ao ano 6.000 a.C. xurdiron na Península Ibérica as primeiras comunidades neolíticas, debido, seica, á difusión polas costas mediterráneas de correntes culturais procedentes de Oriente Próximo e tamén á progresiva evolución das culturas autóctonas en contacto con estas novas influencias.

Características e Etapas do Neolítico

Estas comunidades, a diferenza do Paleolítico, que eran sociedades predadoras, iniciaron a produción de alimentos (agricultura e gandaría) e a elaboración de cerámica e tecidos. A práctica da agricultura, coa necesidade de atender a evolución dos cultivos, propiciou o sedentarismo e as primeiras comunidades estables fronte ao nomadismo paleolítico. O instrumento fundamental sería a pedra, pero pasaríase do modelo tallado do Paleolítico ao puído no Neolítico.

Paralelamente, as estruturas sociais fixéronse máis complexas como resultado dunha organización do traballo máis diversificado e a acumulación do excedente alimentario por un pequeno grupo dentro da sociedade. Isto levou á xerarquización social fronte a unha organización comunitaria do Paleolítico.

Distinguimos dúas etapas principais:

  • Neolítico Inicial (6.000-4.000 a.C.)
  • Neolítico Pleno (4.000-3.000 a.C.)

Neolítico Inicial (6.000-4.000 a.C.)

Esta primeira fase desenvolveuse fundamentalmente ao redor do Mediterráneo e, sobre todo, na costa valenciana (cova da Sarsa, cova de l’Or), aínda que tamén son relevantes as covas de Nerja (Málaga) e da Font Major (Tarragona).

Os asentamentos son fundamentalmente covas e identifícanse pola presenza de cerámica cardial, chamada así pola súa decoración con cunchas de molusco (Cardium edule), e pola aparición dos primeiros utensilios relacionados cos traballos agrícolas, como:

  • Machadas
  • Aixadas de pedra puída
  • Fouces
  • Muíños de man

Existen evidencias de que cultivaban trigo, cebada e leguminosas e de que domesticaban animais, especialmente ovellas e cabras.

Neolítico Pleno (4.000-3.000 a.C.)

Entre o cuarto e o terceiro milenio a.C. desenvolveuse unha segunda fase destas comunidades agrícolas. Nesta etapa, os depósitos non se sitúan en zonas montañosas, senón que ocupan as terras fértiles e ben regadas dos solos chans, nos que se construíron poboados estables. Nesta época, o Neolítico tamén se expande polo interior da Península con asentamentos nas dúas mesetas, no val do Ebro e no norte e noroeste peninsular.

No sueste peninsular destacan os xacementos de La Carigüela (Granada) e a chamada cultura de Almería, con vivendas circulares. Un elemento identificador desta cultura constitúeo a proliferación de sepulturas organizadas por primeira vez en necrópoles.

No nordés peninsular desenvolveuse a denominada cultura dos sepulcros de foxa, onde os defuntos eran enterrados en:

  • Foxas escavadas no solo
  • Cistas
  • Sepulcros de corredor

Eran acompañados dun enxoval funerario. O achado de obxectos de prestixio nalgunhas das tumbas incide na existencia, como indicamos na introdución, da xerarquización social. Entre os obxectos aparece a variscita, unha pedra de cor verde coa que se elaboraban ornamentos. Este mineral amosa a existencia de actividades mineiras e do seu comercio a longa distancia.

En Galicia, a aparición do Neolítico asóciase ás primeiras manifestacións de petróglifos e megálitos, aínda que estes plenamente pertencen a un período posterior (a Idade dos Metais).

A partir do III milenio a.C., coa aparición da metalurxia (Idade do Cobre, Bronce e Ferro), entraremos na Idade dos Metais, o último período da Prehistoria.

Entradas relacionadas: