A Guerra da Independencia e as Cortes de Cádiz (1808-1814)

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Historia

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,41 KB

Guerra e Revolución en España (1808-1814)

A Guerra da Independencia

O monarca español Carlos IV opúxose ás ideas da Revolución Francesa e, como outras monarquías europeas, España entrou en guerra contra Francia (1793-1795). Con todo, España foi derrotada e tivo que asinar un tratado que a convertía en aliada de Francia.

En 1807, España e Francia asinaron o Tratado de Fontainebleau, polo que acordaban invadir Portugal, que se aliara co principal inimigo de Francia: Inglaterra. As tropas francesas debían atravesar España para chegar a Portugal, pero aproveitaron a situación e ocuparon algunhas cidades españolas. A permanencia francesa en territorio español creou un gran malestar na poboación. Fernando aproveitou o descontento e instigou o Motín de Aranjuez, que provocou que Carlos IV abdicase no seu fillo.

Napoleón aproveitou os problemas da familia real para secuestrala en Baiona e obrigala a abdicar no seu irmán, Xosé Bonaparte, que se converteu en rei de España. Ante o secuestro, o 2 de maio de 1808 produciuse unha sublevación popular en Madrid, seguida de levantamentos noutros lugares. Foi o inicio da Guerra da Independencia.

A guerra foi á vez contra os franceses e unha loita civil, xa que a poboación quedou dividida entre afrancesados e fernandinos. A contenda foi longa e dura. Cidades como Zaragoza e Xirona sufriron importantes asedios. E as guerrillas fustrigaban continuamente o poderoso exército francés, mellor equipado e formado.

Cando Napoleón retirou algunhas tropas porque as necesitaba para a dura campaña de Rusia, os españois, aliados cos ingleses, iniciaron unha contraofensiva. En 1813 asinouse o Tratado de Valençay, que poñía fin á guerra e devolvía a coroa a Fernando VII.

As Cortes de Cádiz e a Constitución de 1812

A Guerra da Independencia tivo tamén profundas consecuencias políticas. A ausencia da familia real deixou en España un baleiro de poder nas zonas sublevadas, onde se crearon xuntas para organizar a loita. Por iso estableceuse a Xunta Central Suprema, co fin de crear un goberno único.

En plena guerra, a Xunta Central convocou as Cortes, que se reuniron en Cádiz por ser a única cidade que os franceses non ocuparan. A maioría dos deputados eran liberais, aínda que había unha minoría, os servís (absolutistas), que unicamente querían o regreso de Fernando VII e o mantemento do Antigo Réxime.

As Cortes elaboraron a Constitución de 1812, a primeira da nosa historia. Esta reflectía os principios do liberalismo político: recoñecía a soberanía nacional e a división de poderes, e establecía unha declaración de dereitos moi completa. Era unha Constitución moi avanzada: recoñecía o sufraxio universal masculino. Foi aprobada o 19 de marzo e coñécese como a Pepa.

Ademais, as Cortes de Cádiz aprobaron moitas reformas que puxeron fin ao Antigo Réxime:

  • Suprimíronse os señoríos.
  • Aboliuse a Inquisición.
  • Prohibíronse os gremios.
  • Declarouse a igualdade dos españois ante a lei.

Cando a guerra finalizou coa derrota e coa expulsión dos franceses, as Cortes trasladáronse a Madrid.

Entradas relacionadas: