A Guerra Civil e o Franquismo: Unha Mirada Profunda á Historia de España (1936-1975)
Enviado por Chuletator online y clasificado en Historia
Escrito el en español con un tamaño de 19,52 KB
A Guerra Civil Española (1936-1939)
Contexto e Inicio da Sublevación
Tras o Bienio Conservador, a tensión social e política aumentou en España. Confrontacións violentas entre fascistas, comunistas e anarquistas marcaron o clima previo ás eleccións de febreiro de 1936. A vitoria do Frente Popular provocou medo á sublevación militar, o que levou a Manuel Azaña a formar goberno e dispersar os xenerais máis hostís á República. Os asasinatos do tenente Castillo e de Calvo Sotelo foron o detonante do golpe militar.
O 17 de xullo de 1936 comeza a sublevación en África, liderada por Franco. O 18 esténdese á península, pero o golpe fracasa parcialmente, provocando a Guerra Civil e dividindo España en dúas zonas: unha fiel á República e outra controlada polos sublevados.
Bandos en Conflito: Apoios e Visións
A Zona Republicana
O bando republicano loita por defender a democracia e as liberdades fronte ao fascismo. Controla as principais cidades e zonas industriais. Conta co apoio da Garda de Asalto, Aviación, parte da Mariña e da Infantería, ademais de obreiros, clases medias urbanas, socialistas, comunistas, anarquistas e intelectuais.
No plano internacional, recibe axuda da URSS, México e das Brigadas Internacionais, formadas por voluntarios de máis de 50 países.
A Zona Sublevada
Para os sublevados, o conflito é un "alzamento nacional" para restaurar a orde e eliminar aos "inimigos da patria". Controlan Galicia, Castela e León, Navarra, Marrocos e parte de Andalucía. Contan co apoio da Garda Civil, a Lexión, o Exército de África, terratenentes, a Igrexa, monárquicos e fascistas.
Reciben apoio internacional decisivo da Alemaña nazi, Italia fascista e Portugal.
Desenlace e Dimensión Internacional da Guerra
A guerra dura do 17 de xullo de 1936 ao 1 de abril de 1939, data na que Franco toma Madrid e declara a vitoria dos sublevados. Esta vitoria foi posible polo apoio das elites económicas, o control dun exército máis preparado, a desunión interna no bando republicano e a axuda exterior aos sublevados.
A nivel internacional, a guerra anticipa a Segunda Guerra Mundial. Francia e Reino Unido promoven a Non Intervención, pero Alemaña e Italia incumpren e apoian aos sublevados con tropas, aviación e material bélico. No bando republicano, a axuda chega tarde e é limitada. A URSS colabora tras ver a actuación dos fascismos, México ofrece refuxio, e as Brigadas Internacionais loitan contra o fascismo.
Galicia durante a Guerra Civil
En Galicia non houbo fronte de guerra, pero si unha represión brutal contra os republicanos. Calcúlase que foron asasinados uns 5.000 galegos, a maioría en execucións sen xuízo, seguindo o plan do xeneral Mola de eliminar con violencia calquera resistencia.
O Réxime Franquista (1939-1975)
Características Esenciais da Ditadura
Coa vitoria franquista na Guerra Civil (1936-1939), instaurouse unha ditadura militar que duraría ata a morte de Franco en 1975. O réxime inspirouse no fascismo italiano e tivo como eixos fundamentais:
- Caudillismo: Franco concentrou todo o poder.
- Militarismo: o exército como garante da unidade e orde.
- Hipercentralismo e ultranacionalismo: baixo o lema “Una, grande y libre”.
- Nacionalcatolicismo: alianza total coa Igrexa católica.
- Nacionalsindicalismo: sindicato único, obrigatorio e controlado por Falanxe.
O réxime sustentouse en catro "familias" clave: o exército, a Igrexa, Falanxe (incluíndo a Sección Femenina) e as elites económicas. A poboación mantívose sometida a través do control social exercido por estas mesmas institucións.
Proceso de Institucionalización: As Leis Fundamentais
Tralo final da guerra, Franco evitou crear unha Constitución e preferiu aprobar leis que consolidasen legalmente o réxime, coñecidas como Leis Fundamentais. Estas servían para dar unha aparencia de legalidade e participación, especialmente útil no contexto da Guerra Fría, a través dun sistema chamado Democracia Orgánica (sen partidos nin parlamento real, pero con participación dende a familia, municipio e sindicato).
As principais leis foron:
- 1938 - Foro do Traballo: baseado no modelo fascista italiano, regulaba as relacións laborais e creaba o Sindicato Vertical.
- 1942 - Lei Constitutiva das Cortes: creaba unhas cortes consultivas, sen eleccións libres.
- 1945 - Foro dos Españois: declaración teórica de dereitos e liberdades, pero moi limitada.
- 1945 - Lei do Referendo: permitía consultas á poboación, sen liberdade real de expresión.
- 1947 - Lei de Sucesión na Xefatura do Estado: declaraba España reino, pero Franco seguía no poder vitalicio e escollía sucesor (Juan Carlos, nomeado en 1969).
- 1958 - Lei de Principios do Movemento Nacional: maquillaba a FET y de las JONS, afastando a falanxistas e dando entrada aos tecnócratas do Opus Dei, que modernizaron a economía nos anos 60.
- 1967 - Lei Orgánica do Estado: permitía nomear un Xefe de Goberno distinto do Xefe do Estado. Franco nomeou a Carrero Blanco en 1973.
Evolución e Contexto Internacional do Franquismo
Nos anos 40, o réxime apoiou ao Eixo, pero a derrota do fascismo obrigou a Franco a maquillarse politicamente. A Guerra Fría e o anticomunismo permitiron o seu recoñecemento internacional nos anos 50. En 1955 España entrou na ONU, e en 1953 asinou acordos cos EUA e o Vaticano. A década de 1960 destacou polo desarrollismo económico, grazas aos tecnócratas, o turismo e o crecemento industrial, dando ao réxime estabilidade e certa aceptación internacional.
Ocaso do Franquismo e Transición
Nos anos 70, a crise do petróleo e a crecente oposición interna e externa (tras execucións en 1975) debilitan o réxime. Tras a morte de Franco, en novembro de 1975, iníciase a Transición democrática, recollida legalmente na Lei para a Reforma Política, impulsada por Adolfo Suárez.
A Política Económica do Franquismo: Fases e Impacto
Introdución ás Etapas Económicas
Trala Guerra Civil, instaurouse o réxime franquista, unha ditadura longa, conservadora e de inspiración fascista. A súa política económica pasou por varias etapas, marcadas pola evolución internacional e as necesidades internas. Distínguense catro fases principais: autarquía, apertura, desarrollismo e crise.
Primeira Fase: Autarquía (Anos 40)
Na posguerra, España sufría destrución, fame, pobreza, caída na produción e illamento internacional. Neste contexto, o franquismo adoptou unha política autárquica, que pretendía a autosuficiencia mediante a intervención estatal.
- Agricultura: creouse o Instituto Nacional de Colonización (1939), que promoveu o regadío e fundou 300 núcleos de poboación rural. Non se logrou aumentar a produción.
- Industria: fundouse o Instituto Nacional de Industria (1941), promovendo empresas como SEAT, PEGASO, ENDESA ou ENCE. Nacionalizáronse sectores estratéxicos como RENFE, IBERIA e TELEFÓNICA.
A pesar destes esforzos, o país dependía do exterior para materias primas e tecnoloxía. Houbo inflación, fame, e baixísimos salarios. Entre 1939 e 1952 impuxéronse cartillas de racionamento, mentres proliferaban o estraperlo e o mercado negro.
Segunda Fase: Apertura (Anos 50)
O fracaso da autarquía e o novo contexto da Guerra Fría propiciaron a apertura do réxime.
- En 1953, asináronse acordos con EEUU (bases militares e axuda económica) e co Vaticano.
- Comezouse a liberalizar a economía, substituíndo ministros falanxistas por tecnócratas do Opus Dei.
- En 1959, estes aprobaron o Plan de Estabilización, con obxectivos como:
- liberalizar prezos e o comercio exterior,
- reducir o gasto público e a inflación.
As consecuencias foron dobres: mellora da economía estatal, pero con conxelación de salarios e aumento do paro.
Emigración masiva: milleiros de traballadores marcharon a Europa (Francia, Alemaña...) ou a zonas industriais como Euskadi e Cataluña, onde foron mal acollidos (apodados maketos e xarnegos).
Terceira Fase: Desarrollismo (Anos 60)
Co éxito do Plan de Estabilización, iniciouse unha década de crecemento acelerado, cun modelo de economía planificada e industrialización:
- Desenvolvéronse Plans de Desenvolvemento Cuadrienais con obxectivos como reducir o paro e aumentar a renda.
- Medidas clave:
- creación de Polos de desenvolvemento industriais (ex. Vigo-Porriño),
- aumento da produción de automóbiles (SEAT 600) e electrodomésticos (Fagor, Edesa),
- novas refinerías e encoros para xeración eléctrica,
- impulso ao turismo como motor económico,
- entrada de divisas por turismo e emigración,
- atracción de investimentos estranxeiros e incremento do consumo.
Este período converteu a España nun país máis urbano e industrial, aínda que con desigualdades rexionais e sen planificación ambiental. O contacto co exterior favoreceu tamén demandas de apertura política.
Cuarta Fase: Crise (Anos 70)
A finais dos 60, o crecemento estancouse, e coa crise do petróleo de 1973 (política entre Israel e os países árabes), os prezos disparáronse globalmente.
España sufriu forte inflación, paro e conflitividade laboral. A crise debilitou o réxime e intensificou a oposición interna. En 1973, ETA asasinou a Carrero Blanco, presidente do goberno, acentuando a inestabilidade.
Conclusión Económica
A evolución económica do franquismo condicionou profundamente a súa duración e a aparición de oposición. Moitos españois comezaron a ver na democracia a única vía para superar a crise e integrarse na futura Unión Europea. Esta transición comezaría tras a morte de Franco en 1975.
Evolución Política e Social: Comparativa por Décadas
Os Anos 40 e 50: Do Illamento á Apertura
Durante os anos 40 e 50, o franquismo atravesou dúas etapas económicas e políticas claramente diferenciadas, marcadas pola evolución do contexto internacional e as condicións internas do país.
Economía e Sociedade
En termos económicos, os anos 40 estiveron dominados pola autarquía, unha política de autosuficiencia inspirada no fascismo italiano. O Estado interviña completamente na economía: fundáronse o Instituto Nacional de Colonización para revitalizar a agricultura e o Instituto Nacional de Industria para crear empresas estatais como SEAT, ENDESA ou PEGASO. Porén, a situación empeorou debido á falta de tecnoloxía, a escaseza de bens básicos e os baixos salarios. Como consecuencia, impuxéronse cartillas de racionamento (1939–1952) e proliferou o estraperlo.
En cambio, nos anos 50, o fracaso da autarquía e o novo contexto da Guerra Fría favoreceron a apertura económica. O réxime asinou acordos con EEUU e o Vaticano en 1953, rompendo o illamento internacional. A finais da década, os tecnócratas do Opus Dei asumiron responsabilidades económicas e elaboraron o Plan de Estabilización de 1959, que iniciou a liberalización da economía, con consecuencias mixtas: estabilización macroeconómica, pero tamén aumento do desemprego e emigración masiva a Europa ou a zonas industriais como Euskadi e Cataluña.
A Oposición ao Réxime
En canto á oposición, nos anos 40 esta foi escasa e duramente reprimida. Destacaron a guerrilla dos maquis, que operaban nos montes e tentaron accións como a invasión do Val d’Aran (1944), e a oposición simbólica dos monárquicos e falanxistas radicais. Tamén existía a oposición no exilio, pero sen impacto real no interior.
Nos anos 50, a oposición comezou a reorganizarse. Xurdiron Comisións Obreiras (CCOO) como sindicato clandestino infiltrado no Sindicato Vertical, protagonizáronse folgas obreiras en zonas industriais, e en 1956 tiveron lugar as primeiras protestas universitarias. A finais da década tamén se fundou ETA, como grupo nacionalista vasco inicialmente centrado na identidade e contra a inmigración interna.
En resumo, mentres que os anos 40 foron de illamento, represión e autarquía económica, os anos 50 marcaron o inicio dunha apertura, tanto económica como social, que permitiu a reorganización da oposición e sentou as bases do cambio posterior.
Os Anos 60 e 70: Desenvolvemento, Crise e Ocaso
A diferenza entre os anos 60 e os anos 70 no franquismo é clara: a década dos 60 foi de crecemento e estabilidade, mentres que os 70 estiveron marcados pola crise económica e o afundimento progresivo do réxime.
Transformación Económica e Social
Na economía, os anos 60 destacaron polo chamado desarrollismo, impulsado polos tecnócratas do Opus Dei tras o Plan de Estabilización. España integrouse na economía internacional, aumentaron os investimentos estranxeiros, e promoveuse o turismo, a industria e o consumo. Os Plans de Desenvolvemento fomentaron a creación de Polos industriais (como Vigo-Porriño), mentres que o turismo achegou divisas. Este crecemento transformou o país: España volveuse máis urbana e moderna, aínda que con desigualdades rexionais.
En cambio, os anos 70 comezaron cun estancamento económico e agraváronse coa crise do petróleo de 1973, que provocou unha forte inflación, aumento do paro e caída do consumo. A situación debilitou o réxime e alimentou a conflitividade laboral. Ademais, o asasinato de Carrero Blanco por parte de ETA en 1973 deixou o goberno sen un sucesor claro e acelerou a decadencia da ditadura.
A Oposición Crecente e o Fin da Ditadura
No ámbito da oposición, os anos 60 foron un punto de inflexión. O PCE, desde o exilio, organizou mobilizacións a través de CCOO e das asambleas universitarias. Celebráronse reunións internacionais como o Contubernio de Múnich (1962), e ETA comezou a actuar mediante o terrorismo armado, cun momento clave no Proceso de Burgos (1970). Tamén comezou a crítica interna desde sectores da Igrexa, como o clero vasco, alentado polo Papa Paulo VI.
Nos anos 70, a oposición multiplicouse e fíxose transversal. Xurdiron movementos de protesta en universidades, empresas, medios de comunicación (Grupo Tácito) e mesmo no exército (Unión Militar Democrática). A represión continuou, pero xa sen conter a presión social e internacional. No exterior, fundáronse a Xunta Democrática (1974) e a Plataforma de Converxencia Democrática (1975), que se uniron na Plataxunta para reclamar a democracia. Tamén tivo lugar a Marcha Verde de Marrocos sobre o Sáhara Occidental, que deixou en evidencia a debilidade política do réxime.
En resumo, os anos 60 foron de prosperidade e modernización, cunha oposición en crecemento pero controlada. Os anos 70, en cambio, estiveron marcados pola crise, a perda de liderado político, e unha oposición ampla, plural e decidida, que preparou o camiño para a Transición democrática tras a morte de Franco en 1975.