Grupo Nós e Xeración do 25: Literatura Galega

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en gallego con un tamaño de 10,31 KB

O Grupo Nós

Formado por Vicente Risco, Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas e Antón Losada, pertencen á Xeración das Irmandades da Fala. Comparten unhas características comúns: a súa procedencia social acomodada e a súa evolución cara ao galeguismo. A eles únese Castelao. O nome do grupo procede da revista Nós, fundada en Ourense (1920-1936), que foi a publicación máis importante da Galicia da preguerra e ocupouse das diversas facetas que compoñen a cultura galega. Galicia comeza deste modo a ser obxecto de estudo e investigación. A gran preparación intelectual que estes autores tiñan permitiulles realizar un importante traballo en prol da cultura galega.

  • No plano político, lideraron o Partido Galeguista.
  • No plano literario, consolidación e renovación da prosa.

Vicente Risco

Narrativa

Caracterízase polo seu didactismo e intelectualismo, humor crítico e presenza de motivos esotéricos. Abandona o ruralismo e incorpora ambientacións urbanas. O seu estilo caracterízase pola sobriedade expresiva, con escasos artificios retóricos.

  • O porco de pé: obra máis importante, sátira contra a burguesía, encarnada na figura de D. Celidonio, tendeiro de orixe castelá, que chega a ser alcalde dunha cidade galega. Representa a vulgaridade e o materialismo da nova burguesía.
  • Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros: narración humorística. O protagonista ten grandes coñecementos esotéricos, entra en contacto co mundo dos mortos e libera a momia de Tutankhamen das súas vendas.
  • O lobo da xente e A trabe de ouro e a trabe de alquitrán: narracións breves inspiradas en lendas e crenzas populares.
  • Os europeos en Abrentes: novela inacabada, satiriza persoas e costumes da vida ourensá.

Ensaio

  • Teoría do nacionalismo galego, obra que o converte no principal teórico do galeguismo.
  • Nós, os inadaptados, explica a súa traxectoria e evolución ideolóxica.
  • Mitteleuropa, recolle as experiencias da viaxe realizada por Centroeuropa.

Teatro

  • O bufón de El-Rei, conta a historia dun bufón que delata ante o rei a relación amorosa entre a raíña e o cabaleiro, sen saber que este é o seu irmán.

Otero Pedrayo

Principal literato do Grupo Nós, centrouse no campo da narrativa e do ensaio.

Novelas máis importantes:

  • Os camiños da vida: é a primeira novela e a primeira gran novela da literatura galega. Trata dos cambios que se producen na Galicia do s.XIX, fundamentalmente a decadencia da fidalguía rural e o ascenso da burguesía urbana. Protagonizada por dúas familias fidalgas: os Doncos e os Puga, amosarán a súa decadencia económica, física e moral. Estrutúrase en tres partes cuxa acción transcorre en Trasalba, Ourense e Santiago de Compostela.
  • Arredor de si: retrato da xeración do autor e dá conta da conversión ao galeguismo dos homes do seu tempo. O protagonista, Adrián, viaxa por diversos lugares de España e de Europa e vai experimentando unha evolución ideolóxica que o leva de volta a Galicia. Esta viaxe fai que se reencontre consigo mesmo e coa terra.
  • A romería de Xelmírez: novela de asunto medieval, trata da viaxe do arcebispo Xelmírez a Roma. É a única obra que non fai referencia a Galicia.

Ensaio

Temas de xeografía e historia, destacan Síntese xeográfica de Galicia e Ensaio histórico sobre a cultura galega.

Teatro

  • A lagarada: traxedia situada no Ribeiro na época da vendima. Trata do asasinato do Sr. Vences, un vello labrego rico enfrontado aos fillos e aos criados.
  • O desengano do prioiro: trata humoristicamente a implantación no Ribeiro da industria dos cadaleitos.

Estilo

  • Abundantes descricións.
  • Numerosas imaxes.
  • Presenza de referencias culturais.
  • Parágrafos de oracións subordinadas.

Castelao

Como escritor comeza coa narrativa, máis tarde co ensaio e por último co teatro.

Principais características da súa obra:

  • Crítica social: denuncia as inxustizas que sofren os máis débiles, defende as clases populares…
  • Humor acedo: a través da ironía e da retranca amosa os defectos da sociedade.
  • Lirismo: abundantes recursos expresivos.
  • Concisión e brevidade.

Narrativa

  • Un ollo de vidro: tema de ultratumba. Un esqueleto narra as peripecias da súa actual vida nun cemiterio. Humor negro e compromiso social.
  • Cousas: conxunto de relatos acompañados dunha ilustración, ofrecen un mosaico da realidade galega do seu tempo.
  • Retrincos: colección de cinco relatos autobiográficos. Narra acontecementos e vivencias do autor en momentos da súa vida.
  • Os dous de sempre: é a única novela longa de Castelao, biografía de dous personaxes, Pedriño e Rañolas, amigos desde a infancia.

Rañolas é o rapaz que vai superando todos os atrancos grazas á súa intelixencia, valentía e idealismo.

Pedriño é unha persoa sen vontade, preguiceiro e materialista, ten como única preocupación comer e folgar.

Na portada da novela figuran un paxaro e unha ra, presentan simbolicamente a cada personaxe.

Ensaio

  • Sempre en Galiza: obra máis importante do pensamento galeguista da época publicada en Bos Aires. Galicia é definida coas características dunha nación fronte ao centralismo.
  • Traballos sobre arte popular: As cruces de pedra na Bretaña e As cruces de pedra na Galiza.

Teatro

  • Os vellos non deben de namorarse: é a única obra teatral de Castelao, estreada en Bos Aires e publicada en libro en Galicia. Consta de tres lances independentes pero de tema e estrutura semellante. O prólogo anticipa o tema e o argumento da obra: os amores serodios dos vellos van aparellados á morte. Hai tres versións dun mesmo tema, en cada un hai un vello namorado dunha moza e un mozo que rivaliza con el. Tamén aparece a morte como personaxe que advirte ao vello. No epílogo os tres vellos reúnense xa convertidos en esqueletos e analizan as circunstancias da súa morte e coñecen noticias das súas mozas.

Obra gráfica

Castelao foi tamén pintor, debuxante e caricaturista. Converteuse na principal figura da arte galega do seu tempo, publicou os debuxos do Álbum Nós.

A Xeración do 25

Nos anos 20 e 30 aparece en Galicia un grupo de escritores que levan a cabo a renovación da poesía galega mediante a incorporación das novidades das vangardas literarias europeas. Manteñen relacións cos compoñentes das Irmandades da Fala e da Xeración Nós.

Empregaron como medios de expresión os órganos periodísticos do momento e publicaron revistas literarias de creación propia, nas que difunden os seus versos e dan a coñecer aos principais representantes da vangarda española e mundial.

A poesía de vangarda en Galicia

Podemos agrupar as diversas correntes poéticas deste momento en dúas grandes liñas:

  • Correntes que funden a tradición coa vangarda: hilozoísmo e neotrobadorismo.
  • As que rompen coa tradición literaria galega e seguen o camiño marcado polas literaturas vangardistas europeas: creacionismo.

Hilozoísmo

Ten como tema principal do poema a natureza, que aparece humanizada e animada mediante personificacións. Combina a tradición paisaxística coa riqueza das imaxes e metáforas, amosa unha gran sensualidade. A súa meta é a creación de imaxes nas que se reúnen elementos visuais e auditivos. Predominio das cores fortes e vivas, métrica sinxela, versos curtos de rima asonante.

O iniciador e principal cultivador desta tendencia foi Luís Amado Carballo. Publicou dous libros de poemas: Proel e O galo.

Foron moitos os autores que seguiron os presupostos estéticos desta corrente poética que se prolongou ata os anos sesenta.

Neotrobadorismo

Nace tras o descubrimento e difusión da poesía medieval galego-portuguesa grazas á edición dos cancioneiros realizada por Jose Joaquim Nunes.

Os poetas, marabillados ante a beleza das vellas cantigas, introducen numerosos elementos temáticos, formais e estilísticos da lírica medieval.

Combinan os temas e técnicas dos cancioneiros medievais con atrevidas imaxes vangardistas.

A existencia da literatura medieval demostraba a continuidade da literatura galega.

Os principais representantes foron:

  • Fermín Bouza Brey (Nao senlleira)
  • Álvaro Cunqueiro (Cantiga nova que se chama riveira)
  • Xosé María Álvarez Blázquez: pon fin a esta tendencia con Cancioneiro de Monfero.

Creacionismo

O principal poeta foi Manuel Antonio, o poeta máis innovador e orixinal da Xeración do 25, prototipo do escritor vangardista do seu tempo.

A súa obra, incluída dentro da estética do creacionismo, con pegadas futuristas e cubistas, caracterízase pola ruptura coa tradición literaria galega e aposta pola renovación temática e formal.

En 1928 publica Follas sen data dun diario de abordo, único libro editado en vida. Formado por 19 poemas, estrutúrase en aparencia como a crónica dunha viaxe con tres etapas: partida – aventura – regreso. Admite diversas interpretacións: o mar como aventura, a procura da plenitude vital, a soidade, o fracaso.

A súa morte truncou unha importante e singular traxectoria literaria.

Expón as súas ideas acerca da literatura en dous textos en prosa nos que teoriza sobre o tema: o manifesto “Mais alá” e o “Prólogo dun libro de poemas que ninguén escribeu”.

O manifesto “Mais alá”

Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro expresan a necesidade de que a literatura galega rompa coa tradición e busque novos camiños.

Cada autor amosa a súa independencia e orixinalidade. O ideal fundamental que defenden é a absoluta liberdade creativa.

Tamén amosan o seu compromiso coa lingua galega, o seu monolingüísmo e critican os escritores que escollen o castelán como lingua literaria.

Entradas relacionadas: