O Grupo Nós e Castelao: Pilares da Literatura e Cultura Galega
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 4,09 KB
O Legado do Grupo Nós: Unha Visión Abrangente
O Grupo Nós
Nos primeiros anos do século XX, apareceu unha nova xeración de escritores que explorou outras formas de expresión distintas da lírica. Os membros máis destacados, coñecidos como a Xeración Nós ou Xeración das Irmandades, nados entre 1880 e 1890, son: Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo, Cuevillas e os irmáns Villar Ponte. Non atopaban acomodo no mundo que lles tocou vivir. Sentíanse inconformistas, insatisfeitos e cheos de rebeldía. Procuraban algo diferente e, nun primeiro momento, atopábano nas culturas alleas e exóticas, no ocultismo, no esoterismo..., ata que se decataron de que o que procuraban estaba no seu arredor, achegándose ao galeguismo. Foron quen de europeizar a cultura galega.
A revista Nós, publicada entre 1920 e 1936 e dirixida por Vicente Risco, acolleu con rigor e brillantez a prosa, o ensaio e a arqueoloxía. Neste período, a prosa e o ensaio acadaron un nivel nunca antes logrado na literatura galega.
Características do Grupo Nós
- Orixe pequeno-burguesa.
- Formación universitaria sólida.
- Evolución cara á confluencia no galeguismo.
- Inconformismo, inadaptación e rebeldía fronte ao mundo que lles tocou vivir.
- Aposta clara pola modernidade, sen renunciar á tradición.
- Querenza polas culturas alleas e exóticas, polo esoterismo e polo alén.
- Creadores da prosa e do ensaio galego modernos.
- Encargados de difundir as novidades das culturas europeas en Galicia.
- Pioneiros no emprego da ambientación urbana na narrativa.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Castelao e a súa nai chegan en 1896; el volve a Galicia en 1900, onde estuda o bacharelato e a carreira de Medicina en Santiago. O seu traballo foi o de funcionario da administración, que combinou co de profesor de debuxo no instituto desta cidade. Participou nas Irmandades da Fala, na revista Nós e na fundación do Partido Galeguista, polo que foi elixido deputado en dúas ocasións. Foi un dos principais impulsores do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia. Durante a Guerra Civil realizou traballo diplomático en favor da República ata exiliarse definitivamente en Bos Aires. Castelao morreu o 7 de xaneiro de 1950, e desde 1984 os seus restos repousan no Panteón de Galegos Ilustres en Santiago de Compostela.
Características da Obra de Castelao
- Achegamento sensible ás clases populares e aos máis humildes.
- Comprensión e identificación coa idiosincrasia galega.
- Brevidade e ausencia de adornos.
- Emprego de estratexias de verosimilitude: o manuscrito atopado, as testemuñas, os detalles biográficos etc.
A Obra de Castelao
Castelao foi un artista polifacético, xa que destacou como debuxante, pintor, ilustrador, literato, ensaísta e orador. Os seus comezos sitúanse no debuxo e na pintura, con obras destacadas como o álbum Nós, Cincuenta homes por dez reais e os diversos volumes de Cousas da vida. A partir da guerra, cómpre citar os seguintes álbums: Galicia Mártir, Atila en Galicia e Milicianos, centrados nos horrores e inxustizas da guerra.
Principais Obras Literarias
- Un ollo de vidro, ambientada no mundo do alén, onde predominan o humor negro e a crítica social.
- Cousas, un conxunto de prosas moi breves acompañadas dunha ilustración, fusionando literatura e plástica.
- Retrincos, relatos con detalles biográficos.
- Os dous de sempre, a súa única novela longa.
- Os vellos non deben de namorarse, a súa única peza teatral.
- Sempre en Galiza, o seu ensaio máis importante e síntese do seu pensamento político.