Grandes Obras da Escultura Grega Clásica: Policleto, Fidias, Praxíteles e Lisipo

Arte y Humanidades5,2 KB

Obras Mestras da Escultura Grega Clásica

Doríforo (Policleto)

Datación e materiais: Segunda metade do século V a.C. Orixinal en bronce, conservado a través de copias romanas en mármore.

É a imaxe idealizada dun atleta espido que camiña coa lanza apoiada no ombreiro. A cabeza, lixeiramente ladeada cara á dereita, amosa un cabelo e un rostro sereno coidadosamente traballados. O torso inscríbese nun gran rectángulo. Os brazos preséntanse despegados do corpo: a man dereita aberta mentres o brazo esquerdo se dobra e pecha a man para coller a lanza.

Aparece camiñando: acaba de apoiar o pé dereito e o esquerdo apenas roza xa o chan. Hai un equilibrio entre membros tensos e membros distendidos: no lado dereito, o brazo colga relaxado mentres a perna sostén o peso do corpo; no esquerdo, o brazo está ríxido e a perna flexionada. Este equilibrio compensado entre as diferentes partes da figura é coñecido como contrapposto, é dicir, a contraposición entre unha perna tensa e outra relaxada, que lle dá á figura un equilibrio dinámico.

No Doríforo, Policleto plasmou o seu canon, un tratado artístico que recolle un conxunto de regras elaboradas a partir de cálculos matemáticos, as cales tiñan como obxectivo a representación perfecta do corpo humano. As proporcións máis coñecidas son as da altura da figura, que debía ser sete veces a medida da cabeza.

Diadúmeno (Policleto)

Outra obra do mesmo autor é o Diadúmeno. Representa a un atleta que, despois de vencer nunha carreira, segue avanzando a modo mentres ata a cinta que o acredita como gañador; é unha obra algo posterior ao Doríforo. Destaca pola suavidade da modelaxe. A maior inclinación da cabeza e o alzamento dos dous brazos revelan unha maior liberdade compositiva.

Nesta obra tamén observamos o contrapposto: a perna esquerda está distendida, atrasada e co pé levantado, e a perna dereita actúa como soporte do corpo. A musculatura está máis matizada ca do Doríforo e o xesto é máis elegante.

Frontóns do Partenón (Fidias)

  • Datación: Mediados do século V a.C.
  • Estilo: Grego clásico.
  • Técnica: Talla.
  • Material: Mármore do Pentélico.
  • Localización orixinal: Templo do Partenón.

Frontón Oriental

Represéntase o nacemento de Atenea da cabeza de Zeus. As figuras laterais miran cara aos lados coma se ignoraran o que está a acontecer; son as figuras intermedias as que llo comunican. Neste frontón destaca o grupo de Afrodita ou das Parcas:

  • As Parcas eran deusas do nacemento e da morte.
  • Afrodita, recostada en Ártemis (a súa inimiga), mírase no espello. Simbolizaría o espírito de conciliación que Fidias quere para as polis gregas.
  • A terceira figura é Leto, nai de Ártemis e Apolo.

Frontón Occidental

Represéntase a disputa entre Poseidón e Atenea por ser a divindade protectora da polis ateniense e, xunto a eles, localízanse grupos sedentes difíciles de interpretar.

Hermes de Olimpia (Praxíteles)

  • Datación: Mediados do século IV a.C.
  • Estilo: Grego clásico.
  • Técnica: Talla.
  • Material: Mármore.

Hermes, mensaxeiro dos deuses, sostén no brazo ao seu medio irmán Dioniso; fan unha parada no camiño cara ao novo fogar do pequeno. O grupo escultórico salienta pola calidade da modelaxe, pola flexibilidade das figuras e pola delicadeza das superficies, características propias de Praxíteles.

Venus de Cnido (Praxíteles)

  • Datación: Mediados do século IV a.C.
  • Estilo: Grego clásico.
  • Técnica: Talla.
  • Material: Mármore.

Representa á deusa Venus saíndo do baño, con expresión melancólica. É a primeira escultura dun espido feminino; a modelo foi a súa amante Friné. Esta escultura provocou un gran escándalo, pero pronto foi moi famosa e venerada. Como todas as esculturas, estaba policromada con cores que imitaban o ser humano vivo. A escultura describe unha pronunciada curva.

O Apoxiómeno (Lisipo)

  • Estilo e datación: Grego clásico, século IV a.C.
  • Material: Orixinal en bronce, conservado mediante copia en mármore.

Representa a un atleta mozo, de pé e espido, que tras competir quita do seu corpo o po coa estríxil (strigilis). A figura inclina e xira lixeiramente a cabeza para mirar ao lonxe. Ergue os brazos case á altura dos ombreiros e coa man esquerda limpa o outro brazo. Ámbolos dous brazos están tensos: un dobrado e outro estirado cara adiante.

Apóiase sobre a perna esquerda, pero a outra non está relaxada e situada cara atrás como era habitual, senón que se despraza á dereita e contribúe a soster a estatua. O brazo estendido convida a xirar en torno á figura, ofrecendo así múltiples puntos de vista.

Descargar

PDF Word HTML