Os Grandes Imperios Coloniais: Historia e Impacto Global

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Historia

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,45 KB

Os Grandes Imperios Coloniais

O Proceso da Conquista

A principios do século XIX a idea colonial parecía abandonada. Pero desde 1830 retomouse: Reino Unido conquistou a India e Francia emprendeu a conquista de Alxeria.

O proceso acelerouse a partir de 1870. Entón as potencias dividiron entre elas continentes enteiros: así, na Conferencia de Berlín de 1885, o territorio africano pasou a mans dos principais Estados europeos.

A principios do século XX a expansión imperialista rematara. En África unicamente quedaban dous Estados independentes. En Asia quedaban grandes imperios sen conquistar, pero cada vez máis controlados polos occidentais.

Un caso especial foi o de América Latina. Esta lograra a súa independencia política de España e Portugal a principios do XIX; pero a realidade é que seguía dependendo economicamente dos países europeos e, máis tarde, dos EUA.

Os Grandes Imperios

O imperio británico foi o maior. O seu momento de maior esplendor coincidiu co reinado de Vitoria I. Posuíu colonias en todos os continentes e dominou puntos estratéxicos para controlar as rutas marítimas. A India era a colonia máis importante.

O imperio francés foi a segunda potencia. Ocupaba terras no norte de África e na península de Indochina, en Asia.

Outros países tiñan imperios máis pequenos. Así, o imperio belga estendeuse polo Congo, o imperio alemán polo sur de África. E o imperio italiano ocupou tamén terras en África. Un caso especial foi o de Rusia, que completou a súa expansión por Siberia e estendeu os seus límites cara ao sur, ata formar fronteira coa India.

Tamén houbo imperios non europeos. Os EUA, tras derrotar a España en 1898, ocuparon as Filipinas e Porto Rico e controlaron Cuba. Xapón anexionou Corea e Formosa e estableceu un protectorado en Manchuria.

O Choque dos Imperialismos

A carreira colonial aumentou as tensións entre as potencias europeas e ameazou a paz entre elas. Por exemplo, en África chocaron os proxectos imperiais británicos e franceses.

Ademais, algunhas potencias estaban descontentas. Este foi o caso de Alemaña, que cría que o seu imperio non se correspondía coa importancia do seu país. Por iso formulou demandas constantes para controlar novos territorios.

A Explotación Económica nas Colonias

Unha vez conquistado un territorio, iniciábase a súa explotación. Os colonizadores apropiábanse das terras e convertíanas en grandes plantacións en que se cultivaban produtos que non podían obterse en Europa ou ben explotaban a riqueza de minerais do seu subsolo.

A poboación nativa proporcionaba man de obra barata e, en moitos casos, era maltratada e sometida a situacións próximas á escravitude.

As autoridades occidentais non fomentaban a industrialización das súas colonias, posto que o que buscaban nelas era unha fonte de materias primas baratas e un lugar onde vender os seus produtos. Isto foi a orixe do subdesenvolvemento que sofren actualmente moitas zonas do mundo.

Unha Sociedade Racista

As colonias que tiñan un clima similar ao das metrópoles recibiron gran cantidade de poboadores occidentais. Foi o caso do Canadá, Australia, Nova Zelandia, a Unión Surafricana e Alxeria. Normalmente, os indíxenas foron desposuídos das súas terras e convertéronse nunha minoría marxinada, posto que a poboación branca medrou enormemente. Nos casos máis dramáticos, como Australia e Nova Zelandia, a poboación indíxena foi sometida a unha política de exterminio.

Nas demais colonias, colonizados e colonizadores vivían realidades completamente separadas. Os matrimonios entre colonos e indíxenas prohibíronse. A mestura era censurada. As formas de vida tamén eran moi diferentes.

  • A poboación occidental constituía un grupo pequeno, pero que ocupaba os principais cargos e controlaba a economía: eran os altos mandos da administración e do exército, os grandes propietarios agrícolas e os representantes e directivos das grandes empresas. A poboación branca vivía nun barrio propio, apartado e luxoso.
  • A poboación nativa vivía nunha situación de pobreza e falta de dereitos, coa excepción da minoría que colaboraba cos colonizadores.

A expansión colonial impuxo a civilización occidental, mentres que as culturas autóctonas foron subestimadas. Isto, xunto coa marxinación á que foron sometidas, provocou o resentimento das poboacións nativas.

Entradas relacionadas: