Grandes Figuras e Obras da Literatura Galega do Século XIX

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 8,67 KB

Obxectivos e principais iniciativas do Rexurdimento

Os historiadores desempeñaron un papel moi destacado na difusión do pensamento galeguista. Unha das figuras que máis contribuíu á formación dun espírito galeguista entre os seus contemporáneos foi Manuel Murguía, autor dunha Historia de Galicia, en que teñen igual cabida tanto o mito e a fabulación coma o preciso e rigoroso dato histórico.

Publicación monolingüe en galego e o seu impulsor

O Tío Marcos da Portela (1876-1880 e 1883-1888) foi unha publicación impulsada por Valentín Lamas Carvajal.

Vida de Rosalía de Castro

María Rosalía Rita Castro naceu en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837. Súa nai, María Tareixa Castro e Abadía, era unha fidalga de escasos recursos e seu pai, Xosé Martínez Viojo, un sacerdote que non a puido recoñecer como filla. Foi rexistrada no seu bautismo como filla de pais descoñecidos e librouse de entrar no hospicio por facerse cargo dela a súa madriña, María Francisca Martínez, criada de súa nai.

Suponse que pasou parte da súa infancia en Ortoño, aldea próxima a Padrón, cunhas tías paternas. Hai probas documentais de que en 1842 estaba empadroada coa súa nai e coa madriña en Padrón e en 1850 en Santiago. No Liceo de la Juventud entrou en contacto coa intelectualidade progresista do seu tempo, integrada por persoeiros como Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal.

En 1856, talvez polo proceso de represión que se produciu despois do Banquete de Conxo ou por abrirse camiño como escritora na capital, trasládase a Madrid. Alí publica as súas primeiras obras en castelán e casa co historiador Manuel Martínez Murguía (1858). Por motivos de traballo e por razóns económicas, o matrimonio e os fillos víronse obrigados a cambiar frecuentemente de residencia (Santiago, Madrid, Lugo, Simancas) e a vivir separados algunhas temporadas.

En 1862 morreu a nai de Rosalía e isto inspiroulle o libro A mi madre. Nos anos seguintes compuxo Cantares gallegos, algúns poemas de Follas novas e case todas as súas novelas. En 1871 Rosalía regresou a Galicia, cando nomearon o seu marido xefe do Arquivo Xeral de Galicia. Viviu na Coruña e en Santiago e, por último, na súa casa da Matanza, cerca de Padrón, onde morreu, aos 48 anos de idade, vítima dun cancro, o 15 de xullo de 1885.

Obra literaria

A produción literaria de Rosalía é abondosa. Cultivou diferentes xéneros: poesía, narrativa, ensaio, cadros de costumes e artigos periodísticos. Escribiu en galego e en castelán. En prosa utilizou maiormente o castelán, salvo no Conto gallego (1864) e nos prólogos de Cantares gallegos e Follas novas; na poesía, empregou o galego e o castelán.

  • Primeira etapa: Ata a aparición de Cantares gallegos (1863), case todas as súas composicións están escritas en castelán.
  • Segunda etapa: Corresponde a Cantares gallegos e Follas novas (1880), onde predomina a lingua galega.
  • Terceira etapa: Publicou en castelán En las orillas del Sar (1884).

A súa obra poética en castelán consta de tres libros: La flor (1857), A mi madre (1862) e En las orillas del Sar. Das novelas destaca El caballero de las botas azules (1867), en que satiriza a sociedade madrileña en vésperas da revolución de 1868, e outras como La hija del mar, Flavio, Ruinas e El primer loco.

Significado de Cantares gallegos

A publicación de Cantares gallegos, o 17 de maio de 1863, marca o inicio do Rexurdimento da literatura galega. Antes da súa publicación, o galego tiña escasa presenza no ámbito literario. Os cancioneiros medievais aínda non se coñecían nin existían compilacións da lírica popular. Ata aquel momento, a obra máis sobresaliente da literatura galega moderna era A gaita gallega (1853), de Xoán Manuel Pintos.

Importancia da obra:

  • É o primeiro libro de valor poético escrito en galego moderno.
  • É unha alegación en contra daqueles que, sen razón nin coñecemento, desprezaban Galicia.
  • Denuncia a marxinación de que eran obxecto os galegos, e en particular os labregos, os emigrantes e as mulleres.
  • Reivindica a validez e capacidade do galego como lingua para escribir todo tipo de poesía.
  • Convértese en modelo dunha serie de obras que se publicarían nas seguintes décadas imitando o seu contido e a súa forma.

Estrutura e temas de Cantares gallegos

Rosalía explica que compuxo esta obra como imitación do Libro de los cantares (1852) de Antonio Trueba, de quen tomou a idea de glosar cantares ou ditos populares. Os 36 poemas de Cantares gallegos estrutúranse de xeito circular e pechado. Os personaxes son case sempre de extracción social popular e labrega.

Núcleos temáticos:

  • Costumistas: Describen romarías, supersticións, festas e traballos na aldea (ex. «Nosa Señora da Barca»).
  • Amorosos: Expoñen coitas sentimentais por medio de monólogos ou diálogos (ex. «Quíxente tanto, meniña»).
  • Intimistas: Expresan melancolía, soidade e lembranza dos antepasados (ex. «Campanas de Bastabales»).
  • Sociais e patrióticos: Denuncian inxustizas, a emigración e o trato aos galegos (ex. «Adiós ríos, adiós fontes», «Castellanos de Castilla»).

Significado de Follas novas

O segundo libro rosaliano de poemas en galego, Follas novas, publicouse no ano 1880. O título responde á certeza de estar creando un universo poético novo. Desde o punto de vista formal, os poemas son máis breves, libres de adornos e con combinacións métricas pouco ríxidas que crean un ritmo entrecortado para expresar angustia e inquietude.

Estrutura e temas de Follas novas:

Consta dun prólogo en prosa e 137 poemas clasificados en cinco apartados:

  1. Vaguedás: Reflexión sobre a escrita feminina e o estado de ánimo melancólico.
  2. Do íntimo: Reflexións sobre a insolidariedade, o paso do tempo e a «negra sombra».
  3. Varia: Poemas de índole subxectiva e obxectiva, lendas e refráns.
  4. Da terra: Escenas populares con denuncias sobre a explotación.
  5. As viúdas dos vivos e as viúdas dos mortos: Centrado na emigración e o seu impacto nas mulleres.

Obra de Curros Enríquez

Na intensa actividade literaria de Curros Enríquez destacan varias facetas:

  • Periodista: O seu medio de vida e fonte de sona.
  • Narrador: Autor da novela Paniagua y Compañía. Agencia de sangre (1878).
  • Dramaturgo e crítico: Tradutor e crítico literario ocasional.
  • Poeta: Onde alcanzou a verdadeira gloria, especialmente en galego.

A súa obra en galego consta de dous volumes principais: Aires da miña terra e O divino sainete.

Aires da miña terra

Publicado en 1880, o libro presenta un carácter heteroxéneo. Comeza co poema «Introducción», que reivindica o emprego do galego.

Temáticas principais:

  • Temática cívica ou social: Núcleo fundamental do libro. Denuncia a inxustiza, o caciquismo, o fanatismo relixioso e as duras condicións dos labregos (ex. «O maio», «A igrexa fría»).
  • Temática intimista: Expresa angustia, soidade e vivencias persoais (ex. «A Rosalía», «Ai!»).
  • Temática costumista: Poemas como «A Virxe do Cristal», «Unha voda en Einibó» e «O gueiteiro», con gran valor etnográfico.

O divino sainete

Longo poema narrativo de 1888, de carácter satírico-burlesco. É unha parodia da Divina Comedia de Dante. Curros é guiado polo poeta Francisco Añón nunha viaxe imaxinaria a Roma nun tren de sete vagóns que simbolizan os pecados capitais.

Obxectivos fundamentais:

  • Criticar a Igrexa católica e os sectores reacionarios.
  • Defender o Rexurdimento e a necesidade dunha literatura galega autónoma.
  • Satirizar inimigos persoais e ideolóxicos, como o bispo Cesáreo Rodrigo ou Emilia Pardo Bazán.

Entradas relacionadas: