A Gran Guerra: Causas, Desenvolvemento e Consecuencias da Primeira Guerra Mundial
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 19,11 KB
Causas da Primeira Guerra Mundial
En primeiro lugar, hai que especificar que as causas da guerra teñen lugar nun período longo, que abrangue 1878-1914, e que se deu a chamar “A Paz Armada”. Nel van aparecendo unha serie de rivalidades de todo tipo, que provocarán o estalido da I Guerra Mundial.
Factores de rivalidade política e militar
Entre o Reino Unido e Alemaña había unha rivalidade naval. Inglaterra era a potencia marítima por excelencia, pero Alemaña construíra unha armada que poñía en perigo a talasocracia.
Os nacionalismos da rexión balcánica e a rivalidade entre Austria-Hungría e Rusia, que intentaban anexionar os Balcáns aos seus territorios. Ademais, o imperio Austrohúngaro estaba composto por distintas nacionalidades que reclamaban a autonomía ou a independencia. Dentro das rivalidades balcánicas, cómpre salientar a que existía entre Albania e Grecia. Unha das rivalidades máis encarnizadas era a de Francia e Alemaña, a causa de Alsacia e Lorena.
Estas rivalidades deron lugar á formación de dous bloques que serán os que se enfronten na I Guerra Mundial. Estámonos a referir ao bloque dos imperios centrais, formados por Austria-Hungría e Alemaña. Fronte a este bloque loitaron os aliados, formados por Francia, Gran Bretaña e Rusia, aos que se engadiron, pasado un tempo, Serbia, Italia, Bélxica e, a partir de 1917, os Estados Unidos.
Factores de rivalidade económica
Son menos aceptados polos historiadores, se exceptuamos aos historiadores marxistas que inciden especialmente neles. Neste aspecto, cómpre salientar o gran impulso da industria alemá, que en breve espazo de tempo chegou a superar nalgúns sectores á británica. Tamén existía a rivalidade económica nestes dous países porque tiñan diferente posicionamento económico.
Así, os británicos estaban de acordo co librecambismo, mentres que os alemáns eran favorables ao proteccionismo.
Factores de rivalidade psicolóxica
Hai que destacar a carreira de armamentos, tanto terrestres como navais, como consecuencia do ambiente prebélico existente e que estaba promovido polos gobernos militares a través dos medios de comunicación, exaltando o nacionalismo e o patriotismo da poboación. Neste contexto, actuaron de forma decidida, pero infructuosa, a Segunda Internacional e a Igrexa de Benedicto XV.
A gota de auga que colmou o vaso e provocou o estalido da I Guerra Mundial foi o asasinato en Saraxevo, o 28 de xuño de 1914, do herdeiro de Austria, Francisco Fernando, e a súa dona. Austria culpabilizou a Serbia do asasinato e, logo de asegurarse da participación de Alemaña ao seu favor, declaroulle a guerra a Serbia.
Belixerantes, tácticas e armamento
Nesta guerra van a enfrontarse dous bloques: o das potencias centrais, integrado por Alemaña, Austria-Hungría, Turquía e Bulgaria; e o bloque das potencias aliadas, no que participaban Francia, Gran Bretaña, Rusia, Serbia, Bélxica, Xapón, Italia e Romanía.
Hai que reseñar que as potencias incorporan as súas colonias á guerra, polo que esta convértese nun conflito de carácter mundial.
No aspecto táctico, pensábase que ía ser unha guerra de grandes desprazamentos de tropas e, polo tanto, curta. Así, a principal forza sería a infantería, pero as grandes defensas e a utilización das metralladoras, que obrigaban a escavar trincheiras, determinaron que a artillería adquirise unha importancia impensable, apoiada por tanques, aínda que bastante imperfectos. Outras armas utilizadas para romper as defensas do inimigo foron os gases tóxicos, os morteiros, os lanzachamas e unha incipiente aviación.
Tacticamente, os alemáns estaban mellor preparados por contar co plan Schlieffen. Os alemáns consideraban que o exército ruso era moi lento e que, polo tanto, a Alemaña daríalle tempo a concentrar todas as tropas na fronte occidental, o que lle permitiría conquistar Francia. Conseguido este obxectivo, desprazaría as tropas cara ao leste para combater contra Rusia. Hai que destacar que este plan fracasou porque non foi tan rápido como se pensaba e porque os aliados abriron novas frontes, como as de Italia e os Balcáns.
Ao alongarse a guerra, foi necesario crear unha poderosa industria armamentística e seguir elaborando todo tipo de produtos, circunstancia que dá lugar a un cambio social moi significativo: a incorporación da muller ao traballo fóra do seu fogar.
Características da guerra
A I Guerra Mundial ten unhas características propias que a fan diferente das anteriores. As máis salientables son as seguintes:
- Gran extensión temporal: pensábase que unha guerra na que participaban tantos países sería curta, pero en realidade sucedeu todo o contrario, ao prolongarse durante 4 anos, duración descoñecida dunha guerra dende as guerras napoleónicas e acaecidas a principios do s.XIX.
- Gran extensión xeográfica: moitas das potencias que participaron na I Guerra Mundial tiñan colonias en Asia, África ou Oceanía, e esta circunstancia fai que os combates se estendesen ao longo dos 5 continentes.
- Novos tipos de combate: debido a que aparecen novos tipos de armamento, como a metralladora, que provocará a guerra defensiva, ou a aviación, que dará lugar á guerra aérea.
- Importancia da independencia militar: por ser un conflito de grandes dimensións e á longa distancia das bases, necesitábase un gran sistema de abastecemento de armamento, de municións, de alimentos, etc. A aparición do teléfono e do telégrafo permitiu un mellor abastecemento dos exércitos, xa que estes podían solicitar en tempo real todo aquilo que necesitaban.
- Guerra económica: a I Guerra Mundial pode ser considerada como unha guerra económica, xa que moitas das accións que se levan a cabo consisten en cortarlle o subministro de abastecemento ao inimigo, procedentes das colonias e dos países neutrais. Así, os aliados cortábanlle o tráfico marítimo aos alemáns no mar do norte, mentres que estes facían o mesmo en augas inglesas e francesas.
- Guerra psicolóxica e política: dende o punto de vista psicolóxico, utilízanse os medios de comunicación para minimizar as derrotas e esaxerar as vitorias. Ademais, recórrese ao patriotismo para soportar mellor os sufrimentos e a miseria que a guerra provoca. Dende a perspectiva política, inténtanse crear conflitos nos países inimigos, fomentando a creación de grupos nacionalistas e pacifistas.
- Guerra total: porque afecta a todos os sectores da poboación, non só á poboación militar, senón tamén á civil. Este tipo de guerra é posible pola aparición da aviación e ten por obxectivo bombardear obxectivos do inimigo, sobre todo cidades, para desmoralizar a súa poboación.
Fases da guerra
Distinguimos catro fases:
Guerra de movementos (1914)
O xeneral Moltke, seguindo as directrices do plan Schlieffen, empeza atacando a Francia a través de Bélxica e Luxemburgo. O seu obxectivo primordial non era outro que a conquista de París, pero as tropas alemás foron detidas polos franceses na batalla do Marne e, en parte, debido a que parte do exército alemán tivera que abandonar o ataque a Francia para desprazarse a Prusia oriental para deter o avance ruso. Pouco antes, o exército francés lanzara unha ofensiva sobre as rexións alemás de Alsacia e Lorena, pero as tropas mandadas polo xeneral Joffre son detidas polos alemáns.
Entre tanto, e ante o perigo dunha invasión alemá, os franceses desprazan a capital da nación de París a Burdeos. O fracaso da ofensiva alemá sobre Francia, á que antes fixemos mención, provocou a substitución de Moltke por Falkenhayn.
Na fronte oriental, os rusos avanzaron a través de Prusia oriental, pero Hindenburg logra detelos e vencelos posteriormente en Tannenberg e nos Lagos Masurios.
Nos Balcáns, os austríacos víronse obrigados a retroceder e abandonar Serbia.
Ao mesmo tempo, Xapón, aproveitando que Alemaña estaba en guerra, ocupa gran parte das posesións alemás en China e o Pacífico. Polo que respecta a África, Togo cae en mans dos aliados e o resto das colonias caerán en anos sucesivos.
Guerra de posicións (1915-1916)
Recibe este nome porque a utilización de metralladoras obrigou a unha guerra defensiva caracterizada polas trincheiras.
Na fronte oeste apenas se experimentaron cambios apreciables. Na do leste, os rusos avanzaron ata Besarina, onde foron freados polos alemáns. Para romper esta situación de paralización das frontes, os aliados abriron dúas frontes en Grecia e Italia, pero sen conseguir especiais resultados. O alongamento da guerra máis do previsto e o bloqueo que os países belixerantes impoñan nos seus respectivos territorios, unha política de tipo autártico e de racionamento, a isto hai que engadirlle o endebedamento con terceiros países.
En 1916, a táctica predominante consistía nun punto elixido para posteriormente romper a fronte con el. Falkenhayn elixe Verdún, onde se van producir máis de medio millón de mortos, pero a resistencia do xeneral francés Pétain impediu o avance das tropas alemás. Simultaneamente, os franceses farán o mesmo na zona do Somme, pero tampouco obtiveron resultados. O fracaso de Falkenhayn motivou a súa substitución na xefatura do estado maior alemán por Hindenburg.
O bloqueo dos imperios centrais polos aliados enfrontados determinou o enfrontamento naval entre británicos e alemáns na batalla de Jutlandia, na que non houbo vencidos nin vencedores. Ao mesmo tempo, iníciase un mesmo tipo de guerra, a guerra submarina.
A crise (1917)
Ao longo da guerra e coas súas consecuencias de destrución, fame e descontento na poboación en xeral, que en Rusia desembocou no triunfo da revolución bolxevique e na saída desta potencia da guerra logo da firma do tratado de Brest-Litovsk. Este ano sucedeu tamén un feito transcendental, a entrada na guerra dos Estados Unidos, apoiando aos aliados debido aos lazos económicos que mantiña con eles, como as dificultades do comercio exterior pola guerra submarina e polo afundimento do seu buque “Vigilantia”. Tamén é importante a entrada de Grecia neste mesmo ano.
Un feito fundamental foi a creación dun mando coordinado aliado presidido polo xeneral Foch.
As grandes ofensivas finais (1918)
Desaparecida a fronte do leste como consecuencia da retirada dos rusos da guerra, os alemáns centraron os seus esforzos na ocupación de París e en destruír aos aliados antes de que se producise a chegada dos reforzos americanos. Pero estes chegaron a tempo e os aliados iniciaron unha contraofensiva que amosou claramente a debilidade dos alemáns, que se ven obrigados a firmar un armisticio o 11 de novembro de 1918.
Os austríacos, pola súa parte, xa foron derrotados nos Alpes e renderanse uns días antes, concretamente o 3 de novembro.
Polo que respecta aos turcos e os búlgaros, xa se renderan con anterioridade.
Consecuencias da guerra
Consecuencias humanas
As perdas en vidas humanas sitúanse entre os nove e dez millóns de falecidos, aínda que hai historiadores que aumentan esta cifra. O país máis afectado foi Alemaña, cunha cifra de case dous millóns de mortes. A esta séguelle Rusia, cun número de falecementos parecido, pero un pouco inferior. Tratábanse, ademais, de homes novos, circunstancia que provocou unha superpoboación feminina e, consecuentemente, un significativo descenso da taxa de natalidade. A isto hai que engadirlle o número de feridos (superior ao dos mortos), o de mutilados e a infinidade de orfos.
Outro aspecto que reviste gran importancia foi a incorporación da muller ao traballo fóra do seu fogar, para cubrir os postos de traballo dos homes que estaban combatendo. Por último, hai que salientar que a guerra provocou unha bipolarización social entre ricos e pobres, xa que a clase media practicamente desapareceu.
Consecuencias económicas
A guerra provocou a destrución de moitas vivendas, industrias, comunicacións (estacións de tren, estradas, vías férreas, etc.). Tamén afectou á agricultura, no que moitos campos de cultivo apareceron sementados de restos de municións e armamentos. Neste aspecto, o país máis afectado foi Francia.
Os países en guerra, ao prolongarse esta máis do esperado, víronse na obriga de endebedarse, provocando unha significativa baixada do nivel de vida dos seus habitantes, e algúns sectores da sociedade víronse sometidos á miseria. Outra das consecuencias da guerra foi a implantación por parte dos países do proteccionismo económico, rematando o período anterior, dominado polo liberalismo.
Países extraeuropeos como o Xapón ou os Estados Unidos víronse moi favorecidos pola guerra ao converterse nos seus principais provedores. Os Estados Unidos pasarán a converterse, a partir de 1918, na 1ª potencia mundial, tanto dende o punto de vista político como militar e económico. Xapón tamén viu crecer a súa economía.
Consecuencias políticas
En xaneiro de 1919, iniciouse en París unha conferencia de paz cos representantes dos países aliados, excepto Prusia. Os representantes dos países derrotados participaron na conferencia, pero non interviron nas conversacións, tan só se limitaron case exclusivamente a firmar os tratados. Isto deu lugar a que se falara dunha paz imposta, un diktat, segundo os alemáns. As conversacións duraron dous anos, nos que se firmaron cinco tratados de paz: o de Versalles, que regulaba a situación de Alemaña; o de Saint Germain, con Austria; o de Neully, con Bulgaria; o de Sèvres, con Turquía; e o de Trianón, con Hungría.
Como esquema de traballo, empezaron a seguir os catorce puntos de Wilson do programa de paz que o presidente norteamericano Wilson propuxera. Pero esta guía pronto se abandonou porque o resto dos aliados, especialmente Francia e Italia, querían aplicar unha maior dureza aos vencedores.
Tratado de Versalles
Este tratado é o que regula a situación de Alemaña. Dende o punto de vista territorial, os alemáns perderán Alsacia e Lorena, que volven a Francia, mentres que as cidades de Eupen e Malmedy pasan a ser controladas por Bélxica e, polo que respecta ao ducado de Schleswig, retorna a Dinamarca.
Polonia reconstrúese e independízase con territorios alemáns, rusos e austríacos, e consegue saída ao mar a través do corredor de Danzig, que, por outra parte, separaba o territorio alemán en dous territorios totalmente separados un do outro. Os territorios do Sarre e os territorios da marxe esquerda do Rin foron ocupados durante un tempo por Francia e a Sociedade de Nacións.
Por último, Alemaña perde todas as súas colonias, que se repartiron entre os aliados. Ademais, impedíaselle para sempre a súa unión con Austria.
Dende o punto de vista militar, decretábase a práctica desaparición do exército alemán, xa que as súas tropas quedaban reducidas a 100 mil homes. Por outra parte, prohibíaselle contar con artillería pesada, con aviación e con mariña. Economicamente, impoñíaselle unha multa considerable.
Acusábase aos dirixentes alemáns de promover a I Guerra Mundial, polo que foron xulgados por un tribunal aliado e, ademais, prohibíuselle pertencer a calquera organización internacional.
A dureza do tratado de Versalles é evidente e hai algúns historiadores que consideran que, ao remate da I Guerra Mundial, comeza a II Guerra Mundial pola humillación que supón para os alemáns a firma deste tratado.
Tratado de Saint Germain
Por medio del, prodúcese o desmembramento do imperio austrohúngaro, do que xorde Hungría, Checoslovaquia e Austria, que cede territorio a un novo estado que é Iugoslavia. Tamén cede territorios a Romanía, Polonia e Italia.
Polo que atinxe ao exército austríaco, quedou limitado a tan só 30 mil soldados profesionais e, o mesmo que ocorrera con Alemaña, tamén se ve na obriga de ter que pagar indemnizacións económicas en concepto de guerra.
Tratado de Trianón
Por el, nace Hungría como estado independente, aínda que terá que ceder algúns territorios. O seu exército tamén foi considerablemente reducido e, ademais, tamén tivo que pagar indemnizacións en concepto de guerra.
Tratado de Neully
É o que se firma con Bulgaria e reviste unha menor severidade que os anteriores, perdendo tan só os territorios mediterráneos que pasaron a Grecia.
Tratado de Sèvres
Firmado con Turquía e polo que perdía todos os seus territorios agás Estambul. Ademais, perdeu as illas do Exeo e a cidade de Esmirna. Outras posesións súas, como Palestina, Iraq, Arabia, etc., pasaron a ser administradas por Inglaterra e Arabia, mentres outros obtiñan a independencia, como foi o caso de Armenia.
A creación da Sociedade de Nacións (SDN)
Nace como consecuencia dos desastres provocados pola I Guerra Mundial e coa intención de que non se volvese a repetir un conflito de tal tipo. A elaboración da SDN foi levada a cabo por 19 membros baixo a presidencia do presidente norteamericano Wilson. O proxecto de creación foi aprobado o 28 de abril de 1919, entrando en vigor o 10 de xaneiro do seguinte.
Os principais fundamentos da Sociedade de Nacións eran:
- Procurar evitar a guerra por todos os medios, aínda que non se falaba da súa prohibición.
- Que todos os tratados e acordos entre países fosen públicos e, dicir, coñecidos por todos os demais.
- O respecto ao dereito internacional.
Os órganos principais da SDN eran:
- A asemblea, composta por todos os representantes dos países membros.
- O consello, formado por catro membros permanentes (Francia, Gran Bretaña, Italia e Xapón) e catro designados pola asemblea.
- A secretaría, que desempeñaba funcións administrativas, e logo unha serie de organismos auxiliares especiais, como a Corte Suprema de Xustiza Internacional, con sede en Italia. Como sede da SDN foi elixida a cidade de Xenebra.
A SDN naceu malferida debido a diversos problemas. Por unha banda, porque as grandes potencias non desexaban unha política clara, á vista de todos. Por outra parte, para aprobar calquera proposta debía facerse por unha unanimidade e isto, como é lóxico, non sempre resultaba fácil e, por último, os Estados Unidos decidiron non formar parte deste organismo internacional, mentres que a URSS e Alemaña foron inicialmente excluídas.
En calquera caso, e pese a ter fracaso, débese recoñecer que a SDN cambiou os vellos hábitos da diplomacia secretos por outros que permitían coñecer o contido dos tratados.