Glosario de Termos Históricos de España: Do Antigo Réxime á Restauración
Enviado por Chuletator online y clasificado en Historia
Escrito el en gallego con un tamaño de 4,57 KB
Aduccións de Baiona
Nome polo que se coñecen as renuncias sucesivas que tiveron lugar o 5 de maio de 1808 dos reis Carlos IV e do seu fillo Fernando VII ao trono de España en favor de Napoleón Bonaparte. O emperador francés, pouco despois, cederá tales dereitos ao seu irmán Xosé Bonaparte, que reinará como Xosé I. Este é un dos acontecementos que poñerá inicio á Guerra da Independencia española.
Afrancesados
Nome de carácter pexorativo co cal se coñece en España a unha minoría de partidarios da ocupación francesa da península Ibérica durante a Guerra da Independencia. Respaldaron a política reformista de Xosé I de Bonaparte. Moitos deles tiñan ideas ilustradas ou liberais e consideraban que era a única posibilidade de introducir as ideas revolucionarias no país.
Cantonalismo
Ideoloxía política de carácter republicano federal que tivo o seu auxe durante a Primeira República, principalmente en Cartaxena e noutras localidades do Levante e Andalucía. Contraria ao republicanismo unitario, así como ao federalismo gradualista de Pi i Margall. Desde as unidades políticas inferiores (Estados ou Cantóns), con acordos libres entre elas, chegarase a construír a federación española.
Estatuto Real
Carta outorgada redactada polo ministro Martínez de la Rosa durante a rexencia de María Cristina de Borbón en 1834. Pretendía realizar concesións políticas aos liberais, pero en realidade foi extremadamente moderada. Trátase dunha convocatoria a Cortes (moi restrinxida) na que non aparece a soberanía nacional, nin a separación de poderes, nin os dereitos dos cidadáns.
Manifesto de Sandhurst
Manifesto de carácter político asinado o 1 de decembro de 1874 polo entón príncipe Afonso de Borbón (futuro Afonso XII), mentres se atopaba no exilio na academia militar de oficiais británica. No documento móstrase disposto a converterse en rei de España e partidario da monarquía parlamentaria.
Manifesto dos Persas
Documento subscrito en 1814 por varios deputados de tendencia absolutista, participantes nas Cortes de Cádiz. Nel solicitábase a Fernando VII o retorno ao Antigo Réxime e a abolición da lexislación de Cádiz, incluída a Constitución. O documento toma o nome dunha referencia que se contén, ao principio do mesmo, sobre os costumes que había en Persia no momento do cambio dinástico.
Pragmática Sanción de 1830
Norma aprobada por Fernando VII pola que se anula o Auto acordado de 1713 de Felipe V, que practicamente imposibilitaba á muller acceder ao trono. Coñecíase comúnmente como “lei sálica”. A pragmática sanción restablecía o sistema de sucesión tradicional das “Sete Partidas”, segundo o cal as mulleres poden reinar se non hai irmáns varóns. Esta norma motivará a Guerra Carlista.
Pronunciamento
Tentativa revolucionaria, característica da España do século XIX e gran parte do século XX, empregada polas distintas faccións liberais para derrubar un goberno ou facer presión sobre el para que adopte reformas ou cambie o sistema político vixente. Tiña que contar co apoio de determinados xefes e forzas militares que se manifestaban e pronunciaban a favor desas peticións de cambio.
Sufraxio censatario e universal
O sufraxio censatario é o dereito ao voto restrinxido só a unha parte da poboación que teña unhas características precisas (económicas, sociais ou educacionais), que lle permitan estar inscritas nun “censo electoral”. O sufraxio universal non limita o voto polos tipos de razóns anteriormente mencionadas, só se establece un mínimo de idade para poder votar. O sufraxio universal foi inicialmente só masculino.
Tratado de Valençay
Acordo asinado en decembro de 1813 polo emperador Napoleón Bonaparte, polo que ofrece a paz e recoñece a Fernando VII como rei de España. Foi unha consecuencia das derrotas na Guerra da Independencia, do deterioro progresivo do exército francés e do acoso das tropas españolas e británicas. O tratado non entrou en vigor polo rexeitamento das Cortes e da Rexencia españolas.
Unión Liberal
Partido político de carácter liberal fundado por Leopoldo O’Donnell na segunda metade do século XIX. Nel participaron os sectores máis progresistas que viñan do partido moderado e os máis moderados que proviñan do partido progresista, coa finalidade de crear un “centro” liberal. Na práctica, tratouse de crear un partido que estabilizase os distintos gobernos da segunda década moderada isabelina.