Glosario de Termos Demográficos e Urbanísticos en Galego

Enviado por Chuletator online y clasificado en Geografía

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,89 KB

Poboación Activa

Sector da poboación en idade de traballar. Se está empregada, denomínase poboación activa ocupada; se non o está, poboación activa desocupada (ou parada). Non inclúe amas de casa, xubilados, pensionistas, estudantes e, en xeral, a poboación menor de 16 anos e maior de 65.

Esperanza de Vida

Cálculo do número de anos que un individuo pode esperar vivir, ben no momento de nacer ou cando acade unha determinada idade, sempre que os niveis de mortalidade se manteñan constantes. A media mundial é de 60 anos. En España supera os 75 anos, sendo uns anos maior para as mulleres.

Réxime Demográfico

Período caracterizado por un determinado comportamento demográfico. Distínguense tres tipos:

  • Antigo ou preindustrial: de baixo crecemento, con altas taxas de natalidade e mortalidade.
  • De transición: con baixada primeiro da mortalidade e logo da natalidade, e con alto crecemento.
  • Moderno: con baixas taxas de natalidade e mortalidade, e nulo crecemento. Este é o período no que se atopan os países desenvolvidos, de aí o seu escaso crecemento demográfico.

Censo de Poboación

Recompilación de datos relativos ao número de individuos que compoñen unha poboación determinada (a nivel nacional) e as súas principais características demográficas, socioeconómicas e socioculturais. Os primeiros censos europeos datan do século XVIII, e en España o máis antigo é do ano 1857. Hoxe fanse cada 10 anos, e o último é o do ano 2011, elaborado polo INE.

Saldo Migratorio

Diferenza entre inmigrantes e emigrantes. Se os primeiros superan os segundos, o saldo é positivo; se é o contrario, será negativo. É unha das compoñentes do crecemento real, xunto coa diferenza entre natalidade e mortalidade. En países ricos como España, constitúe o maior aporte ao crecemento da poboación.

Taxa de Fecundidade

Taxa que pon en relación o número de nacidos vivos co de mulleres en idade de procrear (15-49 anos). España e, especialmente, Galicia teñen unhas das máis baixas do mundo: 1,1 fillos/muller. O reemplazo xeracional garantiríase cun índice de 2,1 fillos/muller.

Transición Demográfica

Período da evolución demográfica dunha sociedade caracterizado polo incremento xeral da poboación debido a un descenso brusco da taxa de mortalidade, ao que segue un descenso da natalidade con posterioridade. En España, ocupa os anos entre 1900 e 1975.

Padrón Municipal

É un rexistro oficial de carácter administrativo, de competencia municipal (serve de base para a confección do censo electoral), cuxa finalidade é coñecer o número e as principais características dos seus habitantes. Desde 1996 realízase anualmente; antes, a súa renovación realizábase cada cinco anos.

Cualificación do Solo

Catalogación dos usos do solo urbano recollidos no PXOU (ver concepto seguinte). O crecemento das cidades españolas provocou numerosos cambios nas cualificacións do solo, que responderon moitas veces a fins meramente especulativos.

Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOU)

Son instrumentos de ordenación do territorio e o seu principal cometido é clasificar o solo. Nel distínguese entre:

  • Solo urbano: o xa construído.
  • Solo urbanizable programado: que pode construírse no futuro por ter xa as dotacións necesarias.
  • Solo urbanizable non programado: sen dotacións, pero con posibilidade de construír no futuro.
  • Solo non urbanizable: é dicir, o que se reserva para outros usos: agrícolas, industriais, lecer, zonas verdes, dotación de servizos á comunidade, etc.

A súa exposición é pública, e a continua especulación do solo fixo nos últimos anos que se recalificase como urbanizable moito terreo que en principio estaba destinado para outros usos.

Unidade Veciñal de Absorción (UVA)

As Unidades Veciñais de Absorción foron, no seu día, propostas do Instituto Nacional de la Vivienda para combater o chabolismo no que entón era a periferia de Madrid. Planificáronse como construcións prefabricadas, de carácter provisional –aínda que logo se prolongaron no tempo máis alá dos cinco anos de vida previstos. Exemplos delas foron as feitas nos barrios madrileños de: Fuencarral, Hortaleza, Vallecas, Villaverde...

Xentrificación

É un proceso de transformación urbana no que a poboación orixinal dun sector ou barrio deteriorado e con pauperismo é progresivamente desprazada por outra dun maior nivel adquisitivo, á vez que se renova. O termo deriva do inglés gentry, que se pode traducir por burgués ou fidalgo. Este proceso é observable en barrios como o de Chueca en Madrid.

Entradas relacionadas: