Glosario de Termos Clave en Economía e Sustentabilidade
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 7,44 KB
Acuicultura: É o conxunto de actividades que, mediante algún tipo de intervención no ciclo biolóxico ou no medio no que habitan os peixes, permiten controlar a súa reprodución e/ou crecemento. A acuicultura aparece restrinxida a un pequeno abano de especies, principalmente peixes, moluscos e crustáceos. En Galicia, a acuicultura representa aproximadamente a terceira parte da cifra do negocio da pesca.
Agricultura Ecolóxica: Sistema para cultivar unha explotación agrícola autónoma, baseada na utilización óptima dos recursos naturais e sen empregar produtos químicos de síntese ou organismos xeneticamente modificados (OXMs) -nin para fertilizante nin para combater as pragas-, logrando deste xeito obter alimentos orgánicos á vez que se conserva a fertilidade da terra e se respecta o medio ambiente.
Denominación de Orixe: Certificación de calidade que se outorga a produtos dun determinado territorio do que toman o seu nome, que asegura certas características comúns que todos deben cumprir. Resulta cada vez máis frecuente en produtos agrarios (viños, aceites, carnes, legumes, queixos, doces, etc.).
Desagrarización: Concepto que fai referencia á perda de poboación adicada á actividade agraria, así como á perda de importancia económica da actividade agrícola nun territorio, e o conseguinte debilitamento das institucións sociais vencelladas a esta actividade que organizan diferentes aspectos da vida social. En toda España tense producido este proceso, especialmente desde finais dos anos setenta.
Explotación Intensiva: É aquela explotación agraria que elimina os barbeitos e recorre á produción continua do terreo, estimulada polo emprego de fertilizantes e o regadío artificial. Este tipo de agricultura intensiva obtén unha forte productividade, sobre terreos moitas veces de extensión reducida. É moi habitual no litoral mediterráneo, especializado na horticultura.
Industrias Verdes: É aquela na que o valor central non é o crecemento económico senón o desenvolvemento sostible a través do respecto ao medio ambiente e o uso preferente de enerxías alternativas ou renovables. Unha industria verde crea valor económico, medioambiental e social. Por tanto, nelas un valor fundamental é o de evitar a contaminación industrial e o deterioro da paisaxe.
Política Pesqueira Común (PCC): Política da UE que defende: a) a protección das poboacións contra a sobrepesca; b) garantir unha renda digna para os pescadores; c) garantir o subministro regular dos consumidores e da industria de transformación a prezos razoables; d) a explotación sostible dos recursos mariños vivos desde os puntos de vista biolóxico, medioambiental e económico promocionando a acuicultura.
Silvicultura: Actividade que trata do cultivo de montes e bosques. A práctica máis habitual da silvicultura é o aproveitamento forestal de espazos destinados á produción de madeira, leña ou resinas, pero que tamén poden ter un efecto positivo na protección de cuncas hidrográficas, a conservación de hábitats naturais -susceptibles de integrarse en parques naturais protexidos- e o desenvolvemento de espazos recreativos.
Enerxías Renovables: Son aquelas que se obteñen de fontes naturais virtualmente inesgotables, ben sexa pola inmensa cantidade de enerxía que conteñen, ben porque son capaces de rexenerarse por medios naturais. Entre as enerxías renovables cóntanse a hidroeléctrica, eólica, solar, xeotérmica, maremotriz, a biomasa e os biocombustibles.
Fondos Estruturais: Son instrumentos da Unión Europea que teñen por obxecto reducir as diverxencias de desenvolvemento entre as rexións, e busca reforzar a cohesión económica e social. O Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) –destinados ás rexións menos favorecidas- e o Fondo Social Europeo (FSE) – destinado á formación, para fomentar as oportunidades de emprego.
Subcontratación: A subcontratación, outsourcing ou tercerización é o proceso económico no que unha empresa move ou destina os recursos orientados a cumplir certas tarefas cara a una empresa externa por medio dun contrato. Por exemplo, unha compañía dedicada ás demolicións pode subcontratar a unha empresa dedicada á evacuación de residuos para a tarefa de desfacerse dos escombros das unidades demolidas.
Parques Tecnolóxicos: Instalación industrial que persigue a promoción da cultura e a innovación, así como a competitividade das súas empresas estimulando e xestionando a transferencia tecnolóxica e de coñecementos entre universidades, empresas e mercados, xunto con outras institución de I+D. Facilitan a creación e crecemento de compañías innovadoras e ofrecen servizos de valor engadido, ademais de espazos e instalacións de alta calidade.
Economía Sumerxida: Conxunto de actividades económicas que se desenvolven clandestinamente e escapan ao control fiscal e ás leis e normativas laborais. Permite a subsistencia marxinal dun sector máis ou menos amplo da poboación que non recibe as contrapartidas sociais legalmente recoñecidas.
Ecoturismo: Chamamos ecoturismo a unha nova tendencia do Turismo Alternativo, diferente ao Turismo tradicional. Neste enfoque para as actividades turísticas priviléxiase a sustentabilidade, a preservación, a apreciación do medio natural e cultural; nesta alternativa turística preténdese manter o benestar das poboacións locais, minimizando os impactos negativos para o ambiente e a comunidade local, e mantendo sempre un respecto ético polas leis laborais e os dereitos humanos dos traballadores implicados.
Materias Primas Estratéxicas: Materias primas e fontes de enerxía que ben pola amplitude da súa demanda, ben polo carácter focal ou hexemónico da súa oferta, constitúen bens escasos ou xeran dependencia nas economías de terceiros países.
Taxas Aeroportuarias: As taxas aeroportuarias son o prezo que en moitos países pagan os viaxeiros, tanto en voos nacionais como internacionais, polo uso dos aeroportos.
Área Suburbana: Territorio próximo ás cidades que polas súas características constitúe unha zona de transición entre o núcleo urbano propiamente e o espazo rural adxacente.
Área Metropolitana: Rexión urbana que engloba unha cidade central que dá nome a área e unha serie de cidades satélites que poden funcionar como cidades-dormitorio, industriais, comerciais e servizos, todo organizado de xeito centralizado.
Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOU): Instrumento de ordenación integral do territorio. Contén a clasificación do solo, definición dos elementos fundamentais da estrutura xeral do territorio (como poden ser fixar os espazos libres, de equipamento comunitario, os sistemas xerais de comunicación etc.), desenvolvemento, execución e a vixencia do plan. Adoita ser municipal, Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
Xentrificación: Proceso de transformación urbana no que a poboación orixinal dun sector ou barrio deteriorado e con pauperrismo é progresivamente desprazada por outra dun maior nivel adquisitivo á vez que se renova. O termo é un neoloxismo que procede do inglés "gentrification".