Glosario de Termos Clave: Economía, Enerxía e Medio Ambiente
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 2,93 KB
Enerxías renovables
Aquelas que se obteñen de fontes naturais virtualmente inesgotables, xa sexa pola inmensa cantidade de enerxía que conteñen ou porque son capaces de rexenerarse por medios naturais. Entre as enerxías renovables cóntanse a hidroeléctrica, eólica, solar, xeotérmica, maremotriz, a biomasa e os biocombustibles.
Fondos estruturais
Instrumentos financeiros da política rexional da Unión Europea destinada a promover un desenvolvemento harmonioso do conxunto da Unión Europea, mediante a redución das diferenzas entre os niveis de desenvolvemento das diversas rexións e Estados membros. Os fondos contribúen a acadar o obxectivo de cohesión económica, social e territorial. Existen catro tipos de fondos estruturais: FEDER, FSE, FEOGA e IFOP.
Industrias verdes
Aquelas que fabrican produtos directamente relacionados co mantemento harmónico do medio ambiente ou aquelas que no seu proceso industrial, prestan especial atención ao mantemento harmónico do medio ambiente.
Materias primas estratéxicas
Materias de cuxa adecuada extracción, explotación e/ou comercialización depende a economía dun país ou rexión.
Parque tecnolóxico
Recinto no que se agrupan industrias e empresas dedicadas á investigación científica ou tecnolóxica.
Subcontratación
Proceso económico no que unha empresa destina recursos orientados a cumprir certas tarefas cara a empresas externas, especialmente empresas especializadas, por medio dun contrato.
Balanza comercial
Rexistro das exportacións e importacións dun país durante un período de tempo. O saldo da mesma é a diferenza do valor monetario destas exportacións e importacións. Se o valor das exportacións é maior que o das importacións, a balanza comercial é positiva. Se o valor das importacións é maior que o das exportacións, a balanza comercial é negativa.
Economía somerxida
Conxunto de actividades económicas que se desenvolven de maneira subrepticia e escapan ao control fiscal e ás leis e normativas laborais, e que permiten a subsistencia dun sector máis ou menos amplo da poboación segundo os países.
Ecoturismo
Tendencia do turismo alternativo diferente ao turismo tradicional. Nestas actividades turísticas priviléxiase a sustentabilidade, a preservación, a apreciación do medio natural e cultural; preténdese manter o benestar das poboacións locais minimizando os impactos negativos para o medio ambiente e a comunidade local e mantendo sempre un respecto ético polas leis laborais e os dereitos humanos dos traballadores implicados.