Glosario de Historia de España e Galicia: Conceptos Clave

Francés14,94 KB

Economía depredadora

A economía depredadora é un tipo de actividade que emprega o que a natureza crea; é dicir, practícase a recolección, a caza e a pesca. Este tipo de economía usábase no Paleolítico.

Megalitismo

O termo megálito aplícase a grandes pedras usadas, tipicamente na prehistoria, para construír, por si soas ou xunto con outras pedras, unha estrutura ou monumento. A palabra procede do grego antigo mega ('grande') e lithos ('pedra').

O megalitismo emprégase para designar o fenómeno cultural do Mediterráneo occidental e a Europa atlántica que se produce dende finais do Neolítico até a Idade do Bronce, caracterizado pola realización de construcións arquitectónicas con grandes bloques de pedra. Destaca a construción de tumbas do tipo dolmen e tamén outras construcións de pedra como menhires, aliñacións, crómlechs, etc.

Castro

Un castro é un poboado fortificado, construído durante a Idade do Ferro e situado a miúdo (non sempre) en zonas altas e doadas de defender. Hai castros en Galicia, no oeste de Asturias e León e no norte de Portugal. Adoita ter unha forma circular adaptándose ás curvas de nivel do terreo. Pode ter unha ou máis murallas feitas de pedra ou terra.

As defensas complétanse con foxos e parapeitos que rodean a muralla e a reforzan nos lugares máis febles. A miúdo tamén están reforzadas as portas de entrada na muralla. No interior do castro distribúense as vivendas; normalmente son circulares, pero tamén as hai cadradas, especialmente nos castros máis recentes.

Guerras cántabras

Coñécese como Guerras cántabras (29 a. C. - 19 a. C.) aos enfrontamentos entre o Imperio romano e os distintos pobos ástures e cántabros que habitaban o territorio coñecido xa polos antigos romanos como Cantabri, ao norte da Península Ibérica.

Conventus

En latín, un conventus significa asemblea ou reunión e, con esta palabra, designábase ás reunións conxuntas de romanos e indíxenas que aconsellaban ao gobernador na administración da xustiza. As provincias romanas dividíanse á súa vez en conventus ou partidos xurídicos, con sede nas cidades máis significativas da zona.

Bárbaros

O termo bárbaro provén do latín barbarus, que significa 'estranxeiro'. Coñécese como bárbaros a aqueles que vivían nas poboacións que, a partir do século V, atacaron o Imperio romano.

Aula Regia

A Aula Regia é a asemblea principal da monarquía visigoda, composta polo rei, os nobres de palacio, algúns duques, condes, bispos e eclesiásticos. Nela tomábanse decisións importantes para o pobo visigodo. Interviñan na elección do monarca seguindo en parte os criterios que foran fixados polos Concilios de Toledo (este debía ser persoa recta, non ser tonsurado, persoa libre, godo).

Marca Hispánica

Tras a conquista musulmá da Península Ibérica, os carolinxios interviñeron no nordés peninsular a finais do século VIII co apoio da poboación autóctona das montañas. A dominación franca fíxose efectiva entón máis ao sur tras a conquista de Xirona (785) e Barcelona (801). A chamada Marca Hispánica quedou integrada por condados dependentes dos monarcas carolinxios a principios do século IX. Para gobernar estes territorios, os reis francos designaron condes, uns francos e outros autóctonos, segundo criterios de eficacia militar na defensa das fronteiras e de lealdade e fidelidade á coroa.

Mozárabe

Mozárabe é a poboación cristiá de orixe hispanovisigoda que vivía en territorio de Al-Ándalus. Os mozárabes tiñan na sociedade árabe o estatus de dimmíes, que compartían cos xudeus como non crentes no islam. A súa cultura, organización política e práctica relixiosa eran toleradas. Porén, víanse obrigados a tributar impostos que non pagaban os musulmáns, ademais de contar con outro tipo de restricións, pois non se lles permitía construír igrexas nin arranxar as existentes. Os mozárabes fóronse arabizando e moitos deles convertéronse ao islam.

Presura

O dereito de presura (ou aprisio en Cataluña) foi un sistema empregado na España medieval para atraer poboación cara ás zonas despoboadas, como os vales do Douro e do Ebro. Os terreos baldíos pasaban a ser propiedade do primeiro campesiño que os roturase mediante un documento acreditativo asinado polo rei.

Taifas

Conxunto de pequenos reinos politicamente independentes nos que se fraccionou o Califato de Córdoba no ano 1031. Segundo a orixe dos seus gobernantes, dividíanse en tres tipos diferentes: andalusís, eslavos e bérberes.

Mesta

O Honrado Concejo de la Mesta foi creado por Afonso X o Sabio en 1273, reunindo a todos os pastores de León e Castela nunha asociación nacional e outorgándolles importantes prerrogativas e privilexios como eximilalos do servizo militar, de testificar nos xuízos, dereitos de paso e pastoreo, etc. A Mesta é considerada unha das agrupacións corporativas ou gremios máis importantes da Europa da Idade Media.

Carta de poboamento

A carta de poboamento foi un documento polo cal os reis cristiáns, señores laicos e eclesiásticos da Península Ibérica outorgaban unha serie de privilexios a grupos de poboación, co fin de lograr a repoboación de certas zonas de interese económico ou estratéxico durante a Reconquista. Ademais, serviron aos reis como un instrumento político de equilibrio fronte ao poder señorial, permitindo a creación de núcleos urbanos formados por homes libres.

Manso

Parte do feudo na Idade Media. Os mansos eran porcións de terra que o señor concedía aos campesiños a cambio dunhas rendas. Estas rendas podían ser en cartos, en produtos (unha parte da colleita, tecidos, animais...) e, sobre todo, en servizos persoais, como traballar determinado tempo as terras do señor de forma gratuíta.

Converso

É o nome que reciben os xudeus que se converteron ao cristianismo. Nos reinos cristiáns déronse conversións masivas, na súa maioría forzadas despois de matanzas contra os xudeus (como as de 1391) e durante os catro meses que en 1492 os Reis Católicos deron de prazo antes de expulsar os xudeus da Coroa de Castela e de Aragón. A partir de 1492, todos os habitantes de ascendencia xudía de ambas as coroas eran conversos ou xudeoconversos, tamén chamados cristiáns novos. Os que seguiron practicando a relixión xudía en segredo chamáronse marráns e foron perseguidos pola Inquisición española.

Mourisco

É un termo que deriva do árabe, significa 'doméstico' ou 'domesticado' e utilízase para designar os musulmáns que ficaron en territorio conquistado polos cristiáns e baixo o seu control político durante o proceso de avance cara ao sur (denominado Reconquista), desenvolvido ao longo da Idade Media na Península Ibérica.

Gran Armada

Foi o nome que lle deu Filipe II á gran frota que armou en 1588 para invadir Inglaterra durante a Guerra anglo-española (1585-1604), máis coñecida comunmente polo nome que lle deron os ingleses: a Armada Invencible. O envío por parte de Filipe II desta frota, coa intención de invadir e controlar a política exterior inglesa (principalmente no referente á piratería e á Guerra de Flandres), supuxo o comezo das hostilidades dun conflito no que finalmente España conseguiu que Inglaterra solicitase a paz e asinase un tratado favorable aos intereses da Monarquía Hispánica en Londres (1604).

Terzos

Eran a unidade militar do exército español durante o reinado dos Austrias. Foron famosos pola súa resistencia no campo de batalla, formando a elite das forzas militares. Os terzos foron a peza esencial da hexemonía terrestre do Imperio español, xa que constituíron o primeiro exército moderno europeo formado por voluntarios profesionais.

O coidado en manter nas unidades un alto número de «vellos soldados» (veteranos) e a súa formación profesional, xunto coa particular impronta que lle deron os fidalgos da baixa nobreza, convertéronos na mellor infantaría durante século e medio. Ademais, foron os primeiros en mesturar con eficacia as picas e as armas de fogo (arcabuces e mosquetes).

Unión de Armas

Proxecto do Conde-Duque de Olivares (valido de Filipe IV) presentado no ano 1626 e formalizado cara a 1640, polo cal todos os reinos da Monarquía Hispánica debían contribuír en soldados e en cartos á defensa común de maneira proporcional. O Conde-Duque pretendía así facer fronte ás obrigas militares derivadas da Guerra dos Trinta Anos. Isto provocou fortes tensións e revoltas en varios territorios, sendo as máis graves a Revolta de Cataluña e a Restauración de Portugal, que rematou coa súa independencia.

Valido

Os validos eran membros da aristocracia nos cales os monarcas depositaban a súa total confianza, delegando neles as tarefas de goberno e a toma das decisións principais. A súa aparición explícase por dous motivos fundamentais: a complexidade crecente das tarefas de xestión estatal e o escaso interese polo traballo burocrático dos monarcas do século XVII (os chamados Austrias Menores). Os validos máis destacados foron o Duque de Lerma e o Duque de Uceda (con Filipe III) e, sobre todo, o Conde-Duque de Olivares (con Filipe IV).

Xuntas do Reino de Galicia

A Xunta do Reino de Galicia foi o organismo de representación do Reino de Galicia mentres este formou parte da Coroa de Castela, manténdose activa até a reforma liberal do Estado en 1833. Estaba integrada por representantes das sete provincias do reino galego: A Coruña, Betanzos, Santiago, Mondoñedo, Lugo, Ourense e Tui.

As Xuntas actuaban como organismo intermediario coa Coroa: xestionaban e executaban as decisións reais, presentaban peticións ao monarca, aprobaban servizos económicos e organizaban levas militares. Un dos obxectivos máis perseguidos foi a recuperación do voto de Galicia nas Cortes de Castela, logrado finalmente en 1623 (dende o século XV, o reino non tiña representación directa e a cidade de Zamora falaba no seu nome).

Antigo Réxime

A denominación de Antigo Réxime foi empregada polos revolucionarios franceses para referirse ao sistema político, económico e social imperante en Francia con anterioridade a 1789. Por extensión, os historiadores utilizan este concepto para definir a estrutura da sociedade europea consolidada a partir do século XVI e que acadou o seu cumio ao longo do século XVIII.

Catastro de Ensenada

Foi unha ampla pescuda catastral iniciada en 1750 polo Marqués da Ensenada, ministro de Facenda de Fernando VI. Tiña como finalidade servir de base para unha reforma fiscal profunda dirixida a acadar un sistema tributario máis equitativo mediante o coñecemento preciso da riqueza individual. Pretendía substituír as diversas rendas provinciais pola Única Contribución, proporcional aos recursos de cada contribuínte. O proxecto non prosperou pola forte resistencia dos estamentos privilexiados: a nobreza e o clero.

Decretos de Nova Planta

Son un conxunto de decretos promulgados polo rei Filipe V tras a Guerra de Sucesión española, polos cales se aboliron os foros, leis e institucións dos territorios da Coroa de Aragón, establecendo unha organización territorial uniforme inspirada no modelo castelán: Reinos de Valencia e Aragón (1707), Mallorca (1715) e Principado de Cataluña (1716).

Despotismo Ilustrado

Concepto que define o conxunto de proxectos, reformas e medidas impulsadas por monarcas absolutos europeos do século XVIII («todo para o pobo, pero sen o pobo»), que afectaron ámbitos como a administración, a economía, a educación e a cultura, inspirándose nas ideas da Ilustración.

Motín de Esquilache

O Motín de Esquilache tivo lugar en Madrid en 1766, durante o reinado de Carlos III. Produciuse por mor do descontento popular causado pola carestía e o incremento dos prezos de produtos de primeira necesidade como o pan. O detonante final foi a prohibición de vestir capas longas e sombreiros de ala ancha, medida de orde pública decretada polo ministro de orixe italiana Leopoldo de Gregorio, Marqués de Esquilache.

Paz de Utrecht

Conxunto de tratados de paz asinados polas potencias europeas entre 1713 e 1715 que puxeron fin á Guerra de Sucesión á Coroa Española. A Paz de Utrecht recoñeceu a Filipe V de Borbón como rei de España e consagrou na diplomacia internacional o principio de equilibrio continental. España perdeu todas as súas posesións nos Países Baixos e en Italia, ademais de ceder Xibraltar e a illa de Menorca a Gran Bretaña.

Regalismo borbónico

Doutrina política e xurídica que defendía a primacía do poder real sobre os asuntos temporais da Igrexa dentro do reino. Esta corrente procuraba a creación dun clero sometido á autoridade da Coroa, permitindo ao monarca intervir na provisión de cargos eclesiásticos e supervisar a promulgación de bulas e decretos papais no territorio estatal (pase regio).

Abdicacións de Baiona

Co nome de Abdicacións de Baiona coñécense as renuncias sucesivas dos reis Carlos IV e Fernando VII á Coroa de España en maio de 1808 a favor de Napoleón Bonaparte, quen traspasou inmediatamente a soberanía ao seu irmán Xosé Bonaparte (quen reinaría como Xosé I). Este episodio tivo lugar na cidade vascofrancesa de Baiona e marcou o inicio da Guerra da Independencia.

Afrancesados

Nome co que foron coñecidos en España os sectores intelectuais, nobres, altos eclesiásticos e funcionarios públicos que xuraron fidelidade a Xosé I Bonaparte e apoiaron o Estatuto de Baiona, convencidos de que a colaboración co réxime napoleónico impulsaría a modernización do país.

Tratado de Valençay

Acordo asinado na localidade francesa de Valençay en decembro de 1813 polo cal Napoleón I recoñeceu a Fernando VII como legítimo rei de España e retirou as súas tropas, poñendo fin formalmente á Guerra da Independencia ante o desgaste do exército imperial e a constante hostilidade da guerrilla peninsular.

Manifesto dos Persas

Documento subscrito en 1814 por 69 deputados de tendencia absolutista das Cortes españolas, polo cal solicitaban a Fernando VII que rexeitase a Constitución de 1812 e restablecese a orde do Antigo Réxime. Debe a súa denominación a unha cita do texto que aludía ao costume dos antigos persas de consentir cinco días de anarquía trala morte do rei antes de proclamar o seu sucesor, comparando metaforicamente este desorde co período liberal gaditano.

Descargar

PDF Word HTML