Glosario de termos históricos da Galiza e Espaa no s.XX: Agrarismo, II República e Guerra Civil
Glosario de termos históricos: Galiza e España no s.XX
Agrarismo – Movemento de reivindicación agraria que se rexistrou no campo galego no primeiro terzo do s.XX. Foi complexo e ideoloxicamente pouco definido, pero participou masivamente o campesiñado. Debido á lei de 1906, que establecía a legalidade dos sindicatos agrarios, xurdiron varias asociacións, entre as que destacan: Solidariedade Galega, Unión Campesiña e a máis representativa, Acción Galega (Basilio Álvarez). O seu programa era bastante sinxelo: redención de foros, eliminación do caciquismo, potenciación das vías de comunicación internas e externas, fomento do turismo e das industrias, e non aceptar como deputados galegos a quen non defendese as aspiracións agrarias.
Bienio Negro (novembro 1933 – febreiro 1936)
Nome que recibe a segunda etapa da II República. Chamouse así polas esquerdas, pola súa connotación reaccionaria e conservadora. Tamén se denominou Bienio Rectificador, polo seu labor revisionista, ou Radical-Cedista, en alusión ás dúas principais forzas políticas parlamentarias desta etapa. Durante este bienio, a política reformista foi abandonada e produciuse unha agudización das tensións sociais e políticas, que tiveron a súa máxima expresión nos conflitos de 1934 (folga xeral, revolución de Asturias, proclamación do Estado Catalán) e que, progresivamente, foron provocando unha crecente bipolarización e enfrontamento da sociedade.
Brigadas Internacionais
Corpo de voluntarios internacionais (arredor de 40.000; destacan Orwell ou Hemingway) convocados á loita polo Komintern, que participaron na Guerra Civil española do lado republicano. A idea era axudar á República coa participación de voluntarios antifascistas de todos os países. Tiveron un papel destacado na defensa de Madrid e nas batallas de 1937. En 1938, Negrín aceptou a súa retirada ante as presións do Comité de Non Intervención.
CEDA (Confederación Española de Derechas Autónomas)
Federación de pequenos partidos de dereita que naceu en 1933 baixo o liderado de José María Gil-Robles. Converteuse nun grande partido de masas que pedía a revisión da Constitución de 1931 e da lexislación laica, e a paralización das reformas do Bienio Reformista, especialmente na agricultura. Contou co apoio de gran parte do Vaticano e da xerarquía católica, e mobilizou as masas católicas do país en defensa da relixión, a orde e a propiedade. Gañou as eleccións de 1933, iniciándose así o Bienio Negro.
Contubernio de Múnic
Nome dado polo réxime franquista ao IV Congreso do Movemento Europeo, celebrado en Múnic en 1962 e organizado por Salvador de Madariaga, no que participaban membros da oposición a Franco, tanto do interior como do exilio. Nel esixíase que os países que quixesen entrar a formar parte dos organismos europeos tivesen réximes democráticos. Os asistentes que regresaron a España foron duramente castigados.
Desastre de Annual
Batalla na que as tropas rifeñas (marroquís do Rif) de Abd-el-Krim destrozaron ás tropas españolas en 1921, causándolles máis de 13.000 baixas. A catástrofe produciuse nun momento de debate entre os defensores do papel colonial de España e os partidarios de abandonar Marrocos ante o elevado custo económico, humano e político. Foi consecuencia dunha mala planificación do xeneral Silvestre, amigo de Alfonso XIII. Abriuse o Expediente Picasso coa finalidade de depurar responsabilidades.
Directorio Militar
Primeira etapa (1923-1925) da ditadura de Primo de Rivera, formada exclusivamente por militares e presidida polo propio ditador, que gobernou por medio de decretos-lei e contou co apoio de Alfonso XIII. Este xeneral estaba convencido de ser o "cirurxián de ferro" que propuxera Joaquín Costa para rexenerar o país. Xustificou a situación coa que pretendía rexenerar a vida política española e solucionar os graves problemas que padecía: caciquismo, corrupción, separatismo, terrorismo, crise económica... As realizacións prácticas quedaron moi lonxe dos obxectivos perseguidos.
Expediente Picasso
Informe realizado polo xeneral Juan Picasso sobre o coñecido como "Desastre de Annual". En 1921 o exército español sufriu unha derrota na que morreron máis de 13.000 soldados. No expediente quedou claro que, a pesar de que as tropas non tiñan suficiente preparación e estaban mal equipadas, a responsabilidade foi dos mandos. O rei Alfonso XIII tamén foi sinalado como culpable. A raíz deste informe levouse a cabo unha depuración de responsabilidades, máis no exército que entre os responsables políticos. O golpe de Estado do xeneral Primo de Rivera en 1923 sería a resposta dos militares a esta depuración, xa que consideraban responsable ao sistema político.
Falanxe Española das JONS
Partido de inspiración fascista resultante da fusión das Xuntas Ofensivas Nacional-Sindicalistas coa Falanxe Española, baixo a dirección de José Antonio Primo de Rivera en 1933. Ultranacionalista, populista e antidemocrático, con retórica revolucionaria, aceptaba a violencia como medio para tomar o Estado. Os seus resultados electorais foron moi escasos; foi un dos apoios á sublevación militar que deu paso á guerra civil.
FAI (Federación Anarquista Ibérica)
Organización fundada en 1927, durante a ditadura de Primo de Rivera, de ideoloxía anarquista, xunto cun grupo portugués, para a loita contra as ditaduras da Península Ibérica. Defendían a revolución con accións como roubos de bancos para adquirir fondos, creación de bibliotecas populares ou organización de folgas xerais. Apoiaron múltiples actuacións para acabar coa ditadura e coa monarquía de Alfonso XIII.
Fronte Popular
Alianza constituída en 1936 como resultado dun acordo electoral das principais forzas de esquerda, agás a CNT, durante a II República, para as eleccións dese ano. O seu programa defendía a retoma da lexislación reformista do primeiro bienio e dos procesos autonómicos, así como a amnistía para os detidos na revolución de 1934. Gañaron as eleccións e un goberno de republicanos presidido por Azaña puxo en práctica o seu programa: amnistía, restablecemento do Estatuto catalán, aceleración da reforma agraria... Todas estas reformas paralizáronse co inicio da Guerra Civil tras o fracaso dunha sublevación militar en Marrocos.
Lexión Cóndor
Unidade de elite da aviación alemá que o III Reich enviou para axudar ás forzas do xeneral Franco na Guerra Civil española. Inaugurou o sistema, logo usado na II Guerra Mundial, de bombardeos sobre poboacións civís. Composta por un centenar de avións, canóns antitanque e antiaéreos, dúas unidades blindadas e cinco mil homes, foi fundamental para a vitoria franquista.