Da Gloriosa á Primeira República: Historia do Sexenio Democrático

Enviado por Paula y clasificado en Historia

Escrito el en gallego con un tamaño de 14,79 KB

As Causas da Revolución de 1868

A Crise Económica

En 1866, durante o reinado de Isabel II, houbo unha importante crise económica que se manifestou a nivel financeiro, industrial e tamén como unha crise de subsistencias.

A Crise Financeira

A crise financeira foi provocada pola baixada das accións en Bolsa, orixinada pola crise dos ferrocarrís. Dado que España contaba cunha industria escasa, o transporte de mercadorías e viaxeiros non foi tan demandado.

A Crise Industrial

A crise industrial afectou principalmente a Cataluña, tras a Guerra de Secesión americana, xa que se abastecían das importacións estadounidenses. Isto provocou unha *fame de algodón*.

A Crise de Subsistencias

A crise de subsistencias iniciouse en 1866, cunha escaseza de trigo debido ás malas colleitas. Isto provocou unha subida nos prezos e o malestar da poboación.

A Deterioración Política

En 1866, a revolta dos sarxentos do cuartel de San Gil e a súa dura represión marcaron un punto de inflexión. Os moderados continuaron gobernando e os progresistas, dirixidos por Prim, negáronse a participar nas eleccións. Tamén o fixeron os demócratas. Progresistas e demócratas asinaron o **Pacto de Ostende** en 1867. Este pacto propoñía a unificación das forzas para poñer fin ao moderantismo e á monarquía isabelina. A este pacto tamén se uniron os unionistas en novembro de 1867.

A Revolución de Setembro de 1868 (A Gloriosa)

O Alzamento e o Goberno Provisional

O 19 de setembro de 1868, o brigadier Juan Bautista Topete protagonizou un alzamento militar contra o goberno de Isabel II. Prim e Serrano reuníronse en Cádiz cos sublevados e rapidamente conseguiron o apoio da poboación. Seguidamente, Prim foi sublevando Málaga, Almería e Cartaxena.

Isabel II defendeu o trono enviando un exército desde Madrid para enfrontarse cos sublevados. Ambas forzas atopáronse en Puente de Alcolea. O día 28 de setembro librouse unha batalla, a cal gañaron os sublevados. O goberno dimitiu e a raíña tívose que exiliar, sendo acollida por Napoleón III.

As forzas populares, dirixidas por progresistas, foron protagonistas nos pronunciamentos. En moitas cidades creáronse **Xuntas Revolucionarias** para dirixir o levantamento e lanzar chamamentos ao pobo.

Nos primeiros días de outubro, tras entrar en Madrid, os sublevados propuxéronlle á Xunta o nomeamento dun Goberno provisional de carácter centrista. O xeneral Serrano foi proclamado rexente e o xeneral Prim, presidente de goberno. Este goberno disolveu as Xuntas e a *Milicia Nacional*.

A Constitución de 1869 e a Rexencia

O novo Goberno provisional promulgou unha serie de decretos para atender as demandas populares e convocou a Cortes Constituíntes, elixidas por sufraxio universal masculino. En xaneiro, as eleccións deron a vitoria á coalición gobernamental (progresistas, unionistas e demócratas).

En 1869 creouse a primeira **Constitución democrática**. Esta establecía unha ampla gama de dereitos e liberdades:

  • Dereito de reunión e manifestación.
  • Liberdade de profesar calquera culto.

A Constitución proclamou tamén a soberanía nacional. A lei residía nas Cortes e o rei só a promulgaba, non podía vetala. As Cortes compúñanse dun Congreso e un Senado.

As Cortes estableceron a rexencia en Serrano e nomearon xefe do goberno a Prim. Este novo goberno partía dunha grave situación económica e novas insurreccións carlistas.

O Intento de Renovación Económica

O obxectivo da “Gloriosa” era reorientar a política económica. A política defendeu o *librecambismo* e abriu o mercado español á entrada de capital estranxeiro.

Laureano Figuerola suprimiu a contribución de consumos, aínda que introduciu a contribución persoal, que gravaba aos cidadáns segundo a súa renda. Estableceu a **peseta** como unidade monetaria.

A Facenda tiña unha elevadísima débeda pública e tiña que subvencionar as compañías ferroviarias para que funcionasen. Isto intentouse solucionar coa **Lei de Minas (1871)**, na que se venderon xacementos mineiros a compañías estranxeiras. Con estes ingresos, fíxose fronte á débeda. A liberalización dos intercambios exteriores (xullo de 1869) foi aprobada coa *Lei de Bases Arancelarias*. Isto contou coa oposición das industrias algodoeiras e do cereal.

A Frustración das Aspiracións Populares

A Constitución de 1869 consolidou un réxime político baseado nos principios liberal-democráticos, pero frustrou algunhas aspiracións doutros grupos políticos e populares:

  • A forma de goberno monárquica desgustou aos republicanos.
  • As desigualdades sociais frustraron a xornaleiros, campesiños e traballadores.

O campesiñado demandaba un mellor reparto de terra. O movemento obreiro demandaba unha mellora das condicións salariais e de traballo.

Os republicanos eran os máis descontentos, o que os levou a inclinarse cara a posicións máis radicais e apolíticas (*internacionalismo*).

O Auxilio do Republicanismo

O Novo Panorama Político

O novo panorama político estivo dominado por catro grandes tendencias:

  • **Dereita:** Carlistas e moderados.
  • **Centro:** A conxunción monárquico-democrática.
  • **Esquerda:** O Partido Republicano Federal.

Dentro do republicanismo federal existían dúas tendencias:

  • Os *benévolos*, que non apoiaban as insurreccións armadas.
  • Os *intransixentes*, que apoiaban a insurrección popular.

O Republicanismo Federal

O republicanismo federal contaba co apoio da pequena burguesía e as clases populares urbanas, xa que propuña leis protectoras dos traballadores. Este auxe debeuse ao desencanto da poboación cos progresistas e demócratas. O republicanismo era o que máis se preocupaba pola mellora das condicións das clases traballadoras, abordando problemas como as condicións de traballo, os salarios e o reparto da terra.

Os primeiros levantamentos federais foron en Cádiz en decembro de 1868 e expandíronse pola costa mediterránea, Galicia, Badaxoz, Madrid, etc. Estes crearon un Consello Federal en Madrid, pero o xeneral Prim recorreu ao exército e contivo os levantamentos.

O Reinado de Amadeo I de Savoia (1871-1873)

Un Monarca para un Réxime Democrático

Conseguiu impoñerse a candidatura de **Amadeo de Savoia**, un home cunha concepción democrática e membro dunha dinastía que gozaba de gran popularidade. O novo monarca foi elixido rei de España polas Cortes en novembro de 1870. Tres días antes *asasinaran* ao xeneral Prim, co que o monarca quedou sen o seu conselleiro máis fiel. O 2 de xaneiro, Amadeo de Savoia foi proclamado rei e, tras tomarlle xuramento, as Cortes Constituíntes disolvéronse para iniciar unha nova etapa de monarquía democrática.

As Dificultades da Nova Dinastía

Pero a dinastía contaba con escasos apoios. Satisfacía a progresistas e unionistas e, aínda así, non todos os sectores deses partidos estaban de acordo. Ademais, o rei e a súa esposa Victoria contaron desde o principio coa oposición de:

  • A aristocracia.
  • O clero.
  • As camarillas cortesás da época de Isabel II.

Así mesmo, unha parte do exército mostrou a súa resistencia a expresar fidelidade ao novo monarca, o que desencadeou o conflito carlista e iniciouse a guerra en Cuba. O novo monarca pretendeu consolidar un réxime democrático, pero os dous anos do reinado de Amadeo de Savoia víronse marcados por dificultades.

Unha Permanente Inestabilidade

Amadeo I contou coa oposición dos antigos moderados, que consideraban ilexítima a nova dinastía e continuaban fieis aos Borbón. Estes comezaron a organizar a restauración borbónica na persoa do príncipe Afonso, fillo de Isabel II. Esta opción contou cos apoios da Igrexa, contraria á nova situación.

Tamén apoiou a oposición dos moderados a elite do diñeiro, oposta a un réxime que lexislaba en contra dos seus intereses (abolición da escravitude en Cuba, regulación do traballo infantil, etc.).

A esta debilidade interna uníronse:

  • A oposición de republicanos e monárquicos afonsinos.
  • O problema da guerra carlista.
  • A insurrección cubana, iniciada en 1868.
  • A impopularidade do rei e o escaso apoio que este recibiu da aristocracia e do Exército.

A crise final do reinado de Amadeo de Savoia foi o resultado da desintegración da coalición gobernamental. O rei, finalmente, privado de todo apoio, o **11 de febreiro de 1873** transmitiu a súa abdicación ao Congreso. Abandonou España deixando unha impresión dun país ingobernable e contrario a unha monarquía democrática. Congreso e Senado proclamaron a **Primeira República**.

A Primeira República Española (1873-1874)

A Proclamación da República

A proclamación da I República Española foi a saída máis fácil ante a renuncia de Amadeo de Savoia. Ocorreu o 11 de febreiro de 1873 e por unha ampla maioría de votos. Pero estes datos non reflicten un apoio real á nova forma de goberno. Gran parte da Cámara era monárquica, e o seu voto republicano foi unha estratexia para gañar tempo e organizar o retorno dos Borbón ao trono español.

Así pois, a República naceu con escasas posibilidades de éxito, o que se fixo evidente no illamento internacional do novo sistema. Salvo Estados Unidos e Suíza, ningunha potencia recoñeceu a República Española, á que vían como un réxime revolucionario que podía poñer en perigo a estabilidade dunha Europa maioritariamente burguesa e conservadora.

A pesar de todo, a República foi recibida con entusiasmo polas clases populares. En Andalucía produciuse un movemento insurreccional que pretendía dar solución ao problema do reparto de terras entre o campesiñado. Nas cidades producíronse tamén amplas mobilizacións populares entre o movemento obreiro, especialmente o catalán, xeneralizándose as reivindicacións a favor de:

  • A redución de xornada laboral.
  • O aumento de salarios.
  • A implantación inmediata do Estado federal.

O Intento de Instaurar unha República Federal

A Primeira República intentou, sen éxito, consolidar o réxime nacido en setembro de 1868, ao longo dos seus once meses de existencia. A idea republicana non contaba con suficiente apoio no país e, por outro lado, os cadros dirixentes republicanos atopábanse divididos en unitarios e federalistas.

A preocupación do primeiro presidente da República, **Estanislao Figueras** (republicano federal que contou co apoio dos unitarios, **11 de febreiro a 11 de xuño de 1873**), foi reunir Cortes Constituíntes. As eleccións gañáronas amplamente os republicanos federais, que definirían a nova situación. Constituídas as Cortes en xuño de 1873, a presidencia da República recaeu entón sobre **Pi y Margall** (**11 de xuño a 18 de xullo de 1873**), partidario do federalismo.

O proxecto de Constitución que Pi y Margall presentou ás Cortes, en xullo, convertía a España nunha República Federal de 17 estados, pero non puido aprobarse, xa que a insurrección cantonal obrigou a suspender as Cortes e Pi y Margall tivo que dimitir. O federalismo foi un pretexto de independencia máis que un elemento de unión. En toda España estalaran movementos *cantonalistas* (que buscaban dividir o Estado en rexións independentes) potenciados polos graves problemas sociais das clases humildes. Estes movementos de independencia foron violentos e neles tamén estivo presente o movemento anarquista.

A Sublevación Cantonal

O cantonalismo era un fenómeno complexo no que se mesturaban as aspiracións autonomistas propiciadas polos republicanos federais intransixentes coas aspiracións de revolución social inspiradas nas novas ideas internacionalistas dos anarquistas. A proclamación de cantóns independentes, cos seus gobernos autónomos e a súa propia lexislación, foi a consecuencia de aplicar de forma radical e directa a estrutura federal desde abaixo, impulsada, ao mesmo tempo, polo desexo de avanzar nas reformas sociais.

Polo tanto, provocaron a caída de Pi y Margall, quen se opuxo a sufocar a revolta polas armas e dimitiu. Foi substituído por **Nicolás Salmerón** (**18 de xullo a 7 de setembro de 1873**). A República evolucionou cara a posturas máis conservadoras, xiro iniciado polo novo presidente, que se mostrou disposto a terminar coa resistencia cantonal e iniciou unha acción militar contra o movemento cantonalista.

Excepto en Cartaxena, a intervención militar acabou rapidamente coa insurrección, pero deu un inmenso poder aos xenerais que asumiron a represión e volveu colocar ao exército no papel de única garante da orde e barreira contra a revolución social.

Tras a dimisión de Salmerón (quen se sentiu moralmente incapaz de asinar as penas de morte impostas pola autoridade militar contra activistas cantonalistas), a presidencia da República recaeu entón en **Emilio Castelar** (do republicanismo unitario e moi conservador en cuestións sociais, **7 de setembro de 1873 a 3 de xaneiro de 1874**). Castelar practicou unha política de autoridade para asegurar a orde e a unidade. A República iniciou entón un progresivo desprazamento cara á dereita. Abandonábanse as pretensións federalistas e reformistas. Castelar conseguiu plenos poderes das Cortes para reorganizar o exército, obter un crédito e gobernar co Parlamento pechado, que se mantivo así ata o 12 de xaneiro de 1874. Cando as Cortes se reuniron de novo o 2 de xaneiro de 1874, o goberno de Castelar foi derrotado nunha moción de censura dos republicanos federais.

A Fin da Experiencia Republicana

Era inminente a formación dun goberno de esquerda federal, pero ao coñecer este feito produciuse a intervención militar do **xeneral Pavía**, capitán xeneral de Madrid, quen disolveu as Cortes. Os deputados resistíronse en principio pero, a invasión do hemiciclo polo coronel Iglesias da *Garda Civil* fíxolles abandonar a Cámara.

Apenas houbo resistencia, nin política nin popular, o que demostra a debilidade da República que, excesiva para uns e demasiado tibia para outros, apenas contaba con base social na que sustentarse. Esa base social xa optara pola solución afonsina.

O xeneral Serrano comezou entón o cuarto ensaio político do Sexenio, ao asumir o Poder Executivo da República, baixo a orde constitucional de 1869. Serrano mantivo durante o ano 1874 unha República unitaria e conservadora. O réxime tiña os días contados pola súa propia provisionalidade e disto aproveitouse o partido afonsino, que acabou asegurando a restauración dos Borbón, despois do levantamento do **Xeneral Martínez Campos** en Sagunto, en decembro de 1874.

Entradas relacionadas: