Globalización e Deslocalización Industrial: Causas, Consecuencias e Conceptos Fundamentais
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 3,51 KB
Globalización e deslocalización
Nunha economía globalizada, as empresas buscan a competitividade para aumentar a súa cota de mercado. De aquí derívanse as causas da deslocalización: a busca de menores custos laborais (man de obra abundante e barata) e das mellores condicións fiscais e técnicas. Por esta razón trasládanse ao Leste de Europa, Sueste asiático, China, etc.
Por outro lado, a localización dos establecementos industriais flexibilizouse, de maneira que a empresa pode deslocalizar parte do proceso produtivo. Este é o caso dalgunhas fábricas téxtiles españolas que desprazaron ao Norte de África os procesos que esixen unha considerable man de obra, mentres que o deseño dos tecidos, proceso de maior valor engadido, se fai en España.
As consecuencias da deslocalización son o aumento da taxa de paro e a perda de emprego do sector secundario, que cada vez tende máis a terciarizarse.
A política industrial, por parte dos gobernos, pasa por ofrecer axudas ás empresas para lograr a súa modernización e incrementar a súa competitividade, para frear así o proceso de deslocalización e o aumento do paro.
Conceptos Clave
- Enerxías renovables
- Son aquelas que se obteñen de fontes naturais virtualmente inesgotables, ben sexa pola inmensa cantidade de enerxía que conteñen, ben porque son capaces de rexenerarse por medios naturais. Entre as enerxías renovables cóntanse a hidroeléctrica, eólica, solar, xeotérmica, maremotriz, a biomasa e os biocombustibles.
- Fondos estruturais
- Fondos da UE destinados a reducir as diferenzas no desenvolvemento entre rexións europeas, apoiando ás máis desfavorecidas mediante inversións nunha serie de obxectivos: desenvolvemento, reconversión das máis afectadas pola crise, etc.
- Subcontratación
- Chamada tamén terciarización ou outsourcing, é un proceso económico mediante o cal unha empresa move ou destina os recursos dun servizo ou infraestrutura a outras empresas menores para aforrar custos. A empresa principal non realiza directamente certas tarefas, derivando estas a outras empresas ou persoas mediante un contrato.
- Industrias Verdes
- Ecolóxicas ou ambientais, son unha nova rama industrial que ten como fin desenvolver tecnoloxías limpas para a industria.
- Materias primas estratéxicas
- Materias consideradas estratéxicas para o desenvolvemento das novas tecnoloxías (industria de aparellos electrónicos, compoñentes informáticos, telefonía móbil, tecnoloxía nuclear...). Entre eles destacan o petróleo, uranio, coltán, o niobio, o cobre, o berilio, o molibdeno, chumbo, zinc, platino.
- Parque tecnolóxico
- Espazo que conta con grandes investimentos oficiais co fin de atraer empresas nacionais e estranxeiras adicadas a sectores punta, xeradoras de innovación.
- Economía somerxida
- Conxunto de actividades económicas que se desenvolven subrepticiamente e escapan ao control fiscal e ás leis e normativas laborais.
- Balanza comercial
- Subdivisión na que se estrutura a balanza de pagamentos dun país e na que se establece a diferenza entre os bens que un país vende ao exterior (exportacións) e os que compra a outros países (importacións). Pode ser positiva ou negativa.