Galicia no Primeiro Terzo do Século XX: Sociedade e Cultura
Enviado por Chuletator online y clasificado en Matemáticas
Escrito el en gallego con un tamaño de 3,53 KB
Galicia no Primeiro Terzo do Século XX
A Galicia de comezos do século XX seguía sendo un país esencialmente rural cun forte atraso económico. As capas superiores da sociedade correspondían á Igrexa e á fidalguía, que eran os propietarios da terra. O campesiñado, empobrecido, continuaba tendo que emigrar a América coma no século anterior.
A II República e o auxe cultural
O 14 de abril de 1931 ten lugar a instauración da Segunda República e comeza unha etapa de intensa actividade política e cultural. Esta etapa corresponderá co desenvolvemento do nacionalismo e cun extraordinario crecemento da literatura.
O Movemento Agrario ou Agrarismo
Trátase dun movemento reivindicativo do campesiñado, que se organiza e crea sociedades e sindicatos para loitar pola abolición do sistema foral e pola modernización do sector agrario. Neste labor destacaron especialmente a sociedade Solidaridad Gallega (1907) e Acción Gallega (1910), liderada por Basilio Álvarez, o abade de Beiro (Ourense). Despois de anos de mobilización e loita, en 1926 os foros son abolidos.
Decadencia da fidalguía e nacemento da burguesía
A fidalguía perde o seu papel preponderante na sociedade debido á abolición do sistema foral, que era a súa principal fonte de ingresos, así como á súa incapacidade para adaptarse aos cambios que supuxo a Revolución Industrial. Vai ser substituída por unha burguesía chegada de fóra, dedicada fundamentalmente ao comercio, á banca, á industria conserveira e á construción naval.
Transvase de poboación e crecemento urbano
Prodúcese un transvase de poboación rural a espazos urbanos, cambiando a agricultura e a pesca pola industria, o comercio e o sector servizos, o que supuxo o desenvolvemento das cidades como Vigo ou A Coruña.
As Irmandades da Fala e o Nacionalismo
En 1916 créanse as Irmandades da Fala por iniciativa de Antón Vilar Ponte. O seu voceiro é o xornal A Nosa Terra. O obxectivo principal era a dignificación e promoción do idioma galego, así como a expansión do seu uso. Axiña xorden novas irmandades nas vilas e cidades de Galicia e tamén en Madrid, Bos Aires, A Habana... A este movemento súmanse os principais escritores e intelectuais do momento: Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo, Vicente Risco, etc. En 1918, as Irmandades convértense nunha organización política que formulará as teses do nacionalismo galego. Galicia é definida como unha nación, é dicir, un país con raza, lingua, territorio, historia, institucións e cultura propias. En 1931, na VII e última asemblea das Irmandades, fúndase o Partido Galeguista. Redacta o Estatuto de Autonomía, que foi aprobado en plebiscito polo pobo en 1936, pero non chegou a entrar en vigor por mor do comezo da Guerra Civil.
O Seminario de Estudos Galegos
O Seminario de Estudos Galegos foi unha institución fundada en 1923 por estudantes e profesores da Universidade de Santiago, asemade integrantes das Irmandades da Fala. Os seus obxectivos foron estudar e divulgar o patrimonio cultural galego e utilizar a lingua galega no ámbito científico.
A Guerra Civil e a Ditadura
A Guerra Civil (1936) e a posterior ditadura supoñen un período de silencio e represión que dará lugar á paralización da vida política e cultural e ao retroceso de todos os avances conseguidos durante a II República.