Galicia medieval: sociedade, cultura e literatura na Era Compostelá

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 15,72 KB

Contexto histórico, social e cultural

1.1. O Reino de Galicia na época medieval

Podemos caracterizar a Galicia medieval polos seguintes trazos:

  • Economía: unha economía predominantemente agrícola e mariñeira que se complementaba coa actividade artesanal e co comercio concentrado nos burgos (vilas e cidades).
  • Estrutura social: sociedade feudal ríxida e desigual; a nobreza e o clero detiñan gran parte do poder fronte aos campesiños, mariñeiros e fronte á burguesía comercial e artesanal. As relacións sociais e de poder articúlanse arredor do concepto de vasalaxe (servos e señores).
  • Acumulación do poder: proceso paulatino de concentración do poder nas mans dos monarcas, en detrimento do poder doutros nobres, laicos ou eclesiásticos.
  • Recomposición política e territorial: a partir do séc. XII recomponse o primixenio reino de Galicia. Ata entón abranguía boa parte do noroeste peninsular, pero en 1143 o condado de Portugal convértese en reino e Castela faino pouco despois.
  • Dominio cultural e ideolóxico da Igrexa: a Igrexa católica monopoliza o saber (mosteiros, bibliotecas, escolas, universidades...). Ademais, tenta lexislar e controlar as prácticas sociais, perseguindo e castigando as disidencias.
  • Discriminación da muller: establecida e reforzada polas propias leis.
  • Xenofobia e persecucións: persecución e discriminación contra os xudeus (privados de numerosos dereitos, vítimas de confinamentos en guetos, obxecto de persecucións e masacres periódicas). Persecucións tamén contra determinados colectivos por motivos de crenzas relixiosas (xudeus, herexes), orientación sexual (homosexuais), enfermidades (leprosos, apestados) e contra prostitutas.

1.2. A Era Compostelá

É a etapa de máximo esplendor da sociedade galega medieval, entre os séculos XII e XIII. Os factores que explican este período son:

  • O carácter de Galicia como terra de retagarda nas loitas contra os árabes e o cesamento dos ataques por vía marítima dos normandos (viquingos). Esta relativa paz permitiu o aumento da poboación, a mellora das condicións de subsistencia, o florecemento do comercio e que os nobres cambiasen a guerra por actividades máis lúdicas e culturais.
  • As melloras na agricultura, que xeraron un excedente agrario co que se comerciaba, creando riqueza e alimentando unha poboación en crecemento.
  • O crecemento das urbes e da burguesía, o que xerou conflitos co poder nobiliario.
  • O papel de Compostela: tras o descubrimento no séc. XI dos restos do Apóstolo Santiago, Compostela converteuse nun dos tres grandes centros de peregrinación da Cristiandade. Polo Camiño de Santiago entrou riqueza material, pero tamén foi importante o intercambio cultural e artístico que alí se xerou (arte románica, música, poesía, préstamos lingüísticos...).
  • O papel destacado e o poderío da nobreza de orixe galega nas cortes de Castela; este papel decrecerá considerablemente tras a guerra entre Pedro I e Henrique de Trastámara (mediados do séc. XIV).

Durante a Era Compostelá o galego vive o seu período de máximo prestixio e normalidade. Ademais, nestes séculos naceron dúas importantes manifestacións artísticas: a arte románica, espallada ao longo da ruta xacobea, e a lírica trobadoresca galaico-portuguesa, conservada nos cancioneiros.

1.4. As Revolucións Irmandiñas (séc. XV)

  • En 1431 prodúcese a primeira, un levantamento na zona de Pontedeume e Betanzos.
  • Arredor de 1465 xorde a segunda revolta. En moitas cidades fórmanse “Irmandades” que se rebelan contra os abusos e as inxustizas da nobreza. Están dirixidas por persoas da burguesía, mais compostas tamén por campesiños, fidalgos, algúns clérigos e pequenos nobres.

En 1467 o rei lexitima a Irmandade Xeral do Reino de Galicia e outórgalle poderes para botar abaixo moitos privilexios nobiliarios. Foron derrubados castelos e fortalezas e moitos nobres fuxiron de Galicia. Mais o rei mudou de idea e os poderes da Irmandade foron anulados. A nobreza contraatacou e os irmandiños foron derrotados. O triunfo nobiliario foi seguido dunha dura represión e significou unha férrea refeudalización da sociedade.

Tipos de documentos

Documentos de carácter privado (testamentos, foros, doazóns, compravendas...).

  • Documentos públicos institucionais (actas, edictos e ordenanzas dos concellos, regulamentos de gremios...).
  • Documentos xudiciais (querelas criminais, denuncias, sentenzas, recursos...).
  • Documentos eclesiásticos dos conventos e igrexas. O uso do galego alternaba aquí co latín.
  • Documentos científico-didácticos.
  • Documentos historiográficos (Crónica Xeral, General Estoria).
  • Documentos literarios (cantigas profanas e relixiosas; obras en prosa de tema artúrico, troiano ou carolinxio).

Etapas do lirismo galego-portugués

  • Etapa pre-afonsina ou de adaptación (1196-1245): o lirismo galego-portugués atinxe unha rápida difusión por todo o occidente peninsular, contando coa corte real de Fernando III e con nobres en Galicia. A este período pertencen Meendinho, Martín Códax, Pero da Ponte, Paio Gómez Charinho, Bernal de Bonaval...
  • Etapa afonsina ou período áureo (1245-1284): abrangue os reinados de Afonso III en Portugal e Afonso X en Galicia, León e Castela. O principal centro difusor sitúase na corte literaria de Afonso X en Toledo. O rei favorece o castelán na administración e na prosa, pero ao mesmo tempo contribúe á pujanza do galego como lingua poética cun importante número de composicións amorosas e satíricas, ademais das Cantigas de Santa María. Na corte compoñen Airas Nunes, Johán García de Guilhade, Johán Airas de Santiago...
  • Etapa dionisíaca ou período arxénteo (1284-1325): o centro difusor do lirismo galego-portugués desprázase a Portugal. Don Dinís, neto de Afonso X, rodéase en Lisboa dunha corte literaria na que figuran, ademais do propio rei, Estevan da Guarda, Johán Zorro, Johán de Gaia, Johán Méndiz de Briteiros...
  • Etapa pos-dionisíaca ou de recompilación (1325-1354): a mediados do séc. XIV os gustos literarios cortesáns mudan a favor dos libros de liñaxes e da prosa histórica e de ficción. Don Pedro, fillo bastardo de Don Dinís, promove a recompilación do Livro das Cantigas, un códice hoxe perdido que deu lugar á rama italiana da tradición manuscrita (Cancioneiros da Biblioteca Nacional e da Vaticana).
  • Etapa de decadencia ou escola galego-castelá (1354-1445): Portugal e Castela consolidan no séc. XV as súas respectivas literaturas estatais, mentres Galicia entra en decadencia. O galego mantén un cultivo literario residual en cortes de Castela, representado por poetas como Macías do Padrón e Alfonso Álvarez de Villasandino. A obra dos últimos trobadores, a chamada Escola galego-castelá, que segue empregando algunhas fórmulas vellas (loanza da dama, coita de amor) e rexeita as cantigas de amigo, está recollida no Cancioneiro de Baena (1445).

Cancioneiros e pergamiños

O Cancioneiro da Ajuda (A ou CA), así chamado por conservarse no Palacio da Ajuda, en Lisboa, antiga residencia dos reis de Portugal. É un pergamiño manuscrito de 88 folios, descuberto a comezos do séc. XIX. Foi compilado na corte poética de Don Dinís e concibiuse como un códice rico, cheo de iluminuras (pintura decorativa aplicada ás letras capitulares), letras capitais miniadas (pintadas con minio, pigmento vermello), notación musical... Mais o plano xeral da obra non chegou a culminarse e faltan as indicacións da autoría, parte das miniaturas e a notación musical que debería acompañar cada cantiga. Contén 310 composicións de 38 poetas. Son todas cantigas de amor, o que fai pensar que se trataba dunha sección dentro dun proxecto recompilatorio máis amplo, composto por varios cancioneiros xenéricos.

O Pergamiño Vindel (N ou PV), descuberto en 1914 polo libreiro madrileño Pedro Vindel como forro doutro libro. Consérvase na Morgan Library & Museum de Nova York. Trátase probablemente dunha folla voandeira que os xograres utilizaban para transcribir o seu repertorio. Recolle sete cantigas de amigo do xograr galego Martín Códax; seis cantigas van encabezadas pola melodía con que se executaban.

O Pergamiño Sharrer (T ou PS), ou manuscrito da Torre do Tombo, foi descuberto nese arquivo de Lisboa polo profesor norteamericano Sharrer en 1990, despois de servir durante séculos como forro para un libro de rexistros notariais. Contén sete cantigas de amor do rei Don Dinís, acompañadas da correspondente notación musical. Redactado na última década do séc. XIII, trátase posiblemente dun folio solto dun cancioneiro individual hoxe perdido, o Livro das trovas de el-Rei D. Dinís, do que temos noticias indirectas.

O Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa (B ou CBN), onde se conserva. Coñecido tamén como Colocci-Brancutti en honor ao seu copista e ao nobre italiano (conde Paolo Brancuti de Cagli) na cuxa biblioteca foi descuberto a finais do séc. XIX. Conformado por 355 follas, foi confeccionado en Italia no primeiro terzo do séc. XVI. É a recompilación máis ampla da lírica medieval galego-portuguesa, con 1 647 cantigas de todos os xéneros pertencentes a preto de 150 autores. O CBN é copia indirecta do Livro das Cantigas do conde Don Pedro Afonso de Portugal, fillo bastardo de Don Dinís.

O Cancioneiro da Biblioteca Vaticana (V ou CV) foi mandado copiar tamén por Colocci a comezos do séc. XVI, descubriuse no séc. XIX e consérvase en Roma, na Biblioteca Apostólica Vaticana. Consta de 210 folios que recollen unhas 1 200 cantigas, todas elas copiadas tamén en B. A pesar das diferenzas cuantitativas e de ordenación, B e V son dous cancioneiros irmáns, copiados a partir dun mesmo orixinal. Do CV consérvase, á súa vez, unha copia realizada entre finais do séc. XVI e comezos do XVII, que se coñece como Cancioneiro da Bancroft Library. Foi descuberto en Madrid en 1857; durante anos perdeu o seu rastro, ata ser achado de novo en 1983 na Universidade de Berkeley (California).

Os restos recuperados da tradición manuscrita complétanse con:

  • Dúas copias feitas no séc. XVII dunha tenzón entre Afonso Sánchez e Vasco Martinz de Resende conservadas na Biblioteca Nacional de Madrid (M) e na Biblioteca Municipal do Porto (P). O valor destas copias é máis histórico, posto que a cantiga figura xa nos apógrafos italianos.
  • As tres follas de papel copiadas no séc. XVI e conservadas na Biblioteca Vaticana que conteñen os cinco lais de Bretanha (L), tamén recollidos en CBN e CV.

Personaxes do espectáculo trobadoresco

  • O trobador: ocupaba o lugar máis alto na xerarquía social e artística. O termo xorde en Occitania para designar o autor das cancións amorosas que seguen a moda do amor cortés. Era poeta e compositor ao mesmo tempo, o que implicaba coñecementos artísticos, literarios e formación musical; o termo reservábase para compositores de orixe nobre que compoñían por pracer, sen mediar recompensa económica. Os cancioneiros sinalan como trobadores algúns membros da alta nobreza, como os reis Afonso X e Don Dinís e fillos bastardos de reis, como o Conde de Barcelos.
  • O xograr: representante medieval dunha longa tradición de artistas ambulantes proveniente do mundo clásico grecolatino. Inicialmente intérpretes das cantigas trobadorescas, cantándoas e tocándoas, logo tamén foron compositores, o que provocou censuras e burlas dos trobadores, que percibían isto como unha subversión da xerarquía social. Os cancioneiros preservaron a obra de 36 xograres (Martín Códax, Meendinho, Fernando Esquío, Bernal de Bonaval, Johán Airas de Santiago...).
  • O segrel: comparte co xograr o carácter de artista profesional e itinerante, levando o seu espectáculo de corte en corte e cobrando pola súa interpretación; comparte co trobador unha ascendencia social na baixa nobreza (infanzóns, fidalgos, cabaleiros...) e a categoría artística de compositor.
  • Outros personaxes: menestreis (músicos ou instrumentistas) e soldadeiras, que danzaban ao ritmo da música. As referencias que conservamos adoitan resaltar a súa prodigalidade erótica por enriba dos seus méritos artísticos; María Pérez a Balteira é a máis famosa.

Vías de influencia provenzal

Os modelos da poesía trobadoresca da Provenza penetraron no ámbito lingüístico galego-portugués a través de diversas vías:

  • O Camiño de Santiago, ruta comercial e espiritual que unía Compostela con Europa, foi espazo de convivencia e intercambio de saberes entre xograres, trobadores e segreis de procedencias diversas.
  • Os monxes de Cluny, que a partir do séc. XII estableceron numerosos conventos na Península. Estes mosteiros non participaron da creación lírica profana, pero desempeñaron unha función educativa decisiva, da que aproveitaron os fillos da nobreza peninsular.
  • Os contactos nobiliarios: os nobres provenzais participaron a miúdo nas campañas militares na Península contra os árabes e estableceron alianzas políticas e matrimoniais coa alta nobreza peninsular, o que favoreceu a importación dos seus costumes cortesáns e das súas fórmulas literarias.

1.3. A decadencia socioeconómica e política de Galicia

A mediados do séc. XIII Galicia iniciará un longo período de decadencia política, económica e social, motivado polos seguintes factores:

  • Independencia de Portugal (séc. XII): contribuíu ao debilitamento do peso político do reino de Galicia, impedindo a súa expansión cara ao sur e facendo perder a posición de centralidade entre os reinos cristiáns.
  • Unificación das coroas noroccidentais: a partir de 1230, a unión das coroas de Galicia, León, Castela e Toledo desprazou o centro do poder político a Toledo.
  • Estancamento económico: a mediados do séc. XIII xerouse unha crise social (fames, revoltas populares). Esta situación foi provocada polo incremento da poboación que desbordou os recursos dispoñibles, polos abusos da nobreza no cobro dos foros e polos andazos (peste).
  • Guerras de sucesión e consecuencias:
    • Na metade do séc. XIV a maioría da nobreza galega apoiou a Pedro I no enfrontamento pola coroa con Henrique de Trastámara, finalmente vencedor. O novo rei entregou títulos e terras galegas do bando derrotado á aristocracia castelá que o apoiara. Será neste momento cando se implanta por vez primeira o idioma castelán na sociedade galega e comeza a configurarse unha situación de diglosia.
    • No séc. XV produciuse un novo conflito sucesorio no espazo político castelán que prexudicou aínda máis a situación da nobreza galega. Á morte de Henrique IV (1474) unha parte da nobreza galega e Portugal apoiaron a Xoana, filla do rei, mentres que outros nobres e o arcebispo Alonso II de Fonseca optaron pola irmá do monarca, a futura Isabel a Católica. As tropas desta última ocuparon Galicia e someteron a nobreza disidente (en 1483 foi decapitado o mariscal Pardo de Cela en Mondoñedo). Produciuse entón unha nova chegada de nobres casteláns a Galicia e un reforzamento do proceso de imposición do seu idioma entre nós.

Fin do documento.

Entradas relacionadas: