Galicia 1916-1936: Irmandades, Xeración Nós e Galeguismo
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
gallego con un tamaño de 8,43 KB
Contexto de Galicia (1916-1936)
Sociedade, economía e política
Neste período, Galicia segue marcada por un notable atraso económico, caracterizado por un forte asentamento rural, unha alta taxa de emigración e unha escasa industrialización.
Formas de goberno da época
- Monarquía de Afonso XIII (ata 1923): Sistema da Restauración coa quenda pacífica no poder entre o Partido Conservador e o Partido Liberal.
- Ditadura de Primo de Rivera (1923-1930): Caracterizada pola perda de liberdades, como a de asociación ou de imprenta.
- Segunda República Española (1931-1936): Un período de modernización en aspectos económicos, dereitos das mulleres e dos traballadores, e melloras na agricultura e no ensino.
Demandas do agrarismo
O movemento agrarista galego tiña como principais demandas:
- Mellorar as condicións de vida dos labregos e denunciar o caciquismo.
- Solicitar a propiedade da terra para quen a traballa, superando o sistema foral herdado da Idade Media. A redención dos foros acadouse por decreto en 1926.
Neste movemento destacan figuras como Manuel Lugrís Freire e Basilio Álvarez, e organizacións como Solidaridad Gallega e Acción Gallega.
Cronoloxía de fitos importantes
- 1905: Fundación da Real Academia Galega (RAG).
- 1907: Celébrase o primeiro mitin político integramente en galego.
- 1908: Os obreiros comezan a reclamar a xornada laboral de 8 horas.
- 1912: Fúndase o movemento Acción Gallega.
- 1916: Créanse as Irmandades da Fala na Coruña.
- 1920: Nace a revista Nós.
- 1923: Fúndase o Seminario de Estudos Galegos.
- 1926: Apróbase o decreto de redención foral.
- 1931: Créase o Partido Galeguista.
- 1936: Apróbase en plebiscito o Estatuto de Autonomía de Galicia.
As Irmandades da Fala (1916)
Fundadas na Coruña en 1916 por figuras como Antón Villar Ponte, as Irmandades da Fala foron un movemento clave para reivindicar a lingua e a cultura de Galicia.
Contexto histórico do seu nacemento
- Desaparición progresiva da fidalguía.
- Consolidación dunha burguesía industrial e financeira.
- Abolición definitiva do sistema foral.
- Desenvolvemento dos sectores secundario e terciario.
- Desprazamento da poboación do rural cara ás urbes.
Obxectivos principais
- Cooficialidade do galego e o castelán.
- Autonomía integral para Galicia (con poder lexislativo, xudicial e tributario).
- Ingreso de Galicia como nación na Liga das Nacións e unha relación federal con Portugal.
- Igualdade de dereitos entre homes e mulleres.
Medios de difusión
As súas ideas difundíronse a través de:
- Editoriais: Céltiga, Lar, Nós.
- Xornais: A Nosa Terra (o seu principal voceiro).
- Iniciativas culturais: Compañías teatrais como o Conservatorio Nacional de Arte Dramática e institucións científicas como o Seminario de Estudos Galegos.
O Partido Galeguista (1931)
Fundado en 1931, o Partido Galeguista foi o primeiro gran partido nacionalista de Galicia. Acollía persoas de diferentes ideoloxías cun obxectivo común: acadar a maior autonomía posible para Galicia e o seu recoñecemento como nación. Para iso, era fundamental a redacción e aprobación dun Estatuto de Autonomía, que lograron que se aprobase en plebiscito en 1936, pero que foi abolido polo estalido da Guerra Civil.
Ramón Cabanillas, o "Poeta da Raza"
Traxectoria vital e literaria
Ramón Cabanillas naceu en Cambados o 3 de xuño de 1876. Entre 1889 e 1893 estudou no seminario de Compostela. Con 34 anos emigrou á Habana (Cuba), onde entrou en contacto coa intelectualidade galeguista da illa e colaborou coa prensa galega.
En 1913 publicou a súa primeira obra, No desterro, e en 1915, Vento Mareiro. Nestas obras apréciase a forte relación do poeta co movemento agrario; de feito, Basilio Álvarez prologou No desterro e en Vento Mareiro aparece un himno composto por Cabanillas para Acción Gallega. En 1915 volveu a Galicia, colaborou coas Irmandades da Fala e escribiu no seu xornal, A Nosa Terra. En 1917 publicou Da terra asoballada.
Cinco anos despois ingresou na Real Academia Galega (RAG). Publicou tamén textos teatrais como O mariscal (1926), sobre a figura de Pardo de Cela. Nese mesmo ano saíu do prelo Na noite estrelecida e, en 1927, A rosa de cen follas. Faleceu en 1959 na súa vila natal, Cambados.
Análise da súa obra
Poesía
- Lírica cívica: Comprometida co agrarismo e con Galicia. Obras destacadas: Vento Mareiro, No desterro e Da terra asoballada.
- Lírica intimista: Centrada no sentimento amoroso. Obra destacada: A rosa de cen follas.
- Lírica costumista: Con toques de humor e novidades formais. Exemplos en Vento Mareiro e poemas como "Os pinos de Tragone".
Narrativa
A súa obra narrativa máis importante é Na noite estrelecida, xunto con outras como O bendito San Amaro e Samos.
Teatro
- A man de Santiña (1921): Unha comedia de temática amorosa.
- O mariscal (1926): Un drama histórico centrado na figura de Pardo de Cela.
A Xeración Nós
A principios do século XX, a lingua galega adquire novos ámbitos de expresión, desenvolvéndose especialmente o ensaio e a narrativa. Aparece unha nova xeración de escritores que explorará outras formas de expresión, condicionadas pola transformación da sociedade e a crise sociopolítica. Os seus membros máis destacados, coñecidos como a Xeración Nós ou das Irmandades, naceron entre 1880 e 1890. Entre eles atópanse Vicente Risco, Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas e os irmáns Villar Ponte.
Os homes do Grupo Nós representan unha xeración de intelectuais inadaptados e incómodos no seu mundo. Sentíanse inconformistas coa cultura galega tradicional e achegáronse ao galeguismo. Foron quen de europeizar a cultura galega e conseguiron universalizala para poñela en diálogo con outras culturas.
A revista Nós (1920-1936)
A revista Nós, dirixida principalmente por Vicente Risco, tiña o propósito de elevar a cultura galega a un nivel semellante ao das culturas do seu contorno. Nas súas páxinas acolleu traballos de arqueoloxía, historia, etnografía e creación literaria. Con ela, a prosa e o ensaio en galego acadaron o seu máximo nivel.
Características da Xeración Nós
- Orixe social: A maioría dos seus membros proviñan da pequena burguesía.
- Formación: Todos tiñan formación universitaria.
- Ideoloxía: Evolucionaron desde diferentes posicións ideolóxicas cara a un galeguismo comprometido.
- Actitude: Compartían un sentimento de inconformismo, inadaptación e rebeldía.
- Visión cultural: Buscaban a modernidade sen renunciar á tradición. Mostraban interese polas culturas alleas e exóticas, polo esoterismo e polo mundo do alén.
- Achegas literarias: Crearon a prosa e o ensaio galego moderno e foron pioneiros no emprego da ambientación urbana na narrativa.
- Misión: Tiñan a dobre misión de dar a coñecer en Galicia o máis novo das culturas foráneas e difundir a cultura galega no exterior.
Conceptos lingüísticos
- Linguaxe denotativa: É aquela que reflicte a realidade de forma obxectiva.
- Linguaxe connotativa: É máis subxectiva e expresa sentimentos, emocións, etc.